Estes días pasados proxectaron nos cines da Estrada o documental de Alberte Mera, "Reboiras. Acción e corazón", moi recomendable, de excelente factura. Hai pouco máis dun ano, en Fene, concretamente o 12 de agosto do 2019, no tributo que a UPG lle facía a Moncho Reboiras, tivo lugar unha conferencia sobre a lingua de Pilar García Negro. Isto é o que compartimos hoxe aquí. A pesar da súa duración, hora e media, é moi recomendable polas multitude de achegas que nos fai esta incansable defensora da lingua.
Páginas
mércores, 28 de outubro de 2020
Conferencia sobre a lingua de Pilar García Negro
martes, 27 de outubro de 2020
Do xenocidio ao lingüicidio
Pronto se vai celebrar a 3ª edición de Malas linguas, esa xanela aberta da Deputación da Coruña á reflexión sociolingüística cargada de ideas ben construídas arredor da situación das linguas, especialmente da nosa, nunha época na que o paradigma é o silencio arredor deste tema. En varias ocasións xa apareceron por aquí referencias a esta feliz iniciativa ( [1], [2], [3], [4]
) e agora pareceume unha boa ocasión para compartir as reflexións de Encarna Otero sobre o tema que dá título a esta entrada: "Do xenocidio ao lingüicidio"
Harmónico e cordial
por Mª Pilar García Negro, no Nós Diario:
A década de 90 do pasado século foi especialmente fecunda na adxectivación do substantivo “bilingüismo” por parte da literatura autonómica oficial e paraoficial. Inzou por toda a parte o cualificativo “harmónico”; ampliouse a “cordial” e mesmo a outros máis estrafalarios. Lembro, por exemplo, nunha memoria do proxecto de orzamentos da Xunta, a prédica a prol dun bilingüismo “froitoso”. Supuxemos que o autor de tal achado querería dicer “frutífero” e a máquina tradutora fixo o resto. Xa está máis que escrito e documentado: pasamos, historicamente, da condena do bilingüismo, se este supuña apertura á existencia doutra(s) lingua(s) da única recoñecida como tal e imposta como oficial, á súa entronización como solución opiácea ao conflito lingüístico, a base de estabilizar a hexemonía preexistente; no noso caso, o imperio do español e a admisión regulada e controlada do galego, sempre como complemento prescindíbel e nunca como elemento de substitución da lingua oficial do Estado. A conversión, pois, do tal bilingüismo nun ideoloxema de combate contra a normalización.
sábado, 24 de outubro de 2020
Matemática não é fazer contas
Inês Guimarães ten unha canle no YouTube, “MathGurl”, que conta mais de 5000 seguidores e unhas 200000 visualizacións no que presenta esta ciencia cun aire desenfadado.
No momento da elaboración do vídeo Inês contaba con 19 anos e estudaba o 1º ano da licenciatura. Neste vídeo fala de matemáticas e educación, todo un clásico.
A culpa de que trouxera por aquí este vídeo é deste comentario de Elena Vázquez Abal
venres, 16 de outubro de 2020
Empresarios da Terra de Melide
ASETEM é a Asociación de Empresarios Terra de Melide. No 2018 este vídeo servíalles para divulgar a súa actividade. Hoxe contamos cunha páxina web desde a que acceder aos comercios que forman parte da asociación ou un perfil de facebook e outro de twitter desde o que espallan novas e campañas. Tiveron o acerto de facer todo en galego, nun ámbito, o empresarial no que é moi habitual virarlle as costas á nosa lingua.
![]() |
| Portal de ASETEM |
Tamén publican un boletín de periodicidade mensual, Cerne, con noticias da comarca. Parabéns a todos os que manteñen esta asociación que é unha mostra de orgullo para o país e tamén son un exemplo para moitos outros.
martes, 13 de outubro de 2020
TVG3, a canle do Xabarín
por Manuel Bragado no Faro de Vigo:
No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia
Céntrese, presidente
por David Otero en Nós Diario:
O señor Feijoo non quere, nin emenda, que se usen os nosos topónimos no noso idioma e así el, na súa liberdade, acolledor fino, consente, tanto na cartelaría como nos contidos, que no Foro da Toxa, se diga “ La Toja” e tamén en afrontas como a non presenza de mulleres en equidade no Foro. O asunto dá para un traballo máis extenso, pois estamos de punta. Isto vén de actitudes propias de acoutadiños de bisagra lixeira, que tendo que facer pan do país, quédanse con frangullas que lle veñan de fóra e sorrín triunfantes como quen gañou a marabilla. O presidente de Galicia, gañador de eleccións, como galego daquela maneira, pasa do noso idioma. Pasa de nós. Non cre que sexamos nacionalidade histórica (nación) declarada no noso Estatuto. El válese deste pobo (iso si, gañando eleccións) para manobrar como lle convén, tanto para el como para os seus, sexan do partido, amigos, donos de portas xiratorias etc. Faino así, oufanándose Presidente, en presente e para futuro. Nós diriámoslle que se centre e como nas palabras do señor Presidente da República Portuguesa, que pense nas persoas (galegas e galegos) e que traballe pola nosa felicidade. Non se adique a botarlle lume exclusivamente ao Goberno do Estado e ocúpese deste pobo. Pénsese galego de contido e de idioma e sírvanos. Non todo é pillar de Madrid. Hai que gobernar aquí.
Toponimia nos tempos dos bárbaros
por Gonzalo Constenla en NósDiario:
O que aconteceu na fin de semana pasada en torno do uso do barbarismo La Toja por parte dun grupo empresarial autóctone fala claramente sobre as manobras de cerco que contra a cultura e a identidade galegas son lanzadas desde determinados estamentos políticos, empresariais, mediáticos e, no seu conxunto, desde o españolismo.
domingo, 4 de outubro de 2020
Mira quen fala galego
Mira quen fala galego e unha nova canle de You Tube na que este mestre do estado de Nova York, nos Estados Unidos, explica as razóns polas que se interesou pola nosa lingua e se botou a falala.
Comenta que lle dá moita mágoa ver a falta de aprecio polo galego dalgúns cidadáns. Conta o caso dun veciño da Coruña que se puxo en contacto con el para ter un compañeiro de conversa. El escribiulle en galego, e o coruñés reprochoullo. "Sentinme moi insultado", comenta o mestre.
mércores, 30 de setembro de 2020
Conciencia e respecto para recuperarmos o idioma
por Marcos Maceira en Nós Diario:
Usar o noso idioma no noso país é un dereito que deberiamos poder exercer, non por sermos galegos, senón, simplemente, por humanos que, coma todos, teñen lingua de seu. Porén, na redacción da Constitución Española non tiveron tempo nin espazo para indicar que non pode prevalecer a discriminación por razón de lingua, copiando, aínda que fose, da Declaración universal dos dereitos humanos. Pola contra, non se esqueceron de deixar ben claro que o noso deber é coñecer o castelán. De aí tiran, como nos lembraba hai pouco o Ministerio de Igualdade, a conclusión de que tamén debemos usalo para garantir o seu suposto dereito a ignorarnos.
sábado, 26 de setembro de 2020
O galego non serve para nada
Comunicado da Asociación Cultural Vagalumes:
Talmente iso é o que se di no punto 1.12 das bases do Concurso para a humanización da Praza da Feira na Estrada. En concreto, a frase é: “Todos los concursantes presentarán la documentación, en castellano o en gallego con traducción al castellano”. Velaquí a lección: o galego é unha lingua subsidiaria que non serve para nada; se alguén desexa utilizala, terá que engadir a tradución no idioma que realmente conta, o español, lingua na que tamén está redactado o documento.
Carta aberta ao alcalde da Estrada, José López Campos
Carta de ProLingua ao alcalde da Estrada:
Como Vde. saberá, unha torre de ouro é o elemento máis destacable do escudo do concello. Porén o ouro do debuxo vólvese alcatrán na realidade. A torre do escudo fai referencia á de Guimarei que hoxe esmorece comesta polas silvas e as hedras. Se nestes días alguén quixera visitar esta ruína levaría aínda outra sorpresa. Non podería facelo porque un pastor eléctrico rodea a finca.
Esta esperpéntica e tenebrosa imaxe da torre de Guimarei é a metáfora máis acaída para representar o maltrato á nosa lingua por parte do goberno municipal que Vde. preside. Estámonos referindo ás bases do concurso de proxectos para a humanización da Praza da Feira da vila, publicadas o pasado mes de xullo e nas que se excluíu completamente o galego a pesar de existir unha ordenanza municipal de compromiso coa normalización. O agravio non fica aquí senón que chega ao desvarío no punto 1.12, titulado "Idioma", que di exactamente:
"Todos los concursantes presentarán la documentación, en castellano o en gallego con traducción al castellano"
Os feitos son claros. Por unha banda publícase unha ordenanza amparando a lingua mais na práctica maltrátase. A estas alturas e con estes antecedentes non nos valen escusas. O mal está feito e os veciños xa saben que o goberno estradense elevou un muro electrificado arredor do galego. Non podemos imaxinar mellor forma de invitar os estradenses a traizoalo.
O noso desgusto vai máis alá do comentado pois tememos que este agravio se traslade do concello a todo o país cando lembramos que na campaña das eleccións municipais do 2015 Vde. gravou 15 vídeos nos que aparecía entrevistado polo secretario xeral de política lingüística e nos que se evidenciaba a perfecta sintonía que hai entre os dous. Con estes antecedentes, ninguén nos pode asegurar que o desleixo pola lingua que vostede demostrou non é compartido por quen dirixe a política lingüística galega.
En ProLingua desaprobamos a hipocrisía, por iso no noso escudo o galego refulxe en ouro, o mesmo ouro que queremos para a práctica diaria.
ProLingua, 14 de setembro de 2020
domingo, 13 de setembro de 2020
La documentación estará en castellano o en gallego con traducción al castellano
Cando me chegou o aviso desta monstruosidade, o primeiro que fixen foi pensar que era un fake. Simplemente non o podía crer. Todo veu deste chío:
Bases do concurso para a humanización da Praza da Feira en A Estrada @amesanl @emgalego isto é legal?😳 pic.twitter.com/6VlXw9TI2f
— Minhoca (@carlagoian) September 12, 2020
Imposible, pensei. Con todo, polo si ou polo non fun consultar no portal do concello da Estrada para comprobar que o que se dicía aí non era certo. Efectivamente, había un anuncio para a humanización (sexa o que sexa isto) da praza da Feira. Non me estrañou xa que xa oíra falar pola vila que se pretendía facer unha nova reforma nesa praza. O que me non me gustou nada era que o prego de condicións estaba feita exclusivamente en castelán. Así e todo, sería certo o que poñía o chío?
Pouco máis había que buscar, si, apartado 1.12
E así unha vez máis o galego fica excluído co concurso dunha administración pública, neste caso, o concello da Estrada, para vergoña de todos os seus veciños.
Apunte aparte para despistados. Non me vale a desculpa de que "son fondos europeos" pois, entre outras cousas eses fondos non poder ir en contra da CELRM. Se nos FEDER esixen a documentación nalgunha das poucas linguas oficiais da Unión Europea, esta esixencia non pode trasladarse aos cidadáns e así establecer un novo mecanismo de exclusión do galego. O concello da Estrada obrou mal, e eu avergóñome de vivir nel.
domingo, 30 de agosto de 2020
Tant como me quedarà
Maxime é un neno de nove anos que participou na edición francesa do concurso "The Voice Kids". Fíxoo cunha canción en catalán, Tant como me quedarà, de Jordi Barré, un artista pertencente á Nova Cançó.
Teñamos presente que facer un papel relevante na televisión dun país tan centralista como o francés, que promove o desprezo a todas as linguas minorizadas, é un éxito duplo.
Vía Vilaweb
mércores, 19 de agosto de 2020
Xabier P. d Docampo na voz da amizade
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizaron unha homenaxe ao escritor Xabier P DoCampo, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e unha das voces máis singulares e galardonadas, o 29 de maio no teatro Rosalía Castro da Coruña.
O acto foi presentado por Yolanda Castaño. Interviron: Ensino: Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey. Activismo: Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado. Literatura: Paco Martín, Mª Xesús Fernández, Xosé Cobas e María Canosa. O relato oral: Paula Carballeira. E a música na voz de Miro Casabella. Lectura da súa obra por parte de Daniel Laxe, Leire Bonome e Uxía López.
venres, 14 de agosto de 2020
Pola rúa da Amargura: A perda da toponimia tradicional na Coruña
O declive da toponimia tradicional na Coruña como exemplo dun proceso xeralizado. Reportaxe de Nós Televisión a partir dun traballo de Iván Méndez publicado pola RAG dentro dos Estudos de Onomástica Galega IV. Os nomes das rúas
xoves, 6 de agosto de 2020
Comprar falantes
As linguas, que non se sabe se son bens ou ferramentas (depende un pouco do grao de folclorismo da campaña político-publicitaria que estea en voga), non teñen moito que ver co diñeiro. Ou iso podería parecerlle a quen, inocentemente, entenda que todas as cousas primarias non deben ser obxecto de mercantilismo ningún. Do mesmo xeito que ocorre coa respiración ou coa dixestión, a fala simplemente acontece, sae ela soa (cunha pouca axuda do noso intrínseco carácter social) e non pide permiso. Polo tanto, non habería razón para pensar que ese proceso tan natural e espontáneo poida ter relación con algo tan convencional e arbitrario como son os cartos. Entón, que é o que veño eu facer aquí con este asunto que non ten sentido?
martes, 28 de xullo de 2020
Na Coruña, en galego?
venres, 24 de xullo de 2020
Xoaquín Monteagudo: "non existe institucionalmente unha política destinada a incorporar o galego como lingua xurídica"
A Irmandade Xurídica Galega realizou onte un acto en Celanova para recordar a primeira vez que se empregou o galego no seu xulgado. En que consistiu?O que conmemoramos foi que o xulgado de Celanova entregou unha sentenza en galego nun proceso xudicial por primeira vez hai 25 anos. Ademais, a Irmandade Xurídica Galega fundámola no ano 2008 en Celanova. Foi un acto singular porque o noso primeiro evento como colectivo de xuristas preocupados polo galego realizouse no Mosteiro de San Rosendo, en Celanova.








