Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 28 de agosto de 2014

Segundas linguas

Dun chío de Manuel Bragado saquei esta infografía das segundas linguas dos estados do mundo. Era obrigatorio deixar constancia aquí.



Please include attribution to movehub.com with this graphic.

Global Second Languages

martes, 26 de agosto de 2014

Alexandre Bóveda detrás dunha porta de aluminio

por Xosé González Martínez no Faro de Vigo:

Todos o anos, o día 17 de agosto celébrase o Día da Galicia Mártir dedicado á lembranza da memoria de Alexandre Bóveda. O acto realizase ao pé da rotonda que hai nun extremo da ponte da Barca, xa en territorio do Concello de Poio, no camiño de subida á Caeira. Hai ben anos que se erixíu alí un monumento que dá conta do lugar onde foi vilmente asasinado.

domingo, 24 de agosto de 2014

De blogues.25

Crónica lexislativa de Galicia 2013 Revista Llengua i Dret, 07/07/14, por Alba Nogueira en Porta Ventosa
Discurso de María Reimóndez na entrega do XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, 18/06/14,  no blogue de María Reimóndez
SÓ POR AMOLAR…, 16/07/14 en Lingua Precaria
A fenda que nos ofende, 22/07/14, por Fran Alonso en Cabrafanada
Onte 1044: O consenso puntogal, 23/07/14 por Manuel Bragado en Brétemas
As prestacións sociais blindadas polo PP: a educación en castelán e a atención sanitaria na privada, 30/07/14, por Alba Nogueira en Porta ventosa
COA CONFIANZA QUE DÁ TER A RAZÓN…, 03/08/14 en Lingua Precaria
… E A LEI TAMÉN, 06/08/14 en Lingua Precaria
Onte 1053: O silencio corrompe a verdade, por Manuel Bragado en Brétemas
SOMOS RESISTENCIA, 06/08/14 en Lingua Precaria
Onte 1062: Marisquiño, 10/08/14, por M. Bragado en Brétemas



sábado, 23 de agosto de 2014

Aprender inglés e a casa polo tellado

por Francisco Borxa González Tenreiro no Sermos Galiza:


Alguén díxolle que eu era tradutor de inglés, algo que adoita crear certo aire de respecto e importancia entre as señoras de certa idade, mais polo de inglés que polo de tradutor. Esta señora de Ferrol tiña unha filla á que, presuntamente, se lle resistía o idioma de Shakespeare; vaia, que non o falaba como unha nativa e iso, á pobre señora, non lle parecía ben.

martes, 19 de agosto de 2014

O galego campa... pola súa ausencia

A agrupación Queremos Galego de Marín vén de denunciar un novo desprezo á nosa lingua por parte do concello:
"Desta volta podemos comprobar indo á propia páxina web e perfil de facebook do concello como a programación da chamada "Festa Corsaria", está única e exclusivamente en castellano."
Efectivamente, agás o título do programa, o resto do programa está redactado en español.
Ademáis Queremos Galego denuncia na mesma nota que esta práctica non foi a única na que o concello mostrou o seu desprezo pola lingua de noso xa que parece ser que emitiu panfletos de turismo e de actividades de praia sen que o galego aparecese por parte ningunha.
Ante noticias coma éstas un pregúntase ata que punto as presuntas actividades normalizadoras das que se gaba a SXPL teñen efecto algún. Nestas mesmas datas este organismo da Xunta anunciaba que no seu programa O galego campa!, participaran 600 nenos. Pois ben, vimos de ver como en só un dos 315 concellos de Galicia, o galego foi escluído das actividades de lecer. A cantas persoas debemos contabilizar que lle chegou esta outra mensaxe? .... E se a isto lle sumamos outros casos, como o da famoso Mercado Medieval de Corcubión, onde sucedeu outro caso semellante, cal pode ser o balance do desprezo á nosa lingua na xoldra estival? De certo que o que falsamente anuncia a SXPL non.
De regalo unha imaxe da progamación de actividades que se desenvolveron na praia de Aguete (Marín) nestes días pasados:

luns, 18 de agosto de 2014

Un equipo galego, en galego. “Deportivo da Coruña”

por Carlos García Vieito, no Sermos Galiza:

O Deportivo volve a ser un equipo de primeira. A relevancia que ten estar en primeira non só está nas cores que levan os xogadores nas súas camisolas, a lingua na que se expresa e difunde o club é de igual importancia.

domingo, 17 de agosto de 2014

SUP: tres pedras contra o galego

Para quen non o saiba, o SUP (Stand up paddle) é unha nova modalidade deportiva da práctica do surf. Concretamente consiste en navegar nunha táboa de surf axudados por un remo.
Os concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira organizan un evento desta modalidade deportiva que se celebrará o vindeiro mes de setembro. O primeiro problema xurde, como é habitual, da negativa do Concello de Ribeira a respectar a súa propia toponimia, empeñados unha e outra vez en deturpar o seu nome substituíndo o oficial e rexo B por un V de raíces españolizantes.
O segundo problema é que lle negan ao galego a súa presencia tanto no cartel como no documento informativo para a inscrición. Finalmente unha nota curiosa: neste documento,por increíble que pareza,  aparece correctamente o topónimo Ribeira, porén tamén podemos atopar un fantasmagórico *Puebla do caramiñal. Velaquí a terceira pedrada contra o galego.

venres, 15 de agosto de 2014

O libro en galego (deixemos de autoenganarnos)

por Francisco Castro no Sermos Galiza:

Xa me coñecedes. E sabedes que en absoluto son un profeta da tristura nin un profesional da queixa. Mais ben todo o contrario e, aínda que moitas veces teña motivos máis que dabondo para o pesimismo, a actitude que adoito asumir é a dun convencido optimismo. A derrota nunca é unha opción. Creo na loita e na nosa capacidade, como grupo social, como cultura, para seguir navegando. Outros, en tempos moitísimo máis difíciles, sacaron adiante este país. Nós témolo máis doado. É difícil. Pero máis o foi para eles.

xoves, 7 de agosto de 2014

Viaxeiros na rúa desde Ponferrada

Viaxeiros na rúa. IES VEncina (Ponferrada) from Comisión Cultural M. Sarmiento on Vimeo.

Con motivo das Xornadas Martín Sarmiento do ano 2014 os Alumnos/as do IES Virxe da Encina de Ponferrada que cursan o Programa de galego realizaron esta montaxe na que dalgún xeito se lembra o 12 aniversario do comezo das clases de galego nos centros escolares da comarca. Paga a pena velo.

Vía A beira das palabras

sábado, 2 de agosto de 2014

A triste realidade da lingua galega na Educación Infantil: Só a verdade nos fará libres

Comunicado de Prolingua sobre o preocupante estado do uso do galego en infantil:

Tras as recentes declaracións do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Parlamento de Galicia sobre a utilización do galego como lingua vehicular na Educación Infantil, Prolingua expresa a súa máxima preocupación sobre o que considera unha situación de dramática incerteza para o futuro do galego á vista da súa reducidísima presenza como lingua de aprendizaxe no sistema educativo non universitario nos centros urbanos e solicita que se fagan públicos decontado os informes de avaliación previstos no Decreto 79/2010, que na súa disposición adicional quinta estabelece a seguinte obriga para a Administración educativa responsable:

xoves, 31 de xullo de 2014

Comeuche a lingua (inicial) o gato?

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:


Abrímoslle a porta a este mes de xullo participándomos no X Curso de Verán sobre dinamización lingüística organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da UDC en colaboración coa CTNL, o Concello de Carballo e mais a SXPL.

sábado, 26 de xullo de 2014

Pioneiros.gal



Vía Brétemas

Día de Galicia e o galego na igrexa (25 xullo 2014)

por Manuel Cabada Castro en Tabeirós Montes

Con motivo da celebración conxunta hoxe da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza, é case obrigado que lembremos algunhas cousas sobre a importancia de que a nosa igrexa galega, é dicir, tódolos cristiáns galegos, saibamos incardinarnos ben na terra e no país no que, pola graza de Deus, nacemos ou vivimos.

venres, 25 de xullo de 2014

En galego... Festa Rachada!




Desde a Mesa pola Normalización Lingüística piden que se difunda este vídeo. A invitación vén con estas palabras:

O galego é a lingua propia de Galiza . Porén, en moitos ámbitos, o galego non é visíbel. Persisten os prexuízos de que o galego non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público. Mantense a vinculación do galego ao atraso, tamén aos ámbitos informais.
Hai quen pensa que o galego está ben para o falar na casa, cos amigos e amigas mais non ten o prestixio suficiente para o empregar na administración, nos medios de comunicación, no ensino... e tampouco na festa.
U-lo galego nas festas? A nosa lingua non está presente en moitas festas que hai no noso país ao longo de todo o ano. A presenza da música en galego é anecdótica, unha ou dúas pezas para contentar o público máis nostálxico... O emprego do galego é algo folclórico. Mesmo ante un público galegofalante non usan a nosa lingua ou esta é obxecto de burla.
No verán estamos expostos e expostas á música española de moda. Non temos cancións galegas do verán.
Isto non é normal!
A música galega está viva.
Podemos escoller entre centos de grupos que usan a nosa lingua.
Podemos escoller o estilo do que máis gustemos: pop, rock, indie, blues, electrónica, heavy, rap, jazz, clásica, punk, reggae...ahhhh!!!, e tamén, folk.
Podemos rir, chorar, pensar, relaxarnos, desconectar, correr, bailar, ligar ou ir de troula coa música galega.
A música en galego chega ao corazón, emociona; é parte da nosa historia, da nosa identidade; non nos deixa indiferentes.
É tradición, é parte de nós. Compartimos cancións varias xeracións. As nosas nais, avoas, os nosos pais, avós e demais parentes transmitíronnos este patrimonio musical que nos alegra o ouvido e a vida.
Queremos máis festas como os festivais de Pardiñas, como o Revenidas, como o Intercéltico de Moaña, como a Festa da poesía, como o Irmandiño de Moeche, como o Lugnasad, como o Castañazo Rock, como a Festa da Carballeira...Non queremos música casposa, nin discursos homófobos e sexistas nas festas.
Gustamos da festa rachada, de ir de troula, de esmorga, de ruada e, sobre todo, de ir de festa coa música galega.
EN GALEGO... FESTA RACHADA!



luns, 21 de xullo de 2014

Sobre os cursos CELGA: carta aberta á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

por Xosé Luís Santos Cabanas, nas Voces de Prolingua:

Escríbolle neste foro aberto de ProLingua á Secretaría Xeral de Política Lingüística (en diante SXPL), por culpa da miña sospeita de que ande polas súas computadoras algún virus informático ou por se houber algún pirata dos modernos medios informáticos que envía mensaxes desde o enderezo sxpl.probascelga@xunta.es, de onde me chega un escrito á miña conta de correo electrónico, co longo título que copio textualmente: CONTESTACIÓN AS ALEGACIÓNS PRESENTADAS AO PROXECTO DA ORDE POLA QUE SE AUTORIZAN AS ENSINANZAS NON REGRADAS DE CURSOS PREPARATORIOS PARA OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA (CELGA) NOS CENTROS PÚBLICOS ESPECÍFICOS DE EDUCACIÓN E PROMOCIÓN DE ADULTOS NOS INSTITUTOS DE EDUCACIÓN SECUNDARIA CON ENSINANZAS DE PERSOAS ADULTAS.

O xenio criador do Pobo galego. Lingua, cultura e literatura.

Comunicado conxunto das asociacións da cultura e lingua galegas, vía A Mesa


Desde a súa institución o 28 de abril 1963 até o pasado 5 de xuño de 2014, a Real Academia Galega escolleu para ser homenaxeada no Día das letras Galegas unha ”figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe”, tal e como se recolle na acta da sesión onde se decidiu estabelecer esta data tan relevante para a nosa lingua e cultura e que celebra a saída ao prelo da obra mestra da literatura galega contemporánea, Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.Ao longo destes 51 anos as persoas homenaxeadas nesta data caracterizáronse por seren autoras e autores cunha obra de calidade e un compromiso e achegas claros en defensa da nosa lingua e da nosa cultura fóra de toda dúbida, alén das súas posicións máis ou menos progresistas, máis ou menos conservadoras,máis ou menos relixiosas ou ateas.Estes dous elementos: lingua e compromiso co país, fixeron do Día das Letras Galegas unha data de reinvindicación da nosa lingua e de festa para a nosa ampla literatura, capaz de unir todo o pobo galego nunha soa voz, sendo xunto co Día da Patria Galega o máis sinalado de Galiza.As entidades asinantes, que traballamos día a día para a defensa, dignificación e normalización plena da nosa lingua e cultura en centros de ensino, vilas, cidades e todos os recunchos do país, queremos que o Día das Letras Galegas siga a ser a data para festexar a lingua que nos une e darlle á nosa literatura a difusión social que merece.Queremos que siga a manter o carácter integrador e de unión que sempre tivo, e que debera ser reforzado nun momento de ataques á nosa lingua sen precedentes na etapa democrática como o que padecemos na actualidade.Filgueira Valverde non pode unir ninguén. O seu papel destacado dentro da estrutura dun réxime como o franquista que perseguiu a lingua e cultura galega e as súas figuras máis relevantes, silenciándoas, exiliándoas ou facéndoas presas, fan del o contrario do que debe ser “exemplo á sociedade galega” e por iso só podemos considerar profundamente desafortunada a decisión tomada pola RAGO xenio creador do pobo galego a través da súa lingua e a súa literatura, o seu exemplo cívico e de compromiso co país mesmo nas peores circunstancias, debe ser hoxe e sempre o homenaxeado o Día das Letras Galegas, e a el dedicaremos o 2015 como primeiro paso dunha camiñada conxunta e partillada con toda a cidadanía que pretendemos explorar a partir de setembro.

domingo, 20 de xullo de 2014

COMUNICADO DO SUG SOBRE AVALIACIÓN DO DECRETO 79/2010 XULLO 2014

Comunicado das Universidades galegas sobre avaliación do decreto para o plurlilingüismo:


Perante os estudos e opinións coñecidas nos últimos días sobre a escasísima presenza do galego como lingua vehicular do ensino non universitario no ámbito urbano, as tres universidades galegas, membros da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística (CIPL), queremos manifestar o seguinte.
Todas as universidades galegas propuxemos na xuntanza da CIPL do 19 de xuño do 2013 abrir un diálogo coa Xunta para actualizar o Decreto 79/2010, do 20 de maio para o plurilingüismo no ensino non universitario, como consecuencia da anulación xudicial de varios dos seus preceptos.
Entendíamos daquela que era precisa esa actualización para garantir o cumprimento dos pronunciamentos xudiciais, e tamén parar cumprirmos os obxectivos normalizadores marcados pola Lei de Normalización Lingüística de 1983, o Plano de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento en setembro de 2004, ben como a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias.
Concretamente, as tres universidades considerábamos que os nosos equipos de investigación poderían contribuir decisivamente, desde a independencia e alta cualificación técnica da que dispoñen, á avaliación seria, transparente e rigorosa dos resultados da aplicación do Decreto. Esta avaliación está prevista na disposición adicional quinta do propio Decreto 79/2010 como paso previo á súa actualización.
En tal sentido, propuxémoslle á Xunta de Galicia a constitución dunha comisión mixta de traballo.
Porén, non recibimos resposta até o día de hoxe.
Consideramos que as razóns que nos levaron en 2013 a ofrecer a nosa leal colaboración institucional á Xunta de Galicia para avaliar cientificamente o cumprimento da legalidade vixente son a día de hoxe ainda máis prementes, vistos os síntomas de aparente retroceso que experimentou o uso do galego no nivel máis decisivo (educación infantil e primaria) para unha correcta formación das novas xeracións de nenos e nenas na nosa lingua propia.
Non poden existir motivos para que o goberno galego incumpra a obriga de avaliación que establece a propia legalidade vixente. Ningunha política pública pode construirse seriamente sen unha científica e transparente avaliación dos resultados derivados da súa aplicación, polo que reiteramos de novo a nosa oferta de colaboración institucional á Xunta de Galicia neste ámbito.
A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, a 18 de xullo do 2014

Os responsables de normalización lingüística das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo.

Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO

por María X. Rodríguez Valcárcel nas Voces de Prolingua:


Ás voltas coa diversidade cultural. As conferencias de Claude Lévi-Strauss para a UNESCO é o título dun volume que, baixo a responsabilidade de José M. Álvarez- Castro, vén de publicar Edicións da Curuxa. No mesmo recóllese a versión galega de tres conferencias que o antropólogo francés elaborara por encomenda da UNESCO: Raza e Historia (1947), Raza e Cultura (1970) e Reflexión (2005). Amais do editor, outras tres persoas participaron nos labores de tradución e revisión da obra: José Mª Anguita Jaén, Roberto Fernández Bermúdez e María Xosé Rodríguez Valcárcel.

venres, 18 de xullo de 2014

Nel Vidal: "Co decreto do plurilingüismo que prohibe o ensino en galego de diversas materias ou que deixa o galego como residual en infantil é moi difícil dar pasos"

Belén Puñal entrevistou hai xa máis dunha semana a Nel Vidal para o Sermos:

Esta semana comeza en Carballo a décima edición do curso de verán sobre dinamización lingüística que organizan na nosa vila a Universidade da Coruña e a CTNL, a Coordinadora das e dos técnicos de normalización da lingua. O tema que centrará o encontro este ano, a transmisión interxeracional, é tan espiñento como crucial para o futuro da lingua. Mentres que a gran maioría das persoas maiores de 65 anos, case o 90% usan o galego, menos do 20% das e dos menores de 14 anos falan o galego e non chega ao 5% a porcentaxe de cativos e cativas que o empregan nas dúas grandes cidades do país: A Coruña e Vigo.
-Como xurdiu a idea de dedicarlle esta edición do curso de verán á transmisión interxeracional?
-Cada ano, céntrase o curso nunha temática concreta na que consideramos que hai que incidir no traballo para a normalización lingüística. Xa levamos un tempo dándolle voltas á transmisión interxeracional como punto fundamental para a normalización lingüística. É aí onde está a gran fractura, o gran problema do galego, como causa e como consecuencia, na transmisión interxeracional. Ás xeracións máis novas, ou non se lles transmite, nalgúns casos, ou non o utilizan na práctica como lingua de uso normal.

90 aniversario da viaxe de Castelao ao Pico Sacro

por Xoán Carlos Garrido no Faro de Vigo:


Hai 90 anos, por mor dunhas vacacións forzosas da actividade política e cultural imposta pola ditadura de Primo, Castelao ía ter oportunidade de realizar a ansiada viaxe ao cumio do Pico Sacro xunto cos seus amigos estradenses de El Emigrado.