Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 12 de novembro de 2015

A estraña lingua de Mrs. Corina e a Dra. Porro


Corina Porro, ex-directora xeral, ex-deputada, ex-senadora, ex-presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, ex-alcaldesa de Vigo e actual presidenta do Consello Económico e Social (CES), comparecía a principios deste mes no parlamento. Neste inenarrable vídeo responde ás preguntas que lle fixera o deputado de AGE Juan Manuel Fajardo.
Recomendo o vídeo como un valiosísimo recurso educativo a todo ese profesorado que teña que explicar algunhas ideas básicas de sociolingüística. O documento serve, entre outras cousas, para desvelar como a lingua é moito máis que un simple código de comunicación. Neste caso pode mostrarse moi claramente a actitude de desprezo de Corina Porro co galego nun contexto e cun discurso que, nun principio, nada ten que ver coa lingua.
A recomendación ten hoxe máis sentido, cando está máis que recoñecida a importancia de sustentar modelos lingüísticos de calidade como armazón necesaria, aínda que non suficiente, dun proceso de normalización lingüística que se poida cualificar de tal cousa. Quen quixera profundizar máis no tema pode ler o libro editado por Bahía, Modelos de lingua e compromiso. O seu coordinador, Xosé M. Sánchez Rei facía estas clarividentes declaracións nunha entrevista no Praza cando lle preguntaban sobre o nivel de calidade da lingua empregada polos políticos:
hai persoas que acreditan no galego e outras non, pero non se pode acreditar nunha lingua que se está atacando continuamente. Ademais, o goberno de Feijóo foi e é o máis daniño para a lingua de todos os que ten habido na Xunta, empezando xa por como fala o seu presidente e os seus conselleiros e secretarios xerais
... e presidentes/as doutros organismos, habería que engadir.
Velaquí a transcrición do surrealista relatorio de Corina Porro (ACLARACIÓN: non é que o texto estea mal escrito, ou que teña erros, é que o dixo exactamente así):
"En cuanto al señor Fajardo, quería decirle que estamos de acordo sobre alguna consideración que xa fixo o ano pasado sobre alguna cuestión que ten que ver con la ... si es convinte o no que exista más representación no CES. En canto a esta cuestión quero decirle que nosotros convenimos en que o terceiro sector e aquela parte da nosa sociedade, excluídos os chamados sector público e privado que desenvolven actividades económicas o sociais sin ámbito de lucro en beneficio da colectividade e considero, sen lugar a dúbidas, que nun futuro próximo debería estar presente nun organismo como é o noso. Sería pois una tarea que deberá abordarse no vindeiro mandato do CES. Creo que esto todavía non está falado dentro pero teño que decile que eu estou de acordo
En cuanto a la mellora de la página web creo que lo dixe na miña intervención. Es necesario, es necesario que toda actividade que teña o CES pues que esté más reflexada, que tengamos moitísimas más, tanto xornadas como todo o que se está facendo que tenga más visibilidade e por eso lo anunciaba tamén na miña intervención.
En cuanto a los orzamentos, en cuanto aos orzamentos, decirlle que as contratas de los traballos que se fan de limpieza, etc. etc., los tenemos los tres organismos, los tres organismos que estamos no edificio y están sujetos a licitación pública. Os levamos entre os tres.
Y que en gastos diversos, efectivamente, en gastos diversos están las jornadas y tamén están como decía, como usted ya pensaba que os cadernos recogen, van a recoger esas jornadas y va a ser el trabajo que se vai a desenrolar a partir de ahora.
Me fai una pregunta que creo que está suficientemente clara a nivel público que es o asunto do que me habla sobre algo en que yo non teño nada que ver como quedou demostrado. O asunto do que me habla xa ten sido valorado en una primera fase pola investigación previa sin consecuencia xurídica ningua para a miña persoa. Así foi considerado tanto pola fiscalía como pola xuez. Entón no se puede falar de que teña que dar ningún tipo de explicación sobre algo que non existe.
En canto al señor González Santín..."
      Corina Porro, Comisión de Economía do Parlamento Galego. 3 de novembro do 2015

O peor de todo é que de certo que se a Corina Porro lle preguntaran á saída da Comisión en que lingua falou alí dentro, seguro que afirmaba toda convencida que "en galego, por supuesto".

mércores, 11 de novembro de 2015

Boina style



Hai xa unha temporadiña que no muro do Clube da Lingua, unha páxina de facebook do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), estamos vendo unha chea de xente levando vestida cunha boina. Trátase do máis cool do momento, levar boina é estar á última.
Tamén é unha maneira lúdica de promover a lingua galega. Aquel ou aquela que a levan non só falan en galego, son ademais defensores activos da nosa lingua.
Neste vídeo incluso se atreveron a remedar ao Gangnam Style e ben se ve que o pasan de marabilla. Non hai nada mellor que celebrar a normalización con festa e alegría.


P.S.: parece que xa se está a divulgar esta moda

luns, 9 de novembro de 2015

A canción dos dedos das mans



Grazas ao mil veces recomendable blogue de Carlos L. Medrano, Xogos de Lingua, chégame este vídeo que xa vira circulando polo facebook pero que non atopei nun formato inserible neste blogue ata agora.
No audiovisual móstrase un obradoiro do proxecto Apego posto en funcionamento por Luís Prego, do grupo musical Ardentía. Todo un acerto o de incidir e destacar a importancia da transmisión da lingua nas etapas da vida máis temperás.
A Mesa vén denunciando desde hai anos que por culpa do funesto decreto do  plurilingüismo o galego ficou excluído do ensino infantil nas cidades, e mesmo demostraron que as cousas van a peor. Tal é o escándalo que incluso unha Real Academia Galega que normalmente non atende a este tipo de cuestións, se viu na obriga de pedir que se tomen medidas urxentes para reverter a situación.

venres, 6 de novembro de 2015

O péndulo de Huygens

Desafortunadamente xa estamos celebrando a VI edición do Día da Ciencia en Galego, data instaurada para denunciar a exclusión do galego que a Consellería de Educación quer impoñer nas aulas de ciencias e tecnoloxía. Un dos personaxes que se toman como desculpa para centrar os actos desta sexta convocatoria é Christiaan Huygens (1629-1695), coñecido normalmente por ser quen determinou a forma dos aneis de Saturno ou pola teoría ondulatoria da luz quixera destacar algunha das súas aportacións en relación cunha curva moi famosa no desenvolvento das matemáticas: a cicloide.
Para explicar en que consiste unha cicloide quizais o mellor sexa ver este gif
Efectivamente, a cicloide describe a traxectoria dun punto situado nunha circunferencia de radio a que xira sobre unha recta. Neste caso, se consideramos que o punto que nos debuxa a cicloide comenza a súa andaina na orixe dun sistema cartesiano e a circunferencia roda sobre o eixo de abscisas, as súas ecuacións paramétricas virán dadas por: 
$$\left\{ \begin{matrix} x=a\left( t-sent \right)  \\ y=a\left( 1-cost \right)  \end{matrix} \right \\ \\ \\ $$
Onde t mide o ángulo que forma o radio que une o punto co centro da cricunferencia e o radio perpendicular ao eixo de abscisas.$$x=OA-OQ=a\cdot t-a\cdot sent$$
$$y=AC-AB=t-a\cdot cost$$

Parece ser que a primeira referencia da que se ten coñecemento foi obra de Nicolás de Cusa cando estaba estudando o problema da cuadratura do círculo.
A primeira sociedade científica da historia non era exactamente unha sociedade. Tiña nome e apelidos e chamábase Marin Mersenne (1588-1648). Con moitos coñecementos e contactos, e con boa relación cos científicos do momento sabía a quen informar e sobre que. Foi un dinamizador da ciencia da primeria metade do XVII. El tamén se ocuparía da cicloide. Proporíalle a Roverbal o cácula da área determinada por un arco de cicloide, que é o triplo da área do círculo que a xenera: $$3\pi { a }^{ 2 }$$
Galileo tamén se había de ocupar da cicloide e transmitirá o interese por esta curva a discípulos seus como Evangelista Torricelli ou Vincenzo Viviani. Será Blaise Pascal quen descubriría múltiples propiedades da curva.
A cicloide é a braquistócrona. Todos sabemos que a traxectoria máis curta entre dous puntos é unha liña recta, pero cal é a curva que  isto é, a curva pola que un peso caería en menos tempo desde calquer altura ata un punto máis baixo a certa distancia da vertical. O problema de achar a curva braquistócrona foi proposto por Johann Bernouilli no 1696. El mesmo dou a solución, como Leibniz, Newton, Jacob Bernouilli e L´Hôpital.
Huygens tamén fixo a súa aportación ao estudo desta curva cando resolveu o problema da curva tautócrona. Se deixamos caer unha bóla pola curva, o tempo que tarda en chegar ao punto máis baixo é o mesmo independentemente da altura á que deixamos caer a bóla. Así, un péndulo que describira unha traxectoria cicloidal tería un período de oscilación independente da amplitude. Huygens demostrará tamén que a evoluta dunha cicloide sería outra cicloide igual.
Pero que é a evoluta dunha cicloide?, máis en xeral, que é a evoluta dunha curva?
Para responder precisamos antes saber o que é o círculo osculador dunha curva,  concepto introducido por Descartes no 1637 na súa Xeometría. Dado un punto dunha curva chamaremos círculo osculador (círculo que bica á curva) a aquel círculo que é tanxente á curva pola súa parte cóncava. O radio do círculo osculador é o chamado radio de curvatura. O seu módulo dános información de como é a curvatura da curva. Non me resisto a dar a fórmula do radio de curvatura:
$$R=\frac { { \left( 1+{ y }^{ { ´ }^{ 2 } } \right)  }^{ \cfrac { 3 }{ 2 }  } }{ \left| { y }^{ ´´ } \right|  } $$ Pensemos que os radios de curvatura son todos perpendiculares á curva. O centro do círculo osculador chámase centro de curvatura.
A evoluta dunha curva é outra curva formada polos centros de curvatura. Como xa comentamos anteriormente, a evoluta dunha cicloide é outra cicloide igual. Curioso, non? Podémolo comprobar na seguinte aplicación movendo con coidado o punto P activarase o rastro dos centros de curvatura e veremos como se vai debuxando a súa evoluta:  (Coa roda do rato podemos cambiar o tamaño do esquema así velo todo)




Isto permitiríalle a Huygens a construción dun péndulo cicloidal. Bastaba con colocar unhas guías cicloidais co fin de que a barra do péndulo sempre fose tanxente a esas guías. Consecuentemente a bóla do péndulo describiría a un tempo unha traxectoria ciloidal.
Se lle dámos a volta, cabeza abaixo á anterior aplicación obteriamos o esquema que aparece na seguinte, onde se reproduce o péndulo imaxinado por Huygens. (Coa roda do rato podemos cambiar o tamaño do péndulo e así velo todo)



Despois do comentado pode dar a impresión de que Huygens fixo uso do cálculo diferencial, pero non foi ese o caso xa que usou únicamente métodos xeométricos. Desafortunadamente non podemos dicir que Christiaan Huygens participara das matemáticas dos bicos. Podemos comprobalo no libro no que publicou os resultados que vimos de comentar.  Paradoxalmente os resultados máis importantes deste libro tómanse como o punto referencial da primeira aplicación da xeometría diferencial. Isto é unha carácterística moi común no desenvolvemento científico xa que en non poucas ocasións acharemos tratados, mesmo resoltos problemas que hoxe caen dentro dunha rama específica, pero que foron estudados con métodos doutra rama xa que ésta aínda non estaba desenvolvida. Lembremos que Isaac Barrow establecera nin máis nin menos que o teorema fundamental do cálculo aplicando tamén únicamente métodos xeométricos. Todo isto dá lugar a pensar que nesa altura, ben andado o século XVII, dalgunha maneira estaba determinada a futura elaboración do cálculo infinitesimal.
Huygens publicou estes resultados no seu Horologium Oscillatorium (Péndulo Oscilatorio) no 1673, época na que Newton estaba dando os primeiros pasos no cálculo. Unha marabilla que nos permite a tecnoloxía desde hai ben pouco é a de podermos consultar libros coma este sen máis que prender o ordenador:


xoves, 5 de novembro de 2015

Carteis do Día da Ciencia en Galego: Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota

Como vén sendo habitual todos estes anos, en colaboración co IES Chano Piñeiro de Silleda, elaboramos carteis sobre a figura dos científicos homenaxeados no Día da Ciencia en Galego. Nesta ocasión temos presentes a dous galegos: o xeoquímico Isidro Parga Pondal e o óptico Carlos Gómez-Reino Carnota.





O efecto Gadis

por Marcelino Fernández Mallo, no Galicia Confidencial:

Gadis presenta novo anuncio, unha sorte de acontecemento no país. Coincide a súa emisión co peche das negociacións fallidas para unha candidatura unitaria galega ao Congreso. Algo terá que ver.

mércores, 4 de novembro de 2015

Carteis do Día da Ciencia en Galego: Huygens e Planck

Os científicos internacionais que teremos presente neste Día da Ciencia en Galego 2015 serán Christiaan Huygens e Max Planck. Xunto cos de Isidro Parga Pondal e o de Carlos Górmez-Reino Carnota, poderemos velos na entrada do IES Pintor Colmeiro e do IES Chano Piñeiro.










martes, 3 de novembro de 2015

Orzamentos da SXPL para o 2016

Se queremos ter un bo panorama dos orzamentos argallados pola Xunta para o 2016 faremos moi ben en consultar o excelente especial do dixital Praza Pública
Entre outros datos ofrece a evolución dos orzamentos da SXPL no período 2004-2016, o gráfico vén sendo este mesmo que aparece aquí:
Se queremos saber cales son as diferenzas do orzamento deste departemento a respecto do ano anterior, podemos resumir os resultados cunha palabra: ningunha.
Ao consultarmos os distintos capítulos veremos que se reproducen as mesmas cantidades ata o céntimo:


No seguinte capítulo vemos unha epígrafe dos orzamentos adicados ás entidades locais con 0€ tanto para o vindeiro ano como para este. Se puxen este apartado a pesar de non ter ningún orzamento previsto é precisamente por iso, porque non ten ningún orzamento previsto, o cal pon en evidencia que estamos ante uns presupostos que van en contra da normalización e que non teñen en conta para nada aos concellos nin as políticas normalizadoras que se poden desenvolver desde eles.
Tamén aparece no capítulo 7 a cantidade asignada aos ENDL dos centros educativos: a mesma que a do ano anterior, e o anterior a éste..., 300.000 €. Se miramos a primeira gráfica desta entrada recoñeceremos que os ENDL continúan no punto máis baixo de toda a súa serie histórica.


As únicas novidades atoparémola no capítulo adicado ao persoal, que aumentará un 1% tal e como se mostra no seguinte gráfico, e tal como poderá ver todo aquel que non padeza de presbicia.


A verdade era que chegaba con representar as barras dunha única cor, a cor que nos fala dunha Secretaría Xeral de Política Lingüística prescindible, sen peso nin influencia na política xeral, que é o peor que lle pode pasar a unha política lingüística.



luns, 2 de novembro de 2015

De blogues.45

Da wikipedia

  • ‘Petando na música galega’ con Mercedes Peón, 13/10/15, por Begoña González en Galego en Londres
  • A forza que vén de lonxe- XI: Chus Pato en Harvard, 16/10/!5, por Suso Acevedo en El toupo que fuza
  • Desbotemos os anglicismos na nosa lingua, 21/10/15, no blogue do ENDL de Vilalonga A beira das palabras
  • Un filósofo en globo, 21/10/15, por X. Ricardo Losada no Bico da Ría
  • O oficio de tradutor, 25/10/15, en Aí falches!, o blogue do ENDL do colexio Compañía de María de Santiago
  • Traducidos á nosa lingua os contos de terror de Chris Priestley, 27/10/15, en Son de noso, blogue do ENDL do IES de Curtis
  • Temos que coidalos, 27/10/15, cunha interesante aplicación en Será por lingua...!
  • Os pinacogramas de GEF, 31/10/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Linguas e acentos,01/11/15,  por Román Landín no Caderno da lingua

domingo, 1 de novembro de 2015

Inmortal Neira Vilas

por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Oxalá todos os best sellers fosen coma as Memorias dun neno labrego, libros inesquecíbeis, emocionantes e portadores dun personaxe que nos acompaña sempre coa cadencia dos tempos nos que ler era unha festa. «Eu son Balbino, [?] coma quen di un ninguén. E ademais, pobre». E así, con tres frases, pechou nun comezo de novela as vidas de millóns de galegos. Neira Vilas está dotado co mesmo talento para a palabra directa que posuíron Castelao e Casares, ese talento que, se cadra, é unha das poucas cousas capaces de vencer a morte. E se os grandes escritores son aqueles que saben reflectir o mundo enteiro nunha frase, velaí o noso Pepe de Gres que agora se converte en fume.

venres, 30 de outubro de 2015

Centros plurilingües ou centros cosmopaletos?

O Galicia Confidencial publicaba esta seman unha noticia na que se comentaba a explicación ofrecida pola CIG-Ensino en relación coa recente orde pola que se autorizan os novos centros plurilingües deste ano. O sindicato denuncia moi acertadamente que se están a utilizar estes nomeamentos como " subterfuxio para reducir a xa cativa presenza do noso idioma nas aulas". Cal é o procedemento?
Todo isto é obra do funesto decreto 79/2010, o mal chamado decreto do plurilingüismo. Con el douse un enorme paso atrás na normalización da lingua no ensino, fundamental para atrancar un feble proceso normalizador que se comenzara a botar adiante durante o goberno bipartito, o único ata o momento que quixo cumprir co Plan Xeral de Normalización do 2004. O nomeado decreto establece que as materias que se deben dar en galego son as dos ámbitos das Ciencias Sociais e das Ciencias Naturais. A seguir publícase unha orde de creación de centros plurilingües que asignan o inglés como lingua vehicular destas materias. Na realidade o que se fai é impartilas en castelán e repartir durante o curso media ducia de vocabularios en inglés da área semántica desas materias. Segundo a denuncia da CIG-ensino isto foi o que sucedeu nun 18% dos centros. Un lector pouco avisado pode pensar que no restante 72% o inglés ocupa o lugar dunha materia antes impartida en castelán. Pero non é así.
Para comprender ata onde chega o nível de cosmopaletismo co que os centros de ensino e o sistema político antigalego está a actuar, basta con repasar calquera das ordes de nomeamento dos novos centros plurilingües que se publican ano a ano desde o fatídico ano 2010. Ese 72% dos centros só queren colocar o cartel de "centro plurilingüe" na porta da entrada e por iso fan a solicitude do nomeamento ao comprometérense impartir en inglés unha materia como a Educación Física ou a Plástica que poden representar un 3% do horario escolar e nas que, como moito, escoitaremos un shut up! en toda a hora.
Agora pensemos se a argallada toda do que pomposamente se chaman "centros plurilingües" merece nin tan siquera o gasto do papel dos DOG nas que se publican as ordes que os desenvolven.

xoves, 29 de outubro de 2015

'O lápis do carpinteiro'. Falando da novela e a película no IES de Rodeira

O lapis do carpinteiro from lingualiza on Vimeo.

Cantas veces escoitamos dicir que a mocidade está botada a perder, que os seus intereses están lonxe do mundo da cultura e do coñecemento.... Este vídeo é a demostración de que isto non é así. Dá gusto oir a estas tres rapazas comentando o libro de Manuel Rivas ou escenas das película que Antón Reixa fixera sobre ese texto. O alumnado de 4º da ESO do curso pasado tiveron un obradoiro de cine e literatura no IES de Rodeira (Cangas). Como parte deste traballo tres alumnas fixeron este vídeo, digno de calquera programa cultural da TVG. O audiovisual serviría como punto de partida dun debate arredor.
Desexo que todo este traballo e coñecemento teña o recoñecemento que merece.

martes, 27 de outubro de 2015

De 1.550.000 €, 0 € para o galego

Foto do BNG de Santiago
Un dos primeiro convenios asinados pola Xunta neste ano foi o que subvencionaba a rehabilitación do "Asilo de Carretas" para que pase a ser a nova Oficina de Atención ao Peregrino, en Santiago de Compostela. A cantidade aportada pola Xunta foi de 1.550.000 €. A entidade beneficiada foi a Fundación da Catedral de Santiago.
Este caso pode servirnos de paradigma de como silandeiramente se utilizan os recursos que moi traballosamente aportamos cos nosos impostos para manter fóra de circulación a lingua galega.
Cando a Xunta asina un covenio debería garantirse que as actuacións derivadas do mesmo se desenvolveran en galego. Neste caso, por exemplo, primeiro, a cartelería da obra tería que estar toda en galego. Despois de rematada, toda clase de sinalizacións do local deberían  poder lerse en galego, e finalmente, ao ser unha oficina que presta un servizo de atención ao público, a Oficina do Peregrino debería ter unha oferta suficiente de toda clase de documentos en galego. Para comenzar, a Oficina de Acogida al Peregrino ofrécenos información en español, inglés, francés, alemán e italiano. Nada en galego, e unha vez máis a Xunta desaproveitou a ocasión para lle esixir á Fundación da Catedral de Santiago, a galeguización de todos os seus servizos.

venres, 23 de outubro de 2015

Podemos usar as bacterias para detectar o cancro (e quizais curalo)



Nunca está de máis lembrar que o Día da Ciencia en Galego é unha xornada de denuncia da política lingüística prohibicionista do galego. A data xurdiu para denunciar o veto ao uso da lingua galega nas clases de ciencias.
A proximidade desta data fai que poñamos a nosa atención nos escasos recursos de ensino e divulgación da ciencia en galego dos que dispoñemos. Un pouco máis abaixo, para anunciar a impagable iniciativa da vídeoconferencia da Coordinadora Galega de ENDL, facíamos referencia a un vídeo de TEDxGalicia no que Xurxo Mariño nos explicaba como escoitar as neuronas. Xa que logo é boa oportunidade de facer referencia a este outra conferencia TED con subtítulos en galego grazas ao bo labor do IES de Beade

mércores, 21 de outubro de 2015

Jungle World: radiografía da política lingüística

E outra vez lle teño que agradecer a Sermos Galiza que me publicara este artigo:

Jungle World adícase ao coidado de cativos. O seu fundamento consiste no trato coas persoas, máis especialmente cos nenos, aqueles de entre nós que requiren un maior respecto e coidado. Que unha pequena empresa, para comunicarse co seu reducido cadro de persoal, teña que lles enviar unha circular intimidatoria non ofrece ningunha confianza aos pais que quixeran levar alí aos seus fillos. Os posibles clientes seguro que se estarán preguntando cal será o ambiente que se pode respirar alí. Amezas, medo, represalias. Non parece o lugar máis acaído para un neno. Posiblemente o nome do centro non estea tan mal escollido.
É indubidable que o radicalismo negacionista forma parte indisociable de toda esta historia. Basta coñecer que no seu anuncio de presentación, Jungle World emprega a forma deturpada do topónimo da cidade da Coruña. Isto indícanos, xa de principio, que están dispostos a perder clientes con tal de facer ostentación do desprezo ao galego. Así explícase parte do sucedido, pero non todo.
O proceso do caso Jungle World non se pecha cunha carta intimidatoria prohibindo o uso da lingua galega e a valente denuncia do feito por parte dunha das profesoras. De seguido a dirección do centro fai público un comunicado moi agresivo que multiplica o alcance da polémica. Hai varias cuestións que non ponderaron debidamente. Moi lonxe de intentar mellorar o estado da cuestión dáse un paso que pecha calquera porta de diálogo co profesorado. Chama moito a atención que non se teña para nada en conta que a desconfianza que xera toda a controversia pode ser fatal para o centro. Xógase sen responsabilidade ningunha co posto de traballo de todo o seu cadro de persoal. Móstrase publicamente unha falta de consideración coa cidadanía galega xa que, despois de recibir do noso peto, vía IGAPE, máis de 33.000 €, sen vergoña ningunha, a directiva declara que Jungle World ten como principio principio fundacional a exclusión da lingua galega.
Algo non funciona ben en toda esta historia. Que foi o que levou aos propietarios a actuar de forma tan descontrolada? Imos pegar unha volta para contestar directamente a esta pregunta.
O Instituto Galego de Estatística ofrecíanos o ano pasado un estudo no que se establecía un descenso do uso do galego do 13% nun período de dez anos. As conclusión son demoledoras para a política lingüística que se aplicou en Galicia, especialmente para a que tan belicosamente están a desenvolver os gobernos de Feijóo. Entre as causas máis importantes da diminución de galegofalantes está o feito de que os responsables políticos non recriminen publicamente as actitudes de desprezo e exclusión da lingua galega. Cando se fai público un caso de violencia contra o galego a resposta das autoridades é, no mellor dos casos, o mutismo
A seguir explícanse as razóns. Cando se dá a coñecer un caso de violencia de xénero as corporacións municipais organizan minutos de silencio en solidariedade coas vítimas e os cargos públicos ofrecen o seu respaldo ás asociacións feministas e de apoio ás mulleres maltratadas. Ninguén pon sombras de sospeita sobre a muller agredida. Porén, cando se fai público un caso de violencia contra o galego a resposta das autoridades é, no mellor dos casos, o mutismo. No peor, sairán acusados os agredidos ou os que amparan a nosa lingua. Isto último foi o que aconteceu cando se lle pediron explicacións ao conselleiro de educación ante o proceder xustificacionista da Xunta perante o caso da nena vilipendiada en Casas Novas.
De todo o sucedido no incidente Jungle World ou en casos semellantes, o silencio oficial é o que máis dano fai a unha lingua en clara desprotección. Silencio do conselleiro de política social. Silencio do conselleiro de educación, Silencio do secretario xeral de cultura, do de política lingüística. Finalmente, silencio tamén do vicepresidente e do propio presidente. Velaí a explicación da actuación da directiva de Jungle World. A omertá, o código de silencio ante os agravios á lingua galega é o que lle dá azos aos negacionistas.
Reciprocamente, a actitude do centro explícanos a do goberno: gábase o plurilingüismo, divúlgase, ofértase, multiplicase; mais, que é realmente? Pois o plurilingüismo é o inglés, exclusivamente. Como ademais todo o sistema sobregarante e sobreprotexe o castelán xa temos o resultado completo: o plurilingüismo é, en conclusión, a exclusión do galego. Obtivemos así, descarnado, o esquelete do guión que o PP está seguindo no goberno da lingua. A radiografía da política lingüística da Xunta é Jungle World.

martes, 20 de outubro de 2015

Escoitando ás neuronas


Este vídeo que ten como protagonista o excelente divulgador científico Xurxo Mariño, chéganos referenciado desde a Coordinadora Galega de ENDL. O motivo é a nova edición do Día da Ciencia en Galego, que a CGENDL vai celebrar ofertando aos centros de secundaria unha conferencia deste doutor en ciencias biolóxicas.
Como todos os anos, temos que recordar que o Día da Ciencia en Galego é unha xornada reivindicativa na que se denuncia a exclusión do galego das materias de ciencias vía o funesto decreto do plurilingüismo.

luns, 19 de outubro de 2015

Caso Jungle World. Recompilación

  • Un centro infantil da Coruña impídelles ás profesoras empregar o galego, 14/10/15, no Sermos Galiza
  • Unha profesora dun centro infantil da Coruña denuncia que lle prohiben usar o galego, 14/10/15, La Voz de Galicia
  • O centro de atención á infancia Jungle World da Coruña prohibe o uso do galego, 14/10/15, A Mesa
  • "Non temo ser despedida porque estou orgullosa de denunciar o meu caso", 15/10/15, no Sermos Galiza
  • Jungle World apela á súa condición privada para xustificar a exclusión do galego, 15/10/15, no Sermos Galiza
  • CIG e Mesa diríxense a Política Social por Jungle World discriminar o galego, 16/10/15, no Sermos Galiza
  • A Mesa pola Normalización Lingüísitica e a CIG-Ensino exíxenlle ao conselleiro de política social que actúe de inmediato para garantir os dereitos lingüísticos e a oferta positiva do galego no centro Jungle, 16/10/15, A Mesa
  • “Como poden poñerme un tapón na boca para que non cante en galego?”, 18/10/15, no Sermos Galiza
  • O caso Jungle World, 21/10/15, editorial do Sermos Galiza

Documentos
  • Circular de Jungle World prohibindo o uso do galego PDF
  • Comunicado de Jungle World PDF
  • DOG 23 agosto 2012 no que hai referencia da axuda económica do IGAPE a Jungle World, DOG

Vídeos
  • Ana Belén Tajes, profesora de música na Coruña, 15/10/15, no programa Área Pública da TVG:




  • Unha mestra dun centro infantil da Coruña denuncia que lle prohiben usar o galego na clases, 15/10/15, Telexornal Serán da TVG  
  • Rolda de prensa sobre a denuncia da prohibición do uso do galego, 15/10/15:   

     

venres, 16 de outubro de 2015

De blogues.44

da Wikipedia

  • Onte 1461: Parabéns á Coordinadora, 04/10/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Onte 1463: O premio de Ledicia, 06/10/15, por M. Bragado en Brétemas
  • Fascinantes casas alfabéticas, 11/10/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Javier Gómez Noya e a lingua, 11/10/15, por Mercedes Queixas en Lingua de Alcaián
  • Radio ingalega (A voapluma, 17/11/1999), 14/10/15 por Xavier Alcalá na súa páxina persoal
  • AROU: OS CANTÍS DA MORTE, 14/10/15, no que Francisco X. Fernández Naval fai de altavoz dun impresionante documental sobre Arou, no blogue A noite branca
  • Memorias Vivas, 14/10/15, por Gabriel Figueira Núñez no Castelo da Lúa
  • CURTAS.GAL. QUEN ES?, 14/10/15, O bico da Ría
  • 1º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos, 14/10/15, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • Na guerra non hai rostro de muller: Svetlana Aleksiévich, en galego, 14/10/15, A Marela Tarabela
  • Entrevista publicada na revista Palavra Comum, 15/10/15, por Mercedes Queixas no seu blogue
  • CANCIÓN DA RECICLAXE, 15/10/15, en Dinamiza Nomaliza

xoves, 15 de outubro de 2015

Lalín sen lingua galega

Anuncian unha "fiesta cerveza alemana" en Lalín, e polo que podemos ler no cartel ben parece que Lalín é unha vila de Segovia.
Conviña que os organizadores do evento se pararan a pensar quen van ser os seus clientes, e como non o pensaron mellor será que non pase por alí moita xente.