Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de xaneiro de 2026

Ciencia en galego: desexos e propósitos para o ano novo

 


Leonor Parcero no Nós Diario:


Aínda se pode dicir feliz ano novo? Supoño que si, tendo en conta que é a primeira vez que me dirixo a vós neste 2026. Como moitas, imaxino que empezo o ano un pouco inquieta, algo pesimista, especialmente polo que está a acontecer fóra das nosas fronteiras, nun contexto global de conflitos interminables, de desgaste democrático. Pensar en propósitos de ano novo, máis alá da esfera estritamente individual, e formular desexos científicos colectivos non é tarefa sinxela, mais non é imposible. Podemos comezar por propoñer cambiar ou mellorar pequenas cousas que si están da nosa man e coas que podemos marcar a diferenza. Ir tomando decisións realistas e asumibles, como seguir normalizando o galego na ciencia.

luns, 26 de xaneiro de 2026

U-lo Pacto pola Lingua?


 por Daniel Chapela, no Nós Diario:

En outubro de 2024, após unha enquisa do IGE demoledora a respecto do emprego do galego no noso país, o conselleiro de Lingua da Xunta de Galicia, José López Campos, apurouse a prometer un Pacto pola Lingua, unha proposta que naceu morta desde o mesmo intre en que se trazaron liñas vermellas no mesmísimo punto de saída. Aquela proposta tiña 15 meses para se materializar, un prazo que vence neste mes no que xa encaramos a recta final. Onde está?

sábado, 24 de xaneiro de 2026

LGx15. A minha nai. Cintaadesiva

 Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada son os que forman Cintaadeiva. Unha proposta con textos poéticos integrados na música (non acompañados pola música). O espectáculo intercala tamén temas cantados compostos polos mesmos autores.

venres, 23 de xaneiro de 2026

LBx15. Vernáculo

Artur Trillo Sendón é actor, director e autor teatral. Fundador de Talía Teatro, un grupo no que recoñecemos moitas obras de alto valor sociolingüístico (lembremos "Bicos con lingua"). Nesta intervención fálamos do seu propio nome.

xoves, 22 de xaneiro de 2026

LGx15. Comunicanto en galego

Fátima Pego, creadora de contido, cantante e comunicadora fálanos da súa experiencia persoal coa lingua. 

Atenea: xustiza e sabedoría


 por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

A situación calamitosa da lingua galega no eido da Xustiza podería comezar a mellorar significativamente nos vindeiros meses. Algúns datos din que apenas 3% das sentenzas se redactan en galego. Que lle pregunten aos servizos xurídicos da CIG, no eido laboral, ou aos do Concello de Vigo, no administrativo, de cantos dos miles de preitos nos que interveñen lles chegan as sentenzas en galego (e en non poucos casos nun castelán incumpridor das leis autonómicas, por exemplo incorrendo na vulneración do artigo 10 da Lei de Normalización referida ao uso das formas oficiais dos topónimos).

mércores, 21 de xaneiro de 2026

LGx15. Vitamina G, activa a túa lingua

 Vitamina G, un proxecto que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de nenos e nenas de orixe migrante. Esta inicitiva gañou o Premio Mil Primaveras e tamén o Dígocho Eu de ouro 2024-2025. Preséntanolo a mestra de Cabana de Bergantiño, Mariña Lema

martes, 20 de xaneiro de 2026

LGx15. Un bo médico ou un médico galegofalante


O título é provocador. Máis se pensamos que a disxunción "ou" é excluínte. Miguel López Pueyo é rioxano e leva vivindo con nós 10 anos. 
Cales son os problemas da sanidade? Política lingüística vs. política sanitaria.

 

venres, 16 de xaneiro de 2026

LGx15. Unha galegofalante nas aulas de Compostela

María Maroño, estudante de 2º de Bacharelato no IES Eduardo Pondalm (Santiago de Compostela). É do Touro, o que lle permitiu criarse nun contexto integramente galegofalante. 

Fala do contraste entre as clases que recibíu no seu concello (rural) e as aulas onde agora estuda bacharelato. Relata como cambiaron algúns prexuízos cara á lingua e como a mocidade reacciona ante a chegada dunha rapaza que prioriza o uso do galego fronte ao castelán. Conta tamén algunhas anécdotas e solucións que aumentarían o uso do galego na xente moza e que propoñemos as estudantes dende organizacións como, por exemplo, Erguer. Estudantes da Galiza, da cal levo a responsabilidade na zona de Compostela.

xoves, 15 de xaneiro de 2026

LGx15. Sempre hai unha primeira vez


Carlos Callón pregúntase cal foi o primeiro libro escrito en galego. E o primeiro publicado? E quen compuxo o primeiro disco? Que boca deu forma ao primeiro discurso? Que voz levou o primeiro podcast? Quen transmitiu o primeiro testamento, a primeira sentenza, o primeiro epitafio, a primeira pegada que nos fala na nosa lingua? Houbo tamén unha primeira vez nunha escola, unha primeira misa, un primeiro folleto, un primeiro anuncio, un primeiro casamento…

martes, 6 de xaneiro de 2026

16 anos e un día

Efectivamente, tal e como indica o título da entrada xa van 16 anos que na tarde de Reis sento ao pé do ordenador e me poño a compoñer unha nova entrada. 

Pensaba o ano pasado que isto xa non sucedería outro ano máis, que o bloque iría esmorecendo ata quedar aí, como testemuña dunha era negra para a lingua galega por mor dunha política lingüística nefasta. Con todo a estrutura segue en pé. Publicáronse 85 entradas no último ano. Non son moitas respecto da serie histórica. O que si é de destacar é o número de visitas: máis de 200.000.

Grazas a todo aquel que algunha vez botou o ollo por aquí.
 

domingo, 21 de decembro de 2025

O profesorado non debe entender o galego

O profesorado non debe entender o galego. Esta é a conclusión que podemos tirar da carta de felicitación enviada polo conselleiro de educación, Román Rodríguez porque non nola envía só en galego.  Ben sei que non é a única razón pola que Román nos fai ese agravio, mais se chego a esa conclusión é por non ser mal pensado. Podería haber outra motivación para actuar así, sería que o conselleiro considerase que o galego é unha lingua menor polo que, no absurdo caso de empregala sempre debe ir acompañada da súa irmá maior, o castelán.


luns, 15 de decembro de 2025

M8 por ler

 

A Fundación Xistral afirma ser "unha declaración de amor a un xeito de entendermos a vida ... e a todos os que participan na construción da cultura que hoxe nos dota de identidade". Desde os seus comezos xa levan toda unha serie de campañas promovendo a cultura de noso. Hoxe traémola a este portal pola presentación da última das súas iniciativas, unha rede social sobre o libro galego, M8 por ler

A rede contén un catálogo inmenso de publicacións e vén cun buscador de fácil manexo que decontado nos leva a aqueles títulos que estamos buscando. 

Animo a todo o mundo a que se inscriba, a que consulte a información que contén de cada libro e a que valore e escriba unha pequena reseña sobre aquelas publicacións das que teña coñecemento para axudar ao resto da comunidade a guiarnos nas nosas lecturas. Unha magnífica iniciativa.

venres, 12 de decembro de 2025

 


por Xosé-Henrique Costas no Nós Diario:

Debido ao falecemento dun familiar, este ano vinme obrigado a lidar con varias notarías e rexistros para facer trámites de herdanzas, aceptacións de herdanzas, mercas e vendas de propiedades etc. Había case trinta anos que non me vía envolveito en cousa semellante e a experiencia anterior con estas instancias non fora moi positiva: daquela un banco non me quixera dar o escrito da hipoteca en galego e recomendárame, ademais, que non teimase moito coa "lideira" do galego porque do contrario a escritura de propiedade da casa podería demorar meses. Naquel momento traguei, tiña présa por pechar a operación. Logo cambiei de banco e, despois de moitas voltas, conseguín galeguizar a escritura.

mércores, 10 de decembro de 2025

Liñas de galego


 por Manuel Bragado no Nós Diario:

Decepcionoume o escaso eco do informe Un país coa súa lingua froito do foro organizado polo Consello da Cultura Galega coa intención de activar medidas que reforcen o uso social do galego. Entre elas son de interese as da comisión de Educación e Socialización, coordinada por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, na que asumindo a necesidade de combinar planificación e educación lingüística, tabú para o Goberno de Rueda, se propón redefinir o enfoque do plurilingüismo situando o galego no centro de interese e fortalecéndose naqueles ámbitos, o tecnolóxico e científico, nos que hoxe non está. Resultan viables propostas para as que nin sequera sería imprescindible (aínda que si moi aconsellable) agardar á derrogación do decreto 79/2010, como ampliar e diversificar a oferta educativa en galego, fose por proxectos de enriquecemento lingüístico, fose ofrecendo liñas educativas nas que o galego é lingua vehicular, sempre que exista demanda suficiente e consenso na comunidade educativa. Secasí, resulta necesario impulsar unha campaña institucional e colaborativa que enxalce os beneficios de criar en galego cun enfoque emocional positivo e reforzo para as familias que o fagan. Certo é que resulta imprescindible revisar o modelo de educación lingüística, o que pasa por derrogar o decreto da vergonza de 2010 e acadar un acordo político transversal sobre un modelo alternativo que garanta que cada moza ou mozo ao remate da súa formación conte cun dominio operativo do galego equivalente ao doutras linguas de referencia, nada pois doutro xoves. Xaora, o documento das expertas do Consello da Cultura Galega, que merecería ser presentado no Parlamento, amosa que o acordo sobre a educación lingüística non pode quedar aparcado sine die. Deben activarse nos centros educativos medidas alternativas coma as citadas, e outras dun documento valioso, que vaian máis alá de lamentar os ataques lingüicidas ou de defender contra vento e marea un decreto que tanto dano fixo (e continúa facendo) ao galego. 

mércores, 3 de decembro de 2025

Promover o galego dende o local. Ames

 


"Promover o galego dende o local" é unha produción de Nós Televisión que aborda as diversas iniciativas de promoción da lingua galega se levan a cabo desde o Concello de Ames. 

A peza conta coas voces do alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta, de Henrique Monteagudo, Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Julio de la Iglesia, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, Carmen Porto, Ana Belén Paz, Pilar Villaverde, María Cebey, Carlota Mera, Rosa Moreiras ou o alcalde de Ames, Blas García.

domingo, 30 de novembro de 2025

A lingua do outro como acto de xustiza

por Sandra Mª Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, en La Voz de Galicia:


O pasado luns, 17 de novembro de 2025, Carmen Eiró tomou posesión como fiscala superior de Galicia. Podería ter sido un acto institucional máis, se non fose porque o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, nado en Salamanca, decidiu pronunciar parte do seu discurso en galego. Non o fixo por obriga nin por xesto folclórico: fíxoo por respecto. Cada vez que o poder fala a lingua do outro, está facendo xustiza.

xoves, 13 de novembro de 2025

Galego-portugués: chave para abrir novos cadeados lingüísticos

 por Gonzalo Constenla no Nós Diario:

A discusión pública sobre o "deber" de dominar o inglés –e o impacto no equilibrio do noso ecosistema lingüístico– merece un tratamento demorado. Con todo, e para non mesturar planos, esta análise trata doutra cuestión: explicar por que, máis alá de calquera obriga sobre unha lingua, as persoas galego-falantes, ao seren bilingües plenas en galego e español, costuman aprender con máis facilidade unha terceira lingua (L3), neste caso estranxeira. Non discutimos o "para que", senón o "por que" e o "como" que a investigación avala.


En primeiro termo, convén lembrar o que sinala a evidencia: o bilingüismo individual funcional reforza dous piares para a L3. O primeiro é a conciencia metalingüística: quen alterna códigos segmenta mellor a forma, compara estruturas, induce regras con menor custo e tolera a ambigüidade. O segundo, en paralelo, é un perfil atitudinal favorábel: motivación elevada, expectativas realistas de éxito e apertura á diversidade lingüística, que favorecen persistencia e autorregulación. Así, aínda que os efectos nos contextos non foren uniformes, obsérvase unha vantaxe na aprendizaxe de terceiras linguas entre persoas bilingües fronte a monolingües.


Chegados a este punto, cumpre unha precisión decisiva: todas as persoas galego-falantes son bilingües totais; pola contra, non todas as persoas español-falantes na Galiza acadan un dominio activo e funcional do galego. Esta asimetría ten unha derivada práctica. Quen domina as dúas linguas manexa con soltura dous sistemas gramaticais, dous repertorios e dous mapas fonolóxicos, o que multiplica as opcións de transferencia positiva (aproveitar semellanzas) e adestra a vixilancia fronte á interferencia (identificar falsos amigos, reorganizar acentos, reaxustar categorías). En consecuencia, cando se inicia a L3, ese adestramento previo opera como panca que reduce a incerteza e acelera a construción de regras.


Afortalar o galego-portugués, sumando todas as súas variantes, lonxe de competir coa aprendizaxe doutras linguas, impulsiónaa


Con todo, non abonda con posuír dous códigos; cómpre mantelos equilibrados. Cando o galego se retrae a ámbitos residuais, o suposto bilingüismo degrádase e a vantaxe mingua. Por iso cumpre garantir usos efectivos –tamén na lectura crítica, na argumentación escrita e na produción oral formal–, pois só así a L3 terá terreo fértil. Ademais, a calidade da exposición á terceira lingua, o deseño das tarefas e a práctica dos procesos (formular, contrastar, reformular) marcan a diferenza entre un impulso inicial e un progreso sostido. Así pois, non existen fórmulas máxicas: hai unha probabilidade favorábel que depende do equilibrio previo e das condicións de aprendizaxe.


A máis-valía do portugués

A este panorama súmase unha derivada salientábel: o estudo, o coñecemento e a práctica de todas as variantes do sistema galego-portugués –especialmente entre as persoas galego–falantes, constitúen unha máis-valía adicional. A proximidade estrutural e léxica e as converxencias prosódicas e segmentais facilitan pontes cara a terceiras linguas cun perfil fonolóxico afín.


Así, as competencias na percepción de timbres vocálicos, na xestión de ditongos e na identificación de patróns acentuais de todas esas variantes poden transferirse con rendemento ao francés, ao inglés e a outras linguas. O portugués non substitúe, pois, a L3: aceléraa, porque fornece rutinas de discriminación fonética, inferencia morfosintáctica e lectura variada que despois se voltan a empregar.


Desde esta perspectiva, política lingüística e práctica docente han confluír nunha mesma dirección. Por unha parte, consolidar o verdadeiro bilingüismo individual de base implica asegurar espazos reais e prestixiosos de uso do galego, para que o equilibrio sexa real. Por outra, unha didáctica comparativa da L3 –que faga explícitas semellanzas e diferenzas co galego-portugués e co español– permite activar a transferencia positiva e anticipar interferencias. Cumpren ademais exposición suficiente á L3, tarefas auténticas, avaliación formativa e orientación continuada.


En definitiva, podemos afirmar que afortalar o galego-portugués, sumando todas as súas variantes, lonxe de competir coa aprendizaxe doutras linguas, impulsiónaa. Como consecuencia, a suma dun bilingüismo individual pleno e o contacto coas diferentes variantes do galego-portugués oferece ao alumnado galego valiosas chaves para abrir cadeados de novas linguas.

domingo, 19 de outubro de 2025

Cando a política ignora a lingüística

 por Xosé-Henrique Costas, en ProLingua:

Pasou na punta dos pés a aprobación do RD 798/2025 (BOE nº 232 de 26/9/2025) de creación do Consejo de las lenguas oficiales (CLO) e mais a Oficina para las lenguas oficiales (OLO), organismos que veñen subsituír os inoperantes Consejo de las Lenguas Oficiales en la Administración General del Estado e a Oficina para las Lenguas Oficiales en la Administración General del Estado, constituídos formalmente xa en 2008.

mércores, 8 de outubro de 2025

"Hallelujah". Catalán en Cataluña


Neste vídeo musical do programa Polónia da TV3 ofrécese unha versión sociolingüística do Hallelujah de Leonard Cohen. Todo comeza precisamente cun "Hallelujah" celebrando unha circunstancia que os galegos coñecemos ben. Cando pedimos un "café con leite" temos que entoar a canción se o camareiro non nos responde coa pregunta "un café con que?". 
Este capítulo de Polónia xoga coa confusión que oídos pouco afeitos a escoitar falar en catalán xeran palabras ou expresións como "cafè amb llet" (café con leite), "tomàquet amb pernil" (tomate con xamón) ou "maduixa" (amorodo).
Por certo, na TVG un programa deste estilo é algo co que non podemos nin soñar.