Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 18 de xullo de 2016

E isto é o amor


E digo eu: non estaría ben que as orquestras que andan a cen estes días polas vilas galegas, interpretaran cousas bonitas coma ésta, no canto das trapalladas coas que normalmente nos abrouxan.  

luns, 11 de xullo de 2016

O carro, versión sinfónica



Esta magnífica interpretación que demostra que para ler a Manuel María, nin tan siquera cómpre saber ler. Así de universal é a súa obra. Velaquí están  Luísa Blanco Pena (fagot), Alba Pardo Aboy (clarinete), Juan Manuel Ocampo Dobalo (trompa) e Sergio Rodríguez Pena (oboe). Os 3 primeiros son membros da Banda Xuvenil de Silleda e o último é da Banda da Bandeira. Todos alumnos do meu centro, o IES Pintor Colmeiro (Silleda)

xoves, 7 de xullo de 2016

Rabela: Entrevistas arredor da lingua

Nesta entrada recompilo as entrevistas que Nós TV realizou a persoas de distintos ámbitos no programa Rabela do pasado 28 de xuño











luns, 4 de xullo de 2016

A mocidade fala da lingua: Pontedeume, Neda, Moeche, Muros, Lalín, Fisterra e Pontevedra

Rematabamos o pasado mes cunha referencia ao programa Rabela, de Nós TV, adicado á reflexión sobre a situación actual da lingua galega. Os mantedores da canle de You Tube desta televisión tiveron a boa idea de colgar os vídeos nos que entrevistaran á rapazada de Pontedeume, Neda, Moeche, Muros, Lalín, Fisterra e Pontevedra. Unha alfaia para teren en conta os ENDL.




















venres, 1 de xullo de 2016

De blogues.58


  • Xogo de tronos e palabras, 01/06/16, por Manuel Arca en Derrubando isoglosas
  • Palíndromos ilustrados [10], 01/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • A cea do gobernador, 05/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • O galego e a secretaria xeral de Podemos en Galiza, 06/06/16, por Carlos Callón no seu blogue
  • Onte 1695: Biblioteca Agustín Fernández Paz, 07/06/16, por M. Bragado en Brétemas
  • As cinco vogais do listísimo Carlos Callón, 08/06/16, por Carlos Callón, no seu blogue
  • Lewis Carroll en Silleda, 10/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de linguaç
  • Resumo das leis da lingua galega, 13/06/16, por Jenny Costa da Morte en Vexamos máis alá
  • Vídeos, prexuízos e humor, 19/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • El doble error, 19/06/16, por Ferran Suay en de l'Horta estant
  • O castelo de San Carlos de Fisterra, 20/06/16, por Francisco Fernández Naval no blogue A noite branca

xoves, 30 de xuño de 2016

Rabela: debate sobre o galego na mocidade



Cando hai uns días recollía un debate sobre o ensino da nova canle de televisión Nós TV xa osmaba que non sería a última vez que faría referencia ás achegas desta nova emisora radicada en Lalín. O que non esperaba era esta explosión, a do pasado 28/06/16 coa emisión do espazo Rabela, cun especial pola a lingua, con varias horas de emisión e cargado de contidos, dos que se teño tempo irei dando noticia neste espazo.
O primeiro que vou destacar é esta mesa de debate moderada por Pablo "Chichas"e na que interveñen profesores de recoñecida experiencia no mundo da normalización: Séchu Sende, escritor e toda unha referencia, Hortensia Bautista con experiencia como concelleira de normalización e  Bernardo Penabade, o ideólogo do "Modelo Burela", xunto á presidenta da CTNL, Anxos Sobirño, falan da perda de falantes na mocidade galega e por onde deben camiñar as prácticas normalizadoras.
Ademais do faladoiro, o programa contén moitas entrevistas, sobre todo a rapaces.

martes, 28 de xuño de 2016

26J

Esta foto, dun cartel electoral do PP foi tomada na Estrada. Hai centos de carteis iguais a este que se pegaron por toda Galicia. En todos eles, ademais do lema "A favor", faise referencia a unha data, a do 26 de xuño, como 26J. O PP renegou por completo do uso do galego ao facer referencia á data electoral única e exclusivamente en español. A mensaxe non era directa, pero estaba clara.
Os cabezas de lista da formación popular eran Juan Juncal, coñecido ultra anti-galego, Joaquín Mª García e Ana Pastor, que non falan en galego nin de casualidade, e Miguel Ángel Viso, do que o único que sei é que patrocinaba o Ribeiro en castelán. 
Isto é o que queremos para a nosa lingua? A súa negación, a vía aberta ao supremacismo do español? Queremos unha lingua de terceira clase, dun status inferior non xa ao inglés, senón ao de calquera lingua estranxeira? Queremos unha lingua chea de prohibicións e sen ningunha garantía? Queremos a hipocrisía da louvanza sentimentaloide baixo unha política lingüísitca de apartheid? Quizais o noso desexo pase por protexer aos nenos da nosa lingua, procurando que non a escoiten, que non a falen, que non a aprendan e que, pola contra, aprendan que non serve para nada, que as linguas realmente útiles son as que non son a nosa, e que en definitiva, a nosa, tampouco é nosa.
Se buscábades iso fixéchedes ben o pasado 26X votando ao PP, porque iso é o que teremos. Os sinais estaban claros, e aquel que non os vira, ou ben é cego, ou ben idiota, ou ben un furibundo negacionista.





xoves, 23 de xuño de 2016

Da Laracha a *La Racha pasando por *Laracha: Da importancia de non quedar in media res

por Silvana Castro García en Terra e Tempo:

Desde hai un tempo escoito con resignación como unha parte da poboación, minoritaria, afortunadamente, opta por eliminar os artigos diante de topónimos como A Coruña ou A Laracha, por exemplo, de tal xeito que "Saen de Coruña e paran en Laracha de camiño a Carballo".

martes, 21 de xuño de 2016

17 de Maio negado 17 veces


Así é como desde as institucións se actúa contra a lingua galega. Este é o caso do Concello de Ribeira, que continúa actuando impunemente contra a Lei de Normalización Lingüística e contra o Decreto 189/2003  polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña. A mestura de hipocrisía e desprezo non pode ser maior có que se demostra neste cartel mediante o que o concello anunciaba os actos do que denominaban "mes das letras galegas".
Efectivamente, o 17 de maio celebrábase o Día das Letras Galegas. Este ano a figura protagonista era Manuel María, un poeta moi comprometido coa normalización da lingua. No cartel anunciador do concello de Ribeira 17 veces aparecía o topónimo en versión deturpada: *RiVeira. 17 veces negada a lingua galega coa aquiescencia da Xunta de Galicia, especialmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

luns, 20 de xuño de 2016

'Saudade' cantada pola rapazada arxentina


Francisco Luís Bernárdez (Buenos Aires1900-1978) era fillo de emigrantes procedentes de Maceda Maside. El é o autor do poema que cantan estes rapaces do colexio Santiago Apóstol (Buenos Aires).
A nota triste é que se divulgue esta peza neste blogue no canto de que o faga quen ten tería que facelo, pero iso é o conto de sempre. 
Unha imaxe de Francisco Luís Bernárdez aparece ao principio do vídeo. El foi un poeta e diplomático arxentino que colaborou na revista Nós e que escribiu varias obras en galego, entre elas o “Discurso encol do Idioma Galego” publicado en 1953, no que denuncia o estado da nosa lingua na ditadura franquista.
O poema que canta a rapazada do Santiago Apóstol é o seguinte:

SAUDADE
Non sei quen é, non sei como se chama.
Non sei de donde ven nin quen a envía,
Non sei si é de tristura ou de alegría
A voz con que ela clama e me reclama.
Non sei si cada bágoa que derrama
Brota de gostosura ou de agonía
Non sei si o que ela chora noite e día
Ven do seu ser ou do que o meu máis ama.
Somente sei que a sinto tan presente,
Tan viva, tan real, tan insistente
Como a lembranza e a melancolía.
Como a reminiscencia de un cheirume.
De un vago son, de un indeciso lume,
De algo que fai pensar en Rosalía (…).

sábado, 18 de xuño de 2016

A lingua como arma política ou a necesidade de novos discursos

por Denis Vicente e Martín Vázquez no Praza Pública:

Nos últimos días asistimos a un cruce de declaracións sobre a lingua galega en varios medios de comunicación e nas redes sociais de dous dos principais líderes políticos da esquerda galega: Carlos Callón, candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña nas vindeiras eleccións do 26 de xuño; e Carmen Santos, actual Secretaria Xeral de Podemos en Galicia.

Lingua de laboratorio

por Rosa Enríquez en La Región:

É o galego unha “lingua de laboratorio”, como afirmou Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos en Galiza? Por que diría isto a politóloga viguesa? Talvez porque a normativa da RAG non lle comprace e se inclina polo reintegracionismo ou máis ben é contraria a calquera normativa e prefire que sexa a fala a que determine como cómpre expresarse en galego, así, en abstracto? Paréceme que Santos incorre nun erro que revela un coñecemento superficial da cuestión lingüística. O galego, como o francés, o catalán, o inglés ou o italiano son linguas vivas, porque son usadas de xeito cotián por un certo número de persoas para poñer en práctica iso que adoitamos denominar comunicación.

xoves, 16 de xuño de 2016

Unidos pola lingua en Lalín


Quizais xa o víchedes na tele, porque o acontecemento tivo moita repercusión. Foi hai un mes, o pasado 16 de maio. Unha cadea formada por mozas e mozos dos dous institutos de Lalín estendeuse entre os dous centros. Unha cadea humana de máis de un quilómetro, a distancia que hai entre o IES Laxeiro e o IES Ramón Mª Aller Ulloa, que contou coa colaboración da policía local. Os rapaces colocáronse polas rúas Luís González Taboada, D e Penatoare. Unha vez que confluíron, utilizouse a cadea para intercambiarse libros. O IES Aller Ulloa entregoulle ao outro centro Astronomía a ollo ceibe, (o libro que debía ser o primeiro libro de divulgación científica en galego, proxecto fanado polo desastre da Guerra Civil e posterior dictadura) e Presas fáciles, de Miguelanxo Prado. Do IES Laxeiro partiron Historia do ADN, de Daniel Soutullo, e Cantos de poeta, de Gelria.
Ambos centros fixeron público un manifesto conxunto no que destacan a importancia da ciencia en galego, agora prohibida nos centros de ensino pola defenestación do funesto decreto do plurilingüismo ao que cualifican acertadamente no manifesto como "exemplo de estratexia de substitución lingüística habilmente calculada."

mércores, 15 de xuño de 2016

QR Manuel María en Vilalba



Neste mapa podemos ver a ubicación de distintos códigos QR que levan a vídeos e outros recursos feitos polo alumnado dos centros de ensino de Vilalba arredor da obra e a figura do escritor chairego Manuel María.
A organización dos contidos, a creación dos códigos QR e o mapa son un traballo da biblioteca do IES Lois Peña Novo (Vilalba) e o seu alumnado. Colaboraron neste proxecto o CEIP Insua Bermúdez, CEIP Mato Vizoso, CEIP Monseivane, CEIP Terra Chá, CEP Castelao, Centro Ocupacional, Escola de Educación Infantil de Vilalba, Escola Infantil A Galiña Azul, e o IES Basanta Silva.
Son un total de 28 recursos que, ademais de pola arañeira virtural, tamén se difundiron por Vilalba en paneis informativos. O alumnado destes centros realizou diversos traballos sobre Manuel María e nos locais comerciais e de hostelería houbo exposicións dos mesmos. Deste xeito sacouse a escola pola vila e espallouse coma nunca a figura do poeta chairego por Vilalba.
Entre os recursos aos que podemos acceder está esta orixinal contrución dunha gaiola para os soños do alumnado do IES Los Peña novo.que fixeron no Departamento de Automoción.
Non se pode pedir máis.

As cinco vogais do listísimo Carlos Callón

por Carlos Callón, no Sermos Galiza:
Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos en Galiza, respondeu ao meu último vídeo, no cal eu afeaba que chamase o galego escrito como unha "lingua de laboratorio", entre outras cousas.

martes, 14 de xuño de 2016

A situación do ensino na actualidade



Debate moderado por Pablo "Chichas" sobre o estado actual da Educación. Estiveron no plató de Lalín Mariló Candedo (Nova Escola Galega), Moncho Carrasco (CPR Plurilingüe Karbo) e Alejandra Pérez (Profesora Educación Secundaria na Pública). Falouse das reválidas, da LOMCE, das programacións, da situación do galego nas aulas (hora:minuto 59:30) e houbo polémica no debate sobre o ensino público e ensino privado.

luns, 13 de xuño de 2016

Lingua que traba



Outra vez máis, o obradoiro de plástica dixido por Luz Beloso no IES As Barxas (Moaña), cunha historia realmente fantástica.
Vía CGENDL

Contra o bilingüismo enredante

por Nel Vidal, no Praza Pública:

Figureiro, pasmón, de escaparate, parvo, machucante, pesado, absurdo, ocultante, ineficaz, repetitivo, secundarizador, molesto…, ou paspán (como o ten denominado o psicólogo Ferran Suay). Para o título escollín “enredante”, mais creo que de calquera destas formas se podería adxectivar o bilingüismo ao que me refiro neste artigo, ao que lle levo un tempo a dar voltas e sobre o que non me animei a escribir nada até que non merquei un cartón de Deleite, que é só “leite galego” por diante, por atrás, polos lados e por arriba (e cumprindo coa normativa que impón o castelán en ingredientes e caducidade). Galego 100%, en masculino, por todo o envase, si, sen necesidade de, ao mesmo tempo, querer ser outra cousa. Sen ser figureiro.

domingo, 12 de xuño de 2016

"O poema" de Manuel María


O POEMA from EduPlástica- Luz Beloso on Vimeo.

Outra vez o departamento de plástica do IES As Barxas (Moaña), nesta ocasión cun poema, O poema, de Manuel María.
Vía CGENDL

sábado, 11 de xuño de 2016

"Teu son vaime": a diversidade da lingua común



Son rapaces de 6 centros distintos. Cada quen canta coa súa variante dialectal, e todos xuntos forman unha canción na lingua común.Son cantos diversos, sotaques plurais, porque cantar non ten cancelas e o galego non remata en ningunha isoglosa.
Videoclip realizado polo alumnado de 2º ESO do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) en colaboración co IES Cosme López Rodríguez (A Rúa), o IES San Paio (Tui),o IES de Melide (Melide),o Agrupamento de Escolas Dr. Júlio Martins (AEJM) (Chaves) e o IES Padre Sarmiento, Vilafranca do Bierzo (León).
Vía CGENDL