Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 13 de outubro de 2018

En galego, libres e iguais

por Marcos Maceira Eiras, en La Voz de Galicia:

Señor Cantó: supoño que compartimos os dous o desexo de vivirmos en sociedades de cidadáns libres e iguais. Porén, o tratamento que recibimos quen queremos utilizar o galego con toda normalidade non é o de libres e iguais. O galego é a lingua propia de Galiza. Non sería normal que quen serve na Administración pública atenda e entenda á cidadanía na lingua que ten dereito a empregar? Restrinxir e prohibir o exercicio dese dereito é contrario á igualdade e á liberdade. Que liberdade teriamos para empregar un servizo no que prima a inferioridade -desigualdade- da nosa lingua? Vaia a un centro de saúde galego e observe cal é a lingua que impera. Pareceríalle normal nunha situación de vulnerabilidade, como o é unha doenza, ter que mudar de lingua no seu propio país porque o médico non o entende, e asegura ademais non ter por que facelo?


venres, 12 de outubro de 2018

Alguien... Cantó

por Nemesio Barxa, no Sermos Galiza:

Fai-me lembrar a letra de uma canção de meus tempos mozos, onde vai, algo assim como “tal vez no supe hablar cuando debí/ mi mente controló mi corazón/el precio que pagué fue verme asi/ y cuado oí tu voz alguien (Toni) CANTÓ”. Pois sim, o inefavel Sr. Cantó ja debía andar ou presentirse por aquelas datas interrompendo a quem quería falar e dizendo, lógicamente, cantadas.

xoves, 11 de outubro de 2018

Explícoche Matemáticas 2.0, edición 2018

Acaba de facerse pública a resolución do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 do presente ano. En cada un dos audiovisuais recollidos polo xurado veremos desenvolto un tópico das matemáticas en menos de 2 minutos e medio. Cada un deles é unha labazada nas fazulas dos zunantes que manteñen as mentiras sobre o galego no ensino. O único certo a día de hoxe é que continúa a prohibición para impartir matemáticas en galego no ensino obrigatorio, unha medida que coadxuvada co prestixio e o aumento de carga lectiva dos últimos anos das materias de matemáticas, afonda no ataque á lingua galega no seu punto fulcral, o ensino.
Moi especialmente desde a posta en marcha do funesto decreto 79/2010 (o que chaman algúns do plurilingüismo), sabemos que a escola actúa, , como elemento desgaleguizador. Con todo, un grupo de afoutos rapaces elaboraron un material que divulga (en galego) un aspecto das matemáticas e deben recibir o premio do noso recoñecemento. Destacamos algúns deles.
Aarón Vilariño Folgueira, alumno de 4º da ESO do IES Lamas de Abade (Santiago) , foi o premiado na categoría A (2º ciclo da ESO, bacharelato e Formación Profesional) cun gorentoso traballo no que debulla como calcular o tamaño da Terra, experiencia da que demos conta noutras entradas.




Na cateboría B (Universidade), houbo dous premiados. Un deles foi o víedo "Diagramas de Voronói", de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas de grao de Matemáticas da USC



O outro premio da categoría B foi para "O problema do camiño máis rápido: a cicloide", de Jesús Conde Lago, alumno de doutoramento en Matemáticas da USC. Certamente as aplicacións da cicloide e a súa traxectoria estelar na historia das matemáticas serán sempre fonte de inspiración.




Nesta última moxalidade de alumnado de mestrado ou doutoramento, o xurado acordou conceder un accésit ao vídeo "O teorema da pizza", de Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Ciencias da Comunicación da USC. Non podo negar que foi o que máis me prestou por levar á excelencia o guión e a realización.




Finalmente, Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa, do IES Escolas Proval (Nigrán) demostraron ser as máis populares pois o seu vídeo "Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Arquímedes", foi o máis valorado polos internautas. O título do tema dá pistas sobre o tema que trata.




O dito: parabéns a todos os participantes e agradecemento aos organizadores.

Éxito de participación no concurso de vídeos da USC ‘Explícoche Matemáticas’ (10/10/18) en GCiencia

mércores, 10 de outubro de 2018

A lingua do Pórtico

por Luís Bará, no Sermos Galiza:

Nestes días Galiza e o mundo enteiro gozan da beleza policromada do excepcional conxunto escultórico do Mestre Mateo: o Pórtico da Gloria. Convén lembrar que esta obra magna da arte universal foi o froito dun tempo de esplendor no que Galiza era un reino soberano, nos séculos XII e XIII. Mais non foi un produto illado, canda o Pórtico o noso país alumeou a arte do románico e do gótico e unha vizosa literatura en galego na que brillan con luz propia as cantigas de amigo, de amor e de escarnio e maldicer.

martes, 9 de outubro de 2018

Ao señor Toni Cantó

por María Canosa en La Voz de Galicia:


Señor Toni Cantó. Chámome María Canosa e son galega. Vivo en Galicia, nunca me quixen ir de aquí, por moito que as circunstancias sexan complicadas e ás veces me tentara o desenvolvemento laboral. Pero ao final decidimos formar a nosa familia na nosa terra, por moito que se nos complique.

Toni Cantó non se equivocou

por Manuel Veiga Taboada, no Sermos Galiza:



Aínda que pareza un disparate afirmar que o castelán está desaparecendo nas comunidades bilingües, entre elas Galiza, hai que pensar que o deputado de Cidadáns nas Cortes, Toni Cantó, sabe o que di e a quen representa coas súas palabras.

domingo, 7 de outubro de 2018

Necesitamos un horizonte novo

por Víctor Freixanes, en La Voz de Galicia:

O pasado día 26, Día Europeo das Linguas, presentamos no Concello de Ames os resultados dun estudo de campo sobre a situación da lingua galega nas familias e nos primeiros anos do sistema escolar (infantil e primaria), traballo realizado a partir de achegas do profesorado do CEIP Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño, nas terras de Amaía, a poucosquilómetros de Santiago de Compostela.

sábado, 6 de outubro de 2018

Desapareceu o castelán

por Xosé Manuel Pereiro en La Opinión:

Danme ganas de escribir isto en castelán, como mostra da miña solidariedade cos falantes desa lingua minorizada e perseguida, antes de uso corrente e natural, incluso oficial, antes de que se convertera practicamente nunha lingua morta en Galicia, como denunciou no Congreso, con tanta valentía e pundonor como coñecemento de causa, o deputado Toni Cantó. Xa era hora de que alguén o dixera, e non foi ningún dos representantes galegos, aos que se lle supón que van alí a defender os dereitos da cidadanía. Non, tivo que ser Cantó, un home tan prezado polo electorado que foi capaz de recuncar no escano por dous partidos distintos, UPyD e Cs. Xa dicía Churchill -creo que era Churchill, ese home dixo de todo- que en ocasións un home ten que mudar de partido para conservar as ideas, ou algo así. Algo de conservar era.

venres, 5 de outubro de 2018

Introdución ás relatividades de Einstein




Moito teño usado o libro "Astronomía práctica e outras cousas" (Toxosoutos, 1999), naqueles anos nos que impartira a materia de Astronomía. Por iso cada recollo pola arañeira unha interveción  do seu autor, Ramón Vilalta López, como a que se recolle nesta entrada, revivo aqueles días con agarimo e agradecemento.
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda tivo a feliz idea de organizar a presentación doutro libro de Ramón Vilalta "Introdución ás relatividades de Einstein" (Xerais 2018). Faino acompañado polo director da colección Xerais Básicos Ciencia, Miguel Vázquez Freire. É unha mágoa que non se vexan ven as diapositivas, con todo, a conferencia ofrece motivos sobrados para escoitala enteira. Só vou recoller unhas declaracións de Ramón Vilalta, case ao comenzo da súa intervención agradecendo a Xerais que puxera a andar unha liña editorial de divulgación científica en galego, unha...

[min 26]. aposta de galego e ciencia. Lamentablemente desde o 2010 a física e outras materias non se poden estudar en galego na ESO, e voluntariamente podémolo facer no bacharelato e dependendo de moitas audacias do profesorado. O cal me parece un sinsentido tremento. De aí se instituíu no 2010 o 4 de novembro polos profesores que dabamos as aulas de ciencias en galego, o Día da Ciencia en Galego, e hai pouco está institucionalizado ese día polo mesmos que  seguen mantendo esa prohibición prohibiron. Son esas cousas paradóxicas.

venres, 28 de setembro de 2018

Novas conselleiras contra a lingua


Vía Compostela24horas
Fabiola García, a nova conselleira de Política Social,  ocupaba desde hai 3 anos o cargo de primeira tenente de alcalde do concello de Ribeira. Si, Ribeira,  ese lugar no que o grupo de goberno formado polo Partido Popular, coa participación da que acaban nomear conselleira,  mantén un empecinamento reseso en deturpar a denominación do propio concello (*Riveira). Basta ver o portal oficial municipal para comprobar o radicalismo do consistorio. Este tipo de actitudes, que comparte Fabiola,  leva como consecuencia o desprestixio social do galego, esa fala na que cada quen pode escribir como queira, esa fala para a que as regulamentación só operan para prohibila, esa fala á se se mantén nun estatus que non lle permita ser lingua.


Web de Carmen Pomar
Carmen Pomar, a nova conselleira de educación, tivo a feliz idea de abrir un portal web persoal: Carmen Pomar. Educando Fortalezas. Con subtítulo: Educación, inteligencia, creatividad y emociones. Efectivamente, esta súa web, a imaxe que ela mesma proxecta ao mundo, é unha imaxe na que renega da lingua galega.
O mundo educativo está infectado polo funesto decreto 79/2010, mal chamado do plurilingüismo. Un decreto que reduce e prohibe o ensino en galego e que laminou por completo a normalización lingüística dentro da educación. Un perfil como o que se dá a coñecer na páxina persoal de Carmen Pomar apunta, xa sen disimulos, cara unha españolización wertiana.

Con estes vimbios enxérgase con claridade cal vai ser o cesto da política lingüística que se vai elaborar a partir de agora. Os indicios apuntan a unha maior radicalización, a posturas aínda de maior desprezo para o galego. Non hai nada malo que non admita peor, así que non tardaremos en sentir as consecuencias.

xoves, 27 de setembro de 2018

Calendario toponímico do Losada

Todos os relacionados co mundo do ensino, ao comenzo do curso, pensamos en botar man dun calendario escolar para organizar mellor as actividades e do desenvolvemento das materias. Normalmente todos os anos vemos, soltas pola rede, diversas achegas neste sentido. Lembramos con nostalxia os calendarios que anualmente nos ofrecía a Coordinadora Galega de ENDL. Para curar un pouco esta aflición, recollemos aquí o calendario elaborado polo ENDL do IES Antón Losada (A Estrada). Este documento ten a peculiaridade de regalarnos as orixes dos topónimos dalgúns lugares do concello.

sábado, 22 de setembro de 2018

Microespañolismos (2): como axudares a túa crianza galegofalante a sobrevivir nun medio hostil

por Miguel Rodríguez Carnota, no Terra e Tempo:


Nas rexións máis poboadas de Galiza falar normalmente en galego é case imposíbel para un neno ou unha nena, e para unha persoa adolescente pode ser un exercicio de risco 

Pessimismo e língua

por Vítor Vaqueiro, no Sermos Galiza:

Tenho um amigo, que apreço sinceramente pola sua bondade e pola sua entrega, —concretizada em décadas— na defensa do nosso país. Dado que vivemos em lugares distintos da Galiza, vemo-nos de figos a bêberas, notadamente em atos reivindicativos ou celebrações que têm a ver com a defensa assinalada. Ao nos encontrar pronuncio uma dessas frases rituais —como vão as cousas?— que empregamos para começar qualquer conversa. A resposta que, desde há anos obtenho, é sistematicamente a mesma: “Mal, como sempre”.

xoves, 20 de setembro de 2018

A tripla negación do galego por Feijóo no inicio do curso

Vía @Rafiklalin
O pasado luns 17 de setembro o presidente da Xunta inauguraba o curso académico da secundaria desde o IES de Soutomaior. Foi un mal comenzo pois desde alí fixo un discurso con tres eixos no que negou tres veces a lingua galega.
Na primeira parte da súa alocución, Feijóo gabou a política alcumada "do plurilingüismo":
"O futuro pasa polo manexo das linguas, por iso levamos apostando por *unhos escolares galegos plurilingües. *Fai dez anos había en Galicia cero centros plurilingües, agora hai 385..."
Se traducimos esa neolingua segundo os feitos reais, comprobaremos que plurilingüismo na escola significa redución e/ou exclusión do galego. Basta ler o texto do funesto decreto 79/2010 que o propio goberno de Feijóo bautizou como decreto de plurilingüismo para comprobarmos como, punto por punto, o que se fixo foi prohibir e minorar os usos da lingua galega en todas as etapas educativas non universitarias.
Unha segunda dirección do discurso presidencial aproveitou esa querencia modernista polo dixital:
"Este instituto de Soutomaior que xa ten as *pizarras [dixitais] e os ordenadores, *os instalará este mesmo mes, *se incorporará aos novos centros...."
Finalmente adicou o terceiro eixo a apuntarse á moda das ciencias, indicando que "o futuro pasa polas ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas", reivindicando as axudas e potenciación do ensino STEM. Todo o mundo sabe que foron os gobernos de Feijóo os que prohibiron precisamente nas materias científias tanto a docencia como os materiais didácticos en galego. Velaquí o segundo ataque á nosa lingua nese mesmo discurso.
E a terceira negación? Basta escoitar ao presidente, e non só nesta intervención, para recoñecela: a colocación dos pronomes, o uso continuado de formas castelás no galego, o emprego á mantenta dunha lingua de baixa calidade. E todo isto cando fala en galego, pois non poucas veces renega completamente da lingua galega e, en actos públicos e ostentando o cargo de presidente da Xunta, ofrece o seus discursos, agora sí, nun correcto castelán.

luns, 17 de setembro de 2018

A minoría supremacista

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:

“Hablamos español” fracasou nas súas convocatorias de agosto, malia escoller datas de feiras en localidades con moitos turistas do resto do Estado: Sanxenxo, Baiona e Compostela. Mesmo entraron en conflito con elementos salientábeis do PPdeG, como o alcalde de Sanxenxo. De certo que a súa mensaxe ríspida, nin empática nin simpática, de brancos e negros, confronta de máis cos grises e relativismos galegos, coa tolerancia, a amabilidade e a cordialidade que adoitan rexer as relacións interpersoais neste país atlántico.

sábado, 15 de setembro de 2018

"Qual política lingüística? Desafios glotopolíticos contemporâneos" de Xoán Lagares

por Diego Bernal no Sermos Galiza:

Há palavras que assustam. Com certeza, glotopolítica é um vocábulo que se nom der medo deve gerar certo afastamento ou rejeiçom em muitas pessoas. Porém, o termo glotopolítica é muito mais próximo de nós do que à partida pode parecer.

xoves, 13 de setembro de 2018

Dereitos cidadáns, dereitos do galego

por Xoán Antón Pérez Lema, na Praza Pública:

Coñecida de todos é o grave devalo e desprotección da lingua galega no noso País. Polo que cómpre pensarmos máis en solucións, canto menos parciais.

mércores, 12 de setembro de 2018

Agasallos doces vs. agasallos envelenados


Os rapaciños que nazan en Poio durante este ano recibirán un agasallo para a concienciación dos pais na transmisión da lingua galega. A cesta de benvida está composta por dous libros, un dudú e unha bolsa para a merenda. Un pasiño máis que dá, nesta ocasión, o concello de Poio e que nos recorda a caixa de Apego, chea de boas iniciativas e de compromiso e amor pola lingua.
Caixa de benvida de Apego
Da banda contraria está o nefasto caso da caixa finlandesa da Xunta  que se fixo tristemente famosa polo agravio ao galego que significaba que contivese un CD con cantigas de berce en castelán. 
Foi unha mostra máis da mestura de cinismo e mentira dunha Xunta galegófoba que divulgaba o agasallo "como un cedé de nanas cantadas en galego e un libro tamén escrito no idioma propio da comunidade".
Isto de manipular e mentir faise co obxectivo de desgaleguizar parte máis sensible da sociedade, a dos nenos. Preténdese aniquilar o futuro da lingua, piar fundamental da sociedade galega. Facer caso destes enganos argallados polos radicais que dirixen a política lingüística da Xunta estanos a levar a situacións de verdadeira alarma. Pensemos que só un 18% dos rapaces aprende a falar na lingua da terra. Cales son as razóns para esta deriva? A resposta acharémola na prohibición do ensino en galego en moitas materias, no desleixo nas políticas normalizadoras, no rexeitamento das iniciativas polo avance nos dereitos lingüísticos , e sobre todo nos CDs que manda a Xunta aos pais que acaban de ter un neno.

sábado, 8 de setembro de 2018

Xuventude da Coruña opina sobre o galego



Clara e Carla, dúas alumnas de 4º da ESO do IES de Monelos (A Coruña) colleron a cámara de vídeo e polas rúas da cidade foron recollendo diversas opinións entre a mocidade sobre a lingua galega. Despois de visto o panorama, desde a Xunta aínda se xustificará a prohibición das aulas en galego.

Nos beizos dos nenos

por Craig Paterson, en Praza Pública:

Hai anos que non leo La Voz de Galicia. Non me entusiasman os cancros en xeral. Con todo, o outro día púxenme a ler un artigo, engaiolado polo simple dramatismo morboso do seu título.