Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 26 de agosto de 2016

¿Normalización lingüística?

por Andrés Vázquez, no Sermos Galiza:

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula tres artigos e apartados da ordenanza do Concello de Lugo é a última das medidas de desprestixio contra a lingua galega. Deixa sen efecto o apartado referente á lingua oficial do consistorio, e o que establece que as actuacións administrativas na nosa lingua serían totalmente válidas. No ámbito educativo son coñecidas as enquisas sobre a competencia lingüística declarada que amosan que as destrezas en lingua castelá superan ás que o alumnado presenta en lingua galega. O decreto do plurilingüismo, que reduce a un 33% a ensinanza en galego, tamén exerce un efecto prexudicial contra o idioma e contra a competencia lingüística que adquiren os alumnos na lingua propia de Galicia.

mércores, 24 de agosto de 2016

Neocastrapo político

por Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:

Aconteza o que acontecer en Galicia o próximo 25 de setembro, continúe o Alberto (Alberte) Núñez (Núnez) Feijoo (Feijó, a pronunciar Feishó) ou non presidindo a Xunta, a historia da lingua galega haberalle dedicar un capítulo a este político: o da consolidación do neocastrapo. El é paladín de tal fala e contou coa axuda inestimable de dona Pilar Rojo (¿Roxo?) á cabeza do Parlamento.

venres, 19 de agosto de 2016

Un paso adiante e outro atrás, *Orense


A imaxe está sacada do programa Telediario da RTVE, emitido o 18/08/16, dando a noticia da presentación da Volta Ciclista a España.
Hai uns anos isto non sucedía. O manual de estilo das canles públicas eran respectuosas coa toponimia galega. Despois de moito batallar conseguírase o respecto neste pequeno pero moi visible ámbito. Era ademais un punto de referencia para outros medios de comunicación e un punto de apoio sobre o que fundamentar a españolización dos nomes dos nosos lugares que mantiñan outros medios ou a propia administración noutros ámbitos. Agora o momento é outro.
Vivimos un período de forte agresión á identidade galega. O galego non conta, fica diluído no español, é completamente secundario. A consigna desde a dirección da TVE é a de empregar os topónimos galegos ao estilo franquista. As queixas coma ésta son cualificadas de radicalismo nacionalista e así xa consideran ter plena xustificación para a agresión á lingua galega.
Con accións coma ésta refórzase o espazo de agresión á lingua pois as canles privadas teñen aquí apoio para actuar da mesma maneira.
Resulta que nós, os galegos, pagamos as canles públicas. Tamén pagamos unha boa parte da organización da Volta Ciclista deste ano. O que nos desvolven é o desprezo e o insulto.

domingo, 14 de agosto de 2016

Lingua materna vén de matar

por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Eran emigrantes de vacacións. «Aquí a xente viste guai», dixo un con ese acento dos mozos que almorzan en galego nalgún suburbio de Lucerna, «alá non hai tendas de roupa bonita e barata, de feito só hai un Pull&Bear en Zúrich». Díxoo así, pulundbar, á alemá, e as curmás riron. «Dise pulandbiar», díxolle unha delas. «A saber como se di!», mediou alguén desde outra mesa. Naqueloutro lugar, tomaba o café a xeración dos que non mercan roupa en Pull&Bear porque xa non están para pantalóns rachados nin croptops co embigo ao aire. Os mozos erguéronse, e a rapaza galega que pontificara a perfecta pronuncia british da tenda de Arteixo, anunciou «Papá, pirámonos», e liscaron desa forma na que universalmente liscan os adolescentes, camiñando coma se arrastrasen nos pés un peso eterno. «Como pasa o tempo», sentenciou unha muller duns corenta anos, guapa, mentres os miraba afastarse. Había nesa frase unha nostalxia sen fin.

venres, 12 de agosto de 2016

Reequilibrar o galego. Louvor do activismo lingüístico.

por Joám Lopes Facal, no Praza Pública:

Registam as estatísticas a desoladora evoluçom do nosso idioma, a mais alta criaçom do país que já foi Gallaecia com os romanos e Kallaikia com os geógrafos helenos. Um monumento ímpar que justifica umha naçom.

luns, 8 de agosto de 2016

O galego? Como unha drogha!!!


Da boa feitura de Nós TV, chéganos outro vídeo do alumnado da XXIX edición dos Cursos "Galego sen fronteiras", así se explica esta moza:

"A moitos galegos víñalle ben ver o que sucede cando unha persoa da India, da América e do Xapón se reúnen para falar en galego."



domingo, 7 de agosto de 2016

María Xosé C. Trillo As linguas dun Estado plurinacional…

por María Xosé C. Trillo, no Sermos Galiza:

Recibo unha chamada telefónica dunha desas novas empresas coas que teño contratada a enerxía eléctrica. O de sempre. Queren que lles expliques as túas decisións, facer un exame exhaustivo de por que fas o que fas ou deixas de facer o que non queres facer. Esa si que é a nova liturxia do mercado libre, a todas as horas tes que facer confesión. Pois a min non me apetece. Non tanto por capricho, senón por principios de autoestima. Mais iso é outro cantar.

venres, 5 de agosto de 2016

Apartheid

por Xavier Queipo no Sermos Galiza:

Eu adoito meter o fociño onde non me chaman. Ás veces o resultado é positivo e saio co fociño indemne e outras con el adoecido. Así e todo, e a risco de non estar a ben con todo o mundo (non se pode), vou expresar en síntese as miñas ideas sobre ese manifesto que circula pola rede e que xa recibín unhas cantas veces, sobre o chamado apartheid lingüístico.

luns, 18 de xullo de 2016

E isto é o amor


E digo eu: non estaría ben que as orquestras que andan a cen estes días polas vilas galegas, interpretaran cousas bonitas coma ésta, no canto das trapalladas coas que normalmente nos abrouxan.  

luns, 11 de xullo de 2016

O carro, versión sinfónica



Esta magnífica interpretación que demostra que para ler a Manuel María, nin tan siquera cómpre saber ler. Así de universal é a súa obra. Velaquí están  Luísa Blanco Pena (fagot), Alba Pardo Aboy (clarinete), Juan Manuel Ocampo Dobalo (trompa) e Sergio Rodríguez Pena (oboe). Os 3 primeiros son membros da Banda Xuvenil de Silleda e o último é da Banda da Bandeira. Todos alumnos do meu centro, o IES Pintor Colmeiro (Silleda)

xoves, 7 de xullo de 2016

Rabela: Entrevistas arredor da lingua

Nesta entrada recompilo as entrevistas que Nós TV realizou a persoas de distintos ámbitos no programa Rabela do pasado 28 de xuño











luns, 4 de xullo de 2016

A mocidade fala da lingua: Pontedeume, Neda, Moeche, Muros, Lalín, Fisterra e Pontevedra

Rematabamos o pasado mes cunha referencia ao programa Rabela, de Nós TV, adicado á reflexión sobre a situación actual da lingua galega. Os mantedores da canle de You Tube desta televisión tiveron a boa idea de colgar os vídeos nos que entrevistaran á rapazada de Pontedeume, Neda, Moeche, Muros, Lalín, Fisterra e Pontevedra. Unha alfaia para teren en conta os ENDL.




















venres, 1 de xullo de 2016

De blogues.58


  • Xogo de tronos e palabras, 01/06/16, por Manuel Arca en Derrubando isoglosas
  • Palíndromos ilustrados [10], 01/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • A cea do gobernador, 05/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • O galego e a secretaria xeral de Podemos en Galiza, 06/06/16, por Carlos Callón no seu blogue
  • Onte 1695: Biblioteca Agustín Fernández Paz, 07/06/16, por M. Bragado en Brétemas
  • As cinco vogais do listísimo Carlos Callón, 08/06/16, por Carlos Callón, no seu blogue
  • Lewis Carroll en Silleda, 10/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de linguaç
  • Resumo das leis da lingua galega, 13/06/16, por Jenny Costa da Morte en Vexamos máis alá
  • Vídeos, prexuízos e humor, 19/06/16, por Carlos L. Medrano en Xogos de lingua
  • El doble error, 19/06/16, por Ferran Suay en de l'Horta estant
  • O castelo de San Carlos de Fisterra, 20/06/16, por Francisco Fernández Naval no blogue A noite branca

xoves, 30 de xuño de 2016

Rabela: debate sobre o galego na mocidade



Cando hai uns días recollía un debate sobre o ensino da nova canle de televisión Nós TV xa osmaba que non sería a última vez que faría referencia ás achegas desta nova emisora radicada en Lalín. O que non esperaba era esta explosión, a do pasado 28/06/16 coa emisión do espazo Rabela, cun especial pola a lingua, con varias horas de emisión e cargado de contidos, dos que se teño tempo irei dando noticia neste espazo.
O primeiro que vou destacar é esta mesa de debate moderada por Pablo "Chichas"e na que interveñen profesores de recoñecida experiencia no mundo da normalización: Séchu Sende, escritor e toda unha referencia, Hortensia Bautista con experiencia como concelleira de normalización e  Bernardo Penabade, o ideólogo do "Modelo Burela", xunto á presidenta da CTNL, Anxos Sobirño, falan da perda de falantes na mocidade galega e por onde deben camiñar as prácticas normalizadoras.
Ademais do faladoiro, o programa contén moitas entrevistas, sobre todo a rapaces.

martes, 28 de xuño de 2016

26J

Esta foto, dun cartel electoral do PP foi tomada na Estrada. Hai centos de carteis iguais a este que se pegaron por toda Galicia. En todos eles, ademais do lema "A favor", faise referencia a unha data, a do 26 de xuño, como 26J. O PP renegou por completo do uso do galego ao facer referencia á data electoral única e exclusivamente en español. A mensaxe non era directa, pero estaba clara.
Os cabezas de lista da formación popular eran Juan Juncal, coñecido ultra anti-galego, Joaquín Mª García e Ana Pastor, que non falan en galego nin de casualidade, e Miguel Ángel Viso, do que o único que sei é que patrocinaba o Ribeiro en castelán. 
Isto é o que queremos para a nosa lingua? A súa negación, a vía aberta ao supremacismo do español? Queremos unha lingua de terceira clase, dun status inferior non xa ao inglés, senón ao de calquera lingua estranxeira? Queremos unha lingua chea de prohibicións e sen ningunha garantía? Queremos a hipocrisía da louvanza sentimentaloide baixo unha política lingüísitca de apartheid? Quizais o noso desexo pase por protexer aos nenos da nosa lingua, procurando que non a escoiten, que non a falen, que non a aprendan e que, pola contra, aprendan que non serve para nada, que as linguas realmente útiles son as que non son a nosa, e que en definitiva, a nosa, tampouco é nosa.
Se buscábades iso fixéchedes ben o pasado 26X votando ao PP, porque iso é o que teremos. Os sinais estaban claros, e aquel que non os vira, ou ben é cego, ou ben idiota, ou ben un furibundo negacionista.





xoves, 23 de xuño de 2016

Da Laracha a *La Racha pasando por *Laracha: Da importancia de non quedar in media res

por Silvana Castro García en Terra e Tempo:

Desde hai un tempo escoito con resignación como unha parte da poboación, minoritaria, afortunadamente, opta por eliminar os artigos diante de topónimos como A Coruña ou A Laracha, por exemplo, de tal xeito que "Saen de Coruña e paran en Laracha de camiño a Carballo".

martes, 21 de xuño de 2016

17 de Maio negado 17 veces


Así é como desde as institucións se actúa contra a lingua galega. Este é o caso do Concello de Ribeira, que continúa actuando impunemente contra a Lei de Normalización Lingüística e contra o Decreto 189/2003  polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña. A mestura de hipocrisía e desprezo non pode ser maior có que se demostra neste cartel mediante o que o concello anunciaba os actos do que denominaban "mes das letras galegas".
Efectivamente, o 17 de maio celebrábase o Día das Letras Galegas. Este ano a figura protagonista era Manuel María, un poeta moi comprometido coa normalización da lingua. No cartel anunciador do concello de Ribeira 17 veces aparecía o topónimo en versión deturpada: *RiVeira. 17 veces negada a lingua galega coa aquiescencia da Xunta de Galicia, especialmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

luns, 20 de xuño de 2016

'Saudade' cantada pola rapazada arxentina


Francisco Luís Bernárdez (Buenos Aires1900-1978) era fillo de emigrantes procedentes de Maceda Maside. El é o autor do poema que cantan estes rapaces do colexio Santiago Apóstol (Buenos Aires).
A nota triste é que se divulgue esta peza neste blogue no canto de que o faga quen ten tería que facelo, pero iso é o conto de sempre. 
Unha imaxe de Francisco Luís Bernárdez aparece ao principio do vídeo. El foi un poeta e diplomático arxentino que colaborou na revista Nós e que escribiu varias obras en galego, entre elas o “Discurso encol do Idioma Galego” publicado en 1953, no que denuncia o estado da nosa lingua na ditadura franquista.
O poema que canta a rapazada do Santiago Apóstol é o seguinte:

SAUDADE
Non sei quen é, non sei como se chama.
Non sei de donde ven nin quen a envía,
Non sei si é de tristura ou de alegría
A voz con que ela clama e me reclama.
Non sei si cada bágoa que derrama
Brota de gostosura ou de agonía
Non sei si o que ela chora noite e día
Ven do seu ser ou do que o meu máis ama.
Somente sei que a sinto tan presente,
Tan viva, tan real, tan insistente
Como a lembranza e a melancolía.
Como a reminiscencia de un cheirume.
De un vago son, de un indeciso lume,
De algo que fai pensar en Rosalía (…).

sábado, 18 de xuño de 2016

A lingua como arma política ou a necesidade de novos discursos

por Denis Vicente e Martín Vázquez no Praza Pública:

Nos últimos días asistimos a un cruce de declaracións sobre a lingua galega en varios medios de comunicación e nas redes sociais de dous dos principais líderes políticos da esquerda galega: Carlos Callón, candidato do BNG ao Congreso pola provincia da Coruña nas vindeiras eleccións do 26 de xuño; e Carmen Santos, actual Secretaria Xeral de Podemos en Galicia.