Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 31 de marzo de 2015

Que frío vai no mundo! Que ben se está no teatro!


O 27/03 foi o Día Mundial do Teatro. Se en Galicia hai unha actividade da que podemos gabarnos de estar normalizada á a da actividade teatral. De aí o maltrato que sofre por parte dos gobernos galegofóbicos. Por iso merece a maior divulgación posible esta pequena peza audiovisual na que os veciños de Carballo recitan o manifesto escrito por Xurxo Borrazás para o Día Mundial do Teatro 2015.
Que frío vai no mundo!
Que ben se está no teatro!

Palabras para o Día do Teatro

por Manuel Lourenzo, no Sermos Galiza:

O teatro é a nosa ventilación, unha constante xanela aberta.

Os pobos dominados, pisados, abafados, carecen de teatro.

Ao pobo galego, dada a súa dramática historia, custoulle arrancar co teatro.

luns, 30 de marzo de 2015

O galego é de todos



Vídeo gañador da edición 2015 do Correlingua. Os autores son do CPR Sagrada Familia de Aldán. Un rap e un vídeo moi traballados. Parabéns!
Pódense consultar moitos outros vídos que participaron nesta edición.

Darlle á lingua en cantidade e con calidade

por Mercedes Queixas no Sermos Galiza:


Afirmar que a boa saúde dun idioma é diagnosticada a través da natural transmisión interxeracional e da fidelización intraxeracional do seu uso social pleno e, consecuentemente, ilimitado, é redundar na evidencia do acontecer lingüístico-cultural de cada comunidade.

domingo, 29 de marzo de 2015

Novo desastre no santuario da Virxe da Barca

Grazas a Felipe chegoume a penosa noticia que se recolle nesta fotografía.
De todos é sabido que un incendio arrasara o santuario da Virxe da Barca no nadal do 2013. Aos poucos días do desastre Núñez Feijóo anunciaba que a Xunta colaboraría na reconstrución do templo. Dúas semanas despois a Xunta adxudicaba o proxecto ao Gabinete de Arquitectura “K2C Arquitectas”. Pouco máis dun ano despois unha defeita leva a outra: o nome da igrexa transmutouse no de *Nuestra Sra. de la Barca O desprezo pola lingua ten, xa que logo, responsables: Xunta e Igrexa.
Velaí un novo caso no que o galego non é a lingua por defecto. O caso xa foi denunciado pola Mesa, quen lle dirixiu unha carta a Feijóo para que se repare o novo desaste. Eu xa adianto a resposta. O presidente da Xunta botaralle a culpa á Igrexa, da que dirá que é un ente autónomo e que a Xunta non pode facer nada no asunto. Pois se era tan autónomo non sei a conto de que se apurou tanto a ofrecer os cartos e o apoio da Xunta. E se a Xunta non ten nada que dicir neste caso, vai ter razón Manolo Rivas, e a lingua oficial é o silencio.

P.S.: O Carrabouxo acertou unha vez máis:

xoves, 26 de marzo de 2015

Boletín para as familias nº2 desde o IES Pintor Colmeiro

Esta semana repartimos no IES Pintor Colmeiro o segundo boletín para as familias no que se explican algunhas características do uso da lingua no entorno máis próximo. En concreto fálase dalgúns datos sobre o uso do galego por parte dos establecementos comericais e das administracións en Silleda.

Tamén se informa sobre algunhas ideas sociolingüísticas como son a necesidade de incrementar o grupo dos galegofalantes desbotando referencias terminolóxicas prexuizosas como a de asumir que a nosa fala é un castrapo. Unha outra referencia consiste nun apunte sobre a diglosia, que se contrapón á normalización.



mércores, 25 de marzo de 2015

Apego ao galego



A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo son os 12 concellos que se apuntaron a botar a andar o proxecto Apego co fin de ofrecer un salvavidas á socialización en galego nas idades máis temperás. Todos estes concellos teñen un Servizo de Normalización Lingüística, presuposto imprescindible para poder levar a cabo este proxecto xa que serán os técnicos de normalización quen o desenvolvan. Vemos nesta ilusionante proposta outra vez como a política lingüística do goberno vai contra o impulso social a favor do galego xa que unha das liñas directices da Xunta foi a da falta de apoio a estes SNL.
Apego quer ocupar ese espazo de benvida dos nenos que nacen mirando o modelo de Finlandia. Un paso fundamental será a da distribución de caixas nas que os futuros pais encontrarán un libro de recomendacións, un álbum de primeiras experiencias, unha manta-apego, un medidor,.... A finalidade é a de recibir ás crianzas desde o compromiso da transmisión da lingua, un espazo que, sen dúbida debía ser asumido non só por esta ducia de concellos, senón pola súa totalidade. Veremos como aquí a inútil Rede de Dinamización Lingüística segue afondando na súa inutilidade.
Non sobra botarlle un ollo ao vídeo no que a técnica do SNL de Pontevedra, Conchi Cochón, explicou nos X Curso de Verán de dinamización lingüística, explica moi detalladamente en que consiste o proxecto. Unha das pólas do mesmo que parece que polo momento non se pode desenvolver consistiría na creación dun espazo web no que os pais compartirían experiencias sobre a crianza dos nenos. Non sobraría que as Consellarías de Sanidade, Educación e Benestar tomasen por unha vez a iniciativa e desenvolvesen este proxecto. Aviso aos zunantes: non teñades medo, non o veremos.

P.S.: Nace o proxecto apego

martes, 24 de marzo de 2015

Suleiman, un alemán estudante de física que aprende galego



Chegounos o vídeo grazas á difusión que Prolingua fixo del. Consiste nunha simpática peza na que Suleiman explica como é a súa vida de estudante de Física na  Freie Universtät - Berlin e as circunstancias que o levaron a querer aprender a nosa lingua.

A culpa non botedes á Virxe do Cristal

por Xosé Antón Laxe Martiñán, nas Voces de Prolingua:

Hai certos bens que non celebran a saudade nin teñen valor conmemorativo, senón que materializan o valor intanxible doutro ben que, se non situado no mesmo chanzo da elite, si lle anda moi próximo. Cunha consigna que percorrerá os séculos como cápsula do tempo, máis que cunha advertencia, como era adoito nel, instruía Castelao sobre o valor da lingua: un monumento superior á catedral de Santiago.

Sr. Presidente (III)

por David Otero no Sermos Galiza:
Sr Presidente: non vou ser eu ( nin ninguén con quen eu amigo ou convivo) quen lle teña envexa algunha polos milleiros de quilómetros que faga polo mundo adiante, pero si aplicareille o conto polo que desas viaxes nos trae de ben para o noso pobo.Que se din que para que vai ? “ Para o que trae·”( contestamos).Que se non vai ? “ Total… para o que trae” ( dicimos). Así que mire, sen envexa ningunha , alá vostede. Faga o que entenda e lle fale a súa conciencia ( porque de noite coa almofada falará… ou?), que nós sacaremos as nosas conclusións, pois vostede abofé que de dar explicacións nada de nada. Xa nos ten afeitos. E por aquí hai que ver o ben que o pasa mitineando por terras de (“La”, din os seus) A Coruña, polas do (“El”) Ferrol ( del caudillo?) disfrutando do aquel de “ Ferrol quiere” ( non galego precisamente). Si señor, como diría don Anxel Fole, si señor, repetía. Actitude e consenso no horizonte.Vaites, vaites, diría Daniel.

luns, 23 de marzo de 2015

Carretera N-550

A nova variante de Padrón xa está en marcha... Tal e como se podía ler a nova no portal da TVG, os representantes políticos afirmaban que
 "Por fin chegou esta solución, nesta obra se ve [sic] a utilidade dos envestimentos. Solucionouse unha necesidade que estaba aí"
Son tres quilómetros de estrada que permiten evitar a travesía da N-550 que cruza a vila e que utilizan 17.000 vehículos diariamente e todas as persoas que diariamente vaian neses 17.000 vehículos lerán este sinal da inauguración do tramo: CARRETERA N-550.
Os actores principais do acto de apertura da variante eran Ana Pastor e Alfonso Rueda, dous dos pancartistas da infame manifestación do 8 de febreiro do 2009 contra a lingua galega. Quizais sexa por iso que o petouto que chantaron para conmemorar a inauguración sexa tamén unha homenaxe á exclusión do galego.
Así é como fai as cousas quen nos goberna. Cun pouco de sorte, e se hai a fortuna de que o caso chegue ao escándalo, pode ser que ao cabo duns meses retiren o trangallo. Daquela non faltarán voces que se escandalicen porque se anden a gastar os cartos en tonterías como a de empeñarse en traducir carteis do castelán para o galego. Mentres só nos queda a solución do spray que confirma que aqueles que ocupan o poder están a facelo como servos do centralismo e non para servir ao pobo galego.

domingo, 22 de marzo de 2015

O decreto do plurilingüismo a debate en Telelugo




O pasado 19/03 a normalización lingüística foi o tema do programa Lugo a debate de Telelugo. Nel participaban  Manuel Regueiro Tenreiro, quen fora director xeral de política lingüística na era Fraga, Luís Villares titular do xugado contencioso nº 2 de Lugo e Mónica Pazos, vicepresidenta da Mesa.
O centro do debate foi o funesto decreto do plurilingüismo e resulta moi ilustrativo que incluso unha persoa cunha visión obsoleta como Regueiro Tenreiro exprese o seu disgusto co mesmo, lembrando o pacto do PXNL, e como co actual goberno quedou en papel mollado. Tamén pediu que se escoitaran aos Equipos de Normalización.
O xuíz Luís Villares desenvolveu os seus coñecidos argumentos xa explicitados no libro Estudos xurídicos sobre o decreto do plurilingüismo explicando que para o desenvolvemento da liberdade é necesario antes o coñecemento e a existencia de espazos de uso.
Mónica Pazos reiterou a necesidade dunha volta ao consenso e ao diálogo para o establecemento de políticas lingüísticas non excluíntes co galego.

sábado, 21 de marzo de 2015

Ollos de aula.20

Chegounos o número 20 da Revista Ollos de aula, cunha invitación a ter coidado co bolígrafo vermello cando se trata de avaliar a aqueles alumnos que usan o galego de seu, non sexa que se castigue o uso dos dialectalismos antes que a falta de uso da nosa lingua.

venres, 20 de marzo de 2015

A meirande iniciativa en prol dun idioma ten lugar en Euskal Herria: Korrika

por Lander Arbelaitz, no Sermos Galiza:

O 19 de marzo, os cidadáns e as cidadás vascas porán en marcha a iniciativa máis multitudinaria que calquera pobo do mundo leve a cabo en prol do seu idioma. Participarán nela centos de milleiros de persoas, entregándose de man en man, sen interrupción, un testemuño que simboliza a propia lingua. Ao longo de once días e dez noites, nunha festa de 210 horas de duración, correrán aproximadamente 2.300 kilómetros, unindas a maioría das vilas e cidades de Euskal Herria entre si. Euskal Herria está en Europa, entre o sur do Estado Francés e o norte do Estado Español.
No seguinte vídeo pódense ver imaxes das últimas edicións de Korrika

A Divina Comedia en galego

por Xosé Lois García no Sermos Galiza:

Dante Alighieri toma de novo repercusión e autoridade no noso idioma, nunha elaborada edición desas que impactan ao bo lector e que aporta Edicións da Curuxa (2014). De renovada tradución de Darío Xohán Cabana, cunha ampla e profunda introducción, partillada en dúas temáticas: “Vida de Dante” e “A Divina Comedia”, con extensas notas a lado de páxina, creando un ordenamento estético que define a este libro dentro dun cadro espacial moi definido dando rigor e singularidade a unha edición ben pensada e estructurada.

mércores, 18 de marzo de 2015

TV Escola. O ABC da Astronomía

A TV Escola é o canal da televisión pública do Ministério da Educação de Brasil destinada aos profesores alumnos e a todos interesados en aprender. Trátase dunha colección de recursos enormes que non podemos deixar de coñecer, sobre todo os galegos. Para ter unha idea das dimensións desta plataforma, bastará con apuntar que na súa canle de You Tube teñen máis de 14.000 vídeos subidos e que isto non representa máis que unha pequena parte de todo o material ao que podemos ter acceso na TV Escola.
Hai algúns vídeos que requiren que estemos logueados para poder velos como é o caso do audiovisual A beleza dos diagramas, un documental de Marcus du Sautoy, por poñer un caso. Porén non teremos problema ningún en acceder a eles xa que non nos nos dificultan o ingreso na plataforma.
Por destacar só unha das múltiples posibilidades deste portal, velaquí un dos capítulos dos 30 da serie ABC da Astronomía. Trátase duns documentais guiados polo profesor e astrónomo Walmir Cardoso que vai percorrendo o alfabeto da lingua portuguesa. Por exemplo temos capítulos adicados á Astronomía, ao Ano luz, ao Big Bang, ..., Raios X, Yuri Gagarin ou Zodíaco. Destácase desta serie que de temática astronómica que está elaborada desde un punto de vista do hemisferio sur, punto de vista pouco usual neste tipo de recursos de divulgación científica, que normalmente nos aportan unha visión centralista, a do hemisferio norte. Así, en capítulos como o das Constelacións podemos aprender sobre aquelas que non se poden ver nunca nas nosas latitudes.
O escolla do vídeo foi feita pensando especialmente nunha persoa fundamental na normalización lingüística nas últimas décadas, Agustín Fernández Paz, autor do libro A viaxe de Gagarin. Así aproveito unha vez máis para insistir en que ciencia e lingua non son campos enemigos, como nos queren facer ver desde zunia que dirixe a política lingüística no noso país e que prohibe o uso do galego na impartición de aulas e nos textos educativos.

´

Estou seguro de que esta entrada non vai ser a última na que faga referencia a este extraordinario portal, TV Escola. Xa que desde a Xunta nunca houbo interese ningún en contribuir ao ensino achegando material audiovisual, non nos queda outra que poñer a vista nos países da lusofonía para ter acceso a este tipo de posibilidades.

martes, 17 de marzo de 2015

21 días co galego. Edición 2015

Un traballo enorme e tamén unha gran reprecusión no entorno, e en xeral, nos ENDL de toda Galicia. Vén de rematar a 3ª edición desa festa da normalización que é 21 días co galego, organizada desde o IES da Pobra do Caramiñal.
Mágoa (sempre hai algo negativo), que todo isto non se vexa recoñecido desde a primeira entidade que tiña que pegar chimpos de alegría polo desenvolvemento de todo este proxecto. O normal sería que a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) recoñecese de divulgase os 21 días co galego desde o seu portal. O normal sería que o ENDL do IES da Pobra recibise os parabéns desde as oficinas da SXPL. No canto diso só podemos achar unha referencia, e con moito traballo, nun lugar ben escondido: SXPL>Equipos de Dinamización>Dinamización do Contorno21 días co galego>  páxina sen contidos. Batemos de fronte ao desleixo, ben escondida está a ligazón a unha páxina do proxecto datada no ano pasado e na que non hai nada. Isto é o que lle importa á SXPL o (bo) traballo para a normalización nos centros de ensino.
As iniciativas saídas deste forno chegaron desta volta ás ondas da Radio Galega ou á portada do dixital Praza Pública. Seguramente o punto máis innovador deste ano foi a participación de alumnos ou xente relacionada co centro desde distintos lugares do mundo como Finlandia ou Colorado.
Unha das liñas seguidas nestes 21 días foi a da recomendación de sitios web galegos, a razón de polo menos un cada día. Velaquí a recompilación que fixeron. Grazas polo esforzo realizado e polas ideas que nos suxerides desde esta iniciativa.
Día 1: disquecool
Día 2: GZMúsica
Día 3: Praza Pública
Día 4: AGIR, o manifesto, Liga Estudantil Galega
Día 5: o creatorio
Día 6: Memoria pixelada
Día 7: Rebumbio
Día 8: mundo-R
Día 9: Patrimonio Galego
Día 10: IGE
Día 11: EnSerie
Día 12: Brinquedia
Día 13: agasallo.eu
Día 14: feminismo.info, fgme.es, implicadas.net
Día 15: galiciasolidaria.org
Día 16: Portal das palabras
Día 17: GCiencicia
Día 18: Código Cero
Día 19: botóns.eu
Día 20: Caramuxo, Chambras, Gabandello, Lobishome, Nicetrip, Nikis, reizentolo, O-Visio
Día 21: OZOCOgz, Vitaminas para o galego

luns, 16 de marzo de 2015

Maratón pola lingua galega



Desde Irmandade TV e Radiofusión, esdtán preparando a emisión en directo a través das súas respectivas canles,  unha maratón de 12 horas sobre língua galega. Estaremos atentos.

domingo, 15 de marzo de 2015

De blogues.34


  • Galiza e a hora solar, 15/06/14,  por Xaime Martínez en Coa agulla do compás
  • Se falas Galego, non es de Matemáticas, 09/02/15, no blogue E digo eu...
  • Eu son Rosalía,01/03/15, en Zarampagalegando, o blogue da Churrusqueira
  • Dicionario visual. Precisión,02/03/15, en Zarampagalegando, o blogue da Churrusqueira
  • Tipo de interese, 02/03/14, por César Lorenzo Gil en Dúbidas da lingua
  • «Batmacumba», 04/03/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Galegofalantes: caza e captura do Mohicano., 04/03/15, por Sergio Lamas Figueira, no Bico da Ría
  • Ars dedicandi: Ramón Otero Pedrayo, 05/03/15, por Armando Requeixo en Criticalia
  • ROMÁN RODRÍGUEZ FAI OÍDOS XORDOS Á OFERTA DE DIÁLOGO DO COLECTIVO CELGA, 05/03/15, en Lingua precaria
  • Onte 1255: Un plan para o libro, 06/03/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Día de Rosalía: empregando o galego facémoslle a mellor homenaxe, 10/03/15, por Miguel González Valle no Bico da Ría
  • 21 O: neocastrapo político (A voo de tecla, 10/09/2012), 10/03/15, por Xavier Alcalá no seu blogue
  • Das aulas ao Parlamento, 12/03/15, por Carme Lamela en Galego en Madrid
  • Onte 1263: Noite da Edición 2015, 14/03/15, por M. Bragado en Brétemas

Sarrionandia fala a nosa lingua

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

O lectorado galego ten xa a sorte de poder acceder á obra poética de Joseba Sarrionandia, un dos principais escritores vascos contemporáneos. Isto é posíbel grazas á edición que sacou do prelo Faktoría K de Libros.