Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 31 de maio de 2016

Oposicións contra o galego

A Mesa denunciou que nas oposicións do Sergas celebradas esta pasada fin de semana, no caso de faceren a proba en galego debían ter en conta que prevalecería o enunciado do cuestionario en castelán. Incluso facían unha advertencia de que podería haber discrepancias no texto en galego, porque se entendía que o orixinal, o exame de verdade digamos, estaba escrito en castelán, e a versión en galego só era unha tradución. Ademais ao ser o galego unha lingua pouco apta para o emprego de terminoloxía científica, o Sergas insistía que o uso da versión en galego non ofrecía garantías legais nunha proba da importancia dunhas oposicións, na que os examinando se estaban xogando o posto de traballo. Concretamente, o punto 8 das instrucións para a correcta elaboración da proba dicía:
En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.
Aclaro unha cousa. Este texto non aparecía na convocatoria publicada no DOG.Entregábaselle aos opositores no momento de realizar a proba porque ben saben os responsables do Sergas que este atropelo é ademais ilegal. Pois ben, non é a primeira vez que o fan.



O pasado 23 de xaneiro celebráronse en Silleda as primeiras oposicións do ano. Había convocadas, entre outras, 205 prazas de enfermería. Outra vez, na convocatoria desta oferta pública de emprego, non aparecía este insulto aos galego.
Veremos como ante esta animalada calará o presidente da Xunta, calará o conselleiro de sanidade, calarán tamén os de educación e cultura e outro tanto fará o secretario xeral de política lingüística. Ningún deles vai dimitir por esta razón xa que están aí para iso, para facer o que fixeron.

luns, 30 de maio de 2016

Orgullo antroponímico no CEIP Viñagrande-Deiro



Simple e coidado. Así é o vídeo do ENDL do CEIP Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa) no que os rapaces proclaman orgullosos o seu nome. E poden facelo con toda a fachenda por teren nomes da terra.

Non por min; por eles

por F. Borxa González Tenreiro, no Praza Pública, co artigo gañador do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2016:

Levo unha década traballando de tradutor. Formeime no Reino Unido, onde vivín tres anos, iniciando un hábito que non deixei desde entón: comezar o día con, polo menos a intención, de ler vinte páxinas dun libro en galego, vinte páxinas dun libro en inglés, vinte páxinas dun libro en portugués e vinte páxinas dun libro en español. Despois mudeime a España, para traballar de xornalista bilingüe inglés-español nunha empresa malagueña. Transcorrido outro ciclo de tres anos fundei unha axencia de tradución en Galiza. Actualmente desprázome entre Galiza e Portugal, sendo Lisboa a miña segunda residencia.

domingo, 29 de maio de 2016

Arosa, outra vez

Este cartel podíase ver pola estrada N-640, alí saquei a foto.
Non é a única exposición que se celebra en Fexdega que fachendea de deturpar o topónimo da ría. O pasado mes de novembro celebrábase o IV Salón *Arosa Novias 
Isto faime recoller da memoria un caso que vai xa para 20 anos. No ano 1997, grazas a unha iniciativa da Mesa púxose en marcha un boicot á compañía automobilística por teren a nefasta idea de poñérenlle a un choche o nome de Seat Arosa. Foi unha das campañas da Mesa que máis repercusión social tivo. Editáranse carteis, pegatinas, e os centros de ensino xogaran un papel activo na denuncia da deturpación toponímica. Aínda que só se conseguiu que a compañía aceptase rotular co nome legal aquelas unidades baixo petición expresa do comprador, a campaña quedou na memoria colectiva e hoxe é unha referencia histórica da contestación social aos agravios á lingua galega.
Modestamente, desde aquí invito ao boicot a estas monstruosidades.

sábado, 28 de maio de 2016

Os pallasos e o galego

por Nerea Costa no Sermos Galiza:

Esta semana mentres comía cunha amiga, laiábase pola probable desaparición do galego. Dicíame con pesadume que despois da súa xeración ninguén ía falalo, que por moito que ela llo inculcase aos seus fillos, sabía que cada día seríamos menos galegofalantes até que non quedase ningún. Naquel momento sentinme como un dos últimos exemplares de mamut do mundo buscando alguén máis da súa especie para sentarnos a espera do final.
Dicía Castelao que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma. O día que morra xa non seremos nada. O galego é a lingua da nosa terra, do noso pobo, por mal que lles pese a moitos, unha lingua que sobreviviu ao longo do tempo, malia que non foron poucos os intentos por facela desaparecer. Despois de ser asoballada durante a súa historia, parece mentira que sexa agora cando menos falantes ten. Agora que se ensina nas escolas, agora que se escriben máis libros en galego que nunca, agora que é a língua de moitos medios de comunicación, parece mentira que sexa este momento cando a vexamos esmorecer. Con dor, ollo cara á miña xeración, perdida entre teléfonos intelixentes e redes sociais que ironicamente nos volven pailáns e asociais. Asisto á morte electrónica do galego por mor do despego á língua e á cultura galega dos mozos e mozas

venres, 27 de maio de 2016

Explícoche matemáticas 2.0, un oasis no deserto

Antonte, na Facultade de Matemáticas entregáronse os  premios do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, na súa edición de 2016. O concurso está organizado polo SNL da Facultade, xunto coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A entrega destes premios trae de novo ao primeiro plano a prohibición do galego nas aulas de matemáticas e doutras moitas materias desde a imposición do decreto supremacista contra o galego, o autotitulado perversamente, como decreto do plurilingüismo, cuxa fundamento principal é precisamente o de impedir a docencia en galego das materias científicas no ensino obrigatorio. Por esta razón o concurso é un oasis no deserto no que a política lingüística do PP converteu o ensino das matemáticas, a tecnoloxía, a física e a química.

A gañadora na sección de universidade recaeu no vídeo Unha viaxe de París a San Francisco, de Andrea Vilar Álvarez, estudante de 3º curso do grao en Matemáticas, da Facultade de Matemáticas da USC.



O gañador do concurso deste ano é o vídeo 'As matemáticas que gañaron a Segunda Guerra Mudial', de Álvaro Cañete Rosell, Carolina Grille Sieira e Clara Vales Fernández, de 3º da ESO do Colexio Obradoiro da Coruña. Baixo a titorización de Jonás González Guinea. Parabéns tanto aos gañadores como a todos os participantes.

xoves, 26 de maio de 2016

Por unha diversidade lingüística real




Hai un par de meses xa tratamos este asunto. O Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos (PGDL) é un documento en construción que se presentará á sociedade e ás institucións no vindeiro mes de decembro. Estase a elaborar desde hai varios anos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas. Preténdese que sexa un instrumento regulador do compromiso social e político coa diversidad lingüística europea.
Paul Bilbao, un dos membros do comité científico para a elaboración do protocolo explicaba así o seu carácter:
consiste no establecemento dunhas medidas que servan para a protección e garantías dos dereitos lingüísticos de todas as comunidades lingüísticas europeas, na procura dunha diversidade lingüística real. Na situación actual, incluso en Europa, moitas comunidades lingüísticas quedan invisibilizadas.
Trátase de acelerar o proceso de normalización lingüística desde unha vertente política e desde unha vertente social. Compría deixar un legado que servira para o futuro. Poñer de manifesto outra xestión da diversidade lingüística en toda Europa

Outra das compoñentes do comité científico, Pilar García Negro, denunciaba na presentación o mesmo que comentaba eu no chiador o pasado 18 de maio:

A política lingüística oficial non é que sexa pasiva, indiferente ou indolente a respecto da lingua galega: é francamente hostil. Ao día seguinte da (suposta) celebración, do día da lingua galega, o presidente da Xunta de Galiza estaba falando en imperfecto español, de principio a fin, porque se estaba a celebrar a renovación de contratos na Citroën de Vigo. A lingua galega non abonda nin para manter unha mínima acción declarativa porque se trataba dunha multinacional, moi recompensada, pro certo, por diñeiros galego, e aí non cabe o galego

mércores, 25 de maio de 2016

Viaxes e paseos con Manuel María



O venres 27 ás 21:00 a Asociación Cultural Vagalumes presenta na sala de exposicións de Abanca da Estrada, o libro-dvd “Peregrinaxes, viaxando con Manuel María”. No acto proxectarase ese vídeo así como o gravado durante a xornada do 7 de maio na que se recitou a Manuel María en diferentes espazos comerciais e de encontro da Estrada.
O vídeo “Peregrinaxes, viaxando con Manuel María” é un proxecto do escritor Lois Diéguez, compañeiro de viaxe e de militancia poética do escritor da Terra Chá. A través desta proxección teremos ocasión de ilustrar os poemas que Manuel María ten dedicado a lugares emblemáticos da súa identidade tanto desde o punto de vista das raíces vitais e culturais das que provén como das experiencias que lle achegou os diferentes lugares que visitou.

A experiencia do idioma córnico

por Xosé María Lema na tribuna da RAG:

O idioma celta de Cornualles tivera un desenvolvemento normal e puido resistir a presión do inglés ata mediados do séc. XVI. Como consecuencia da ruptura do rei Henrique VIII co papa, que deu lugar ó nacemento da Igrexa Nacional de Inglaterra (o anglicanismo), impúxose pola forza a lectura da Biblia en inglés nas igrexas, en substitución do latín. En 1549, con Eduardo VI, imponse a Act of Uniformity ('Acta de Uniformización'), xunto co Book of Common Prayer ('Libro da Oración Común'), que supoñía o uso obrigatorio do inglés nos rezos e na liturxia da Igrexa Anglicana. Os córnicos chegaron a defender a súa lingua coas armas, pero serían derrotados e os ingleses iniciarían decontado a pacification of Cornwall, que lembra moito a "doma e castración" de Galicia polos Reis Católicos, anterior no tempo. Executáronse prisioneiros en masa e penduráronse da forca cregos e bispos rebeldes de Cornualles.

martes, 24 de maio de 2016

Històries del català


"Em dic Nacho i som de Galícia. Fa 6 anys que visc a Santa Euària. He après català perquè m' agrada molt la diversitat cultural"
Esta declaración é unha das que podemos escoitar no portal "Històries del Català" . Son testemuñas de persoas que chegaron a  Formentera e Eivissa e aprenderon e falar catalán. Unha boa campaña posta en marcha pola Direcció General de Política Lingüística  do goberno balear. Xa sei que non vai ser o caso, pero non estaría mal que a anémica Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta imitase este exemplo. E non o vai facer porque xa hai moitos anos que está empeñada en mostrar que os únicos que falan galego son os Bolechas.


luns, 23 de maio de 2016

De oficio poeta



Nótase que a Deputación da Coruña non está nas mans de quen estaba. De virarlle por completo as costas á lingua galega e especialmente á súa normalización, comenzamos a ter toda unha fervenza de iniciativas e proxectos saídos desta institución que son ben de agradecer como unha partida adicada a promover os SNL dos concellos ou o impulso do premio litererio en lingua galega mellor dotado econónicamente. Se nestes días anteriores dabamos conta do porxecto de divulgación das Irmandades iFala hoxe traemos este vídeo sacado doutra proposta desa mesma deputación: Manuel María somos nós
Esta peza audiovisual preséntase como unha ollada experimental na que Manuel María fala de si a través dos seus versos e a súa contorna.

domingo, 22 de maio de 2016

As Irmandades da Fala


As Irmandades da Fala | Videoremix from Illa Bufarda on Vimeo.

Onte referenciabamos o proxecto iFala de divulgación das Irmandades. Hoxe teimamos no mesmo asunto xa que os de Illa Bufarda fixeron unha serie de vídeos para este proxecto. Un deles era o do himno dos Poetarras para o iFala que xa nomeamos, outro é este que se presenta aquí no que en oito minutiños se explica con moito desenfado que foi iso das Irmandades. E todo grazas á sensibilidade que agora si que hai na Deputación da Coruña.
Pero hai máis vídeos con entrevistas que fan un percorrido polo que somos e o que non, sempre tomando como referencia as Irmandades:



sábado, 21 de maio de 2016

iFala


iFala from Illa Bufarda on Vimeo.

Despois do iMac e o iPad, chega a iFala
É ben certo que de non haber Irmandades hoxe tampouco teríamos aos Poetarras. Agora os Poetarras devólvenlle ás Irmandades parte do que son.

17M: vida para o galego

por Mónica Pazos, no Sermos Galiza:

Este 17 de maio Queremos galego voltounos a convocar a unha manifestación polo galego. Baixo o lema O idioma é a vida a xente encheu a praza da Quintana. Este ano foi diferente. Por un lado, celebramos o centenario das Irmandades da Fala; por outro lado, o autor homenaxeado co Día das Letras Galegas era Manuel María, unha persoa que participou activamente das reivindicacións en defensa da lingua. Un autor coñecido e recoñecido, un autor querido. Isto viuse na alegría da xente e no carácter festivo da manifestación.

No centenario das Irmandades, o compromiso de Antón Villar Ponte coa lingua galega

por Emilio Xosé Ínsua nas Voces de ProLingua:

Sería reducionista focar toda a relevancia e transcendencia histórica das Irmandades da Fala unicamente na figura do seu promotor inicial, o viveirense Antón Villar Ponte (1881-1936), mais non cabe dúbida de que ao seu persoal compromiso coa causa da lingua deben aquelas non só o seu nacemento en maio de 1916, mais tamén un pulo constante e non poucas das súas actividades e iniciativas máis sobranceiras.

venres, 20 de maio de 2016

As ideas sobre a lingua das Irmandades da Fala. Un proxecto pioneiro de planificación lingüística sobre o galego



Na entrada de onte falaba da enorme importancia das Irmandades no proceso de normalización da lingua galega. Hoxe engado unha explicación demorada e ben fundamentada. Quen lera o libro de Goretti Sanmartín, Nos camiños do entusiasmo, pode xa ter unha idea do contido da conferencia que presentamos aquí. Quen non o fixera, terá na visualización deste relatorio, unha excelente invitación a facelo.
A conferencia forma parte das impartidas en Betanzos baixo o paraugas do Anuario Brigantino. Non foi a única sobre as Irmandades progamada no pasado mes de marzo. Tamén contaron con Xesús Torres Regueiro, con Xesús Alonso Montero e con Carlos-Caetano Biscainho Fernandes

http://anuariobrigantino.betanzos.net/

xoves, 19 de maio de 2016

E a Xunta non celebrou o centenario das Irmandades

Tirado do novo portal de ProLingua
A dignificación da lingua galega que trouxo as Irmandades da Fala é unha herdanza que cómpre coñecer, divulgar e destacar. Non é casualidade que unha asociación de defensa da lingua como ProLingua, escollera o día de onte para amosar un portal renovado que estrea precisamente cun artigo sobre as Irmandades.
Nun edificio da rúa Rego de Auga, na Coruña, foi onde hai cen anos se celebrou a xuntanza fundacional das Irmandades. Cen anos despois a Deputación da Coruña celebrou unha homenaxe acompañando a familiares dalgúns membros das Irmandades como Elvira Varela Bao, filla de Elvira Bao Maceiras e de Bernardino Varela. [1], [2]
O Consello da Cultura Galega (CCG) publica un Álbum das Irmandades da Fala coas biografías dos irmáns Villar Ponte, entre outras. Esta achega forma parte dos actos do centenario das Irmandades que celebrarán conxuntamente co CCG a RAG e o Museo do Pobo Galego e a Deputación da Coruña entre os que haberá varios seminarios e dúas exposicións (unha sobre as corais no tempo das Irmandades e outra adicada ao Alba de Gloria)
A RAG tamén comenzou a desenvolver o seu compromiso de divulgación da obra das Irmandades publicando unha edición dixital dos fondos que ten a Academia sobre este movemento social. Así, a RAG tamén celebrou xunto co Concello da Coruña un acto de conmemoración do centenario. Tamén o concello de Santiago programou toda unha serie de actividades... ProLingua, RAG, Deputación, CCG, concellos da Coruña, Santiago, ... e a Xunta? Pois a Xunta, mirando para outro lado, non fose a ser que se notara moito o desprezo de non lle dar a importancia que merecía a data de onte.

mércores, 18 de maio de 2016

Unha pancarta e un momento máxico


De entre todas as pancartas que se vían na manifestación de Queremos Galego! do día de onte, destacaba sobre todo unha, a desta foto. Non era a máis grande, nin a de cores máis vistosas, pero era a que mostraba un maior sentimento. Ao vela puiden imaxinar como foi construída. O seu autor foi uns días antes a unha copistería a que lle fixeran unha ampliación do texto, preparou a montura, e sobre ela pegou con todo coidado a mensaxe. Meteuna no maleteiro do coche e paseouna, cunha actitude profundamente democática, polas rúas de Santiago ata chegar á Quintana. Pegaba un sol forte, pero el mantívose no seu posto ata o final, para que todo o mundo tomara conciencia da situación real da lingua galega, para poñer en evidencia unha política lingüística de agresión ao galego. De veren esta imaxe, pregúntome cal será o sentimento que lle percorre o corpo a persoas como Valentín García, Román Rodríguez ou Núñez Feijóo.

Un momento máxico
Na parte positiva, e falando da manifestación, para min houbo un momento realmente máxico. Cando entraba na Praza da Quintana, completamente ateigada de xente, Mini e Mero comenzaban a tocar  O carro. Toda esa masa de xente, cunha soa voz, cantaba a letra da canción. Manuel María había de estar orgulloso de todos os que alí estabamos.

Conflito lingüístico

por Ramón Varela Puñal, no Sermos Galiza:

Alá pelos anos 80 do século XX costumava-se afirmar que o problema lingüístico de países como Galiza, Euskadi e Catalunya era um problema de diglossia, ou seja, de desnível entre duas línguas numa determinada coletividade: a língua A, que é a língua de prestígio, de poder, a língua na que se leciona o ensino, a língua que se utiliza em contextos formais e mais solenes; e a língua B, a língua íntima, familiar, a língua que se emprega em contextos informais, como nas relações com a família ou os amigos, a língua desvalorizada entre os utentes dessa língua. Distinguir-se-ia-se do bilingüismo em que neste se utilizariam as duas línguas com um nível semelhante de competência para todas as funções. A solução pregoada e implantada, formalmente, em países submetidos, como o nosso, foi o bilingüismo, que, além de teoria lingüística de equilíbrio das línguas, é uma ideologia ao serviço do poder de turno para poder assimilar mais facilmente a língua dos povos com factos diferenciais que não foram capazes de borrar por meio da repressão, que no caso de Galiza dura já mais de 500 anos. Agora pretendesse conseguir o mesmo objetivo por meio do sistema democrático e prevalendo-se da grande potência dos meios de comunicação de massas, que espalham os usos e costumes dominantes e afogam a diversidade e a diferença.

Cen, oitenta, sesenta, cuarenta…

por Pilar García Negro, no Terra e Tempo:

Hai cen anos. O mes de Maio de 1916 coñece a fundación das Irmandades da Fala, na cidade da Coruña, da man de Antón e de Ramón Vilar Ponte. Esta recordación fará o número ………….. (poña a leitora, o leitor, a cifra que quixer) das que se levan feito no que vai de ano andado. Esta que aquí figura quer pór a énfase nunha tríade conceptual e reinvindicativa que sela as credenciais deste movemento desde o seu nacemento: lingua; economía; institucións ao servizo da sociedade galega: