Ningunha sorpresa. Agás nos discursos cerimoniais, que amparan desde hai anos as supostas bondades do imposible bilingüismo harmónico ou cordial, tódolos indicadores sinalan que o galego está máis ameazado ca nunca. Confrontando as estatísticas de antes e de agora do IGE, cabe pensar en que, de non remedialo a tempo, se faga inevitable a súa entrada en vía morta.É ao que veñen aspirando os mediáticos representantes do nacionalismo lingüístico español -reclaman a superioridade política e legal do castelán sobre as demais linguas do Estado-. Pero na práctica tamén aqueles que teiman no bilingüismo cordial e aplican para iso unha política tímida e de baixa intensidade. A mesma que o actual director xeral de Cultura, o sociolingüista Anxo Lorenzo, deduciu que se viñera aplicando nos primeiros 23 anos de autonomía. Constatando (páxina 47 do seu traballo de investigación datado no 2005) a súa escasa incidencia para deter o avance de substitución lingüística, ou para conseguir a regaleguización dos sectores sociais que xa abandonaron o galego. Petouno. Vinte anos despois, as estatísticas evidencian esa realidade. E moi especificamente entre o alumnado. O que proba, en palabras do experto J.A. Laponce, que os sistemas de ensino bilingües non son neutrais. Pola contra, facilitan a asimilación ao grupo dominante no entorno exterior ao da escola. Iso explica o que o IGE vén de confirmar: por primeira vez na historia, o español é a lingua que máis se fala no país.
O intento do bipartito PSdG/BNG de deter a sangría atopouse coa orquestrada campaña contra os procesos de normalización das linguas de Catalunya, Euskadi e Galicia, e co activismo entre nós do seu apéndice Galicia Bilingüe. A excepcional cobertura mediática que recibiron uns -os daquel infumable por supremacista Manifiesto por la lengua común– e tamén estoutros levou a que se agudizaran os prexuízos lingüísticos que aínda hoxe perviven entre os sectores da sociedade máis desinformados. Alfonso Rueda, que leva quince anos en coche oficial e desfilou cos de Galicia Bilingüe cando estaba na oposición, bota man deles con frecuencia. O da imposición é o máis recurrente. Foi un dos leitmotiv do PP naquela porca pero exitosa campaña electoral do 2009, e reactívano sempre que se ven urxidos de argumentos absolutorios nos enfrontamentos cos que lles botan en cara as estatísticas. A quen o acusan de facerlle bullying á lingua do país ao que representa, e reclaman do seu goberno e do seu partido unha volta ao consenso que propiciou tanto a Lei de normalización do 1983 como o Plan Xeral do 2005, identifícaos como policías do galego. E cando o aprema a realidade, tira do sombreiro o coello da inmigración -procede en case un 25 por cento de países lusófonos- para salvarse da queima. En definitiva, unha actitude autodefensiva coa que contribúe a alicerzar a percepción negativa que a xente ten do valor e a utilidade do galego na comunidade de pertenza e nas súas vidas.
Xa que logo, non acertaríamos co diagnóstico se non encaramos ese estado depresivo do galego en todos e cada un dos estamentos ou espazos vitais da sociedade nos que o padece. Se non fomos quen de conter esa caída de galegofalantes durante tantos anos de democracia, e de autonomía político/administrativa e cultural, é porque non atinamos non só co diagnóstico, tampouco co radar explorador. Os movementos que viñeron reivindicando a lingua en democracia concentraron case en exclusiva no ensino toda a súa capacidade operativa. Tanto a estratexia de resistencia contra o acoso ao que a somete o supremacismo lingüístico español, como a confrontación coas políticas de baixa intensidade que abandeiraron, en sorprendente escalada de radicalidade, os gobernos de Fraga, Feijóo e Rueda. Foi un erro.
O do ensino é un espazo de supervivencia. Sen dúbida. Obriga por iso a poñer baixo focos e pancartas un decreto tan conscientemente depreciativo, e devorador de galegofalantes, como o imposto por Feijóo no 2012 para desbancar o do bipartito, que era proactivo e respectuoso co mandatado polo Plan Xeral de Normalización, plenamente vixente. A súa derrogación é por iso un imperativo constitucional, legal e sociocultural.
Pero nun entorno tan endiañadamente tecnoloxizado, cos sistemas de comunicación e información alterando sen apenas controis a nosa maneira de relacionarnos e de interpretar o mundo, a escola e a familia perderon boa parte do poder de imantación e socialización que sempre tiveron. Vense obrigadas a compartilo con plataformas e redes que as sobardan. Con maior ou menor capacidade de resistencia en función dos recursos en xeral, e da tecnoloxía lingüística en particular, dos que tería que dispoñer unha sociedade ou cultura que compite con outras de estrutura estatal dominante. Galicia, e a cultura e a lingua que a singularizan, non o teñen doado. Un estudo da Universidade de Vigo asegura que o galego é a lingua cooficial con menor desenvolvemento en tecnoloxía lingüística. De non reverter esa situación, o país quedaría fóra da revolución que o Big Data e a Intelixencia Artificial están provocando en moitos sectores estratéxicos. No do ensino, entre eles.
Estamos a tempo? Si, sempre que subvertamos transversalmente o statu quo -ese no que deu o chamado bilingüismo cordial– que vén de radiografiar o IGE. Nas aulas, nas familias, nas plataformas e redes dixitais, na xustiza, na economía, nos servizos de saúde, nos diferentes campos da industria cultural… E nos medios de comunicación -tanto os públicos da CRTVG, feudalizados ata o afogo, coma os privados- que mimetizan a residualización que o poder político e os actores económica e socialmente dominantes fan do galego. Implicándose nesa batalla todos cantos -como os comprendidos nese máis dun 30 por cento de galegofalantes- teñen conciencia da problemática e buscan anchear nos niveis de uso a xeografía física e humana do galego. Non só asinando comunicados. Como entón? Exercendo a vixilancia sobre todo canto lastra o potencial nacional e persoal do idioma.
Sexa a lexislación (para denunciar, por caso, a lei española do audiovisual que invisibiliza a nosa lingua nas pantallas, a lei de medios públicos na que Rueda quere impoñer o bilingüismo e os encadea ao PP, o decreto co que Sánchez rompe a garantía de servizo público e imparcialidade que precisan os medios da CRTVE…), ou sexan as políticas que facilitan a substitución. E tamén pasando das palmadas de alento ao sostén dos medios que se editan en galego (tan escasos, infradotados e pouco dimensionados), porque ademais configuran unha alternativa de calidade e independencia, como é o caso de Tempos Novos. De non facelo, seguiremos lingüisticamente colonizados por un conglomerado de medios -televisións, cadeas de Radio, prensa en papel e dixitais en rede- que chegan diariamente ata nós e comunican en español.
De non ser así, morituri te salutant, Galicia (os que van morrer salúdante, Galicia). E a lingua e nós con ela.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 14 de novembro de 2024
Máis alá do ensino
por Luís Álvarez Pousa en Tempos Dixital:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario