Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 20 de outubro de 2017

#Queimanalingua

@arrevesados é unha conta de twitter que se caracteriza por elaborar vídeos manipulados cun obxectivo humorístico. aínda que nesta ocasión non trouxen ata esta entrada un vídeo de @arrevesados polo seu contido gracioso, senón polo tráxico. Nesta peza audiovisual recóllense unha serie de cortes da intervención do director xeral de montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, do informativo da TVG do pasado domingo a raíz da vaga de incendios que sufriu Galicia na que se demostra o desprezo e a inicuidade coa que actúan os altos cargos do goberno do PP con respecto á lingua galega. Toda intervención pública ten a súa didáctica na conformación social do imaxinario colectivo que representa un referente identitario tan fundamental como a lingua. Esta intervención de Fernández-Couto é extrema pero ben indicativa de cal é o lugar que lle a Xunta lle deixa ao galego.


Transcripción:
Hemos ti...tenido que facer fronte a douscentos dez lumes neste fin de semana [...] e por outra banda estes ventos do sur i estas temperaturas tan altas nos han, digamos, metido directamente grandes lumes procedentes de Portugal que nos han entrado por el sureste [...] creando novas condiciones de peligro, creando novas situacións de rigo i obligando aos medios a repartirse en máis lumes i en máis situacións. I estos lumes se han producido en el entorno de estas zonas tan habitadas, lo que ha generalizado las situaciones de riesgo, ha complicado extraordinariamente las condiciones de extinción i está a provocar unas situaciones de angustia i de riesgo en las poblaciones mui importantes. No ocurre únicamente aquí, también en la provincia de la Coruña, de Lugo y de Orense se están a dar estas condiciones, pero en algunas zonas son especialmente difíciles de xestionar por lo alto número de viviendas que ao longo de todo o perímetro do lume se están a producirNon temos ningún dato que poda sostener, digamos, a existencia de tramas organizadas
Tomás Fernández-Couto Juanes, director xeral de montes, 15/10/17


Entrevista co director xeral de Montes para avaliar a situación dos incendios, 16/10/17 no programa Bos Días (TVG)

A memoria da lingua na paisaxe

por Xosé Rodríguez en La Región

A paisaxe galega atesoura unha rica memoria cultural e lingüística que definíu ao pobo que a habita. Cada anaco da súa terra: montañas e serras, fragas, soutos, carballeiras, ríos e rías, lameiros e veigas son escenarios con cadaseu nome, e todos eles evocadores do imaxinario popular. De aí que os seus habitantes mantivesen unha forte unión entre a lingua e a paisaxe; entre a cultura e os espazos xeográficos aos lles foi poñendo nomes para identificalos, alusivos ás súas peculiaridades ou propiedades naturais.

mércores, 18 de outubro de 2017

Orgullo pola toponimia en Forcarei

As 12 aulas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) veñen de ser bautizadas cos nomes das 13 parroquias do concello (unha delas, a de Presqueiras fai referencia ás parroquias de Santa Mariña e San Miguel). A carón da porta de cada aula teñen un cartel que podemos ver un estudo filolóxico do topónimo, un mapa de Forcarei no que se localiza a parroquia, unha relación de todos as súas aldeas e tres fotos con monumentos ou lugares. Un fermoso traballo que afonda no orgullo da comunidade escolar pola lingua que identifica o territorio no que viven e estudan.





luns, 16 de outubro de 2017

Merca en Xove. Merca en galego


Nun principio estaba moi ben esta campaña do Concello de Xove do ano 2015, na que se podía participar desde o facebook cos cancelos #EuMercoEnXove #EuMercoEnGalego. Estaba moi ben porque promovía o comercio local visibilizando como valor positivo que o galego sexa a lingua de relación comercial.
Pola contra, a campaña non está tan ben por outras razóns. A primeira, se prememos o play do vídeo o primeiro que vemos é a Demetrio Salgueiro, o alcalde de Xove facendo unha declaración institucional, o que lle pode quitar as ganas a calquera de seguir vendo o que realmente importa, o vídeo da campaña. En segundo lugar, despois do alcalde temos os discurso da axente de desenvolvemento local. Despois de tanto preámbulo quítasenos as ganas de ver o contido substancioso do vídeo, onde aparecen os veciños dando as súas razóns para mercar en Xove e para facelo en galego. En terceiro lugar, se temos en conta que a campaña está sustentada polo concello, a asociación local de empresarios e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística, os escasos premios que outorgaban (un vale de 150 €. un de 100 € e outro de 50 €) desprestixiaban por completo a iniciativa, e de paso, a lingua que se pretendía potenciar. Precisamente nestes días vanse repartir 1.5000 € en premios noutra campaña comercial na que o galego xa non é protagonista. Finalmente vemos que aquela proposta do 2015 foi un foguete pouco vistoso que nin tan siquera fixo pum. A iniciativa acababa xusto onde comenzaba, feita únicamente para maior gloria do rexedor e das institucións que presuntamente facían algo pola lingua cando só o facían por si mesmos.


sábado, 14 de outubro de 2017

Casares-tón



A RAG pediulle aos centros de ensino que lle contaran como se desenvolveu o pasado Día das Letras. A convocatoria foi todo un éxito no que chegaron a participar case 80 centros. De entre todos eles escolleronse cinco gañadores. Un deles é o CEIP O Carballal (Marín) con este simpático audiovisual Casares-tón
Nesta páxina pódese acceder aos traballos premiados e nesta outra a todos os que participaron.
Parabéns a todos.

mércores, 11 de outubro de 2017

O debate educativo conxelado: agardando por Godot

Moi interesante o documento da Nova Escola Galega do seu boletín NEG Opina do mes de outubro 2017 que reproducirmos máis abaixo. Destaco unha idea: "Nun contexto social diglósico, esta falsa disxuntiva  [a de que temos que escoller entre aprender galego ou aprender inglés] contestada desde unha parte do coñecemento científico coa afirmación «as linguas suman», estase a instalar en cada vez máis amplos sectores sociais, levando por diante o relativo consenso ao redor da necesaria normalización lingüística do galego"

Texto ínegro do boletín de outubro do 2017 do NEG Opina:

A convulsión que supuxo o proceso de implantación da LOMCE no sistema educativo durante os últimos anos semella ter esmorecido como consecuencia da redución do impacto das reválidas, ao perderen estas o seu carácter vinculante para acadar unha determinada titulación. A suspensión desta medida, mentres non se acade un Pacto Educativo, serviu para que o PP e C´s vendesen ante a opinión pública unha suposta «conxelación do calendario de aplicación da LOMCE en todos aqueles aspectos que non tivesen entrado en vigor», o que na práctica non tivo máis efecto que sobre este aspecto das reválidas.

martes, 10 de outubro de 2017

Marcho que teño que marchar



Está a piques de presentarse o novo traballo de Magín Blanco, Camiños. Esta peza, Marcho que teño que marchar formará pàrte dese libro-disco no que participaron alumnos e profesores do CPI Manuel Padín Truiteiro (Soutomaior)

domingo, 8 de outubro de 2017

A Estrada e Silleda: dobre exclusión do galego


Velaquí o cartel que anuncia o Flash Market, un evento que se organiza no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA e no que destacamos que o galego ficou completamente excluído.
O padroado da Fundación asociada a esta Feira cae baixo as directrices da Vicepresidencia da Xunta, Alfonso Rueda é o presidente do mesmo. Que todos os galegos aportemos os nosos impostos para o mantemento destas instalacións parece que non serve de nada pola indolencia dos representantes políticos que, no canto de ser garantes da dignificación da nosa lingua, adícanse precisamente ao contrario.
Non é este o primeiro caso de desprezo ao galego saído da Feira de Silleda. O pasado mes de xuño, por exemplo, celebrouse a Equina, onde a única palabra que podiamos ler en galego, tanto no cartel como no programa, era "Feira"
No seu día ProLingua xa denunciara que sucedía o mesmo con outro evento que se programa nas instalacións da Feira Internacional, o Xuventude Galicia Net. Parece como se toda a programación que vai caer nestas instalacións estivese abocada a botar fóra a lingua galega. Este feito multiplica a súa gravidade por estaren institucións públicas directamente relacionadas coa promoción dos eventos que acabamos de referir. Xa dixemos que por medio de Vicepresidencia a Xunta é un organismo sempre presente, pero tamén aparecen implicados como entidades que apoian algunhas destas celebracións tanto o concello de Silleda como a Deputación de Pontevedra.




A Estrada baixa no seu compromiso co galego

Esta fin de semana celébrase a XII Subida Á Estrada, unha competición automobilística que conta coa subvención do Concello da Estrada e a  Secretaría Xeral para o Deporte. Nin unha nin a outra mostraron a sensibilidade necesaria para esixir que a divulgación da carreira se fixera en galego. Desleixo? desprezo? inidiferenza? desidia? irreverencia? Quizais todo xunto. En resumo, falta de amor pola lingua de noso.
E así anda todo

sábado, 7 de outubro de 2017

O rap da lingua


Migallas teatro lanzou este vídeo para celebrar o último Día Europeo das Linguas o pasado 26/09/17

xoves, 5 de outubro de 2017

Día Europeo das Linguas: o desleixo da Xunta fronte o Tosta



Fronte á enfermiza inutilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que non foi quen de celebrar como se merecía o Día Europeo das Linguas (xa que se limitou a que o secretario xeral acudise a un acto organizado por outros, en concreto a EOI de Santiago), a Mesa si que estivo á altura da conmemoración presentando un fermoso documental que se acompaña dun libro non menos agradecido: Unha guía imperfecta. Despois do xa comentado, ben lle cómpre aos rexedores da política lingüística unha lectura demorada deste manual.
Sete linguas minorizadas; galego, vasco, frisio, galés, gaélico escocés, irlandés e córnico, reuníronse arredor da palabra común "Tosta" para compartir os nosos mundos e para atopar xeitos de dar alento ás linguas. Os sete encontros pola diversidade levados á práctica no Tosta son narrados neste documental no que veremos artistas doutras tantas nacións e culturas da costa atlántica europea.
Outra vez máis temos nos dous pratos da balanza dúas formas de facer política lingüística. Un, o da Xunta, minimizando unha oportunidade de darlle pulo e visibilidade á lingua galega. Este desleixo é un desprezo e un insulto. No outro prato aparece A Mesa xunto con outras asociacións europeas (Golden Tree Productions -Cornualles-, Afûk -Frisia-, Ealáin Na Gaeltachta -Irlanda-, Celtic Neighbours -Gales-, Sabhal Mòr Ostaig -Escocia-, Euskaltzaleen Topagunea -Euskal Herria-) ofrecendo dignidade e orgullo para o galego mediante un discurso sustentado no ecoloxismo lingüístico e os dereitos humanos. Con que nos quedamos?

A lingua na vida dos mortos

por Xosé Castro Ratón no Diario de Ferrol

Forma parte da nosa boa tradición social render tributo á memoria dos nosos devanceiros mortos. Facémolo arredor dunha data consagrada polo santoral católico á festividade de todos os santos, aínda que no misal sexa realmente o día que sigue a este citado. Pesa, con forza, o feito de ser xornada sen actividade laboral en moitos dos traballos. Tempo de visita aos milleiros de cemiterios do país, co cerimonial que supón o lavado de cara e adorno luminoso e floral do sartego, nicho ou sepulcro familiar sen reparar nun feito lamentábel, a lingua utilizada na lápida dos defuntos.

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”. Este retrouso que se ouve amiúdo forma parte da mitoloxía que se erixe ao redor da figura da ‘falante nativa’, un ser mítico que tivo a boa sorte de zugar a ambrosía lingüística directamente da teta de súa mai, dando todo o seu significado ao termo ‘lingua materna’. Máis adiante, poderá cuspilo e renegar del, pasando a falar sempre a lingua do imperio que nos coloniza, por obriga directa ou por coerción, pois ninguén abandona a súa lingua por vontade propria na súa terra. Mais, sexa como for, sempre será unha ‘paleofalante’, á diferenza desta subespecie inferior que o tivo que aprender nos libros, a denominada ‘neofalante’. Antes de máis, convén lembrar que, debido ao proceso de substitución lingüística que deriva da doma e castración do País, non todas as persoas que viven na Galiza tiveron a sorte de nasceren e seren criadas nun ambiente galegofalante. Certamente, ten o seu mérito a falante nativa que mantén a súa lingua nun ambiente lingüisticamente hostil, empapado de español na escola, nos medios... Mais non menos mérito ten aquela persoa que, veña de onde viñer, chega a unha tomada de consciencia lingüística que a empurra a aprender e a utilizar o galego como lingua, adoptando unha práctica monolingüe nun entorno onde apenas se ouve falar galego, sobretodo entre a mocidade. Pois, encanto que a adquisición espontánea se pode vivir sen cuestionala ou mesmo valorala, podéndose aceitar ou rexeitar como calquer dádiva, a tomada de consciencia que implica para un neofalante pasar a ser galegofalante na práctica diaria estriba nun compromiso que tende a levar habitualmente a un activismo lingüísticos, o que non significa que non haxa tamén moitos e moitas falantes nativas activistas. Infelizmente, acontece que nos núcleos máis urbanos, xa en 1998, varias investigadoras alertaron que “a situación do galego no ámbito urbano ou semiurbano é case agónica, encanto que no ámbito rural perde posicións cunha rapidez alarmante”. Os datos máis recentes que recolle o Mapa Sociolingüístico de Galicia (2004) non só confirma esta tendencia, mais indica que se exacerba de xeito alarmante. O quid do problema radica en que hoxe por hoxe, sen renegarmos do rural, cumpre recoñecer que a populación se vai concentrando nas urbes. Apoiándose en La lengua materna en los espacios urbanos gallegos (M.A. Fernández, 1993), as mesmas investigadoras indican que “87 % do crescimento demográfico no século actual corresponde às cabeceiras urbanas. A populación radicada nas sete áreas urbanas galegas representa máis de 40 % do total, encanto que en 1900 representaba só 9,8 %. Portanto, [...] o facto de que nos ámbitos rurais existan aínda altas percentaxes de galegófonos habituais non supón unha grande esperanza a respeito do futuro mantemento da lingua.” Sen unha recuperación do galego nas cidades, pois, o fado do galego fica claro. E quen alza a bandeira do galego nos centros urbanos son, na maioría, neofalantes. Por esta razón, calquer mostra de neofalantofobía divide as falantes e non fai máis do que facer o xogo à penetración do español, debilitando a xa de por si precaria presenza do galego, axudando a facelo desaparecer, en vez de reforzalo para se voltar a tornar a lingua nacional da Galiza inteira: de todas e todos. As únicas persoas que merecen ser obxecto de censura e burla son aquel@s profisonais –entendido como quen cobra polo seu traballo, independentemente da súa capacitación ou capacidade...– que viven do galego ou que teñen o deber de o dignificar e promover, ante todo determinad@s persoeiros do CRTVG (que non tod@s) ou determinados cargos políticos, a comezar polo proprio Presidente da Xunta, que non son quen de colocar un pronome onde corresponde ou que se dedican a espallar unha imaxe deturpada dun galego maltratado como algo aceitábel e mesmo loábel: máis xenuíno... É verdade que unha falante nativa e unha neofalante tenden a non dispor das mesmas destrezas e recursos lingüísticos, mais o galego pode aprenderse como calquer outra lingua, cunha dedicación e empeño a aprenderse ben e procurar mellorar sempre, embora é moi fácil caír nos estereótipos, ao caricaturizar tanto as unhas como as outras. Por un lado, o tópico do paradoxo da ‘falante nativa’ como depositaria dun galego verdadeiro dun tempo dourado, mais que recorre a españolismos como abuelo, calle ou ghuevos como mostras de autenticidade, dun ghallegho auténtico. Polo outro, a neofalante incapaz de pronunciar o ene velar característico do galego, nen de distinguir máis que as cinco vogais do español. A realidade é máis complexa e rica. Non todas as falantes nativas castrapean e son moitas as que aman, coidan e cultivan a lingua, sen por iso renegaren do ‘seu’ galego de orixe (nen falta que fai!). Mesmo hai reintegracionistas no bastión rural do galego ‘enxebre’... Do mesmo xeito, tamén hai neofalantes competentes que gostan de mellorar e de aprender de quen fala mellor. O futuro do galego – se futuro ha de haber – pasará ineludibelmente polo encontro das diferentes falantes e as súas diferentes variantes, evitando sempre que se dilúa no mare magnum do español até o ponto de acabar sendo engulido. Talvez (ou mesmo moi probabelmente) o galego do futuro non será unha cousa pura e incorrupta, como nunca o son as linguas à medida que evolúen ao longo do tempo mediante o inevitábel contacto coas outras linguas do entorno, quéirase ou non. Ora, o que si cabe preservar é unha lingua viva e dinámica, fiel a si mesma, non unha peza de museu que se contempla mais non se toca. Temos moito a aprender as unhas das outras. A unión fai a forza e, e en vez de nos dividirmos segundo a sorte de onde nos tocou nascer, xuntas venceremos. Hai que reivindicar o galego como a inalienábel heranza de todas as galegas, incluídas aquelas a quen foi arrebatado mesmo antes de saíren ao mundo. Chegou o momento de superarmos a división entre neofalantes e paleofalantes para falarmos de galegoamantes. Porque non sobra ninguén na defensa do País e da súa lingua

por Robert Neal Baxter no Terra e Tempo:

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”.

mércores, 4 de outubro de 2017

Ari[t]mar: dupla irmandade galego-portuguesa

A finais deste mes (31/10/17) celebrarase a gala do Ari[t]mar do presente ano na que se entregarán os premios aos mellores poemas e mellores músicas en galego e portugués. Na pasada edición as cancións gañadoras corresponderon á galega Cantiga da Montaña de Xabier Díaz &Adufeiras de Salitre e á portuguesa Capicua de Medusa.
Especialmente agradecida é a idea que tiveron de publicar en formato de vídeo-poema as gañadoras do certame poético nun acto de dupla irmandade. Velaquí que o mellor poema portugués Não sei, minha filha... de José Ricardo Nunes foi lido por Belén Regueira:



e o mellor poema galego, O corazón, de María do Cebreiro pódese escoitar na voz de Rui Spranger. Unha feliz iniciativa que conviña seguir divulgando deste orixinal xeito.

luns, 2 de outubro de 2017

Doce linguas para "Adiós ríos, adiós fontes"




O pasado luns 26/09/17 comenzou a nova temporada do programa Zigzag Diario coa emisión ás 16:30 horas na TVG2. Foi grazas a esa primeira emisión que me enterei da existencia deste vídeo realizado no IES Urbano Lugrís (A Coruña) no que dan vida ao poema "Adiós ríos, adiós fontes" con voces en portugués, galego, castelán, wolof (lingua falada en Senegal e Gambia), aimara (Bolivia, Perú), rumano, inglés, francés, árabe, romaní, guaraní (Paraguai, Arxentina, Bolivia, Brasil), e máis na lingua de signos.

domingo, 1 de outubro de 2017

venres, 29 de setembro de 2017

Comunicado de ELEN: que se respecten os dereitos humanos en Cataluña




A Rede Europea de Igualdade de Linguas (ELEN) é unha organización non gobernamental que ten como fundamento a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas.  As principais iniciativas de ELEN van encamiñadas a defender os dereitos lingüísticos.
O presidente de ELEN, Ferran Suay, en nome da entidade fixo esta declaración facendo un chamamento ao goberno español e á Unión Europea en apoio do referendo de autonomía e dereitos civís de Cataluña do 1 de outubro (01/10/17). Na mensaxe Suay indica que o goberno de Mariano Rajoy "traspasou máis liñas vermellas das que debería traspasar quen se chame demócrata. Os dereitos de libre expresión, reunión e privacidade das comunicacións están suspendidas en Cataluña."

O ELEN botou a andar no ano 2011 e é herdeira do que foi a European Bureau for Less Used Languages ​​(EBLUL). ELEN quer darlle voz aos 50 millóns de persoas, o 10% da poboación da UE, que falan unha lingua rexional, minoritaria ou en perigo de extinción: un total de 44 linguas. Exemplos de organizacións membros do ELEN son as escolas de inmersión lingüística como a galardonada organización  Diwan bretoa, ou outras semellantes como Rhieni dros Addysg Gymraeg (Gales), organizacións paraguas como Kevre Breizh (Bretaña), Kontseilua (País Vasco), o Institut d´Estudis Occitans (Provenza) ​​(Estoniana), grandes organizacións culturais como Acción Cultural del País Valencià (Valencia) e Plataforma per a Llengua (Cataluña) ou A Mesa (Galicia)

mércores, 27 de setembro de 2017

O mapa das matemáticas


Nunha ocasión anterior xa recolliamos a noticia da tradución ao galego do mapa da física polos mantedores do blogue Ciención de Breogán. Conscientes de que as posibilidades de acceder a materiais de divulgación científica en galego son escasas, Ciención de Breogán está comprometido na tradución deste tipo de traballos. Un labor que nunca agradeceremos o suficiente.
Como xa fixeran no caso do mapa da física, ademais do póster subtitularon en galego o vídeo de Dominic Walliman que o explica. En todo caso terás que activar a Configuración>Subtítulos>Galego, e activar os subtítulos ao comenzar a reprodución.

luns, 25 de setembro de 2017

Sociolingüística youtubeira



Na mellor tradición youtubeira. Eira, que mantén a canle Nubes baixo ti, achéganos este vídeo no que explica os catro tipos de reaccións que observou no seu entorno cando escoitan a unha rapaza coma ela falando en galego. O vídeo transmite a súa personalidade, é fresco e alegre. Parabéns.
Vía Normarin

sábado, 23 de setembro de 2017

Feijóo: "Cada vez máis cus de calidade"



"Cada vez máis cus de calidade", isto é o que dixo Feijóo o pasado 19/09/17 nun acto de recoñecemento da calidade turística na Coruña. Isto é o que pasa cando se despreza unha lingua, cando se usa mal á mantenta. Feijóo non é tonto, ergo sabe que que para referímonos á letra Q dicimos "o que". Sobra explicar o que é o "cu" que nomea o presidente da Xunta.
Aproveito a ocasión para traer aquí as matemáticas. Q é tamén como se representa o conxunto dos números racionais (ou quebrados, ou fraccións). Non sou poucas as veces que os profesores de matemáticas facemos referencia a este conxunto. Chamémoslle ben, e non fagamos o ridículo coma outros.

xoves, 21 de setembro de 2017

FRONTESPO: documentación lingüística da fronteira portuguesa


Antonio Lorenzo, veciño de Sela (Arbo) relata moi ben tanto os seus xuízos como prexuízos lingüísticos. Van algúns exemplos: "aquí falamos unha mezcla co portugués, como vasoira",  que o futuro do galego "no rural non ten duda, pero tendo en conta por onde nos levan as autoridades [...] aí véxoo difícil [...] aínda que hai moita xente nova que fala galego, incluso xente preparada que fala galego e que nos dan moitas veces exemplo a xente que vai a Vigo unha semana e vén falando o castelán", "eu o galego que falo é malo, e escribilo non teño puñetera idea, [...] falábalo na casa pero no colexio falabas o castellano"
Este vídeo é unha mostra do material que podemos atopar en FRONTESPO un proxecto da Universidade de Alcalá de Henares de documentación lingüística por toda a fronteira portuguesa. Nas canles de vídeos que manteñen en Vimeo ou no You Tube podemos consultar moitas entrevistas sobre distintos temas: vida familiar, tradicional, relacións coas vilas veciñas, festas,... e tamén, como acabamos de comprobar, a lingua. Penso que se trata dun material do que se lle pode sacar moito proveito didáctico. Podemos seguir as súas novidades desde as contas que manteñen en Twitter ou Facebook.




Francisco e Lola, son de Rubiás (Calvos de Randín) comentan como na outra beira da raia á "taza" chámanlle "cunca" e no canto de "cuchara"din "culler". Aínda que recoñece que lle chama culler "á de botar a sopa ou o caldo". Os netos están en Cataluña, e "de pasar o verán aquí chegan alá falando palabras en galego".




Lola de Pitões das Junias (Montealegre), do distrito de Vila Real, cóntanos que os veciños do norte mesturan portugués e español, sen recoñecer njn principio a existencia do galego. Mais recoñece que cando lle falan en galego enténdeos mellor que cando lle falan en castelán.




Nemesio é de Castromil (Hermisende), na provincia de Zamora di que fala un "chapurreado do galego". Tamén nos conta, con algo de risa que indica que non comparte a actitude, que cando os portugueses van a Hermisende non falan o portugués, nin o galego, falan o castelán!. Nemesio sempre fala en galego, agás cando van ao médico, a Zamora.




Luis Morais, de Moimenta (Vinhais), no distrito de Braganza. Cando lle preguntan como falan cos galegos contesta "meio galego, meio espanhol". Mais, cando se lle insiste en se hai diferenzas entre o galego e o castelán confirma que o galego é moi semellante ao portugués mentres que "o castellano é un bocado diferente". Tamén se lle pregunta polas distintas variedades de portugués e no relato destas comparacións chega a facer referencia ao mirandés. Luís é quen de diferenciar os sotaques das aldeas veciñas, porén entende que en Braganza falan coma el.