Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 30 de novembro de 2014

Conferencia de Francisco Carballo: "Historia da lingua"

Lingua e historia. Francisco Carballo from Tabeirós Montes on Vimeo.

O 16 de abril do 2010 Francisco Carballo achegárase á Estrada da man da agrupación local de Queremos Galego e impartira esta conferencia sobre a "Historia da lingua". Onte soubemos do falecemento deste teólogo, historiador  e promotor de numerosas iniciativas culturais centradas en Galicia tales como os xornais A Nosa Terra ou o Sermos Galiza.
Nesta conferencia Francisco Carballo ofrécíanos toda unha lección sobre o desenvolvemento histórico da lingua galega e no que se ofrece algunhas chaves para abrir as portas da interpretación da actual situación sociolingüística na nosa terra.
Entre as obras que nos deixou este activista da cultura e da política galega vou deixar aquí referencia dunha participación nun traballo colectivo editado por Xistral nos anos 80: Castelao contra a manipulación e no que participa cun traballo titulado Castelao no seu tempo que remata lembrando que "Castelao morre coa ilusión dunha Galicia republicana, libre e soberana", ideas das que el sería un digno defensor.

Máis información:

Homenaxeamos un bo e un xeneroso

por Cesáreo Sánchez Iglesias, no Sermos Galiza:

En 2012 Francisco Carballo recibiu a distinción Bos e Xenerosos que outorga a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Reproducimos aquí o discurso que con tal motivo pronunciou o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Amigas e amigos, querido Francisco Carballo.

sábado, 29 de novembro de 2014

Divulgare

Tipos de polinización from Divulgare on Vimeo.

Nesta peza audiovisual podemos aprender algunhas cousas sobre a polinización. Concretamente explícase en que consisten os tres pincipais tipos de polinización: autopolinización, por vento e mediante abellas.
Vídeos semellantes a éste podémolos atopar na canle Divulgare, creada co fin de levar a ciencia a toda a sociedade. Outros audiovisuais que nos achega este colectivo da Universidade de Vigo que investiga a ecoloxía e a evolución das plantas son os seguintes:

Invasións biolóxicas: o caso do mexillón cebra (Dreissena polymorpha)
Utilización de boias de deriva para o seguemento de vertidos mariños.
A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares
Invasións biolóxicas: O caso do visón americano
Estratexias adaptativas: Hipótese da "Alarma contra ladróns"
Pradarías de Posidonia oceanica: un tesouro submarino
Ecoloxía e evolución de polimorfismos florais
Caracterización da reciprocidade en plantas heterostilas
Causas e consecuencias das invasións biolóxicas. O caso de Oxalis pes-caprae

Mágoa que o galego non sexa a lingua principal deste equipo da Universidade de Vigo.

venres, 28 de novembro de 2014

Alá fomos, alá non volveremos!

Escrito sobre a entrega de premios do certame do audiovisual OUFF, organizado polo Concello de Ourense e coa colaboración da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Está asinado polos centros IES A Cachada (Boiro), IES Félix Muriel (Rianxo) e CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro):


Os centros de ensino que asinamos este escrito acudimos o mércores, día 19 de novembro, ao acto de entrega dos premios Ouff Escola de Ourense e saímos da “gala” indignados e decepcionados, de feito estamos convencidos de que non volveremos participar neste certame mentres non detectemos que o modo de facer as cousas mudou de modo substancial.

xoves, 27 de novembro de 2014

Buydeal, premio Manuel Beiras 2013




O Departamento de Lingua Galega (DLG)do Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan anualmente o Premio Manuel Beiras co fin de outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización do uso do galego no sector empresarial. Con este premio queren lembrar a figura dun histórico comerciante compostelán destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua.
Na convocatoria do ano pasado premiaran a buydeal.es, unha empresa de venda on-line. Na lista de reprodución da canle do DLG pódese acceder a unha serie de vídeos doutros premiados.

Cando morre unha lingua, morre un mundo

por Félix Soria en Galicia Confidencial:

Veño de ler o conto da inmersión de nenos na língua de Shakerpeare. Non teño nada na contra de aprender idiomas, ao contrario. A vida ensinoume que coñecer idiomas sempre é bo e ás veces, necesario. Pero o empeño da Administración galega en somerxer a uns centos de nenos no inglés e a insistente publicidade que o Goberno e os medios “de orde” outorgan á iniciativa abunda na mensaxe de sempre. Non fai falla repetila. Entrementres e non por causalidade, o idioma galego está a piques de deslizarse por unha pendente rodeada de muros da que dificilmente poderá saír.

mércores, 26 de novembro de 2014

O mestre Olimpio Arca Caldas

Olimpio Arca, falando de Ramón Verea
 no IES Pintor Colmeiro
Onte chegounos a triste noticia da morte de Olimpio Arca Caldas. Quen non saiba quen foi bastaríalle con que lese o que del contan alumnos e pais da escola de Couso (A Estrada) nesta reportaxe que lle fixeron no nº 59 de Eduga.

El sempre estaba disposto a colaborar coa Asociación Cultural Vagalumes, así que non foron poucas as ocasións nas que asistín a actos nos que participaba Olimpio Arca. Lembro presentacións de libros como éste de Carlos Mella, impartindo conferencias como ésta sobre o antroido da Ulla, ou participando en actividades sociais e culturais da que escollo como exemplo a posta en coñecemento do roteiro Castelao na Estrada. Pero o que máis gravado me quedou foi cando hai 2 anos acudira  ao IES de Silleda  a participar nun dos actos do Día da Ciencia en Galego que aquel ano tiña como figura homenaxeada ao estradense Ramón Verea, o primeiro en construir unha máquina de calcular que realizaba produtos e divisións sen ter que facer sumas reiteradas.
Olimpio Arca  escribira unha biografía sobre o inventor estradense  e elaborara unha presentación para divulgar a figura do inventor. Como mostra da súa xenerosidade, deixounos a presentación para que a puidéramos compartir na rede.
Aquela tarde en Silleda demostrou Olimpio que era un mestre excelente, tivo aos rapaces enganchados cun tema que nun principio era pouco atractivo para eles: a biografía dun periodista con coñecementos de mecánica de finais do XIX.
- A ver, quen me sabe dicir onde está Moalde? -preguntou Olimpio
Unha chea de mans se levantaron. Comenzou un barullo de explicacións. Claro que o sabían, Moalde é unha das parroquias de Silleda.
- Pois á beira de Moalde hai outra parroquia da Estrada, Curantes. De alí era Ramón Verea, en concreto do lugar de Esmorís. Hoxe no adro da Igrexa de San Miguel hai unha escultura como ésta de aquí- comentaba sinalando o busto que tiña ao seu carón.
A estratexia é simple, pero hai que ter unha profunda alma de mestre para poder facelo. Primeiro ofréceselle a oportunidade de que os alumnos nos falen de algo que saben, unha cousa coñecida. Despois, xa os ten da súa man, é o momento de que o mestre lles conte o que lles quería contar. E non o fixo só unha vez. Recuncou, e aínda con máis éxito:
- Quen é do Barcelona?
Xa podedes imaxinar un fateixo de mans erguidas e polo menos outras tantas caras de disgusto.
- E quen é do Real Madrid?
Os descontentos eguen agora victoriosos as mans, os outros protestan.
-Pois moi mal! Facedes moi mal!
Fican todos desconcertados... e expectantes.
- Todos vós -continúa Olimpio-, todos!, tiñades que ser do Feminino de Silleda
Olimpio sabía que o equipo local de fútbol sala estaba dando moito que falar por ser o único equipo feminino nunha liga de 18. Algunhas das compoñentes eran compañeiras estudaban nese mesmo instituto. O alumnado estaba sorrinte e convencido. Entón era o momento da mensaxe:
- Eu vivín un empo en Barcelona e alí ninguén falaba do Deportivo nin do Celta. Estaban orgullosos do seu!
Ese día o meu alumnado de Silleda si que aprendeu cousas. Aprendeu que nos roubaran a historia, "os galegos descoñecemos a nosa historia e así non nos pode ir ben. En todas as escolas fálase do submarino de Isaac Peral que hoxe é o buque insignia de Cartaxena. Todos os libros de texto falan do autoxiro de Juan de la Cierva. Dá a impresión de que os galegos non somos quen de inventar nada. Non é así! O que pasa é que se nos escondeu a impresionante figura de Ramón Verea."
-Sabe alguén onde queda Bermés?
Claro que había alguén que sabía: "De alí é meu tío". O resto xa se pode imaxinar; continúa o mestre: "de alí era tamén Xosé Rodríguez, o matemático que estuda en París e realiza diversos traballos de carácter internacional como a medición do globo terrestre. Rodríguez foi profesor de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, o que fixo o mapa de Galicia. É unha mágoa que estes científicos, tan importantes, nos resulten completamente descoñecidos". Aínda que a desculpa era falar de Ramón Verea, naquela xornada de outono Olimpio o que fixo foi reforzar o orgullo polo propio dos rapaces de Silleda.
Ao día seguinte cando volvín á aula, o primeiro que me preguntaron foi cando volvía o mestre D. Olimpio para darlles clase. É moi difícil ser bo profesor. E el érao.

Cando espertou, o conflito lingüístico inda estaba alí

por Xabier P. Iglesias, no Sermos Galiza:


Recoñezo que en ocasións gostei inmenso do tono incisivo e provocativo co que Rodri Suárez asina os seus textos. Como é sabido non gosto do gris, nin dos tonos medios. Porén, inda percibindo certo ánimo de deliberada impertinencia (no sentido político) do autor, discrepo case que totalmente da súa última columna publicada en Sermos Galiza. Non vou entrar en sinalar a contradicción inicial de soster tal alegato precisamente na "páxina" dun medio que supuxo o regreso do galego aos quiosques. Algo para nada menor nun cenario de total esmorecemento mediático do noso idioma, como el ben sabe.

Bícame, son galego

por Rodri Suárez no Sermos Galiza:


Foi despois dun concerto en Andalucía de Transportes Hernández & Sanjurjo, a alianza minimalista entre o cantante de Siniestro e o acordeonista dos Diplomáticos. Unha das persoas presentes estabeleceu contacto cos artistas -“asíname isto e o outro” e todas esas cousas- e durante a pequena conversa dixo: “Siniestro Total son moi grandes, é unha mágoa que canten en galego”. Mimá. No entanto, a frase contén gran información. Por exemplo sobre a capacidade do grupo vigués para crear un universo propio que pode provocar que un sevillano pense que cantan en galego cando a súa obra é moi maioritariamente en castelán. Ou sobre a constatación de que existe unha sensibilidade -por desgraza ben estendida polo Estado- segundo a cal todo idioma que non sexa o español convértese nunha eiva. En todo caso, Siniestro si ten cancións na lingua propia de Galiza. Unha delas, malia o título en castelán, chámase Bésame, soy gallego.

martes, 25 de novembro de 2014

Vender e vendérmonos!

por Malores Villanueva, nas Voces de Prolingua:


O galego vende e vendería aínda máis se crésemos no seu valor desposuído dese medo intrínseco, dese discurso de trincheira, desas cancións de derrota que sentimos entoar tantas veces, porque por moi baixiño que as cantaruxemos prenden nos oídos de quen nos rodea.

sábado, 22 de novembro de 2014

Gamma 13

Desde que se presentou a finais de setembro tiven a intención de escribir unha referencia ao número 13 de  Gamma, a revista da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA).
Por primeira vez esta revista publícase dixitalmente e sen restricción de acceso aos seus contidos. Un acerto desde o meu punto de vista pois é unha excelente oportunidade de achegar aos non profesionais do ensino das matemáticas os traballos e intereses destes.

Artigos
Seguro que a moitos lles sorprenderá que o primeiro dos artigos comence cunha referencia a Uxío Novoneyra.  Tamén teño a certeza de que será un artigo do que calquera persoa allea ás matemáticas pode gozar.
Moi distinto é o que repasa algunhas das aportacións de Euler á teoría de números. O seu autor foi profesor meu de matemáticas e nas súas liñas podo achar o que para min é o seu inconfundible estilo, cargado dunha beleza precisa e núa. Posiblemente o único artigo que non recomendaría a quen non teña ansia polas materia.
Hai tamén un artigo adicado ao xogo do Mancala, que eu descubrira naquelas revistas Cacumen, outro sobre os números nos billetes, no NIF, no IBAN e nos códigos de barras, un máis que relata unha experiencia educativa dentro do marco e-Twining e para rematar unha oferta ben diversa, o cuarto e último capítulo dun dicionario de matemática escolar.

Seccións
O apartado PRENSAndo as matemáticas recolle noticias de prensa desde unha mirada matemática.
blogosfera matemática achéganos unha lista de 37 blogues con referencias matemáticas, 8 deles en galego, toda unha heroicidade.
No apartado audiovisual ofrécenos unha recompilación de momentos da serie de debuxos Os Simpsons con cortes matemáticos.
A arte do origami vén cun relato que nos leva a construir unha rá saltarina.

Actividades
Na caixa das actividades atopamos unha serie de concursos (Olimpíada, Rebumbio), encontros (Feira, Seminario federal, xornadas) e congresos que dan boa medida do interese do profesorado de matemáticas pola mellora profesional e o achegamento deste tantas veces deostado saber ao resto da poboación, especialmente ao alumnado.
Unha das achegas "Léxico matemático galego en Secundaria" fai referencia a unhas xornadas celebradas hai case un ano na Facultade de Matemáticas na que se fixo unha primeira aproximación ao estado da cuestión.

A Esmorga

por Marga do Val no Sermos Galiza:

Non podo ver aínda o filme e desexos non me falta. A novela é unha desas marabillas da escrita que vai medrando connosco. Xa pasara a metade da década dos oitenta, xa estabamos preparándonos para nos botar ao mundo como profesores e profesoras de lingua e literatura galega, cando o compañeiro Millán Otero nos descubriu a historia da navalla e mudou para sempre a nosa lectura sobre A Esmorga. Aquel artigo de Millán Otero publicado no semanario A Nosa Terra, leuse moito, pegouse nas paredes da vella facultade en Mazarelos. Unha lectura inteleixente que nos mudou a obra. Non sei que vai acontecer coa navalla na fita(?) Non sei como se tratarán as personaxes femininas (?) Esas personaxes con tanta fondura detrás das imaxes que Blanco Amor constrúe. Para min as mulleres na Esmorga son fundamentais, descobren e encobren a violencia do patriarcado, descobren e encobren a violencia de xénero. Sobreviven ou morren. Son vítimas do sistema e Blanco Amor logrou facer esa denuncia.

A esmorga, un salto de xigante

por Francisco Rodríguez no Sermos Galiza:


Necesitamos falar de nós, construírmos unha imaxe, tamén cinematográfica, do noso mundo, o mundo galego, un anaco de humanidade con dereito a expresarse en plenitude. Desta necesidade proveñen os mellores logros artísticos cos que temos contribuído como pobo no campo da literatura, por exemplo. A esmorga de Blanco Amor, publicada en 1959 pola editorial Citania de Buenos Aires, é un deses logros, significativo por moitas razóns. Gustaría de subliñar un dos seus aspectos centrais, a forza motriz que a orixinou. Ten moito a ver co noso papel pasado e actual como pobo, coa emigración como fuxida e coa reintegración real ou soñada desde a distancia. Tamén co tipo de sociedade que somos: unha sociedade implícita e explicitamente opresiva, sometida a fortes doses de violencia. E como non, como todo pobo negado ou desprezado, moi necesitados de cronistas que, desde dentro, sexan quen de facer aboiar a nosa verdadeira historia, aquela que as crónicas oficiais ignoran ou desprezan a mantenta.

venres, 21 de novembro de 2014

Val de Xálima

por Xulio Pardo de Neyra na Praza Pública:


Tiven a gran sorte de traballar, durante máis dun lustro, na prestixiosa Universidade da Estremadura. E tiven a gran sorte, que tampouco a teñen moitas persoas, de vivir na cidade española de Cáceres. Cando me incorporei á vida ordinaria daquel pequeno núcleo, non ben comecei a comprobar a ledicia e o agarimo daquela comunidade humana, e o enorme afecto que me ían ter os e as compañeiras da Facultade na que ía desenvolver o meu traballo; observei que as cacereñas e os cacereños, castelán-falantes en boa lóxica, posuían un sotaque curioso, moi aproximado ao da próxima Andalucía, mais nada parecido ao da tamén próxima Castela á que se adoitaban aparentaren sentimentalmente. Con todo, e non curiosamente talvez, nas festas locais da cidade, polo padroeiro san Xurxo, case nada celebraban; agardando a chegada do mes de maio, moito máis benigno climatoloxicamente, cando realizaban unha rechamante “Feria de mayo” case copia literal da sevillana “Feria de abril”.

xoves, 20 de novembro de 2014

U día du Pan Quenti

pan quenti from Ani González on Vimeo.

Os nenos da E.E.I Monte da Guía (Vigo) teñen un grupo de amigos no CEIP Nosa Serñora da Ascensión en Valverdi du Fresno (Cáceres). Alí non celebran o Samaín, a súa festa é a do Pan Quenti, untha tradición que comparten cos concellos veciños de San Martín de Trevellu e As Ellas Para explicarllo aos rapaces de Vigo fixeron este bonito vídeo.


mércores, 19 de novembro de 2014

Encontros para un estudo




Posiblemente por telo físicamente non se me dou por facer referencia a este traballo sobre Manuel García Barros que fixeron os alumnos de Literatura galega do século XX do IES que leva o nome do escritor estradense, dirixidos polo seu profesor Carlos Loureiro.
Nos anos 90 organizárase uns encontros na Estrada arredor da figura de García Barros. Esas xornadas graváranse en casetes, esta publicación é a transcrición dos mesmos. Foi editada polo Concello da Estrada.

A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?

por X. M. Lema, nas Voces de Prolingua:


A ‘doma e castración’ do córnico
Segundo Philip Payton, na súa Cornwall’s History (2010), o idioma celta de Cornualles tivera un desenvolvemento normal e puido resistir a presión do inglés ata mediados do séc. XVI. Como consecuencia da ruptura do rei Henrique VIII co papa, que deu lugar ó nacemento da Igrexa Nacional de Inglaterra (o anglicanismo), impúxose pola forza a lectura da Biblia en inglés nas igrexas, substituíndo o latín. En 1549, con Eduardo VI, imponse a Act of Uniformity (‘Acta de Uniformización’), xunto co Book of Common Prayer (‘Libro da Oración Común’), que supoñía o uso obrigatorio do inglés nos rezos e na liturxia da Igrexa Anglicana. Os eclesiásticos córnicos protestaron aducindo que o seu pobo non entendía o inglés, pero o arcebispo de Canterbury retrucoulles dicindo que o latín aínda o entendían menos. Os córnicos chegaron a defender a súa lingua coas armas na man, pero o seu exército sería derrotado en Exeter e os ingleses iniciarían decontado a pacification of Cornwall, que lembra moito a “doma e castración do reino de Galicia” polos Reis Católicos, anterior no tempo. Executáronse prisioneiros en masa e penduráronse da forca cregos e bispos rebeldes de Cornualles.

luns, 17 de novembro de 2014

Presentación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao



Prezi de Castelao, realizado por María José Martínez Paz, alumna de 2º de bacharelato do IES de Curtis

O idioma da casta

por Miguel Anxo Abraira, no Sermos Galiza:


Ao xantar soemos comentar en familia como nos foi a mañá. Sobre todo Artur e Xoana na escola. Xoana, a nena que está deixando de ser nena, empezou este ano o instituto e polo tanto ten varios mestres e comentou sobre eles. O de Ciencias da Natureza sei que lles fala en castelán e mesmo ten a habilidade de traducir o libro do galego ao castelán con gran soltura. Sei que lle falta a "soltura" (non quero ser faltón) á hora de dar a sinatura en galego que é o que corresponde. Pola tarde fomos mercar libros, cadernos, gomas de borrar e tamén unha axenda escolar. Dentro do apartado das axendas estaban as feitas en lingua española e as feitas en inglés; por supostos non había nin unha soia axenda en galego.

O galego desángrase

por Héctor Fernández Leiro, na Praza Pública:

Pode parecer nos tempos que estamos a vivir, que a cuestión idiomática é algo superfluo, secundario, ata de señoritos, preocuparse polo idioma tendo na man os indicadores de pobreza, desnutrición infantil, exclusión social, desemprego... En cifras alarmantes. Máis é algo que está moito máis relacionado con todo iso do que poderíamos pensar nun primeiro momento. É unha cuestión política ligada ó noso modelo produtivo económico e social.