Alice é unha italilana que leva 20 anos vivindo en Galicia. A partir da súas vivencias persoais explica como descubriu a diferenza entre bilingüismo e diglosia e o impacto que esta última tivo no seu día a día.
Páginas
luns, 31 de xaneiro de 2022
domingo, 30 de xaneiro de 2022
O galego como elemento diferenciador. LGx15
domingo, 23 de xaneiro de 2022
O dioma galego baixo o franquismo
Víctor F. Freixanes, e a secretaria, Margarita Ledo Andión, e mais o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, o director xeral da Editorial Galaxia, Margarita Ledo Andión, a secretaria da RAG e Víctor F. Freixanes, o seu presidente acompañan a Henrique Monteagudo na presentación do libro O dioma galego baixo o franquismo
Galegofalantes nas Asturies
por Xoán-Antón Pérez Lema en Nós Diario:
É unha realidade case tautolóxica que o uso das diversas linguas non se axusta con exactitude ás fronteiras administrativas. É unha evidencia científica, ratificada dende os tempos de Dámaso Alonso nos anos 40 do século XX por todos os dialectólogos, que o galego que falan uns 40.000 cidadáns asturianos (5% da poboación das Asturies) dos 19 concellos do oeste do Principado é unha variante dialectal do galego, o galego oriental, que partillan tamén os galegofalantes do Berzo e da Seara (administrativamente en Castela-León) e os galegos da parte máis ao leste da Galicia administrativa.
A prol do galego de Asturias
por Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
No ano 2002, a Real Academia Galega celebrou o Días das Letras en Vilafranca do Bierzo. Lembrabamos a figura e a obra do Padre Martín Sarmiento, que naceu naquela vila en 1695. As autoridades de Vilafranca agasallaron a súa memoria, acolleron os actos que programou a RAG, complementáronos con outras iniciativas e, dende entón, todos os anos compartimos algunha actividade naquelas terras, que politicamente pertencen á comunidade de Castela e León, mais que saben que forman parte dunha irmandade común. En total son quince concellos maioritariamente galegofalantes (Barxas, Cacabelos, Carracedelo, Corullón, Ponte de Domingos Flores…) e outros oito nos que o galego ten algún menor uso. En 1976, os autores do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) percorreron aquela comarca documentando as falas en cinco concellos. Igual se fixo no occidente de Asturias, entre os ríos Eo e Navia, territorio no que o galego ten tamén expresión propia en 18 concellos, algo do que xa falaba Manuel Murguía no século XIX e que Dámaso Alonso en 1943 identificou como «gallego de la Asturias occidental», tamén galego-asturiano, denominación acuñada en toda a lingüística hispánica. O glotónimo eonaviego é un neoloxismo creado a finais dos anos 90 dende o galeguismo lingüístico e promovido despois dende a Academia da Llingua Asturiana, nun afán por distanciarse da memoria común e afirmar unha especie de lingua autónoma entre o galego e o asturiano.
luns, 17 de xaneiro de 2022
A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias
por Henrique Monteagudo na Tribuna da RAG:
A Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) é un código para a protección das comunidades minorizadas promovido polo Consello de Europa (CE). Este organismo, do que forman parte a práctica totalidade dos estados europeos, ten como obxectivo promover a democracia, os dereitos humanos e a identidade cultural europea. A Carta foi asinada e ratificada pola maior parte dos membros do CE e ten carácter de tratado internacional, polo que a súa ratificación debe ser aprobada polo Parlamento de cada Estado, adquirindo así carácter de lei, cun rango xurídico superior á lexislación ordinaria do propio Estado. A CELRM contempla uns compromisos de carácter xenérico sobre o recoñecemento das linguas e o respecto dos dereitos das e dos seus falantes, e outros máis concretos no ensino, as administracións e os servizos públicos, os medios de comunicación, as actividades culturais e a vida económica e social. Todos os estados signatarios se obrigan a aplicar os compromisos xerais, mentres que os concretos están graduados por niveis, do mínimo ao máximo e, no momento da ratificación, os estados deciden cales asumen e a que nivel, ademais das linguas a que se aplica a Carta.
sábado, 15 de xaneiro de 2022
Les llingües minorizaes y Eurovisión
Neste vídeo Damián Barreiro dá mostras dunha enorme erudición no tema das linguas en Eurovisión. Nesta excelente confefrencia podémonos enterar de que nalgún momento da súa historia, o hebreo, o irlandés, o catalán, o serbio, o portugués, o romanche, o corso, o u obretón, Alén diso Damián relátanos moitas máis curiosidades, como cando Lucía Pérez, despois da súa actuación saudou ao público en galego.
xoves, 13 de xaneiro de 2022
Alingua
martes, 11 de xaneiro de 2022
Wordle en galego
Moitos recoñecerán a seguite imaxe. Corresponde a un xogo que se fixo viral nos últimos tempos, o Wordle
⬜⬜⬜⬜⬜
⬜⬜⬜⬜🟩
🟩⬜⬜⬜🟩
🟩🟩🟩⬜🟩
🟩🟩🟩🟩🟩
Foi creado por Josh Wardle, un enxeñeiro norteamericano que o creou para a súa parella, moi afeccionada aos xogos de palabras. Trátase de adiviñar unha palabra de cinco letras en, como moito, 6 pasos. O xogo só admite como palabras válidas aquelas do seu dicionario asociado. Hai que escribir unha palabra. Se acertamos coa letra e a posición, marcará a letra en verde. Se a palabra ten a letra pero está noutra posición, marcarase en amarelo e se a letra non forma parte da palabra a adiviñar, aparecerá en gris. No exemplo colocado aquí non aparecen marcas en amarelo porque cada vez que se acertou unha letra, colocouse na posición que ocupa na palabra.
Se traio por aquí esta novidade é porque hai un #WordleGalego. Podes probar a xogar aquí.
Por certo, esta iniciativa debémoslla a Abraham Martínez Gracia
xoves, 6 de xaneiro de 2022
Doce anos e un día
Hoxe chego cunha impresión distinta. Eu, que de natural son pesimista, estou albiscando que a baixada aos infernos da normalización xa chegou ao seu punto máis baixo e que un futuro máis prometedor non está lonxe. Sinto que o final deste blogue non está lonxe. Ogallá.
mércores, 29 de decembro de 2021
Calar e tragar. A familia de Canet e as familias de aquí
por Manuel Rodríguez Carnota en Terra e Tempo:
Non hai moito tempo unha xove profesora da Universidade da Coruña programou un experimento co seu alumnado da Facultade de Educación. As e os futuros mestres habían participar nunha experiencia chamada de “travestismo lingüístico”. Mozas e mozos, castelanfalantes de ambiente urbano ou semiurbano, debían someterse á proba de falaren en galego con normalidade as vinte e catro horas do día durante unha semana, fose quen fose o seu interlocutor. Nunca os participantes deberían revelar a causa da súa nova conduta. Era falar galego porque si, e a ver que pasa.
Inverno, inmersión, imposición
por Pilar García Negro en Nós Diario:
Ter que aturar que o máximo líder do PP aproveite a súa visita á Galiza para voxiferar (como diría Enric Juliana) barbaridades mendaces contra o catalán e a escola catalá, e que a ignonimia se compute a beneficio de inventario, sobarda toda a paciencia terapéutica de que poidamos dotarnos. Que o seu anfitrión, o presidente da Xunta, dixese literalmente: "Yo reivindico la Galicia cordial, el bilingüismo cordial, la Galicia donde hablamos español y castellano y donde lo que nos interesa es aspirar a hablar inglés" e tal aserto non merecese resposta –que saibamos– de nengún representante público galego, de nengunha institución galega, que mesmamente existen e viven grazas a que a lingua galega existe e sobre ela se edificou o artificio autoanémico, francamente fai decaír o ánimo até o caborco máis fondo. Non, non se tratou dun lapsus: é a fotografía realista da tríade sobre a que pousa a política autonómica: a reverencia ao Estado, a nomenclatura eufemístico-encobridora da imposición, a submisión ao idioma imperial no mundo global. O enterramento do galego no silencio, na non-existencia, na súa prescindencia absoluta. O inverno permanente, non o que antecede ao renovo da vida da primavera. O silencio face a tal carga de dinamita só pode significar que se dá a situación da lingua galega como normal ou ben que se considera que o desenlace é fatal e nada hai que facer contra el. Bilinguísmo cordial = doenza inoculada letal.
domingo, 26 de decembro de 2021
O dereito a vivirmos en galego
por Xoán Antón Pérez Lema en El Correo Gallego:
A lóxica do Estado español é beneficiar ao castelán e limitar o galego e, tamén, ao euskera e ao catalán, malia que nestes dous casos cadanseu Poder autonómico compensa, nunha pequena parte, a abafante omnipresenza do castelán na Administración de Xustiza, no mundo empresarial, na publicidade e na comunicación e fición audiovisuais. Unha desaquelada desproporcionalidade, tendo en conta que somos un País no que sabemos falar galego o 89%, mentres un 53,3% aínda fala só ou nomeadamente galego e só o 24% fala sempre castelán.
sábado, 25 de decembro de 2021
Do ensino en galego e o 25
por Marilar Aleixandre en Nós Diario:
Coñecen algunha escola galega na que se imparta en castelán unicamente o 25 por cento das materias? Se as hai, son minoría. Os efectos do decreto de trilingüismo de 2010 son letais para o galego. Moitos anos como profesora, en secundaria e na universidade, como investigadora das aprendizaxes no interior das aulas, permiten afirmar que o ensino en galego non é o 75%. Estudos, como o da RAG e o Concello de Ames, dirixido por Henrique Monteagudo, mostran o devalo no uso da lingua, concluíndo que a escola é un medio hostil para as rapazas e rapaces galegofalantes.
martes, 21 de decembro de 2021
Lingüicidio: ouitro negacionismo
por Henrique del Bosque Zapata, no Nós Diario:
Un dos trazos que me resulta máis repugnante do nacionalismo supremacista español é ese odio que destila contra o noso idioma e esa xustificación cínica do xenocidio lingüístico. E non creo esaxerar! O lingüicidio, xenocidio lingüístico ou glotofaxia é o proceso político e social polo que a lingua dunha determinada cultura desaparece, parcial ou totalmente, por mor da influencia directa e coercitiva doutra cultura que impón a súa lingua. O profesor Moreno Cabrera definiuno como aquela actividade etnicida realizada co obxectivo de que unha determinada lingua deixe de falarse, relegando ou prohibindo o uso da mesma, e que adoita facerse mediante a forza. Cumpriría engadir, ademais, que negar ou mentir sobre o uso da violencia, simbólica e física, fai parte da dinámica destes procesos de opresión co fin de presentar a asimilación forzosa coma un resultado espontáneo, natural e consentido. E, con certeza, no Reino de España acádanse niveis delirantes na mentira sobre o feito da violenta imposición histórica do castelán.
Vento ou convento
por Mª Pilar García Negro no Nós Diario:
Na semana pasada, amiudaron as mensaxes da “Dirección General de Tráfico” (máis unha competencia estatal, nen transferida nen con trazas de o ser) para comunicar benéficas recomendacións na chamada operación retorno e, sobre todo, para evitar riscos causados pola neve a causa do temporal “en el Norte”. Aconsellábase, pois, adiantar a viaxe desde “el Norte”, suponse que ao centro e ao sul, isto é, Madrid-Madrid-Madrid, o embigo de toda a información. A cousa é cómica, por non dicer estupidamente anacrónica, para quen viaxamos dentro do “Norte”, que non se caracteriza mesmamente pola súa homoxeneidade. Non se me ocorre dubidar da bondade dos consellos atinentes ao tránsito daquela dirección xeral, mais constato que continúan vinculados ao esquema radial español da máis rancia rotina. Os amantes do simplismo que cualifica o rexime anterior, a ditadura, de sociedade en “blanco y negro”, supostamente mutada milagrosamente en sociedade colorida con todas as gamas cromáticas, deberan reparar no mantemento e reforzo de vellos esquemas non caducados nen cancelados. Meter no mesmo saco a Galiza, Asturias, provincia de Santander, Euzkadi, Logroño e Cataluña, do ponto de vista meteorolóxico e/ou climático, non é unicamente resaibo do pasado, senón unha contravención absoluta da xeografía e da realidade do “tempo” en cada unha delas. Xa non digamos atribuír á Galiza un “tempo” uniforme e homoxéneo, mais esta distinción é demasiado subtil para a cegueira do centro-Madrid.
luns, 20 de decembro de 2021
Curso de Química do grupo CienciaNOSA da USC
O grupo CienciaNOSA da Universidade de Santiago de Compostela vén de presentar o primeiro MOOC (acrónimo en inglés de Massive Online Open Course) en lingua galega. Trátase dun curso aberto de química en liña a partir dun enfoque experimental, baseado principalmente en prácticas de laboratorio. Todo o material do curso está en aberto a través do portal funil.gal. Hai un prazo ata o 20 de decembro para rexistrarse e cursar gratuitamente a primeira edición do curso, que se celebrará durante xaneiro e febreiro de 2022.
Lembramos que desde a propia páxina do proxecto funil, ou no propio You Tube, podemos ter acceso a unha ampla colección de vídeos sobre prácticas de química
venres, 17 de decembro de 2021
Reivindicación da ciencia en galego no IES de Chapela
mércores, 15 de decembro de 2021
Mapa das cruces de pedra en Tabeirós-Terra de Montes
Velaquí a recollida de cruceiros feita ata o momento pola Asociación Cultural Vagalumes, da Estrada. A día de hoxe hai uns 80 xeoreferenciados.
Este mapa forma parte do Proxecto Ouzamerxe, de recollida e posta en valor dos cruceiros da comarca. Dese a A. C. Vagalumes piden colaboración na verificación e ampliación dos datos.
