Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de novembro de 2021

25N: Testemuñas do maltrato


O alumnado de Artes Escénicas do IES A Basella (Vilanova de Arousa) realizou este traballo, "25 N: Testemuñas do malatrato", baseado no libro "invisibles" de Montse Fajardo. A música, de Ángel Paz,  tamén está inspirada neste libro 

 

venres, 26 de novembro de 2021

Xuntos somos a forza


Vídeo gañador na categoría de Primaria do concurso convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Foi realizado polo CEIP Casás (Lugo)

 

xoves, 25 de novembro de 2021

Sen cárcere nin carcereiro

Este vídeo é obra do alumnado de FP Básica de Administración e Ciclo Medio de Automoción do IES de Vilalonga (Sanxenxo), gañadoras do 1º Premio do "Concurso 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero" convocado pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia.

mércores, 24 de novembro de 2021

Da mesma raíz


Promovido polos concellos do Incio e de Folgoso do Courel, así como pola Secretaría Xeral de Igualdade, este audiovisual foi presentado nos colexios deses concellos xa que os protagonistas son os nenos dos mesmos. Xabier Vizcaíno, veciño do Incio é o autor da canción que interpreta xunto á súa irmá Lucía Pérez. 
Ademais de ser unha mostra do que nos ofrece o rural, o vídeo foi feito en clave de igualdade para presentalo neste 25N

 

xoves, 18 de novembro de 2021

O amor como orixe da igualdade. Charla de Darío Xohán Cabana


Onte enchéusenos o timeline coa triste nova da morte de Darío Xohán Cabana. Velaquín unha charla súa  no CPI de Castroverde do 25/02/2015 na que fala da invención da ideoloxía do amor como comezo da liberación igualitaria.

 

luns, 8 de novembro de 2021

Todos, agás dous


Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, é o coordinador do libro A lingua en 2050 (Catro Ventos,2021) na que 25 persoas contestan a dúas preguntas sobre a situación da lingua galega no 2050: como cres que estaremos e como desexas que esteamos.

Todos, agás dous, concordan en certa medida coas palabras dun dos colaboradores, Celso Álvarez Caccamo, cando di que non cómpre ser sociolingüista para saber que no 2050 a situación do galego será peor. Este autor fala do español como lingua de relación, asociado a mellores redes sociais e mellores traballos.  Isto é falso, afirma, xa que moitos españolfalantes están no estratos baixos. Nesta liña tamén incide Teresa Moure, quen sostén que nas teorías clásicas o galego era a lingua das camadas populares pero hoxe óese castelán nas aldeas e entre os operarios da Citroën;  "o relato diglósico servía hai 100 anos, non hoxe". En xeral hai concordancia co que di Mª Pilar García Negro, que Mª. Pilar García Negro, que a literatura vai manterse viva. 

Todos, agás dous van na liña de Xosé Luís Regueira cando fala dunha perda de falantes por ruptura da transmisión modulada polo neofalantismo, Xosé-Henrique Costas afirma que a Xunta fomentou o monocultivo dunha lingua  invasora a semellanza do monocultivo do eucalipto. El adscríbese a unha crenza repetida por outros autores, que de seguir o actual ritmo só se falará galego nalgunhas áreas rurais e por grupos conscientes nas vilas e cidades, terá un uso ritual na Administración. Freixeiro Mato incluso se atreve a dar unha cifra: se non muda asituación no 2050 estariamos nun 15% de falantes habituais formado por persoas idosas xunto a unha minoría de resistentes. Nesta mesma liña apúntase Conchi Cochón, quen prevé a polarización entre falantes monolingïes. Quen enxerga unha tendencia alternativa é Rexina Rodríguez Veiga, fundamentada no aumento das grandes cidades. No noso caso, de sermos un satélite da mega-urbe madrileña, tenderíamos á dilución da lingua. A salvación podería vir se nos colocamos na órbita do Porto.

Todos, agás dous, afirman que a situación actual do galego non é boa a día de hoxe. Fran Alonso, que dirixe unha editorial que publica só en galego,  comenta que lle chegan máis curriculums vitae en castelán que en galego. Marcos Maceira apunta, entre moitos outros datos, que o galego é permitido sempre que fique convenientemente baixo control pois non se respectan nin os principios de mercado. De 25.872 títulos de series e filmes nas diversas plataformas, case todos contan con dobraxe en español, ningún en galego. A porcentaxe de galego na televisón é do 4% e na memoria anual do TSXG do 2019 só o 0,04% dos documentos se tramitaron en galego. Quique Costas destaca a funesta contribución dos medios  subvencionados polo uso do galego cando neses medios o galego ten unha presenza menor do 3%. Francisco Rodríguez sinala que existe aversión a asumir o galego como preferente na Administración. Xosé Luís Axeitos  lembra que o 5º Informe do Consello de Europa di que nin Galicia nin España garanten o uso do galego nin no ensino nin na xustiza. Tamén destaca que a RAG determinou nun estudo  que os mozos galegofalantes son bilingües mentres que os castelanfalantes son incompetentes. Axeitos parte da proposta de que os políticos só poden ter 3 actitudes: represión, tolerancia e promoción mentre que a dos falantes poden ser : satisfacción, resignación e defensa. Así as cousas, en Galicia temos o peor panorama posible para a revitalización do galego: tolerancia política e satisfacción dos falantes. Para Fernando Ramallo asúmese a minoración como trazo indisolubel da lingua galega e non se concibe unha política lingüistica que posibilite esa superación. Tamén argumenta que a desfeita das últimas décadas é de tal magnitude que se requerirán esforzos inmediatos para revertela.

Todos, agás dous, asinarían a declaración de X. L. Axeitos; "as linguas son compañeiras do poder político e econónico". En concreto, sostén que a política estatal é de nacional-monolingüismo. Ademais, segundo Xohan Cabana nos tempos actuais renovouse un proceso de destrución. Este mesmo autor advirte do destrutivo imperio do inglés; linguas con estado como o italiano estanse inglesificando, que non pasará con linguas minorizadas como o galego, sobre todo a nivel oral?  En palabras de Henrique Monteagudo, "o discurso da imposición fixo un dano enorme". 

Todos, agás dous, forman comparten a idea de Fernando Ramallo de que a política pode e debe facer moito. Como exemplo de concordancia con esta tese temos a Alonso Montero cando comenta que en calquera territorio cunha lingua sen estado a perpetuación e potenciación depende,no substancial, da política. Ramallo propón unha sociolingüística política que actúe na intervención desde o ensino secundario.  A educación debe ser emancipadora para protexer os dereitos sociais. Débese educar un suxeito ideolóxico. Asimesmo explica outro punto común, a necesidade de inmersión no ensino. "Cómpre expulsar á dereita do goberno galego", di Xohan Cabana, e engade que "a independencia de Galicia é necesaria pero non suficiente para a consolidación do galego". Pola súa banda Freixeiro Mato opina que se debería establecer o deber de coñecemento e que cómpre modicar o Estatuto. Seguindo este fío, Francisco Rodríguez recoñece que se poden facer cousas dentro do marco constitucional, pero chegará un momento en que isto non será suficiente. Para Rosa López a lei pode posibilitar, en maior ou menor grao, o uso da lingua minorizada pero imposibilita e impide que poida acceder ao estatus de lingua de prestixio. O galego saiu das casas e  non entrou nas escolas. Seguindo este discurso Conchi Cochón é da opinión de que non se debe seguir a expulsar o galego do ensino, hai que recuperar o espírito das Galescolas e ademais o galego debe ser requisito real e comprobable para ter acceso a subvencións.

A pesar dos puntos de encontro, no libro A lingua en 2050 tamén podemos achar discrepancias. Teresa Moure céntrase no tema da morte das linguas. Para ela o galego estará aínda máis morto. O "aínda" é porque rara vez as linguas morren dun disparo. Aclara que hai tres versións sobre a morte das linguas: a despreocupada (sempre sucedeu), a das catástrofes naturais (hai certa conciencia de abuso do dominante pero toda decisión ficas fóra da lingüística) e a de Tove Skutnabb-Kangas (que estuda os axentes culpables do asasinato das linguas).  Fronte a isto Henrique Monteagudo entende que se debe  modular o discurso catastrofista que pasou do nacionalismo á sociedade xeral e introduce a súa opción do bilingüismo restitutivo. Tamén Marcos Maceira mostra as súas diferenzas con Teresa Moure cando afirma que "os augurios de desaparición da lingua erraron por asumir o prexuízo da incapacidade do pobo galego a encontrar as súas propias solucións". Non é de estrañar, pois o pesimismo da lingüista da USC é unha fuxida cara o inmobilismo e a derrota. Ela mesma asegura que o seu proxecto de lingua non ten os días contados pois no 2050 continuará a falarse no Porto.

O portugués tamén forma parte dos discursos de algúns dos colaboradores. Álvarez Cáccamo critica o mercantilismo da Lei Paz Andrade pero aposta por  abrirse ao medios audiovisuais en lingua portuguesa. Freixeiro Mato vai máis alá e propón o estudo de protugués en todos oo niveis de ensino para ao rematar o secundairo, dominar completamente o estándar portugués. 

Os dous radicais

Nas anteriores aportacións hai aínda moito do que debater, pero todas poden formar parte dunha mesa de diálogo sobre o presente e o futuro da lingua porque, tal e como vimos, hai moitos puntos concordantes sobre os que construir consensos. Isto é así porque estes discursos parten da realidade. Pero hai dous que inventan un mundo paralelo. Desafortunadamente son os que proceden dos que nos gobernan, dos dous últimos secretarios de política lingüística que desenvolven unha visión radical conformada sobre un mundo inexistente co fin de poder continuar cunha política supremacista e de exclusión da lingua galega. Non teñen outra alternativa.

Por unha banda a Valentín García chégalle con que a lingua siga viva en 2050, a pouco aspira. Cualifica a supervivencia do galego a 30 anos vista como "un reto", sen conectar este feito coa súa responsabilidade no cargo que ocupa actualmente. Alude ao coñecido poema "Introdución" de Curros Enríquez e demostra non entender que o poeta ten que resolver a tensión entre o seu galeguismo e un internacionalismo fraternal adobado por unha teoría evolutiva que prevía a unificación das linguas. De aí que para Curros a consecuencia lóxica sexa que todo o mundo acabe falando galego. Pois ben, o actual secretario xeral  recolle a anécdota pero non profundiza, así clasifica este poema como utopía optimista pois para el o presente non existe. O corpo do artigo de Valentín é, esta sí, unha utopía do presente. Entre outras barbaridades, nega a dicotomía entre linguas maioritarias/minoritarias ou oficiais/non oficiais. Atrévese a afirmar que "o galego segue a ser a lingua maioritaria" ou que "as actitudes melloraron notablemente". Con estas bases, só se pode destrozar o futuro da lingua. 

Pero non hai malo que non admita peor. Anxo Lorenzo coloca unha bomba na liña de flotación da lingua cando afirma que "a evolución da situación sociolingüística nos 30 anos anteriores foi moi estable". Curiosamente recibe unha moi acertada resposta de Teresa Moure, quen ademais de establecer a falsidade desta sentenza desvela que é unha aceptación da derrota no cometido da Planificación Lingüística. Efectivamente, Anxo Lorenzo continúa dicindo que "... non parece que tal estabilidade vaia mudar significativamente nos vindeiros 30 anos". Está claro que este ex-secretario xeral de política lingüística asume plenamente o seu papel de taxidermista do galego. Para certificalo basta con debullar esta declaración: "a vitalidade do idioma vai continuar aumentando". Nun principio parece que se refire ao galego, iso na apariencia externa. Se indagamos pola súa veracidade, veremos que só será certa cando substituímos "idioma" por "castelán". Como se fose un animal disecado, Anxo Lorenzo leva a nosa atención ao idioma que corre e salta, mais cando fitamos cara o noso descubrímolo seco, oco e cheo de serrín. Velalquí a súa obra. 

Para continuar coa sua tanatopraxe Anxo Lorenzo aposta por un modelo de bilingüismo social ou bilingüismo de usos alternantes (sic) onde non fique claro cal é o papel ou o espazo do galego. Significativamente está máis interesado pola promoción do inglés que da nosa lingua. Pola contra considera que non hai motivos para aprender o portugués. Tan desprezable é a súa actitude que considera positiva para o futuro da lingua a caída da natalidade pois "limitará un posible impacto sobre a proporción xeral de falantes de galego". Ninguén coma el fixo tantas achegas para o holocausto lingüístico en Galicia. Anxo Lorenzo ten sobradamente merecido un posto de honra entre os Goebbels, os Hess, os asasinos da lingua.

Que nos queda?

Despois da lectura do libro quedeime con dúas achegas por seren as máis concretas en debuxar políticas para un futuro. Unha é a do propio coordinador, Fernando Ramallo e outra a de Marcos Maceira, de quen recollo esta reflexión final.

Se tomamos conciencia da realidade comezaremos a estar en condicións de transformala. A presión e a vontade popular foi quen conseguiu os pequenos avances. Precisamos unha sociedade consciente de si propia. Só con que todas as administracións reclamasen pólizas de seguros, xestións bancarias ou sinalética en galego, daríase un paso de xigante.

sábado, 6 de novembro de 2021

Cinismo e castigo

Por Francisco Rodríguez no Nós Diario: 

Calquera persoa galega con conciencia lingüística práctica, isto é, utente do idioma galego como norma na súa vida social, sabe da precariedade que o acompaña, en especial cando acode aos servizos públicos: falta de protección e amparo, exposición a tratos discriminatorios, vexacións e desprezos. A cuestión de fondo aboia sempre: o seu idioma, con excesiva frecuencia, non atopa correspondencia na resposta oral ou documental escrita que se demanda ou necesita, mesmo tendo que asinar a conformidade e pagar do seu peto. O resultado é que, malia o devandito, a persoa pode seguir mantendo o uso oral ou escrito do galego no que del depende. Porén, tenderá a resignarse, a non ser en ocasións propicias por ser posíbel o diálogo, a aceitar que o atendan en español.

martes, 2 de novembro de 2021

Referentes

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

 Hai 50 anos, exactamente o 24 de Outubro de 1971, un Pau Casals de 95 profere un discurso na sede da ONU en Nova Iorque, a celebrar a música que el proprio compuxera para un Himno á Paz, encomenda feita polo daquela secretario xeral da ONU, U Thant, e mais a receber a Medalla da Paz desta organización. A letra fóralle pedida ao poeta inglés Wystan Hugh Auden. O grande músico catalán e universal interpretou tamén na sede da ONU “El cant del ocells” e, aínda coa voz firme, proferiu un discurso, en catalán e en inglés, cuxa primeira afirmación foi: “I am a Catalan”. A seguir desta afirmación tan sinxela como rotunda e verdadeira, permitiuse explicar que á aquela altura a súa terra –catro provincias españolas– era unha great nation. De certo que o impacto deste discurso chegou a amplas capas da povoación catalá, cuxo goberno da Generalitat concedeu en 1979 a Medalla de Ouro da mesma, postumamente, ao seu grande artista. Morrera seis anos antes, en Outubro de 1973. Sen dúbida, un referente, onte e hoxe, da súa nación.

domingo, 31 de outubro de 2021

Glotofaxa


Falso documental que, mediante un cambio de papeis, mostra espidos os argumentos dos negacionistas da normalización. O vídeo foi realizado nun curso da UABRA (Universidá Asturiana de Branu) no ano 2015. 
Chegoume a través dun dos seu protagonistas, Damián Barreiro

mércores, 27 de outubro de 2021

Dous vídeos sobre Jocelyn Bell

 Jocelyn Bell é unha astrofísica norteirlandesa que descubriu o primeiro radiosinal dun púlsar, unha estrela de neutróns que se forma pola explosión dunha supernova, Estivo o pasado 21/10/2021 na Coruña para dar unha conferencia no XXIV Contreso Estatal de Astronomía

AstroXabi aproveitou a ocasión para facerlle unha pequena entrevista na que, en poucos minutos se nos ofrece un completo perfil da astrónoma


Ademais Martin Pawley subtitulou o seguinte documental sobre Jocelyn Bell realizado para o New York Times no que aprenderemos como se chegou ao descubrimento dos púlsares e como este avance foi premiado co Nóbel, pero o premio non llo concederon a Jocelyn, senón unicamente ao seu director de tese. Unha mostra dos mecanismos sociais de discriminación da muller, paralelos aos de discriminación de linguas como a nosa. Nunca sobra lembrar que o ensino en galego das ciencias en secundaria está prohibido. Non hai ningún obstáculo para ensinar as matemáticas ou a física en castelán ou incluso en inglés. 

venres, 22 de outubro de 2021

Fálalle galego


por Moncho Paz en Nós Diario: 

En pleno debate sobre o estado da autonomía, e cando se fan trinta e oito anos da entrada en vigor da lei de normalización lingüística de Galicia, o último estudo da Real Academia Galega constata unha realidade denunciada nos últimos tempos dende diferentes ámbitos: o efecto de substitución lingüística que exerce o sistema educativo nos menores e, en particular, sobre aqueles que se incorporan á escola falando en galego e o abandonan progresivamente a medida que avanzan de etapa. Dende 1983, cando entrou en vigor a devandita norma, tivemos tempo dabondo para avanzar no uso progresivo da lingua nos distintos eidos, en sintonía co espírito da norma e o esforzo construtivo de recuperación da nosa personalidade colectiva; pero lamentablemente non é así.

 

martes, 19 de outubro de 2021

Que é o que ten a SXPL na cabeza?


 Cando vin este vídeo lembrei inmediatamente o libro infantil A toupiña quería saber quen lle fixera iso na cabeza, editado por Kalandraka. Efectivamente, a Xanela Maxín fixo unha divertida obra fundamentada neste exitoso conto. Ata aquí todo ben,


O que está fatal é a hipocrisía da Secretaría Xeral de Política Lingüística(SXPL), a canle na que está aloxada unha miniserie de 8 capítulos de divulgación científica en galego cando esa mesma SXPL é a defensora da prohibición da impartición de aulas das materias científicas en galego. Este capítulo trata da Carta Xeométrica de Domingo Fontán, un dos primeiros mapas feitos no mundo usando métodos matemáticos. Eses métodos poden explicarse na escola en castelán e incluso en inglés pero non en galego. Con que cara a SXPL se atreve a presentar este e os outros 7 vídeos ante a cidadanía? É posible ser máis hipócrita? Que é o que ten a SXPL na cabeza?

domingo, 17 de outubro de 2021

O galego na escola. Propostas para o futuro da lingua no eido educativo

A Fundación Luzes argallou este encontro sobre a lingua na escola presentado por Manuel Bragado. Os participantes son Valentina Formoso, Henrique Monteagudo, Mariló Candedo e Pilar Ponte. Recollo algunhas ideas das súas intervencións, aínda que o mellor e premer no play.

Valentina Formoso fai un moi claro resumo do Mapa sociolingüístico Escolar de Ames, o recente estudo promovido polo concello de Ames e a Real Academia Galega. Se alguén non se atreve a escoitar todo o debate, recoméndolle que polo menos escoite este dez minutiños. Máis adiante incidiu na importancia de mover os marcos dos imaxinarios sociais. Estamos nunha sociedade na que o galego está cargado de represencións negativas que cómpre mudar. 

Henrique Monteagudo lembrou que no 2019 tamén se publicara a Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO na que pode contrastarse o declive da lingua galega en comparación co realizado 10 anos antes, xusto cando entra en vigor o funesto decreto 79/2010. Tamén denunciaría que a CELRM é unha lei de obrigado cumprimento que obriga á Administración a que ofreza a oportunidade dunha liña do galego. Denunciou que o o goberno do PP doulle oficialidade a un discurso radical xa existente, o da "imposición do galego". Pola contra, debemos apropiarnos do discurso do bilingüismo e o plurilingüismo co galego no centro.

Mariló Candedo comentou que o decreto 79/2010 asentábase baixo o paradigma do equilibrio lingüístico e estes estudos do concello de Ames xunto con outros como os das CELRM demostran que se quebrou o compromiso de asegurar a competencia en galego á par do castelán e a progresividade na normalización. Así mesmo tratou o tema da necesidade de espallar outro tipo de mensaxes sobre as linguas e da necesidade de abrir un debate social.

Pilar Ponte denunciou que hai moitos centros nos que nin tan siquera imparten en galego as poucas aulas que esixe o actual e retallador decreto. Tamén destacou que o alumnado non é realmente libre cando non é competente en lingua galega.

xoves, 14 de outubro de 2021

Era Cristovo Colón galego?

O youtubeiro estradense Marcos Borrageros estréase con este vídeo sobre a eventual orixe galega de Cristovo Colón 

martes, 12 de outubro de 2021

Bayadolí

 


por Pilar García Negro en Nós Diario

Unha mistura de cansazo e indignación. En pleno século XXI, temos de aturar a deturpación inflixida aos nosos nomes de lugar, a barbarización de que falaba Castelao con exacta denominación hai máis de 70 anos. Ter que lembrar –38 anos após se promulgar a Lei de Normalización Lingüística, cuxo único artigo prescritivo é mesmamente o 10º, o atinente á toponimia– que A Toxa se chama A Toxa, e ter que lembralo, con vergoña allea, ao Xefe do Estado, a galegos gobernantes en activo, ex-gobernantes, magnates da hostalaría, ministras e demais membros da elite dirixente e ‘chupóptera’, causa noxo. Os señores López Seixas, Feixoo, Raxoi pódense poñer cabeza para abaixo, pés para arriba (como se nos dicía na infancia): os seus apelidos son galegos e só galegos. Acontece que o sobrelevan como un estigma e para circularen social e politicamente han de pagar o tributo ao amo salvador: deforman os seus nomes para os facer admisíbeis a aquel. A desgaleguización metida a ferro desde hai séculos non hai lei ‘autoanémica’ que a cure. En perfeita simetría co desaparecemento oficial da Galiza nas súas mentes e nas súas bocas, por abdución-absorción de España-Europa, nen sequer se conceden o dereito a chamárense como nos chamamos.

 

venres, 8 de outubro de 2021

Un extracto do mapa da lingua escolar en Ames

A Academia Galega e o Concello de Ames veñen de publicar un estudo sobre o estado da lingua no ámbito escolar nese concello. A principal conclusión é que o acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados ata o momento, centrados maioritariamente na adolescencia. 
Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolinguística da RAG afirma que

[a escola] É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”  
Non é por sinalar, pero é imposible non ver aquí os efectos do funesto decreto 79/2010 de exclusión do galego no ensino non universitario, difundido goebbelainamente como "de plurilingüismo".
Vou recoller unicamente un extracto do Mapa escolar de Ames, e como a min me gustan as gráficas, vouno ilustrar/traducir cunha gráfica que mostra como o sistema escolar vai reducindo o uso do galego ata practicamente a irrelevancia. 

Velaquí o extracto da páxina 295 que explica o gráfico anterior:
O indicador de uso do galego nos escolares amesáns no primeiro ciclo de Infantil é dun 32,4%; coa entrada no segundo ciclo de Infantil a presenza do gale-go redúcese a un 21,1%; a dinámica continúa na mesma dirección coa entrada en Primaria (15,6%); esta tendencia estabilízase no segundo e terceiro ciclo de Primaria (13,6% e 14,6% respectivamente), e volve a poñerse en funcionamento coa entrada na Secundaria (11,4%). De aí a transcendencia para o comportamento lingüístico destes momentos e o tipo de adaptación á situación que se faga neles.
O resultado destas tendencias é que os e as galegofalantes acaban adoptando maioritariamente o castelán para relacionarse cos seus pares, mesmo no caso de que manteñan o galego coa familia. Emporiso, estas condutas, prolongadas no tempo, poden rematar por provocar un abandono xeral das prácticas en galego mesmo no interior do núcleo familiar. Así e todo, esas prácticas lingüísticas non son irreversibles, pola contra, son susceptibles de ser revertidas noutro momento biográfico. A maiores, comprobouse a existencia de factores protectores relacionados coa xestión lingüística familiar, coas características cognitivas, emocionais, cognitivas e lingüísticas do alumnado, coa política lingüística do centro educativo ou co contexto sociolingüístico próximo. 

sábado, 2 de outubro de 2021

El catalá és teu


 Campaña #ElCatalàEsTeu de Omnium Cultural, entidade con 60 anos de historia que afirma adicar a metade do seu presuposto á defensa do catalán.

E o galego, será noso? 

mércores, 29 de setembro de 2021

Digo Moraima

 


Cláudia Morán no Nós Diario:

Hai menos dunha semana que Moraima pasou a ser moito máis que un nome propio e un poema de amor. “Porque eu falo en galego, sabes, Siri?”, dille a pequena de envexable sotaque ao robot máis internacional. E dillo porque a máquina, tan limitada para ser global, responde que non a entende. Esa Moraima de pelo loiro, tan adorable como viral, é a viva representación de tantas rapazas galegas que abrazan con forza a lingua, como ao osiño de peluche que simboliza o amor e o fogar, ignorando a ameaza latente de que alguén llo arrebate. Tan real, que e a nai e o pai da nena, a piques de ser escolarizada, xa o temen.

 

martes, 28 de setembro de 2021

O ceo explicado


Xa hai un tempo que sigo a AstroXabi. Souben del grazas ao labor divulgativo da Asociación Astronómica Io. Trátase dun matemático que fai vídeos de divulgación da astronomía. Nste que presento aquí relátanos como moverse polo ceo neste outono que acaba de comezar. Faino usando un programa moi recomendable para axudarnos nesa aventura de coñecemento do ceo nocturno, o Stellarium.
Grazas por encher un oco más da divulgación da ciencia na nosa lingua.