Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 31 de outubro de 2021

Glotofaxa


Falso documental que, mediante un cambio de papeis, mostra espidos os argumentos dos negacionistas da normalización. O vídeo foi realizado nun curso da UABRA (Universidá Asturiana de Branu) no ano 2015. 
Chegoume a través dun dos seu protagonistas, Damián Barreiro

mércores, 27 de outubro de 2021

Dous vídeos sobre Jocelyn Bell

 Jocelyn Bell é unha astrofísica norteirlandesa que descubriu o primeiro radiosinal dun púlsar, unha estrela de neutróns que se forma pola explosión dunha supernova, Estivo o pasado 21/10/2021 na Coruña para dar unha conferencia no XXIV Contreso Estatal de Astronomía

AstroXabi aproveitou a ocasión para facerlle unha pequena entrevista na que, en poucos minutos se nos ofrece un completo perfil da astrónoma


Ademais Martin Pawley subtitulou o seguinte documental sobre Jocelyn Bell realizado para o New York Times no que aprenderemos como se chegou ao descubrimento dos púlsares e como este avance foi premiado co Nóbel, pero o premio non llo concederon a Jocelyn, senón unicamente ao seu director de tese. Unha mostra dos mecanismos sociais de discriminación da muller, paralelos aos de discriminación de linguas como a nosa. Nunca sobra lembrar que o ensino en galego das ciencias en secundaria está prohibido. Non hai ningún obstáculo para ensinar as matemáticas ou a física en castelán ou incluso en inglés. 

venres, 22 de outubro de 2021

Fálalle galego


por Moncho Paz en Nós Diario: 

En pleno debate sobre o estado da autonomía, e cando se fan trinta e oito anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia, o último estudo da Real Academia Galega constata unha realidade denunciada nos últimos tempos dende diferentes ámbitos: o efecto de substitución lingüística que exerce o sistema educativo nos menores e, en particular, sobre aqueles que se incorporan á escola falando en galego e o abandonan progresivamente a medida que avanzan de etapa. Dende 1983, cando entrou en vigor a devandita norma, tivemos tempo dabondo para avanzar no uso progresivo da lingua nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva; pero lamentablemente non é así.

 

martes, 19 de outubro de 2021

Que é o que ten a SXPL na cabeza?


 Cando vin este vídeo lembrei inmediatamente o libro infantil A toupiña quería saber quen lle fixera iso na cabeza, editado por Kalandraka. Efectivamente, a Xanela Maxín fixo unha divertida obra fundamentada neste exitoso conto. Ata aquí todo ben,


O que está fatal é a hipocrisía da Secretaría Xeral de Política Lingüística(SXPL), a canle na que está aloxada unha miniserie de 8 capítulos de divulgación científica en galego cando esa mesma SXPL é a defensora da prohibición da impartición de aulas das materias científicas en galego. Este capítulo trata da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, un dos primeiros mapas feitos no mundo usando métodos matemáticos. Eses métodos poden explicarse na escola en castelán e incluso en inglés pero non en galego. Con que cara a SXPL se atreve a presentar este e os outros 7 vídeos ante a cidadanía? É posible ser máis hipócrita? Que é o que ten a SXPL na cabeza?

domingo, 17 de outubro de 2021

O galego na escola. Propostas para o futuro da lingua no eido educativo

A Fundación Luzes argallou este encontro sobre a lingua na escola presentado por Manuel Bragado. Os participantes son Valentina Formoso, Henrique Monteagudo, Mariló Candedo e Pilar Ponte. Recollo algunhas ideas das súas intervencións, aínda que o mellor e premer no play.

Valentina Formoso fai un moi claro resumo do Mapa sociolingüístico Escolar de Ames, o recente estudo promovido polo concello de Ames e a Real Academia Galega. Se alguén non se atreve a escoitar todo o debate, recoméndolle que polo menos escoite este dez minutiños. Máis adiante incidiu na importancia de mover os marcos dos imaxinarios sociais. Estamos nunha sociedade na que o galego está cargado de represencións negativas que cómpre mudar. 

Henrique Monteagudo lembrou que no 2019 tamén se publicara a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO na que pode contrastarse o declive da lingua galega en comparación co realizado 10 anos antes, xusto cando entra en vigor o funesto decreto 79/2010. Tamén denunciaría que a CELRM é unha lei de obrigado cumprimento que obriga á Administración a que ofreza a oportunidade dunha liña do galego. Denunciou que o o goberno do PP doulle oficialidade a un discurso radical xa existente, o da "imposición do galego". Pola contra, debemos apropiarnos do discurso do bilingüismo e o plurilingüismo co galego no centro.

Mariló Candedo comentou que o decreto 79/2010 asentábase baixo o paradigma do equilibrio lingüístico e estes estudos do concello de Ames xunto con outros como os das CELRM demostran que se quebrou o compromiso de asegurar a competencia en galego á par do castelán e a progresividade na normalización. Así mesmo tratou o tema da necesidade de espallar outro tipo de mensaxes sobre as linguas e da necesidade de abrir un debate social.

Pilar Ponte denunciou que hai moitos centros nos que nin tan siquera imparten en galego as poucas aulas que esixe o actual e retallador decreto. Tamén destacou que o alumnado non é realmente libre cando non é competente en lingua galega.

xoves, 14 de outubro de 2021

Era Cristovo Colón galego?

O youtubeiro estradense Marcos Borrageros estréase con este vídeo sobre a eventual orixe galega de Cristovo Colón 

martes, 12 de outubro de 2021

Bayadolí

 


por Pilar García Negro en Nós Diario

Unha mistura de cansazo e indignación. En pleno século XXI, temos de aturar a deturpación inflixida aos nosos nomes de lugar, a barbarización de que falaba Castelao con exacta denominación hai máis de 70 anos. Ter que lembrar –38 anos após se promulgar a Lei de Normalización Lingüística, cuxo único artigo prescritivo é mesmamente o 10º, o atinente á toponimia– que A Toxa se chama A Toxa, e ter que lembralo, con vergoña allea, ao Xefe do Estado, a galegos gobernantes en activo, ex-gobernantes, magnates da hostalaría, ministras e demais membros da elite dirixente e ‘chupóptera’, causa noxo. Os señores López Seixas, Feixoo, Raxoi pódense poñer cabeza para abaixo, pés para arriba (como se nos dicía na infancia): os seus apelidos son galegos e só galegos. Acontece que o sobrelevan como un estigma e para circularen social e politicamente han de pagar o tributo ao amo salvador: deforman os seus nomes para os facer admisíbeis a aquel. A desgaleguización metida a ferro desde hai séculos non hai lei ‘autoanémica’ que a cure. En perfeita simetría co desaparecemento oficial da Galiza nas súas mentes e nas súas bocas, por abdución-absorción de España-Europa, nen sequer se conceden o dereito a chamárense como nos chamamos.

 

venres, 8 de outubro de 2021

Un extracto do mapa da lingua escolar en Ames

A Academia Galega e o Concello de Ames veñen de publicar un estudo sobre o estado da lingua no ámbito escolar nese concello. A principal conclusión é que o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia. 
Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolinguística da RAG afirma que

[a escola] É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”  
Non é por sinalar, pero é imposible non ver aquí os efectos do funesto decreto 79/2010 de exclusión do galego no ensino non universitario, difundido goebbelainamente como "de plurilingüismo".
Vou recoller unicamente un extracto do Mapa escolar de Ames, e como a min me gustan as gráficas, vouno ilustrar/traducir cunha gráfica que mostra como o sistema escolar vai reducindo o uso do galego ata practicamente a irrelevancia. 

Velaquí o extracto da páxina 295 que explica o gráfico anterior:
O indicador de uso do galego nos escolares amesáns no primeiro ciclo de Infantil é dun 32,4%; coa entrada no segundo ciclo de Infantil a presenza do gale-go redúcese a un 21,1%; a dinámica continúa na mesma dirección coa entrada en Primaria (15,6%); esta tendencia estabilízase no segundo e terceiro ciclo de Primaria (13,6% e 14,6% respectivamente), e volve a poñerse en funcionamento coa entrada na Secundaria (11,4%). De aí a transcendencia para o comportamento lingüístico destes momentos e o tipo de adaptación á situación que se faga neles.
O resultado destas tendencias é que os e as galegofalantes acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia. Emporiso, estas condutas, prolongadas no tempo, poden rematar por provocar un abandono xeral das prácticas en galego mesmo no interior do núcleo familiar. Así e todo, esas prácticas lingüísticas non son irreversibles, pola contra, son susceptibles de ser revertidas noutro momento biográfico. A maiores, comprobouse a existencia de factores protectores relacionados coa xestión lingüística familiar, coas características cognitivas, emocionais, cognitivas e lingüísticas do alumnado, coa política lingüística do centro educativo ou co contexto sociolingüístico próximo. 

sábado, 2 de outubro de 2021

El catalá és teu


 Campaña #ElCatalàEsTeu de Omnium Cultural, entidade con 60 anos de historia que afirma adicar a metade do seu presuposto á defensa do catalán.

E o galego, será noso? 

mércores, 29 de setembro de 2021

Digo Moraima

 


Cláudia Morán no Nós Diario:

Hai menos dunha semana que Moraima pasou a ser moito máis que un nome propio e un poema de amor. “Porque eu falo en galego, sabes, Siri?”, dille a pequena de envexable sotaque ao robot máis internacional. E dillo porque a máquina, tan limitada para ser global, responde que non a entende. Esa Moraima de pelo loiro, tan adorable como viral, é a viva representación de tantas rapazas galegas que abrazan con forza a lingua, como ao osiño de peluche que simboliza o amor e o fogar, ignorando a ameaza latente de que alguén llo arrebate. Tan real, que e a nai e o pai da nena, a piques de ser escolarizada, xa o temen.

 

martes, 28 de setembro de 2021

O ceo explicado


Xa hai un tempo que sigo a AstroXabi. Souben del grazas ao labor divulgativo da Asociación Astronómica Io. Trátase dun matemático que fai vídeos de divulgación da astronomía. Nste que presento aquí relátanos como moverse polo ceo neste outono que acaba de comezar. Faino usando un programa moi recomendable para axudarnos nesa aventura de coñecemento do ceo nocturno, o Stellarium.
Grazas por encher un oco más da divulgación da ciencia na nosa lingua.

 

Digo Moraima


Manuel Bragado no 
Faro de Vigo:

Esta fin de semana correu pola rede como auga da fonte a conversa entre Moraima, unha picariña galegofalante de tres anos, e Siri, unha intelixencia artificial (IA) con funcións de asistente persoal para o sistema iOS. Pouco menos de minuto e medio que sintetizan a situación dramática da lingua galega hoxe representada na imposibilidade de que Moraima atope resposta algunha de Siri en galego, a súa lingua materna. Con 300.000 chíos en Twitter, cen mil visionados en Facebook e milleiros de copias distribuídas nos grupos de Whatsapp, apenas nos dous primeiros días de que o vídeo fose compartido pola súa nai, a conversa asombra e emociona ao mesmo tempo pola paciencia coa que Moraima repite en castelán cada unha das respostas de Siri como pola consciencia sociolingüística prematura da pequena que xa sabe que non é entendida polo feito de que ela fala galego. Unha experiencia semellante á que vive cada día na súa escola infantil ou no parque onde brinca polas tardes no que as picariñas galegofalantes dende o berce coma ela son consideradas como rara avis ou seres extraterrestres –iso si, moi riquiñas, moi curriñas, moi listas e moi bonitas– polo feito de utilizaren unha lingua en perigo inevitable de extinción.

 

Os galegos non sabemos ler español


 por Pilar García Negro en Nós Diario:

Non son leitora habitual do DOG; mais, na procura doutro asunto, batín cunha información da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que me chamou poderosamente a atención: a resolución provisoria das axudas á tradución (activa e pasiva) de obras literarias a que poden concorrer editoras varias. Lembrei entón informacións deste diario en que se denunciaban prácticas intrusas, adxudicacións máis que problemáticas e, aínda, carencia absoluta de criterios na selección e concesión das mesmas. Verifiqueino agora pola miña conta. Tratar de achar criterios obxectivos de conveniencia e/ou utilidade na escolla de obras merecentes de seren traducidas ao galego ou ben desta lingua a outra é labor imposíbel.

 

domingo, 26 de setembro de 2021

Na Arzúa, 40 anos despois


Hai catro días, ao bater de casualidade na rede co Plan Lingüístico do Centro e co Proxecto do ENDL do IES de Arzúa, non puiden facer outra cousa que gabalo. Así mo pedía o corpo. Non sabía nese momento que ao pouco tería que multiplicar as miñas gabanzas pois acaban de publicar esta peza audiovisual na que o alumnado do centro reflexiona sobre o uso social da lingua neste momento no que se cumpren 40 anos desde que no "1981 o galego pasou a ser considerada lingua cooficial na Galiza, pasando a ter un estatus legal que lle permitiría saír dos espazos informais e íntimos aos que fora relegada pola ditadura franquista."
Nestas catro décadas vimos como cooficial nunca chegou a significar oficial e o estatus legal do que agora goza o galego non serve para outra cousa que para coutalo en espazos reducidos, en guetos ou reservas. 

A cuestión Moraima


 por Luís Pardo en elDiario

A primeira hora da tarde de onte, o cantante Xabier Díaz subía unha foto á súa conta de Instagram. Unha imaxe tomada hai uns días –na presentación de Agnes, a segunda novela de Javier Peña–, pero que sacaba á luz no momento máis oportuno. Xabier posaba cunha nena loura de tres anos á que estes días seguro que todas vistes tentar razoar con ese aparello do demo chamado Siri. “Aquí, coa actriz de moda”. E tanto que o é.

 

sábado, 25 de setembro de 2021

Conseguiremos a alegría de descubrir... e a de impartir aulas de ciencia en galego


Este capítulo protagonizado por Iria Veiga e Ángel Carracedo pecha a serie Coseguiremos da RAG que tiña o obxectivo de darlle voz á mocidade con talento que vive e crea en galego. Estes dous médicos concordan tanto na importancia da comunicación da ciencia á sociedade como na importancia de facelo en galego.
Desafortunadamente os que detentan o poder político prohíben desde hai 11 anos a transmisión de coñecementos na escola das materias científicas. 

 

venres, 17 de setembro de 2021

Na chegada a Ourense da primeira locomotora


Haim 140 anos que chegou o ferrocarril a Galicia. A Fundación Curros Enríquez aproveitou a ocasión para elaborar esta peza audiovisual, proxecto no que tamén colabora o Consello da Cultura Galega 

 

martes, 14 de setembro de 2021

Axendas para o curso 2020-2021


Os comezos de curso inaugúranse cunha axenda que nos axuda a organizar as complexas tarefas do ensino. Desta volta recomendamos a que nos achega Aulas Galegas, cunha moi completa lista de PDF listos para imprimir e fermosamente ilustrados por Viky Rivadulla.

Unha segunda alternativa é este caderno escolar de Nerea Seijoso


luns, 13 de setembro de 2021

O rap das matemáticas en galego


Vai comezar un novo curso baixo a era da prohibición do ensino en galego nas materias científicas. Como recordatorio destes agravios recupero o vídeo elaborado polo Equipo de Normalización do IES de Chapela (Redondela) na última edición da súa feira científica.
Aproveito a ocasión para pedir unha reflexión sobre a expulsión planificada da lingua na mocidade polo que cómpre atender as necesicades sociais lembrando exemplos como o de Rosa Parks, quen, ocupando un asento para brancos no autobús, dou un enorme paso na loita contra o racismo.

 

venres, 10 de setembro de 2021

Unha figa para Eurovisión

As Tanxugueiras con esta canción, Figa, foron as preferidas dos eurofans para o certame eurovisivo do 2022. Unha mágoa que o tema non poida participar no certame que depende en exclusiva de RTVE. Cousas de non termos nós a mans no timón do noso barco.