Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 23 de marzo de 2010

En nome da liberdade...

por Alfredo Iglesias Diéguez, en Galicia Hoxe

Permitídeme que volva insistir na cuestión do dereito das familias a decidir a lingua na que se impartan as diferentes materias de ensino en Galicia, pero a euforia manifestada polos que defenderon esa proposta da Administración educativa, celebrada como unha conquista de novos espazos para a liberdade, obrígame a reflexionar sobre o uso da liberdade que fai a dereita liberal.
Comezarei cunhas preguntas retóricas, algunhas formuladas con evidente ironía: por que dende a esquerda non se defende esa concesión ás familias precisamente como unha conquista da liberdade? Por que non loitamos dende a esquerda para lograr unha ampliación dese espazo de liberdade facéndoo extensivo a outros ámbitos, tales como a supresión da obrigatoriedade do ensino, deixando en mans das familias a decisión de enviar ou non as súas crianzas á escola -unha medida coa que se eliminaría o fracaso escolar drasticamente, pois quen non quixese estudar non tería que estudar e por definición o abandono non computaría como tal-. Por que non facer extensivo ese espazo de liberdade á libre elección de centros, materias de estudo e mesmo ao profesorado que imparta a materia -outra medida que tamén limitaría o fracaso escolar, pois cada quen estudaría só aquilo que lle gustase ou que soubese que ía aprobar-. Ou, en fin, por que non deixar a elección do idioma de impartición da materia en mans do alumnado, para que decida en cada clase o primeiro día de curso?
Pois ben, dende a esquerda non loitamos por conquistar eses novos espazos de liberdade porque somos conscientes de que a educación é a ferramenta que as sociedades modernas puxeron en mans das administracións democráticas para lograr tres obxectivos fundamentais: primeiro, a formación dunha cidadanía crítica e formada, non só de traballadores e traballadoras facilmente explotables nin de crentes, como queren o capital e a Igrexa; segundo, garantir a integración e cohesión social do pobo; e, terceiro, garantir a promoción social de xeito individual de todas e cada unha das persoas que integran a sociedade. Ora ben, para lograr eses obxectivos é imprescindible que o alumnado de Laxe e mais o de Vigo, por exemplo, teña acceso aos mesmos contidos, impartidos por un profesorado igualmente preparado e cuns medios ao seu alcance iguais, fundamentais para que poida construír xuízos críticos liberados de prexuízos e manipulacións ideolóxicas, que lle permitan, precisamente, actuar en liberdade.
Dun xeito clarificador dos intereses da dereita, pola contra, aquilo que si debía ser decisión libre das familias: a xornada escolar está en mans das empresas do transporte, que teñen a última palabra respecto disto, digan o que digan as familias. En definitiva, a dereita non ten máis que un obxectivo, someter o pobo, para o que é impresicindible desenvolver dúas estratexias paralelas: desmantelar o ensino público e atacar o principio identitario básico dun pobo: a lingua, pero un pobo sometido, aínda que sexa en nome da liberdade, non é un pobo libre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario