Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 28 de abril de 2017

*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL

Fonte
Estoulle enormemente agradecido á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) por facilitarme esta foto e esta noticia. Tal é o grao de impunidade no que se moven que non gardan nin as mínimas formas. 
Como todo o mundo saberá, o goberno municipal do concello de Ribeira mantén unha guerra absurda, propia de babecos e ignorantes: está obstinado en deturpar o topónimo da cidade e, a pesar de moitos avisos, peticións e insistencias, mantéñense día a día fóra da legalidade e o mínimo sentido común, escribindo obsesivamente a monstruosidade *Riveira. Para comprobalo, basta ver o atrabilio portal do concello (eles escribirían *atraviliario). Mais, isto, con ser malo, non é o peor.
O caso é que a SXPL, apoiu unha feira educativa, aberta onte en Ribeira, sabendo como sabe, cal é a postura do alcalde e do goberno municipal, de insistente incumprimento da Lei de Normalización Lingüística (LNL). Non será hora xa (pasaron máis de 30 anos), de que todas as entidades que reciban o apoio, non só da SXPL, senón de calquera organismo da Xunta, que se lle esixa o cumprimento da LNL? Entón, que fai o organismo que tería que estar acotío esixíndoo, apoiando un acto que ten un cartel anunciador asinado polo concello de *Riveira?. Con todo, isto non é o peor.

O peor é esta forma de actuar, esta fachenda, este desprezo á cidadanía que temos orgullo da nosa lingua. O peor é publicar, como se fose algo do que gabarse,  a noticia de que se apoia unha feira no que o nome real do concello está ausente, e que, para colmo, aínda se colgue unha foto na que se certifica que todo é igual, que poden seguir destrozando a lingua como lles pete. Con todo, isto aínda non é o peor.
Titulei a entrada "*Riveira, o topónimo deturpado, apoiado outra vez pola SXPL". Si, o peor non que hoxe se cometan este tipo de abusos, pois aínda máis malo é que xa non é a primeira vez vez que o fan, e de seguir nas mesmas mans, verémolos repetidos. Iso si que será o peor.



martes, 25 de abril de 2017

Díxenche que lle dixo que non llelo dixera

por Jorge Mira Pérez, na sección de Autores da RAG:


Un dos últimos informes do Estudio General de Medios (EGM) indicou que a penetración da televisión na poboación española é do 88.5% (descoñezo se hai datos segregados por autonomías), seguida por Internet, co 62.4%, e a radio, co 60.4%. Por se fose pouco, ao analizar a tendencia deste indicador dende o ano 2000 ata 2015, vese que a hexemonía da televisión se mantén nuns valores de sorprendente estabilidade, pasando do 89.2% en 2000 ao 88.5% en 2015.

luns, 24 de abril de 2017

Matemáticas en galego, tamén coa LOMCE

Hai uns días publicouse a versión galega da unidade didáctica Xeometría analítica do plano. Como todas as outras 68 unidades, pode facerse un uso non comercial dela, incluso se pode modificar e adaptar. Trátase do último chanzo na edición de material didáctico de matemáticas en galego, que se pode consultar, traballar on-line, ou descargar do portal de materiais ed@d en galego para a LOMCE e que forma parte do excelente e xeneroso Proyecto Descartes, unha web en continua renovación e chea de recursos.

Título: Xeometría analíca do plano
Fonte: Proyecto Descartes
Licenza: Creative Comons BY- NC-SA

Ao premer na icona da impresora obtemos, en formato PDF, un libro de texto adaptado a esta unidade didáctica dixital. Tamén temos un caderno de traballo, tanto en formato PDF, como en formatos editables (.doc e .odt). A proposta metodolóxica asociada a estes cadernos de traballo consiste en que o alumnado os use como guía para ir realizando as actividades da unidade.
Premendo nas frechas da parte inferior, ou navegando polo índice da esquerda, podemos acceder a cada un dos apartados da unidade. En todos eles temos actividades en xanelas emerxentes e unha escena interactiva especialmente preparada para a aprendizaxe da cuestión tratada en cada momento.
No menú superior temos os seguintes apartados: Antes de empezar, Contidos, Exercicios [1] e [2], Auto-avaliación, Para enviar ao titor, Para saber máis. Invítovos a premer nos dous listados de exercicios (un de vectores e outro de rectas) ou no último apartado, no que se trata un tema algo máis avanzado, neste caso o da circunferencia dos nove puntos.
E así, podemos repetir isto ata nun total de 69 unidades didácticas. Unha pequena fenda na que furar contra o funesto decreto do plurilingüismo, que forza a desligar as matemáticas, e en xeral o saber científico, do emprego da lingua galega.
Matemáticas en galego do Proxecto ED@D

Velaquí o listado de todas as unidades. Que as desfrutes.

1º ESO
Os números naturais
Múltiplos e divisores
Os números enteiros
Números decimais
Fraccións
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Rectas e ángulos no plano
Polígonos, perímetros e áreas
A circunferencia e o círculo
Taboas e gráficas
Estatística e probabilidade


2º ESO
Potencias e raíces con números enteiros
Fraccións
Decimais
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Ecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza. Teorema de Pitágoras
Corpos xeométricos
Áreas de corpos xeométricos
Volume dos corpos xeométricos
Funcións
Estatística

3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística
Probabilidade


3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números reais
Potencias e radicais
Polinomios
Ecuacións e sistemas
Inecuacións
Semellanza
Trigonometría
Xeometría analítica do plano
Funcións e gráficas
Funcións polinómicas
Funcións racionais, exponenciais e logarítmicas

4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Números enteiros e racionais
Os números reais
Problemas aritméticos
Polinomios
Ecuacións e inecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza e trigonometría
Problemas xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións elementais

domingo, 23 de abril de 2017

Deixaches a escola


No IES Taboada Chivite (Verín) van representar o vindeiro mes o musical "Grease". Aquí vai un gorentoso adianto gravado nunha hamburguesería de Ourense.
(Aproveito para recordarlle a quen subiu o vídeo, de que desde o 2003, a segunda forma do artigo está desaconsellada)
Vía Xián do Campo

venres, 21 de abril de 2017

Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo


Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo - Vigo [1ºParte] from Il Canalla Rubens on Vimeo.

Nesta charla das Mareas de Vigo participan Xurxo Martínez, técnico en normalización do SNL de Redondela, Marga L. Barreiro, concelleira da Marea en Vigo, pero sobre todo, Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e especialista en toponimia, aquen sempre é un gusto escoitar porque enche o seu relatorio de curiosidades. A súa intervención comenza a partir do minuto 17.
Navaza comenza lembando as polémicas na denominación de concellos con nomes normais e alcaldes problemáticos. Cita o caso de *Puenteareas ou o de *Riveira. Hai outros casos nos que aínda que está claramente documentada unha determinada denominación, pero dexasustes  administrativos ou o desleixo do Consello da Xunta, manteñen unha forma oficial incorrecta. Tal é o caso da *Cañiza (debería ser A Caniza) ou de *Santa Tegra, na Guarda (debería ser Santa Trega).
Grazas a que en Galicia se estableceu que a toponimia era responsabilidade da Xunta, e non dos concellos, puido facerse moito máis que noutros territorios, e iso que partíamos dunha situación de moita maior deturpación.
Sobre a denominacións que son competencia dos concellos, rúas e prazas, destaca o chamado modelo toledano. En Toledo retiraron os nomes das rúas adicados a personaxes para recuperar o topónimo tradicional do lugar. En relación con este tema, no segundo vídeo fai referencia a un tipo de castelanización atrabiliaria. En Lalín, nun lugar coñecido como o Areal, o concello nomeouno como rúa Concepción Arenal. Para poñerse a mexar e non botar gota.
Navaza fai un repaso da toponimia das parroquias viguesas. Sobre o propio nome da cidade, relata que vén de vicus, que significa fila de casas. Esta palabra dou orixe a outras relacionadas como veciño ou veciñanza. Ofreceu o dato de que hai 14 Vigos en Galicia e fixo referencia ao tráiler que acabou atrancado nunha corredoira do Vigo que hai por Padrón. Tamén recordou a resistencia dos que pretendían a denominación de *Valladares á parroquia de Valadares.
Ao falar de Alcabre fai todo un dircurso sobre o celtismo e a toponimia prerromana. En concreto a terminación bre ten o significado de "castro". De ahí a redundancia do topónimo Castrobre.
Por rematar, unha última pincelada referida ao lugar de Barcia de Mera, en Mondariz. Alí celebrábase a advocación a S. Amaro, que fora soldado romano. Chegou un momento, no século XVI, no que este santo de tradición galega, non foi identificado pola Igrexa e cambiou o santo do lugar polo do bispo S. Mauro. Agora, nas festas sacan dous santos en procesión. Un vestido de romano e outro coa mitra á cabeza. Din que un é o santo de novo, cando soldado, e o outro de maior, xa con cargo eclesiástico.



Os nomes da cidade - Toponimia de Vigo - Vigo [2ºParte] from Il Canalla Rubens on Vimeo.


mércores, 19 de abril de 2017

En galego, sen cancelas na escola


O vídeo gañador do Correlingua 2017 foi obra do ENDL do CPI Suárez Marquier (O Rosal). Os premiados están encantados cun recoñecemento que "serve para promocionar a lingua e para denunciar a situación na que se atopa".
Esta peza recolle varias escenas da vida cotiá, algunhas fóra do centro escolar, nas que flúe con normalidade a lingua galega, e outras, tras as cancelas da escola, nas que se mostra como o funesto decreto 79/2010 aniquila a lingua galega das aulas de matemáticas, física e tecnoloxía.

Un respecto pola lingua e polos sufridos lectores!

por Manuel Cabada Castro, recollido do Xornal de Tabeirós-Terra de Montes:

Non quero desde logo fachendear aquí pola miña parte de utilizar correctamente a propia lingua, a galega, aquela que utilizo agora para me queixar do desleixo co que máis dunha vez se trata a lingua galega nalgúns xornais que se editan en Galicia. Non exclúo, polo tanto, que alguén me poida replicar co vello adaxio latino de “medice, cura te ipsum”...

venres, 14 de abril de 2017

Galegocalantes e galegofalantes

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

A última compilación de traballos publicados por Carlos Callón en defensa do noso idioma abrangue o período 2009-2016. Como se sinala, nun texto xustificatorio, ao comezo desta obra, foi este un intervalo de anos negros para a lingua galega polos graves retrocesos sufridos. Mais tamén un tempo de “esperanza social, de mobilizacións continuadas, de alento histórico dun pobo que, a pesar de todo, non se resigna a desaparecer”.

mércores, 5 de abril de 2017

A educación en galego. Reflexións desde o IES Sánchez Cantón



Alba e Inés son dúas youtubeiras pontevedresas, que desde o ENDL do IES Sánchez Cantón (Pontevedra) queren compartir reflexións sobre o uso e situación da lingua galega.

Razón de ser dunha resolución

por Pilar García Negro, no Sermos Galiza:

No fin de semana pasado e na cidade da Coruña celebrouse a XVI Asemblea Nacional do BNG, que merece todos os parabéns e, aínda máis, os desexos da mellor fortuna no traballo que temos colectivamente por diante, que non é pouco. Mais neste artigo quérome aproximar só a unha das Resolucións aprobadas na súa clausura, cuxo texto literal reza así:

xoves, 30 de marzo de 2017

Son regueifeira e gústame regueifar


O Concello de Santiago convoca durante o mes de abril un certame de regueifas en vídeo para contribuír ao coñecemento desta forma de improvisación oral, incentivar a súa práctica e colaborar á creación de espazos nos que a lingua galega sexa canle de expresión, comunicación, participación e divertimento.
Vía Dores S. Alegre

xoves, 23 de marzo de 2017

O Berete: a revista

Máis dunha vez temos feito referencia ao blogue O Berete, do ENDL do IES Chapela (Redondela). Agora sabemos que O Berete é tamén unha revista. Neste número, hai unha entrevista, recensión de libros, creación literaria, novas e un pequeno artigo sobre un obxecto que fora todo un éxito no seu tempo e que volve a estar de moda: o cubo de Rubik. Para botarlle un ollo:

O Berete. Marzo 2017.

mércores, 22 de marzo de 2017

ostiá! (toponimia deturpada) de Leo i Arremecághona



O Leo i Arremecághona ofrécenos este hit: Sanjenjo, Panjón, Corujo, Puertonuevo, La Coruña, Bueymuerto, Arte(i)jo, Ortiguera, Puentedeume, Puenteceso, Noya, Bayona, ???, La Peroja, ????

domingo, 19 de marzo de 2017

Rosalía, discurso moderno

por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, en La Voz de Galicia:

A obra de Rosalía acompáñame desde a adolescencia. Foi, como non, unha das miñas primeiras lecturas en lingua galega, lectura, no meu caso, orientada pola miña profesora nas aulas do Instituto, Pilar García Negro que, nun tempo en que non había aínda ensino regrado desta materia, permitiunos a moitas rapazas descubrir a literatura galega e, moi en especial, a potencia e orixinalidade do discurso rosaliano. Por tanto, para min, ler Rosalía resulta indisociábel da reflexión sobre a problemática das mulleres e, tamén, da sorprendente descuberta de ter diante unha voz que falaba desde unha clara conciencia da propia identidade como muller. Con todo, o certo é que esta ollada desprexuizada sobre a produción rosaliana non era, nin de lonxe, a máis común na altura pois, como é ben sabido, pesaban sobre ela preconceptos fortísimos.

sábado, 18 de marzo de 2017

Semente de Trasancos




A pasada fin de semana celebrouse en Narón a terceira edición do Festival solidario da Semente para apoiar o ensino en galego en Ferrolterra organizado por Semente de Trasancos, un grupo de xente que pula por algo tan simple, tan necesario, e hoxe en día, tan escaso, como unha escola en galego.

Carta aberta a un pai galego

unha desas marabillosas cartas abertas de Xabier P. Docampo, en Praza Pública:


Prezado señor Núñez Feijóo: Sei pola prensa que o día 15 do mes pasado naceu o seu fillo e quero dicirlle, con total sinceridade, xaora, que desexo que o neno se críe ben e saniño e que contribúa á felicidade de vostede e mais a da nai da criatura. Así que vaia isto por diante.

xoves, 16 de marzo de 2017

Galiza somos nós, a xente e máis a fala



Excelente peza audiovisual, elaborada dentro do marco do  Outorno Cultural da Coruña. Está construída sobre o poema de Manuel María "Galiza" (Os soños na gaiola, Edicións Xerais 2000), protagonizada polas persoas e colectivos anónimos que dan vida á cultura de base nas vilas e cidades da provincia.
Participaron no vídeo Jontxu Argibay (escultor de Ribeira), Regina Muñiz Gerpe (poeta de Santa Comba), membros do Teatro Municipal de Ames, da Coral Polifónica de Noia, da Escola Municipal de Teatro de Negreira, da Asociación Xuvenil Cherinkas (Vimianzo) da A.C. O Castelo (Vimianzo), da Banda Municipal de Cee, dos grupos de teatro de Muros, da Asociación Cultural Charamela (Melide), da Aula de Teatro Municipal de Carballo, da Asociación de Mulleres Rurais Arantón (Santa Comba), do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, da Rondalla Moraima (Arzúa),do Grupo poético Alalá e InterClubtural (As Pontes), do club de lectura do IES Castro da Uz (As Pontes), da A. C. Folclórica Rosalía de Castro e das Aulas da Terceira Idade de Padrón, da Asociación Cultural Amigos da Música de Ordes, da Banda Municipal de Betanzos, do Grupo Azougue (Betanzos), da Sociedade Cultural e Recreativa A Pombiña (Narón), e da Escola de Gaitas de Ortigueira.
Canta xente facento tantas cousas interesantes! Canta xente arredor dunha lingua!
Parabéns pola iniciativa.

No centenario da morte de Eduardo Pondal

por Xosé Lois García, no Sermos Galiza:

Onte cumpriuse o centenario da morte do poeta Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917). O poeta e cantor dos celtas, dos bardos, dos pinos, dos castros, da vella Lusitania e reivindicador da nosa fala, finaba aquel 8 de marzo de 1917. Cen anos escurecen moitas claridades, mais o resplandor de Eduardo Pondal esclarece e ilumina inmensos portentos, de paixón e dignidade, pola normalización dunha Galiza soberana, erixida e defendida polos galegos. Eduardo Pondal foi consciente de enaltecer o propio e dignificar o noso idioma; na súa poesía a defensa da lingua é constante, e valente a súa mensaxe, como lles lembra ás mociñas da Coruña a falar a nosa lingua: “Miniñas da Cruña, / de amabre despexo, / de falas graciosas / e pasos lixeiros, / deixá de Castela / os duros acentos: / falade miniñas, / falade galego”. Pondal foi un persistente defensor da nosa fala: “Nobre e harmoniosa / fala de Breogán, / fala boa, de fortes e grandes / e grandes sin rival”. Dous apelos necesarios para comprender o compromiso do autor de Queixumes dos pinos, onde alborexa o verbo defensivo dun poeta de compromiso e combate pola fala, que vén a ser unha das credenciais identitarias con que Pondal puxo énfase na reivindicación e defensa do noso idioma.

mércores, 15 de marzo de 2017

Unha poesía prima no día pi



Nos últimos anos vén espallándose cada vez máis a celebración do Día Pi, o 14 de marzo (3/14 no formato anglosaxón, e que corresponde coas primeiras cifras do número π). No IES Chano Piñeiro (Forcarei) xa teñen celebrado esta data cun concurso de esopías (narracións que conteñen sucesivamente palabras co número de letras indicadas polas cifras do número π), mais desta vez optaron pola declamación dun poema matemático sobre os números primos.

luns, 13 de marzo de 2017

Conferencia de Pilar García Negro celebrando o centenario de Pondal



O vindeiro venres 17 de marzo, ás 19:30, na Sala de exposicións de Abanca, na Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes proponnos unha conferencia de Pilar García Negro sobre a obra de Eduardo Pondal. Con este acto querse lembrar o centenario da morte do poeta, acontecida na Coruña o 8 de marzo de 1917.


Eduardo Pondal é un dos grandes poetas do Rexurdimento galego (xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez). Pondal estivo fondamente comprometido na defensa da nosa nación e da nosa lingua e participou en numerosas actividades de signo galeguista e democrático, como o Banquete de Conxo (1856), xuntanza de estudantes e artesáns, que simbolizou a unión da reivindicación de clase coa reivindicación nacional. Eduardo Pondal creou na súa poesía un universo mítico onde os celtas simbolizan a dignidade que Galiza debe recuperar. El sentiuse o bardo, o cantor do pobo que ten a obriga de incitarnos a recuperar a forza e o orgullo de sermos quen somos e que nos quere espertar dun longo sono que debe rematar: “desperta do teu sono / nazón de Breogán”.
O nome de Pondal é moi coñecido por ser o autor da letra do noso Himno. O texto encargoullo o músico Pascual Veiga, que organizou na Coruña en 1890 un Certame Musical para premiar a composición que, sobre o texto de Pondal, mellor expresase o “espírito galego”. Finalmente, foi no Centro Galego da Habana onde o Himno se fixo “oficial” para todos os actos; interpretouse por primeira vez no Gran Teatro desta cidade o 20 de decembro de 1907, nunha velada para honrar a memoria de Pascual Veiga.
A obra de Eduardo Pondal foi menos comprendida que a de Rosalía e a de Curros, quizais polo seu carácter fondamente renovador e pola riqueza en cultismos léxicos do seu rexistro literario; mais, a actitude de rebeldía fronte á decadencia do noso país e á desaparición dos nosos sinais de identidade sitúao como poeta comprometido e é a cerna da súa produción.
A obra de Pondal non está obsoleta, senón que segue a manter a súa vixencia. Continúa pendente a “redención” do pobo galego e a recuperación da nosa autoestima colectiva.
En canto a Pilar García Negro, é sobradamente coñecida polo seu traballo político, intelectual e xornalístico. Actualmente é profesora na UDC e autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación.
Sobre a problemática do galego ten publicado infinidade de artigos e varios libros como O galego e as leis, a súa tese de doutoramento, primeiro libro en que se aborda a cuestión crucial da lexislación lingüística e se demostra o desequilibrio legal entre español e galego; Sempre en galego, Dereitos lingüísticos e control político, Da fala á lingua. Un proceso inacabado… Ten intervido tamén en numerosos simposios e congresos sobre sociolingüística e linguas europeas non normalizadas. Foi cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, en Galiza, de 1985 a 1990; tamén foi membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico da mesma.
Publicou edicións e estudos sobre moitos autores e autoras da nosa literatura, como Lamas Carvajal, Blanco Amor, Castelao, Manuel María, María Mariño, Carvalho Calero e un longo etc. No ano 2010, con O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Militante do movimento nacionalista desde 1975, foi deputada polo BNG no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... foron os seus temas de atención preferente. Á sua iniciativa débese a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os dereitos das mulleres".
Participa tamén moi activamente no mundo asociativo e colabora con diversas institucións culturais e pedagóxicas: entre outros cargos, foi presidenta da Agrupación Cultural "Alexandre Bóveda"; é colaboradora da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística; presidenta da federación de asociacións culturais Galiza Cultura…
Vén de ser recoñecida pola AELG co premio Escritora na súa Terra, que recibirá en Lugo no próximo mes de xuño.