Outra vez o IES As Barxas (Moaña). Nesta ocasión coa colaboración da actriz Isabel Risco, o alumnado do Obradoiro músicasbarxas e o Equipo de normalización lingüística do IES As Barxas ao pleno protagonizan este novo video clip comprometido co ritmo e coa nosa lingua.
Vía CGENDL
Falabamos en castelán na aula e en galego no recreo.
Sempre nos enche de gozo escoitar a Xabier P. Docampo porque vendo como se desenvolve un gran mestre os que nos adicamos ao ensino podemos aprender un mundo. Nesta enuncia o brutal retroceso que supón a LOMCE e relata a súa experiencia nesa futura escola franquista.
Docampo cóntanos que o primeiro que se aprendía na escola era a terlle xenreira á túa propia lingua. O relato do anel de chumbo é tremenda, pero non é a única. Falou tamén da segregación, das reválidas, as visitas do inspector, a promoción do clasismo, a xerarquización, as ratios, o profesorado, a regra de 3, a LOMCE,... Estes 20 minutos de clase son unha marabilla.
A lembranza da realidade escolar durante o franquismo e a súa comparación co modelo educativo que pretende implantar o PP coa LOMCE foron os protagonistas dun acto simbólico organizado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público no Museo Pedagóxico de Galiza este mércores 28 de maio.
Desde a Plataforma promóvese que o vindeiro día 4 se faga lectura do manifesto nos centros de ensino.
En Salceda de Caselas remata o mes das Letras Galegas cun acto de reafirmación do galeguismo individual. Ben están os outros que foron convocados arredor da figura de Díaz Castro. Pero de nada servirá que enchamos os andeis das librerías con libros galegos se a maior parte da sociedade galega vive desgaleguizada. A lingua galega ten que procurar outros espazos sociais para que sectores tradicionalmente alleos ao discurso da normalización o fagan seu. Para que isto aconteza cómpre mudarmos o discurso e medios empregados deica hoxe.
O pasado 14 de maio o profesorado que era contratado irregularmente para impartir os cursos Celga ata o ano pasado montou unha aula na rúa da Raíña en Lugo para demostrar que son docentes de primeira e denunciar o seu despedimento.
Explicaron que leite é un substantivo masculino, a pesar da campaña da Xunta na que promocionaba*a leite galega
Tamén puxeron un exemplo do ridículo que fixo o noso presidente Núñez Feijóo cando dixo nunha rolda de prensa: "Temos o 18% do total dos cus de calidade de España" cando pretendía falar dos Q de calidade turística.
Noutra das súas explicacións botaron man do fermoso relato A marquesiña, de Castelao, para dárlle unha reviravolta e tratar de contar como era a súa precaria situación laboral. Agora fican tal e como se ve neste vídeo, na rúa, e todo porque reclamaron os seus dereitos laborais e a Inspección de Traballo lles deu a razón. A resposta da SXPL foi a de botalos fóra e contratar mediante a rede caciquil do Partido Popular ao profesorado Celga deste ano.
por Susana H. Blanco Nigro, nas Voces de Prolingua:
Onte o meu psicólogo díxome: “coñezo máis de Galiza nos seis meses que te atendo, que polo que lin en toda a miña vida”. E é que, aínda que eu vivo en Buenos Aires, teño un anaco do meu corazón ollando cara a Galicia. Son unha das tantas galegas porteñas que falan galego e, xunto co “asado” o domingo, trinco unha tortilla ou unha empanada; e se teño sorte, algunha colega invítame a unha copiña do mellor licor de café do mundo. Tamén porque son parte dun grupo de mozos e mozas que nos xuntamos nalgún dos mil bares porteños só para falar en galego. Chamámonos “Tira a Lingua” e facémolo como sexa, cos nosos erros e cos nosos acertos. Algúns saben máis ca outros, mais entre todos “imos tirando”. O máis gracioso é ver a cara do camareiro que despois de escoitarnos dicir cousas como “onte orballou no serán” escoita: “che, ¿me traes un cafecito?”.
Rith é a denominación do Correlingua irlandés. Trátase dunha serie de carreiras que teñen como obxectivo fomentar o uso e do gaélico irlandés. Celebrouse por primeira vez no ano 2010.
O percorrido deste ano desenvolveuse no mes de marzo. Comenzou en Baile Bhuirne e rematou nove días e 1000 km despois, en Belfast. Algúns dos participantes levan un bastón que van entregando a outro participante que o portará na seguinte etapa ao estilo dunha carreira de remudas.
Como na Regadeg bretoa, as entidades ou os particulares poden mercar os quilómetros do percorrido para axudar a financiar a Rith anual.
De regalo, unha ligazón a unha curta que promocionan desde o Correlingua irlandés: An Díog is Faide. Nela cóntase a historia do granxeiro Sonnie Murphy que no 1932 ten a oportunidade de participar na Olimpíada de Los Angeles. Pero... ben, o mellor e ver a curta.
Rematou o Correlingua e comenzou o Redageg que entre discorrerá entre o 24 e o 31 deste mes. Esta celebración celébrase cun percorrido por toda a Bretaña día e noite simbolizando a transimisión da lingua bretoa. Pasa por máis de 300 concellos desenvolvevendo todo tipo de actividades como concertos, bailes, cine, música, eventos gastronómicos, deportes,....
O percorrido total desta edición é de 1531 km. Persoas e entidades poden contribuir económicamente comprando quilómetros da carreira. Os participantes, ao estilo do facho olímipo, trasladan por toda a Bretaña unha mesaxe que só se lerá ao remate da edición.
O Día das Letras Galegas deste ano 2014 foi dedicado a Xosé María Díaz Castro, autor de NIMBOS e poeta da Lus. Abondaron deica agora as colaboracións, conferencias, artigos, documentais, libros e toda clase de actividades encol das diferentes facianas da súa polifacética personalidade. Mais foron dabondo escasos os que trataron dous temas: a xeira de Manuel María na canonización, espallamento e acollemento de Díaz Castro no universo literario galego e as súas vinculacións con Euskal Herria. A este segundo asunto vou dedicar as liñas seguintes
Serafín Marcos volveu ao Porto do Son coa mochila cargada de maxia e poesía. A ducia de minutos que dura este vídeo son como unha ducia de ovos, perfectos e gorentosos. Con eles podémonos facer boa idea do ben que o pasaron e o moito que aprenderon os rapaces do instituto nesta xornada que ficou para sempre aquí nesta memoria audiovisual.
Insisto en que me gustou moito a forma de retratar a intervención de Serafín Marcos nesta peza audiovisual, con anacos da intervención intercaladas por recortes a velocidade rápida que nos ofrecen unha idea exacta de como se desenvolveu a intervención de Serafín.
Desde a Biblioteca da EEI do Barrio Novo-Pastoriza (Arteixo)chéganos unha fermosa demostración de como se pode facer chegar un poema como Penélope ao alumnado de infantil.
Ademais para explicar o proceso da elaboración do vídeo á comunidade eudativa, engadiron este audiovisual elaborado coa ferramenta animotode creación e elaboración de vídeos on-line.
Afirmar que a maioría social galega é fiel ao uso do galego, lingua propia deste país das mil primaveras resistentes, é dato contrastado, malia prexuízos intereseiros e xogos de palabras confusionistas de prestidixitadores de provincias.
Cando hai trinta anos o maxistrado Claudio Movilla Álvarez, maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, ditou a primeira sentenza en lingua galega algúns tiñamos o convencemento de que estabamos a retomar os fíos da historia tronzada polos "séculos escuros". O amigo, xa falecido, comunicábame a boa nova ao tempo que me indicaba as dificultades que daquela tiña a utilización da nosa lingua nos usos xudiciais: "Esperemos que nun próximo futuro, o que agora é un acontecemento --que triste considerar esto como un acontecemento!--, se converta nunha rutina".
A Irmandade Xurídica Galega tributará o sábado 24 unha homenaxe a Amadeo Varela Rodríguez, co descubrimento dunha placa na fachada do inmoble de Progreso no que viviu e traballou o recoñecido avogado ourensán, que será seguido dun acto no Paraninfo do instituto Otero Pedrayo. É un grao de area na recuperación da débeda histórica que Ourense con quen foi xurista destacado, intelectual solvente e demócrata apegado ó seu país e a sua língua. (Forma parte da extensa nómina de persoeiros esquecidos, da que Olga Gallego, Alfredo Cid ou Segundo Alvarado constitúen exemplos clamorosos de víctimas da incuria e a racanería no recoñecemento do labor e legado dos homes e mulleres que deixaron pegada nesta terra. Por certo, Amadeo Varela deixou unha extraordinaria biblioteca, que se mantén no edificio de Progreso 75, que merecería a atención dalgunha institución ou entidade).
Non é casual que o libro que oficialmente se considera como o renacemento da cultura galega, o amencer no que espertou desa longa noite de pedra que describiu Celso Emilio Ferreiro, sexa un poemario. A lírica, sempre vencellada ó noso idioma, e viceversa, ben parece que como dous namorados, están feitos o un para o outro. Será porque os galegos gustamos como os poetas de expresar emocións sen mencionalas? Como nos versos, os que vivimos mirando cara a inmensidade do atlántico estamos empapados de esa sensibilidade para amosar os nosos sentimentos ó tempo que os agochamos, como o son da gaita, que rindo chora. Pero non quixera facer deste texto una alegoría da calidade da nosa produción lírica, senón por a atención nos acontecementos que envolven a resaca das letras galegas.
Alonso Montero (actual presidente da RAG) e Valentin García (secretario xeral de política lingüística) foron entrevistados esta semana no programa da TVG 'Bos Días'. De seguido algúns comentarios sobre a primeira destas entrevistas, realizada o pasado 13/05/14. Alonso Montero
O que trascendeu aos medios das declaracións de Alonso Montero foi a frase "o día que se ligue en galego, que se cante en galego, o día que un guiñe un ollo a unha moza en galego, o galego daría pasos cualitativos de xigante ". E menos mal, pois a frase dá a entender que o que cómpre é avanzar na normalización. Porén Alonso Montero non tivo o acerto de explicar que a Xunta non está a facer unha política lingüística que ofreza nin tan siquera unha medida favorable ao uso normal da lingua galega e que pola contra si que multiplica o seu acurralamento.
Bo foi que non se divulgara que por non darlle a razón á Mesa cando denuncia que a situación do galego é a peor compartivamente respecto das do resto do estado español, Alonso Montero non dixera outra cousa que a situación do galego é peor que a do castelán e non profundizara nas razóns de que isto sexa así.
Outra pregunta: estamos a perder galego falantes? A resposta do ilustre profesor pasa por destacar que a xuventude, que non fala galego, recibe clases da materia de lingua e literatura galega, e segue sen falar en galego. E punto. Sen dar nin unha mínima indicación das causas.
Bo foi que non se divulgara o anaco da entrevista no que se lle pregunta polo desapego que se percibe na cidadanía respecto da norma. Polo seu cargo debería ter feito polo menos dúas cousas. Unha, defender os criterios científicos na elaboración da norma frente a preferencias máis ou menos ventureiras, e outra, ofrecer unha visión da norma como unha opotunidade de situármonos no mundo como unha comunidade con capacidade para construir un estándar aceptado e que en contra do que divulgan os inimigos da nosa lingua, mantense desde o 2003 sen cambios cando, por exemplo o castelán realizou unha de certa importancia no 2010. Pero a Alonso Montero pareceulle mellor incrementar os prexuízos cos que carga a nosa lingua destacando os conflito que xeneraa norma do galego, pois un rapaz de bacharelato ten en escribir palabras como "produto" na aula de galego, pero "producto" na de castelán (eu engadiría que tamén na de matemáticas). E polo resto, só falou de problemas e máis problemas cando se trata o tema da normativa da lingua galega. Manda truco! Se isto é todo o que podemos tirar dun presidente da RAG, estamos aviados.
A coincidencia cada 17 de maio do Día das Letras Galegas e do Día de Internet é unha oportunidade para avaliar o estado e o futuro da nosa lingua na Rede. Este dezasete, coincidindo coa homenaxe a Xosé María Díaz Castro, o poeta dos nimbos de luz, foi a grande noticia para a nosa lingua a posta en produción da primeira web co dominio punto gal. Un fito histórico, un éxito extraordinario de toda a sociedade de noso, no que moito tivo que ver a teimosía esperanzosa e o compromiso do profesor Manuel González, presidente da asociación Punto Gal, mais tamén das institucións culturais do país (Academia, Consello da Cultura e Museo do Pobo Galego), das tres universidades, dos centos de colectivos empresariais, culturais e cívicos, como dos milleiros de persoas que apoiaron esta iniciativa pola que Galicia, o seu pobo, a súa lingua e a súa cultura milenaria contarán cunha presenza diferenciada na Rede. Grazas ao dominio punto gal, Galicia establecerá un diálogo en igualdade con outros pobos e culturas, ademais de poder, por vez primeira, participar na gobernanza de Internet e contribuír a desenvolver o proceso de alfabetización informacional e a suturar a fenda dixital que aínda arrastramos. Un éxito, pois, para celebrarmos, outra volta, o 25 de xullo cando se incoporen as primeiras noventa webs e tamén catro meses despois cando entren en produción aqueloutras direccións preferentes.
Se hai uns poucos días salintábamos o traballo que realizaron no IES Bouza Brey tomando como base a figura de Díaz Castro, hoxe volvo sobre os pasos anteriores para recoller outra alfaia do alumado dese centro, un documental sobre o autor protagonista das letras 2014.
Hai outros dous documentais imprescindibles sobre a figura de Díaz Castro e que foron emitidos pola TVG:
No que atinxe á nosa lingua propia, hailles feitos evidentes. Galego e portugués son ponlas do mesmo tronco lingüístico, afastadas pola separación política dos irmáns do sur . Deste xeito, mentres o vello galegoportugués chegou ser o código común de 230 millóns de persoas na Africa e Asia lusófonas, Portugal e Brasil, na Galicia foi excluído da vida administrativa, relixiosa e profesional por parte das autoridades civís e eclesiásticas , moitas veces foráneas, como escrebiu o padre Sarmiento. Velaí que o galego tivese de fixar o seu propio padron culto pola falla secular de uso nos ámbitos da vida empresarial, educativa e do pensamento. Foi éste un proceso non sempre comprendido polos falantes naturais dunha lingua usual moi deturpada e a respecto do que a minoría dos inimigos da lingua despregou un bó feixe de lugares comúns. Mais o proceso desenvolveuse e o galego ten, hoxe, un padrón culto.