Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 31 de outubro de 2014

QVG revitaliza a túa lingua

QVG revitaliza a túa lingua! from Illa Bufarda on Vimeo.

Simpática promoción realizada polo alumnado de 6º de primaria do CEIP Ramón Cabanillas  (Santiago) nun obradoiro de videocreación impartido por Illa Bufarda. Esta formación foi un agasallo que o Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela lles outorgou a catro centros de ensino por participaren no Concurso de vídeocreación para centros de ensino.
O ENDL do centro ten unha páxina churrusqueira feita co sites do google.
Unha mágoa que aos rapaces non lle aprenderan que a letra "q" non se chama "cu", que é un nome moi feo para unha letra.

A imposición do galego e a mentira como arma

por Henrique del Bosque Zapata, no Sermos Galiza:


Os datos aportados recentemente polo Instituto Galego de Estatística amosan un retroceso considerábel no emprego habitual do noso idioma e un proceso de substitución do mesmo favorábel ao español. Esta situación devén dunha política constante e insistente de eliminación de todos aqueles aspectos e elementos que configuran a nosa identidade coma pobo, sen esquencer que os mecanismos xurídicos e administrativos para acadar esta finalidade son centenarios.

xoves, 30 de outubro de 2014

Outro paso adiante



Vídeo producido por Francisco Freire Vila en colaboración con membros da comunidade escolar do CEIP Froebel (Pontevedra).
Seguramente foi un dos vídeos que participou no concurso desta categoría do Correlingua 2014. Daquela pasárame desapercibido pero fun bater agora con el. Para non deixalo escapar.

Filgueira Valverde e as Letras Galegas

por Luís Bará no Sermos Galiza:


A posición do BNG de Pontevedra a respeito da elección de Xosé Filgueira Valverde foi desde o primeiro momento clara. Sen entrar a valorar os seus méritos culturais e intelectuais, que non se poden negar, consideramos que non era unha elección acaída para a celebración das letras galegas pola súa traxectoria política durante o franquismo, período no que asumiu multiples responsabilidades e ao longo dun período de tempo moi longo. A este respecto, non se pode esquecer que a Ditadura franquista foi unha época de persecución feroz do idioma, que ficou prohibido e marxinado en múltiples esferas da vida social, económica e cultural.

mércores, 29 de outubro de 2014

Begoña Caamaño: "Non asumen que cobran porque temos un idioma"



O recuperación deste vídeo é unha pequena homenaxe a Begoña Caamaño, unha enorme defensora da lingua galega.
Esta peza forma parte dese impagable audiovisual chamado A memoria da lingua no que se recollían testemuñas de varios activistas pola normalización.
Grazas a Goretti Sanmartín por lembralo.


Morre Begoña Caamaño, a voz lila da literatura galega, 27/10/14, no Sermos Galiza
A cultura e o feminismo homenaxean a Begoña Caamaño, 28/10/14, no Sermos Galiza
Begoña Caamaño. Palabras como esporas, 27/10/14, por Goretti Sanmartín no Sermos Galiza
Comunidades dos afectos, 28/10/14, por María Reimóndez no Sermos Galiza
Carta desde a illa de Eea, 28/10/14, por Carlos Negro na Praza Pública
Carta de despedida de Begoña Caamaño, dirixida a Uxía, 30/10/14, no Sermos Galiza


Visión panorámica da literatura galegoasturiana (II)

por Xoán Barro, nas Voces de Prolingua:


Os catro inquedos mozos da Xeración de 1936 seguen utilizando a lingua do país na década de 1940, como facían autores nados a finais do XIX (Villar Loza, Mediante, Pedro G. Arias, Cesar Montaña Álvarez de Ron...), pero os condicionantes políticos e sociais de posguerra van cambiar o seu curso creativo. Sela e Fidalgo dedicaranse esporadicamente ao cultivo literario e Mejeras e Queipo, que falece moi novo, optarán maioritariamente polo castelán e mesmo, como fixeron tantos, asinando afervoadas loas ao réxime.

luns, 27 de outubro de 2014

O uso, a comprensión do galego e a intervención do Espírito Santo

O Instituto Galego de Estatística (IGE) publicou novos datos sobre o coñecemento (entender e falar) e uso do galego. Distintos medios xa os debullaron  e observaron que houbo un descenso do uso do galego nun 13% entre os anos 2001 e 2011. Paradóxicamente a noticia foi anunciada como moi positiva desde a Consellería de Educación celebrando que aumenten os que declaran falar nas dúas linguas.

A poucas voltas que lle deamos, concluiremos que  esta nova achega do IGE non revela moitas novidades con respecto ao xa coñecido sobre usos da lingua galega. A enquisa reducíase a tres preguntas:
  • Cal é o seu coñecemento do galego? (Enténdeo, Fálao, Leo , Escríbeo)
  •  Cando usa o galego? ( Sempre,Nunca, Ás veces )
  •  Onde o usa? (pode marcar varias opcións) (En familia, Na escola, No traballo) 
O uso
A polémica xurde da resposta á segunda pregunta, a do uso do galego. A nota da  Consellería destaca que "aumenta o uso das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas". Significa iso que hai máis xente que habitualmente fala en galego? Sería moi chocante que isto fose así pois outras enquisas moito máis completas, tanto do propio IGE como do Mapa Sociolingüístico de Galicia, revelan que a tendencia ao uso do galego é decrecente. Comentábase, por exemplo, que esta situación podía resumirse diciendo que cada hora o galego perde 3 falantes. Non podemos, xa que logo, botar foguetes porque un "89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria" sen antes determinar se a medida de uso do galego é maior ou é menor, e todo apunta que realidade anda máis ben cuantificando ese uso á baixa.
Para comparar os datos ofrecidos estas semanas polo IGE con outra enquisa das mesmas característica temos que remitirnos a outra dese mesmo organismo do ano 2001. Quen elaborou unha excelente comparativa entre os datos obtidos no 2001 e os que se acaban de publicar do 2011 foi Carlos Neira, tanto en varias táboas, como en mapas como o seguinte:

Mapas de uso do galego 2001-2011
Moi acertadamente este analista indicaba que os que declaran falar en galego "ás veces" non están dicindo que falan un 50% de galego, polo que o anuncio da Consellería carece do máis elemental, o rigor científico, e está cargado, pola contra de manipulación informativa partidista.
Baixo a luz destes resultados do IGE o primeiro que podemos concluir é que houbo unha baixada de uso do galego. Isto non pode estrañar a ninguén pois é unha tendencia que xa se viña detectando en anteriores estudos. Con toda seguridade esta baixada continúa despois do ano da enquisa (2011) pois a política lingüística dos últimos tempos con continuadas restricións de orzamentos e dereitos convertería unha mellora na saúde do galego nun feito digno dos anais dos máis respectables milagres do satuario de Lourdes. Cando a política lingüística non fai nada por facilitar o uso normal, e en todos os ámbitos, do galego, non podemos esperar outra cousa que a lingua fortalecida sexa o castelán. Se éste era o obxectivo da Xunta, fai moi ben en celebralo. Iso si, o que non debe facer é enganar ocultándonos a súa verdadeira pretensión pois iso é engadir a hipocrisía á mentira; e unha cousa é que nos tomen por parvos, pero que por enriba se rían de nós xa é maltrato.

A comprensión
No relativo á compresión do galego podemos facer un par de puntualizacións. É certo que prácticamente a totalidade da poboación galega, un 98,6%, entende a súa lingua [frase estraña ésta]. Entón, baixo que argumentos pode defender o goberno a negativa a garantirnos aos cidadáns o coñecemento do galego dos funcionarios públicos retirando a proba nesa lingua das oposicións? Eu só acho unha resposta, que o goberno de Feijóo pensa e ten máis en conta aos de Valdemoro que aos veciño de Forcarei cando toma este tipo de decisións. As consecuencias non se lle escapan a ninguén. Alén de ser unha medida de fomento da emigración é un obstáculo insalvable para normalizar os organismos públicos.
Nunha última reviravolta a Consellería de Educación felicítase a si mesma:

A pesar do incremento considerable da inmigración que se produciu entre os anos 2001 e 2011 (con 77410 persoas estranxeiras máis), a porcentaxe de poboación que declara saber falar o galego mantense practicamente nas mesmas porcentaxes neste período.

Gostaríame saber onde están eses programas de acollida lingüística que facilitaron ese presunto logro. Pois se resulta que os inmigrantes aprenden e falan galego a pesar de que todas as facilidades que lle ofrece a nosa estrutura social e económica son para favorecer a aprendizaxe e o uso na outra lingua teremos aproba irrefutable de que quen leva os asuntos da política lingüística non é Valentín García senón o Espírito Santo. Seguramente a divinidade, tendo conciencia da situación sociolingüística  que temos por Galicia, concede con moita frecuencia o don de linguas aos inmigrantes que se achegan ás nosas terras. Velaí quen realmente dirixe os designios da política lingüística galega. Oremos, pois.

Para entreterse
  • Censo de poboación e vivendas. GalegoIGE
  • A Consellería de Cultura e Educación valora positivamente os últimos datos sobre o uso do galego difundidos polo Instituto Galego de Estatística, 13/10/14, Consellería de Educación
  • El porcentaje de quienes hablan solo gallego cae trece puntos en diez años, 14/10/14, no Faro de Vigo
  • O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación, 14/10/14, Praza Pública
  • Evolución no uso do galego por concellos, Praza Pública
  • Hai remedio para o descenso no uso do galego?, 15/10/14, Praza Pública
  • Mapa de Evolución de Uso do Galego, 2001-2011, táboas elaboradas por Carlos Neira
  • Mapas de uso do galego 2001-2011, por Carlos Neira en Calidonia hibernia
  • O IGE confirma que o galego non é a lingua habitual da maioría da poboación, 14/10/14, no Magazine Cultural Galego de Montse Dopico 

Medios en galego para dar a batalla

por Aurélio Lopes, no  Sermos Galiza:


Recentemente coñecíamos a través dos medios de comunicación unha enquisa do IGE de 2011 que situaba por baixo do 50% a povoación de Galiza que usa o galego como lingua cotiá. Por vez primeira na historia. Estamos no 2014. E ninguén percebe que haxa cambio de tendencia.

domingo, 26 de outubro de 2014

Alcaldes que dignifican a lingua

por Xosé gonzález Martínez, en La Región


O que lles conto aconteceu non hai aínda moito tempo na parroquia de San Facundo do Concello de Paradela (Lugo). Para facer unha rehabilitación do exterior dunha igrexa románica exhumaron os restos mortais soterrados no adro e trasladáronos a un novo cemiterio construido noutro lugar. A comisión parroquial decidíu algo que deica hoxe era insólito: puxeron nos respectivos nichos cadansúa lápida cunha inscrición en lingua galega. Este feito non foi comentado en ningún medio de comunicación. Eu quero renderlle a esa comunidade parroquial o merecido recoñecemento por ter restaurado a memoria lingüística da parroquia.

Cartas de Ken Keirades a Ben Cho Shey e outros documentos. Recompilación en Tabeirós Montes

Este venres 24/10/14 presentouse na Estrada a apertura dun cartafol dixital dentro do web de Tabeirós Montes con documentos de  Manuel García Barros (Ken Keirades) dos que se destacan 35 cartas que éste mantivo con Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho Shey) por seren unha mostra da dignidade na resistencia cultural antifranquista. O período desta correspondencia abrangue de 1956 a 1969. A recompilación total dos documentos que se puxeron a disposición dos internautas supera os 200 elementos.
Comenzou o acto coa presentación por parte de Xoán Carlos Garrido como o fornecedor do material que se estaba a divulgar e xestor da páxina na que se aloxa toda a documentación. De seguido Clara Iglesias explicou os temas tratados nas cartas que Ken Keirades lle escribiu a Ben Cho Shey. Diferenciou tres bloques principais: un deles sobre lecturas e opinións de García Barros sobre as novidades editoriais, outro das súas relacións co galeguismo do interior (Galaxia e RAG), e unha última sobre temas máis persoais arredor da labranza, a casa e a familia.
A última intervención foi levada por David Otero quen fixo un repaso polo resto da documentación que de Ken Keirades: anotacións, cartas non enviadas, reflexións,...
Un exemplo pode ser este texto de Ken Keirades, 'Xa que son  académico', no que nos ofrece unha crítica demoledora do uso que os membros da Academia facían (ou máis ben deixaban de facer) do galego:
“Xa que son académico, anque aínda me custe traballo crelo, coido ter que ir pensando na maneira de facer algo que poida corresponder dalgún xeito ao feito ese de o ser.Non teño aínda o regramento nin me vale o selo de oficio por ter o lema en latín, idioma que descoñezo, apesares de habelo practicado bastante en tempos lonxanos axudando a misa os domingos e días de novena cando o sancristán me deixaba, pois había que contar coa súa venia. Pero tampouco coido necesario para comprender que o obxecto e fins da nosa Academia serán, terán que ser, o depuramento e fixación da lingua galega, que é a nosa, a de todos os galegos, quéirase ou non, anque haxa desleigados que a repudien, “imbéciles e escuros” que dixo Pondal. E velar polo seu prestixio e expandimento ata conseguir que non haxa ningún nado na Terra, ou fillo de quen o fose, que deixe de falala.


Non quixera deixar de poñer por escrito o primeiro que pensei cando comencei a escribir esta entrada. Con algo de maldade imaxinei nos problemas que tería Ramón Nicolás se un día quixera escoller só un manuscrito de Ken Keirades para a súa colección do Caderno da crítica.

Ofrenda lírica.
Para completar o acto tamén se presentou a gravación que X. R. Fernández Oxea lle fixo á súa filla Isabel con motivo da súa primeira comunión  con poemas de Xosé Mª Álvarez Blázquez, Fermín Bouza Brey, Ramón Cabanillas, Ricardo Carballo Calero, Augusto Casas, Xosé Díaz Jácome, Avelino Gómez Ledo, Ánxel Xoán, Ramón Otero Pedrayo, Victoriano Taibo, Celso Emilio Ferreiro e o propio Ben Cho Shey, Jesús Carballeira López e Anisia Miranda. Esta ofrenda lírica podemos escoitala no portal de Tabeirós Montes.


Un Manuel García Barros moi completo.
Non son éstes os únicos recursos que nos ofrece a Asociación Cultural Vagalumes sobre García Barros. A colección sobre o autor é moitísimo máis completa. Ademais dunha biografía hai vídeos con actos de homenaxe, documentos, fotos, e arquivos diversos  sobre un congreso arredor de Ken Keirades celebrado na Estrada no ano 1992 ou libros sobre a súa figura.

Teño a completa seguridade de que non será, nin con moito, ésta a última vez que teña que facer referencia ao portal Tabeirós Montes pois se non é pouco ao que se fixo referencia aquí, a cantidade de documentos que xa hai recompilados é como para ter este web ben á vista no escritorio do computador.

Outros roubos, os das linguas

carta ao director de Manuel Cabada Castro no Faro de Vigo:


Hai xa algúns anos publicouse en Galiza un libro no que un capítulo leva como título "O ladrón das palabras", unha alegoría da situación de linguas dependentes ou subordinadas coma o galego. Chamoume a atención porque coido que dá no albo. Ese ladrón estranxeiro do que alí se fala que, cun coitelo ó cinto e un dente de ouro, se foi apoderando das palabras dun país que non era o seu fai referencia naturalmente á historia, aínda viva e presente, do país galego e da súa lingua. Por outra banda, só hai poucos días os xornais deron a nova, que en realidade tiña pouco de nova, de que o galego continúa co freo ou coa marcha atrás posta no seu desenvolvemento en relación co castelán. Non deixa de ser curiosa e sorprendente, porén, a diversidade no modo de apreciar este tipo de inxustas situacións lingüísticas e culturais se as comparamos con outras, igualmente inxustas, que están tamén de actualidade. Prodúcenos efectivamente noxo, e con razón, o conto de nunca acabar dos presuntos roubos ou atracos con guante branco que determinadas altas personalidades do mundo político ou económico presuntamente teñen perpetrado en detrimento dos lexítimos dereitos dos demais. É tamén moi comprensíbel a repulsa que, hai xa algo máis, se produciu tamén respecto de certas persoas que chegaron a apoderarse de nenos acabados de nacer para dárllelos fraudulentamente a outros pais. Roubos de diñeiro ou de persoas a costa dos perdedores silenciosos ou silenciados. Mais tamén as palabras dun país en posesión da súa propia lingua e cultura, é dicir, as palabras nas que se contén e se expresa o específico modo de vivir e de entender o mundo de todo un pobo poden ser obxecto de depredación e espoliación.

sábado, 25 de outubro de 2014

Organizarse para salvar o galego

editorial do Sermos Galiza:

Que o goberno galego faga valoración positiva dunha enquisa que sitúa a nosa lingua, por vez primeira na historia, por debaixo do 50% nos usos sociais é a demostración palpábel de que o idioma producido polos galegos e as galegas durante xeracións ten no executivo liderado por Feijóo o seu inimigo número un. Non deberiamos sorprendérmonos moito. En 2005, Feijóo alicerzou parte do seu asalto ao poder sobre a base dunha monstruosa falsificación: a de que na Galiza, e durante o breve período do goberno de coligazón PSdeG-BNG, se estaba a impor o galego. A operación de engano masivo tivo éxito porque a nosa sociedade é moi vulnerábel aos prexuízos contra a nosa lingua e éo non por acaso mais por levarmos soportado séculos de colonización e dun proceso que o españolismo chama agora bilingüismo harmónico, embora non sexa máis que un proceso de substitución do galego como lingua socialmente maioritaria polo español.

venres, 24 de outubro de 2014

Normalización lingüística




Grazas a un anuncio de Pilar Ponte chegoume esta ultramodernidade argallada por Xano Cebreiro, unha fonte de recursos innovadores impresionante que nos trae unha clara introdución ao escurecido concepto da normalización lingüística.
Falo de escurecido porque o concepto está prohibido por obra e gracia do funesto decreto malchamado do plurilingüismo, que o substituiu pola descafeinada idea de dinamización lingüística. As razóns deste cambio poden enxergarse vendo o vídeo.

xoves, 23 de outubro de 2014

O Plan Xeral de Normalización Lingüística na educación




Nesta presentación compáranse as medidas tomadas polo bipartito e os gobernos do PP en relación ao Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL). Tómanse como base o propio PXNL e os decretos 124/2007 sobre o uso e promoción do galego no ensino non universitario, e o decreto 79/2010, de ataque aos avances normalizadores propostos polo primeiro destes dous decretos. Ademais recórdanse algunhas das decisións máis importantes tomadas nestes 10 últimos anos respecto á política lingüística educativa.
Se alguén pasa por esta entrada recoméndolle que non deixe de botarlle un ollo ás conclusións finais.
Quixera destacar algunhas destas conclusións que, penso eu, quedan ben certificadas nesta presentación:


  • Observamos nas medidas do goberno PSOE-BNG continuas referencias ao PXNL
  • Nas iniciativas dos gobernos do PP non se fai ningunha referencia ao PXNL
  • O decreto 124/2007 recolle o esencial do PXNL, repetindo incluso as mesmas expresións
  • O decreto 79/2010 está inzado de medidas contrarias ás promovidas no PXNL
  • A única saída que ten o goberno do PP de manter a súa gresiva política lingüística contra a normalización é establecendo o imperio da mentira.
  • O PP preséntase como defensor do PXNL; isto significa que ten medo de que se coñeza e divulgue a verdade.
  • O PP necesita mentir para ocultar o extremismo da política lingüística antigalega que está a practicar.
  • Canto maior sexa o coñecemento social deste radicalismo maior será o rexeitamento que padecerá.



mércores, 22 de outubro de 2014

Correspondencia Ben-Cho-Shey e Kenkeirades


O vindeiro venres 24 de outubro a Asociación Cultural “Vagalumes” presenta publicamente a apertura dunha sección do proxecto de cultura aberta “Tabeirós Montes” dedicada ao escritor Manuel García Barros, na que se irá poñendo a disposición de todos achegas sobre este autor comenzando coa correspondencia que mantivera co escritor ourensán Xosé Ramón Fernández Oxea, maís coñecido polo seu alcume de Ben Cho Shey.
Nun momento histórico de persecución da nosa lingua e cultura, cando era imposíbel publicar libremente, as cartas dan conta da creatividade e resistencia dos intelectuais do momento. Fronte a posicións acomodaticias e mesmo colaboracionistas como a doutras que si trunfaron durante o franquismo, e mesmo se apoioron neste para o seu trunfo, renegando da súa lealdade coas letras galegas, o caso exemplar de Manuel García Barros queremos poñelo en valor así como o dos seus correlixionarios na causa da nosa cultura, nomeadamente Ben Cho Shey.
O acto celebrarase ás 20:00 h. Na sala de exposicións de Abanca (na rúa principal da Estrada), e nel podemos ter ocasión de escoitar unha gravación inédita do propio Ben Cho Shey recitando poemas de autores do seu tempo.

Desculpen que non celebremos*

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

Ao tempo que algúns medios de comunicación informaban dos recentes resultados da evolución do coñecemento e uso do galego entre os anos 2001 e 2011 analizados polo Instituto Galego de Estatística, organización gobernamental dependente da Xunta de Galiza, recibimos a valoración positiva destes por parte da Consellaría de Cultura e Educación.

luns, 20 de outubro de 2014

Xosé Rodríguez, o matemático de Bermés

Webs
Xosé Rodríguez González, na Galipedia
Rúa Matemático Rodríguez, 2002, por Carlos Varela en Edugaliza.org
José Rodríguez González, 2012, por Margarita Barral Martínez no Álbum da Ciencia
Xosé Rodríguez González, na páxina de Fillos Ilustres do Concello de Lalín

Prensa
José Rodríguez González. O matemático de Bermés, 27/05/12, por Benito García Carril no Faro de Vigo
José Rodríguez, ´O matemático de Bermés´, 30/06/2013, por Antonio Vidal Neira no Faro de Vigo
O Matemático de Bermés visto por Ramón Aller,05/10/14, por Celia Rodríguez no Faro de Vigo


Blogues:
José Rodríguez González. O matemático de Bermés., 12/07/12, no blogue Fillos ilustres de Lalín
D. José Rodríguez González (o matemático de Bermés), 09/08/2014, no blogue A biblioteca de Ánxel Casal

Documentos:
José Rodríguez González: un Erasmus galego noa albores do século do progreso, 2007, por Mercedes Sampayo Yáñez, do IES Eusebio da Guarda, Revista Gamma nº 7
El matemático José Rodríguez y la Universidad, por María Ángela Varela Varela, consultar PDF
A estadía de José Rodríguez González en Alemaña (1815-1817). Tradución dunha publicación súa,2011, por Iván Fernández Pérez na Revista Galega das Ciencias vol. XXX

Está na nosa man existir

por Nel Vidal en La Voz de Galicia:

Coñecemos estes días datos sobre o uso habitual da lingua galega, feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) a partir do Censo de 2011. Aínda que hai que ter prudencia coas cifras, pois non son dun estudo sociolingüístico con análises e correccións, senón a resposta directa da xente a unha pregunta, hai dúas grandes conclusións xerais: que en dez anos baixou considerablemente (-14 puntos) o uso habitual do galego no conxunto do país, do 57 % da poboación en 2001 ao 43 % en 2011; e que a zona onde se mantén un maior uso do galego espontáneo é a Costa da Morte, Terra de Soneira e Bergantiños.

domingo, 19 de outubro de 2014