Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 24 de xuño de 2010

"Lingua de Trapo" para o porto de Marín

Xa anunciáramos no seu día que a plataforma Queremos Galego de Marín Marín establecera uns "Premios da Lingua". Agora vén de anunciar os gañadores, segundo informa A Nosa Terra.
concedeulle o “Lingua de Ouro” ao párroco Rubén Aramburu Molet, “pola súa entrega e compromiso co galego no eido da Igrexa”. Ademais, recibe o “Lingua de Ouro” á mellor iniciativa destinada a promover o idioma no comercio a Perruquería D'Xeito. Sandra Pesqueira, portavoz de QGM, explica que con estes galardóns “pretendemos recoñecer o intenso labor das persoas que contribúen a normalizar a nosa lingua acotío”.
Pola outra banda, Queremos Galego decidiu outorgarlle o “Lingua de Trapo” á Autoridade Portuaria de Marín, “por ignorar e silenciar o idioma”. “O obxectivo pasa por penalizar actitudes contrarias á normalización do galego”.
 
A pena é que teña que estar Queremos Galego facendo isto. Que fan as administracións? Non pregunto pola Autoridade Portuaria de Marín, senón polo concello, a deputación, ...Portos de Galicia.
Ben, podedes retirar esta última institución, Portos de Galcia, tendo en conta que o seu presidente,  Jose Manuel Alvarez-Campana Gallo, na carta institucional de benvida usa só o español.

De verdade

por Antonio García Teijeiro, escritor que opina sobre a Literatura Infantil e Xuvenil na Nosa Terra:
De que a LIX é unha literatura invisible non existen dúbidas. Un bo número de amantes da palabra escrita levamos anos e anos predicando (como din os meus queridos Xabier, Paco ou David) para que a lectura sexa considerada como algo esencial na formación dos cativos. Bibliotecas, Casas de Cultura, colexios públicos e privados saben desas palabras sementadas con ilusión. Os medios de comunicación acostuman a dar as costas á literatura para os pequechos. Non a valoran. E velaquí que, hai uns meses, El País dedica ¡dúas páxinas! a falar de libros para nenos.¿A razón? Que dous escritores de verdade escribiron senllos contos para rapaces.¡Aleluia! E na conversa entre os dous autores atopamos opinións coma estas: “Existe un tipo de literatura infantil que fala aos nenos coma se fosen torpes ou parvos. E os nenos teñen unha lucidez e unha lóxica que xa quixésemos os maiores”. Ou “o importante é que a LIX axude a salvar a lectura para que non desapareza. Esa é unha posibilidade que non hai que descartar. Hai unha literatura utilitaria, para formarse, que non vai desaparecer, pero á literatura podería pasarlle”. E falan e falan. Vanme permitir que dubide de que a eles lles importe moito a LIX. Véñenme á cabeza, en Galicia, moitos profesionais do ensino,das librarías e das bibliotecas, anónimos pero implicados, especialistas e escritores que levan anos dicindo estas cousas –e máis– tan evidentes en circunstancias difíciles sen atoparen o eco preciso nos medios. Persoas que traballan acotío cos pequechos porque cren niso. Non se chaman, dende logo, Mario nin Arturo, pero apostan de verdade pola dignidade dunha literatura absolutamente imprescindible.

De queimas e queimadas

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:
Non me gustaban as clases de literatura no instituto porque o profesor non se afastaba dos pesados clásicos que o currículo lle esixía dar. Mais un día de finais dos 80 repartiunos a cada un de nós un exemplar de Fahrenheit 451, de Ray Bradbury. Sería imposible, para calquera lector que teña a máis mínima sensibilidade, esquecer a primeira vez que se leu daquela distopía na que os bombeiros non serven para apagar os incendios, senón para prenderlles lume aos libros prohibidos. Xa era imposible disociar aquela advertencia sobre o pesadelo, das tentativas de institucións de suprimir a liberdade.
Vinte e pico anos máis tarde, atópome nunha festa onde despedimos un amigo galego que vai marchar de Cardiff. Ponse a falar comigo un home que anda moi metido na vida cultural galesa. Ao saber que me interesa Galiza, empeza a loar un libro galego que o entusiasmara. Fala da tradución das Cousas de Castelao, publicada pola editorial galesa Planet. Confésolle que traballei nese proxecto, e fálolle da realidade literaria galega. El enumera os puntos en común que ve entre as culturas galesa e galega a partir do Cousas, e pregúntame se hai máis literatura galega publicada en inglés. Nese momento, o amigo galego apaga as luces e préndelle lume á queimada. Leo eu o conxuro. Os demais convidados, de nacionalidades distintas, quedan fascinados polo rito pagán. Preguntan pola historia do acto, e quedan encantados cos grolos da queimada que toman.
Non sei xa cantas veces vin episodios iguais ca estes arredor do mundo. Pero sempre acontece o mesmo. Á xente encántalle o produto galego, for a literatura, for a augardente. O triste é non poder evitar que esa xente saiba que o Goberno do país non quere que a lingua nativa sexa digna de semellante eloxio. Contemplar as súas caras de desgusto ao coñecer que están a queimar libros en galego para pór en marcha unha política que sería ridícula se non fose tan perigosa para a saúde da vida cultural e espiritual do país. A fermosura do lume da queimada levoume a voar polo reino das lembranzas. Aquela lectura tan transcendente da adolescencia inglesa. Aquelas palabras tan agarimosas dun descoñocido sobre a literatura galega. Aquela queimada da augardente. Aquela queima das palabras galegas.

mércores, 23 de xuño de 2010

DesconxeLE

Unha boa recomendación, vía As Gabarras:

Quen promove o galego?

Para o galego limitacións, prohibicións, barreiras, problemas, eliminación, restricción, redución,...
Trátase do debate da proposición de reforma do Regulamento para a ampliación do uso das linguas autonómicas na Cámara, feito polos partidos nacionalistas no Senado.
Tirado da Nosa Terra:
O PSOE agardou até a última tarde de onte para rexistrar as súas condicións para que a iniciativa presentada por senadores de todos os grupos parlamentarios excepto o PSOE e o PP prospere.
Nas emendas, ás que tivo acceso Europa Press, os socialistas reclaman que o uso das linguas cooficiais nas sesións plenarios do Senado se limiten ao debate das mocións e non durante as sesións de control ao Goberno.
Outra das propostas dos socialistas incide en que a aplicación desta medida comece en xaneiro do 2011, co obxectivo de poder “reorganizar” o orzamento da Cámara para o próximo curso político e para que a medida non supoña ningún custe adicional.
O Partido Popular tamén rexistrou onte tres emendas á proposta co obxectivo de eliminar esta iniciativa á que se opón na súa totalidade. Segundo o PP a Constitución deixa claro que o uso das linguas cooficiais debe limitarse ao ámbito da súa comunidade autónoma e as súas institucións.

A soidade tráxica do freaky galegofalante

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:
Non estou a descubrir nada novo se digo que o futuro da lingua está na mocidade, realidade de hoxe e alicerce dos falantes de mañá.
Neles (mais non só) deben recaer especialmente as medidas de fomento e dinamización da lingua galega porque as crianzas non nacen con prexuízos, senón que os adquiren a partir do contacto co mundo que os rodea e das fobias que lles transmite a sociedade.
Porén, moita mocidade galega ve coutada a súa liberdade para se comunicar con normalidade e dignidade na lingua de noso en todos os ámbitos da sociedade por medo. Medo a ser o diferente, o bicho raro, o freak. Prodúcese entón o que os expertos en Sociolingüística chaman a latencia ou ocultación da lingua B, da lingua marxinada, da lingua freak.
Hai pouco máis dun ano, cando eu estaba a impartir aulas no CPI de Zas, onde o 99% do alumnado é galegofalante e ademais fai un uso máis ou menos normalizado da lingua galega (na medida en que a sociedade e as leis que a rexen llo permiten) a rapazada de 3º da ESO contoume a súa experiencia nunhas xornadas de convivencia das que acababa de chegar.
Xunto a este alumnado acudían ás xornadas outros mozos e mozas do mesmo curso escolar de Ferrol e mais dun instituto convidado de Cataluña. O asunto foi que cando o alumnado ferrolán viu con abraio que os de Zas empregaban o noso idioma sen vergoña, isto é, sen ocultala, preguntáronlle con estupefacción se falaban galego sempre, ao que os e as zasenses responderon afirmativamente. A resposta dunhas alumnas ferrolás foi absolutamente esclarecedora dos prexuízos aos que a nosa mocidade está sometida: "Que freakies soys!!".
A rapazada catalá non acreditaba no que oía, estrañáballe que a mocidade galega non empregase a nosa lingua propia sendo de aquí e moito menos que se mofasen dela. Os de Zas explicáronlle en castelán que aquí era "o máis normal nas cidades", mais que eles sempre falaban en galego, a pesar de dominar perfectamente a outra lingua e incluso algunha máis, e non con pouca destreza (todos eles participaran en intercambios con alumnado francés e algúns mesmo tamén con alumnado inglés a través de programas subvencionados pola Xunta de Galiza).
O alumnado de Zas comunicábase perfectamente en dous idiomas mentres durou a convivencia: en castelán cos cataláns e en galego entre eles e cos ferroláns. O alumnado ferrolán só empregaba unha, o castelán, para todos os contextos. No primeiro caso, o emprego do castelán foi un vehículo de comunicación, algo carente de prexuízos e connotacións. O emprego do castelán no segundo caso foi a única opción que lle queda a unha mocidade á que non se lle deu o dereito de escoller. Velaí a "imposición" do galego na Galiza.
Mais isto foi hai pouco máis dun ano. Un ano no que desgraciadamente, a mocidade galega foi coartada un pouco máis, vía decretazo, da súa liberdade de escolla.
Pode a escola ser empregada para facernos sentir desposuídos de algo tan intrínseco ao propio ser (individual ou colectivo) como é a escolla da lingua de cada un, a lingua propia, con todo o que ten de significativo?
A resposta, a día de hoxe é ben simple: pode. Outra cousa é que o consiga. E aí é onde xoga o papel máis importante a sociedade na que a mocidade medra. Porque só se lle proporcionamos información serán libres e só sendo libres poderán apreciar, no sentido máis etimolóxico do termo, ao diferente. Só recibindo unha educación e un ensino onde se respecten as liberdades individuais e sociais, a historia común e os símbolos que nos fan sermos unha comunidade diferenciada poderemos formar individuos libres de prexuízos que respecten ao outro e que poidan expresarse tal e como queren ser, sen ataduras. Pero para isto fan falta dúas cousas: información e acción.
A información é algo que debe partir de todos os axentes implicados no proceso normalizador, é dicir: da sociedade. A acción é algo ao que nos temos que atrever todos e todas, e ao que a mocidade se debe enfrontar, mesmo en soidade (caso das cidades e grandes vilas de Galiza), soportando situacións de marxinación física e moral, correndo o risco de ser o freaky da clase, do instituto ou da facultade.
E que fai o Goberno galego do Partido Popular para mellorar estas situacións de acoso escolar? Pois elaborar un Decreto no que, entre outras cousas, deixa caer o seguinte con respecto á Educación Secundaria:
"En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior [as de lingua e literatura galega e castelá] e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo".
É dicir, que isto abre a porta para que nas materias de ámbito científico, o alumnado sexa obrigado, non só pola situación de presión social ou polo condicionamento de ter diante a quen o vai avaliar, senón por imperativo legal (véxase a dupla visión que pode ter o verbo "procurarase"), a usar a lingua A, a dos vencedores, a dos "normais", afundindo nunha soidade tráxica ao alumno ou alumna da última fila, ao freaky que fala galego. Si: ese que se senta só e que disque veu da aldea...

'Hai máis medo que risco a etiquetar en galego'


Entrevista a Benigno Pereira Ramos, o xerente de Queixerías Bama, na Nosa Terra
Dende cando etiquetan os queixos en galego?
Dende sempre. Queixerías Bama naceu en 1990 e dende o primeiro día que saíu ao mercado fíxoo en galego, e non só coas etiquetas. O primeiro albará e factura emitida con pedidos da empresa tamén se fixeron en galego. Foi algo natural que é como debería ser, non por estratexia comercial nin cunha segunda intención. Antes de crear esta empresa fundei Agro Despensa, en 1987, e sempre etiquetamos os nosos produtos lácteos en galego. Ao mellor non era un galego moi normativo, pero era o que coñeciamos.
Acolléronse algunha vez a algunha axuda para a normalización?
Obtivemos unhas axudas de normalización lingüística pero eran para a edición de material publicitario en galego, non para facer o cambio ao galego, que xa estaba feito.
Notou algún cambio, vantaxe ou inconveniente por vender o seu produto en galego?
Non detectei nada. O que si recibín daquela, hai 20 anos, foron as felicitacións e os ánimos de moita xente, entre elas moitos profesores de instituto, que me apoiaban e felicitaban por vender o meu produto en galego.
Pensa que foi unha decisión arriscada?
Eu penso que hai máis medo que risco. En Queixerías Bama non houbo ningún debate lingüístico. O galego é a lingua na que traballamos e elaboramos sempre os nosos queixos. A miña nai facíaos dun xeito tradicional e os queixos que facemos, pertencentes ás Denominacións de Orixe Arzúa-Ulloa e Queixo de Tetilla, forman parte da tradición gastronómica de Galiza. Considero que a nosa lingua é o camiño natural da industria agroalimentaria. A nosa gastronomía fraguouse en galego e non ten moito sentido que se venda noutro idioma. O risco vén dado polas bobadas dos políticos, non dos cidadáns de a pé, que non teñen ningún tipo de problema nin prexuízo polo idioma.
Tivo algún tipo de problema por vender o produto en galego?
Nos 20 anos que Queixerías Bama leva no mercado nunca tivemos ningún problema nin aquí, nin no Estado. Por iso paréceme incríbel que agora se creen estas polémicas sobre o galego cando hai produtos da nosa terra etiquetados en galego circulando por todo o mundo sen problemas. Non pasa nada por comercializar o produto etiquetado en galego en Inglaterra, Francia ou Holanda, o único que hai que facer é engadirlle un texto adicional na lingua do país ao que se exporta por esixencias das oficinas de Consumo correspondentes.
Animaría a outros empresarios a dar este paso?
Eu dígolles que fagan o que naturalmente lles apeteza, e que non hai ningún tipo de problemas por etiquetar na nosa lingua, senón todo o contrario. Eu decidín facelo así porque o galego é a lingua na que falo e galegas son as ferramentas coas que se elaboran os nosos queixos, non tiña sentido traducir todos os termos.

Unha gran pira (de libros galegos) no Obradoiro

por Xosé María Lema, catedrático de Xeografía e Historia, no Xornal de Galicia:
No goberno de Núñez Feijoo día a día a realidade supera a ficción; no que toca á tarefa da liquidación da lingua galega, claro. Unha brigada de demolición de todo o que cheire a galego. En Xornal de Galicia publicaba eu o 18 de novembro de 2009 un artigo titulado Entre os dous Cirilos, escolleron o malo, que se pode ler no libro de recente publicación Feijóo, o galego e nós (Laiovento). Aínda fresca a estrea do filme Ágora de Amenábar, comparaba a bárbara destrución da famosa Biblioteca de Alexandría por fanáticos cristiáns inducidos polo seu intolerante bispo Cirilo, co labor aniquilador sistemático da lingua e cultura galegas iniciado polo “noso” presidente. Eis algúns parágrafos do artigo: “Cada papiro polo aire eran os folios dos nosos Cancioneiros medievais ciscados por unha ventá á ventoeira. Cada pergamiño rachado eran as páxinas arrincadas das Cantigas de Santa María. Cada cacharela no patio eran as obras de Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Cunqueiro, Ferrín ou Rivas reducidas a borralla. (…) Deste noso goberno só coñecemos amputacións no corpus da nosa lingua. (…) En fin, agora estamos na tensa espera da pira (¿funeraria?) final: o anunciado novo decreto relegador do galego no ensino e a derrogación da Lei de Normalización Lingüística. ¿Atreverase a facer o sumo sacerdote un acto “depurador” solemne na praza do Obradoiro ó estilo dos antigos autos de fe de Filipe II? A Santa Faes reloucaría contemplando as labaradas…”

Pois ben: nin que o “noso” Goberno tomase a deprimente escena do filme como exemplo a seguir, pois todo isto foise cumprindo paso a paso. Ítem máis: el mesmo procurou rapidamente esa materia combustible para esa pira no Obradoiro cos milleiros de libros escolares de matemáticas, física, química e tecnoloxía publicados en galego; un dispendio de 3,8 millóns de euros que o “noso” Goberno vai tirar ó lixo sen o máis mínimo remorso de conciencia (a crise para “joder el gallego” non conta). Como o “noso” Goberno xa decidiu a extinción do noso idioma, facilitémoslle o traballo e na noite das cacharelas desta véspera de San Xoán xuntemos diante da catedral compostelá o maior número de libros escolares de materias científicas escritos nesa espuria lingua de Galicia e fagamos unha gran pira; digo eu que, en vez de tiralos ó lixo ou mandalos á máquina trituradora como pensan facer, será mellor queimalos publicamente na nosa praza máis coñecida para dar exemplo cívico nun solemne auto de fe castelanista, para que o lume purificador erradique todo vestixio de vocábulos científicos no idioma de Rosalía e Castelao. Coas cámaras da TVG presentes –of course– convidemos logo ó señor presidente da Xunta a que exerza de sumo sacerdote e teña a honra de prenderlle lume á pira coa solemnidade áulica dos sacrificios da Antigüidade ou dos autos da Inquisición do século XVI. Os fachucos incendiarios xa hai tempo que llos teñen acesos o conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística. Que o noso haraquiri cultural sexa completo, dirixido polo noso máximo mandatario, que xa terá un lugar na Historia deste país por tal acto. A ver se con este acto purificador a insaciable Santa Faes se dá por satisfeita e nos deixa en paz. ¿Ou teremos que inmolarnos tamén na pira os galegofalantes?

Tantarantán

Xosé Manuel Piñeiro volve á TVG, por fin. A pena é que esta volta é da man dun programa que ten toda a pinta de ser unha enorme porquería, basta con lle botar un ollo á definición que a propia TVG dá deste esperpento: unha "auténtica verbena". Ben, o nome do programa xa o di todo: "Tantarantán".
O certo é que Piñeiro merecía outra cousa. E, primeiro aviso, estou a falar moi en serio. Eu non podo entender unha TVG sen Superpiñeiro. É un presentador áxil, con recursos e que sabe levar moi ben os programas que se chaman de variedades.
Algúns podedes pensar que nun blogue sobre normalización sobran este tipo de comentarios, que o que deberíamos poñer aquí serían recensións de libros máis ou menos sesudos, artigos,... Pero a maior parte do mundo non está con estas matrácolas. Quen non veu o Supermartes?, e non unha vez, senón ducias. Quen non quedou estomballado no sofá despois de comer, escoitando "Acompáñenos"? Ou é que me ides dicir que preferíades o "Tomate"?
Piñeiro ten un aquel. Demostrou sempre nos seus programas un coñecemento real de Galicia, sabía de todos os concellos, da orografía, de moreas de parroquias, das súas feiras. Con este coñecemento transmitía tamén cariño polo noso, e en definitiva, repecto polo galego. Velaquí o seu problema, un presentador da TVG que manifestou públicamente a defensa da lingua que usa, basta o seguinte parágrafo:

a miña estadía en Valencia, a principios dos setenta na Universidade de Cheste, fixo máis pola miña militancia no idioma que todos os lingüistas xuntos, cando convivindo con milleiros de rapaces de toda España vía como os cataláns, os valencianos e mesmo os asturianos falaban orgullosos entre sí nos seus idiomas propios ou nos seus dialectos; e pola contra os galegos tiñamos ese sentimento de ridículo aldeano se por casualidade se nos escapaba algunha expresión no idioma dos nosos pais.

O que vou escribir de seguido non é máis que unha intuición,  polo que fago un segundo aviso: non teño a seguridade do que vou afirmar, pero tal e como foron e tal e como son as cousas, non entendería o sucedido doutra maneira. Se Piñeiro non está a presentar un programa de relevancia na televisión galega é precisamente polo que acabamos de comentar, polo seu respecto ao idioma de noso. Poderíamos dicir que Superpiñeiro foi a primeira víctima do decreto de plurilingüismo. As últimas foron os coordinadores de normalización, pero haberá máis, porque, xa o dixemos mil veces, esta política lingüística só pode aplicarse levando por diante todo o mímimamente decente que hai no país. Sabendo como é a zunia que nos goberna a ninguén lle pode quedar aínda a mínima dúbida de que as cousas teñen que ser así.  Para refrescarlle a idea aos desmemoriados vou deixar aquí abaixo o vídeo que me saltou á mente cando leín a nova que estamos a comentar e que moi probablemente faría caer en desgracia a este mestre de presentadores. Trátase dun anaco do programa das tardes, "Acompáñame", no que Piñeiro destaca como defensor da nosa lingua e deixa peor que mal a un grupiño de xentes que desprezan a nosa lingua, entre os que se encontran parlamentarios (Rosa Díez), concelleiros (Carlos Negreira) , conselleiros (Alfonso Rueda) , que, eses sí, están en activo..... Xa vos vai tomando corpo a cousa?
Xa sabedes, Tantarantán, a bailar ao son dos zunantes.

martes, 22 de xuño de 2010

Saramago e a lingua galega

Xa pensaba que ía ter que escribir algo como o que copio aquí. Menos mal que o fai alguén con (moitas) máis luces ca min. Pensaba titulalo Alzado del suelo pois boa parte dos galegos que agora se van ver na obriga de ler a Saramago, van facelo en castelán, e quedarán tan contentos.
Por Miguel Anxo Fernán Vello, en Galicia Hoxe:

Coa morte de José Saramago perde a lingua portuguesa, sen dúbida, un dos seus máis grandes cultivadores literarios de todos os tempos e esta perda persoal, porque a obra do escritor ficará entre nós para sempre, activa agora unha reflexión inmediata sobre a lingua mesma como realidade material, como fundamento de identidade e como vehículo de comunicación. Reparemos nos datos a seguir. Na actualidade o portugués ten no mundo máis de 260 mi- llóns de falantes e é a 5ª lingua nativa máis falada do planeta, oficial en 10 países e con importante presenza en 4 continentes. E digo todo isto porque, unha vez máis, resoan na miña memoria e na miña conciencia as lúcidas palabras de Castelao: "O galego é un idioma extenso e útil, porque -con pequenas variantes- fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas". Ou, dito doutro xeito e actualizándomos os datos, o idioma galego, lingua proletaria de Galicia (Celso Emilio Ferreiro), "fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués", como tamén expresou o autor de Sempre en Galiza, vai ter, na súa variante portuguesa e segundo cálculos ben atinados realizados pola propia ONU, máis de 360 millóns de falantes no mundo en pouco máis dunha década. E se isto é así, porque é así, eu, unha vez máis, pregunto: ¿Teñen prevista ou pensada algunha política ao respecto o Goberno galego e as máximas institucións do país, dada a magnitude e a altísima transcendencia deste tema? Por desgraza, a maioría do pobo galego ignora que o seu idioma propio -o que serviu para compor unha das poesías medievais máis fermosas e de máis alta calidade da literatura universal de todos os tempos- é o pai e a nai do portugués que se fala en Lisboa, Río de Janeiro, Luanda ou Maputo, sendo así o noso idioma unha formidábel realidade -un patrimonio e un tesouro- con proxección mundial através das súas "pequenas variantes" lingüísticas. ¿Teñen reparado os nosos gobernantes, as nosas universidades, as nosas institucións, na gran potencialidade do noso idioma? Cousa ben triste é..

Grazas

Estou un pouco abrumado e creo que o único que me sae, e o menos que debo facer, é dar as grazas.
Grazas en primeiro lugar a Anxo e Gracia, pois este blogue non levaba máis que unhas poucas horas na rede e eles xa estaban falando del no seu magnífico Trafegando Ronseis. Non sei como o fan pero están atentos a todo o que pasa no mundo a respecto dos Dereitos Humanos, a violencia de xénero, a igualdade e a educación. E así lles vai, o seu blogue é un dos máis referenciados na rede.
Grazas tamén a Román Landín, que cheira todo o que exude normalización a millas de distancia. De haber un como el en cada centro de ensino teriamos asegurado o futuro da lingua na vindeira xeneración. Calquera de vós ocuparía máis que honrosamente as cadeiras que deixaron baleiras os coordinadores de normalización hai unha semana se non fose que a zunia instalada na consellería lle faría o traballo imposible; velaí tivemos o exemplo.
Grazas a todos eses membros de ProLingua que con toda celeridade se interesaron por este mou bloque para distribuilo nesa xa necesaria rede de amantes da lingua.
Grazas, en definitiva, a todos os descoñecidos que desinteresadamente están divulgado esta fiestra de promoción do galego que pretendemos ser. Sei que non o vou conseguir, pero intentarei non defraudarvos.
Grazas.

luns, 21 de xuño de 2010

A dinamización

E eu pregúntome: quen leva aos Equipos de Normalización  a urxencias? Serán os equipos de Dinamización?
Vía Imos Indo

Lingua

por Xosé Manuel Sarille, na Nosa Terra:

Este curso comecei a impartirlles Economía en 1º de Bacharelato a oito alumnos. Dous falan sempre en castelán, un porque está instalado nel e o outro porque apenas é capaz de expresarse en galego, debido a que  nunca o usa. Os demais empregan sempre o galego, o idioma deles, pero con moi mala calidade, o puente, o ajercicio e así, que lles corrixo sen desalento e poucos froitos. Como o decreto 79/2010 impide obrigarlles a usar o galego, advertín que podía rebaixar puntos polas incorreccións, nas dúas linguas, oralmente e nos escritos. É algo razoábel porque o instrumento de comunicación ten importancia, para alén de conflitos sociais de lingua. O Opus Dei facía iso no Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago, con bos resultados. Entón dixéronme que cambiaban de idioma, porque en castelán non tiñan ese problema. Efectivamente, dominan máis ou menos o seu estándar, mentres que o do galego non.
Que máis din as normas? O artigo 4 do novo decreto enumera principios. Un é a “Garantía da adquisición dunha competencia en igualdade nas dúas linguas oficiais de Galicia”. É un sofisma. Absurdo, paranoico e discriminatorio para o galego, porque a competencia nunha lingua non se logra en igualdade con nada, senón co esforzo, o tempo e as medidas necesarias para acadar esa competencia. Neste caso a suposta liberdade de uso e igualdade de linguas nas aulas garante o fracaso absoluto de todos eles no dominio do galego ao remate dos ciclos de ensino, que é o que esixe a Lei de Normalización Lingüística no seu artigo 14.

Sumando en galego.2

No seguinte vídeo vai unha escolma das intervencións do pasado venres, o día da miña resurrección. Por alí andaba eu.
Podeder ver anacos das intervencións de Marta Dacosta, Anxo Louzao e Carlos Callón. Estiveron todos ben, foron claros e non fixeron intervencións máis longas do necesario.
É de agradecerlle á CIG-Ensino e a Quermos Galego, os organizadores do evento, que invitaran a directivos de asociacións de profesores. Fixeron tamén a súa achega Manuel Díaz Regueiro, de AGAPEMA e Pedro Gerpe, de APETEGA. Cónstanos que tamén invitaron aos directivos de ENCIGA, que non puideron intervir por ter outras ocupacións este día.
Por último, eu quería destacar as intervencións dos profesores que alí estaban. Especialmente as de Consuelo Campos, profesora de FeQ que non é galega mais que sempre deu as súas aulas en galego, xa desde o 79 e a de Clara Ogando, quen  lembrou que no seu día subscribíuse un manifesto dos licenciados en galego (no primeiro lustro dos 70, probabelmente en 1972) e que desde entón asumiu que debía dar as súas aulas en galego. Invítovos especialmente a que escoites estas dúas últimas intervencións, falan de alumnos, de clases, da defensa do galego... a partir do minuto 6:30


Capital (literario) no lixo

por Marcelino Fernández Mallo, en Vieiros:
Podería apostar que tódolos Premios Nobel de Literatura teñen a súa Casa Museo, incluso máis dunha por mor das diversas residencias que foron ocupando ó longo da súa vida. Algunhas cidades montaron auténticos centros de peregrinaxe arredor de escritores, artistas ou científicos que viviron algún tempo na vila. Mentres, en Galicia, sitio distinto, tratamos os legados como se fosen plástico biodegradable.
Na cidade de Bath pasou uns anos difíciles Jane Austen. Varias familias ocupan a casa na que ela residiu. Así pois, o Concello habilitou unha casa semellante na que instalou unha sorte de exposición sobre a vida e obra da escritora romántica inglesa. Visitámola un día calquera de outubro tras aboar a entrada de 12 libras per cápita. Por mor da cantidade de xente que acudira, tivemos dificultades para ler algún dos módulos expositivos. A caixa rexistradora da tenda onde se vendían todo tipo de artigos relacionados coas novelas da Austen botaba fume. Que falar de Stratford-upon-Avon onde supostamente naceu William Shakespeare? Ademais da casa natal, onde se instalou un magnífico circuíto para o visitante, esta vila do condado de Warwickshire ofrece visitas ás casas da nai, da filla e a algunha outra onde disque residiu algún tempo o dramaturgo inglés.

Certo que estamos a falar de lendas da literatura. Non menos certo, Cela é o último Premio Nobel español trala curta cadea que forman os escritores Echegaray, Benavente, Juan Ramón Jiménez e Vicente Aleixandre e os científicos Ramón y Cajal e Severo Ochoa. E igual de veraz resulta que en Padrón residiu e faleceu unha das máis sublimes poetisas do século XIX cuxa obra transcende o capital literario para internarse no da cultura dos pobos e das linguas e na historia dos homes e as mulleres.

Tralo desastre da Fundación Cela, o Concello enteiro manifestouse a xeito “fuenteovejunesco” en contra do posible traslado do legado do Nobel galego.  Mais eu pregúntome o que demo fixo tal concello, así como a deputación, e a Xunta, que fixo Galicia en definitiva, para evitar chegar a tan patética situación: NADA, contesto. Pois Padrón ben podería se-la gran cidade literaria do País e destino complementario inevitable para aqueles que visitan Compostela por razóns culturais. Podería igualmente funcionar como centro neurálxico dunha rede que xuntase os museos Valle-Inclán en Vilanova de Arousa e na Pobra, o da Pardo Bazán na Coruña, o de Otero Pedraio en Trasalba, Cabanillas en Cambados, Curros en Celanova, Risco en Allariz e algún outro que estarei esquecendo.

Se ate agora non se fixo nada do estilo, que esperarmos do goberno actual se...

    Eliminan o 70% do orzamento para a promoción da lingua galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

    Reducen drasticamente as axudas as institucións vinculadas á cultura galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

    Rexeitan sumarse ó proxecto de Casa Museo de Manuel María pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

    Desaloxan o centro de estudos de música tradicional galega pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

    Retiran calquera apoio para a feira das industrias culturais galegas pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

    Manteñen en ruínas a casa natal de Rosalía Castro en Compostela pero planean gastar 1 millón de euros en propaganda do ignominioso decreto do ensino...

(Os puntos suspensivos van polo gasto salvaxe que segue a engulir a “súa” Cidade da Cultura).

As primeiras letras

por Carlos Callón en Galicia Hoxe:
"Temen que a nuestros propios hijos les enseñemos a volar", canta Silvio Rodríguez na canción "Expedición", dentro do seu disco do mesmo nome. Se quixésemos adaptar este verso aos tempos que nos toca vivir en Galiza, non abondaría con traducilo á nosa lingua. Teriamos que mudar a última palabra por outra moito menos metafórica, porén máis fundamental: "Temen que aos nosos propios fillos lles aprendamos a falar".
Non me refiro, claro, só ao ámbito educativo, onde Alberto Núñez Feijóo está especialmente empecinado en reducir á mínima expresión a presenza do galego. No entanto, como demostran diferentes casos ao longo e largo do planeta, o ensino é unha condición necesaria mais non suficiente para o proceso de normalización dun idioma.
Para alén da escola, en todo o resto dos ámbitos da vida social dos nosos pequechos e das nosas pequechas, este goberno da Xunta actúa contra a nosa lingua, for por acción (p. ex., o caso dos Teletubbies) ou por omisión (ningunha medida na defensa do idioma galego desde marzo de 2009...). En pleno século XXI e despois de tres décadas de autonomía, unha crianza que ten como lingua familiar a propia de Galiza ten serias dificultades para acceder a xogos, filmes, cancións etc neste idioma, dependendo dun tremendo esforzo voluntarista dos pais que se poida corrixir parcialmente (e nada máis que parcialmente) esta situación.
Se Alberto Núñez Feijóo quixese ver con honestidade algún lugar onde haxa carencias de "liberdade lingüística" e onde debería tomar medidas compensatorias, debería comezar mirando para aquí. Mais, como calquera persoa que teña ollos na cara pode saber, a "liberdade lingüística" non é nada máis que un lema propagandístico cheo de hipocrisía para defender unha ofensiva política para a proscrición do galego. Unha ofensiva meditada, máis estratéxica que táctica, coa que perseguen a desaparición de Galiza como tal sociedade diferente, con cultura e historia de seu.
Sinalaba antes a escola como unha condición necesaria mais non suficiente para a revitalización dun idioma. En Galiza, a tal condición necesaria non era realidade xa antes do decretazo 79/2010, de forma máis grave e especial na etapa da educación infantil. É incríbel a capacidade que determinados medios de comunicación e poderes económicos teñen para facer ver o mundo ao revés e que haxa xente que continúe a falar da "imposición del gallego en la enseñanza", cando a realidade dos centros é totalmente diferente.
Podería citar aquí datos extraídos de estudos elaborados pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais é que xa o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o propio Parlamento galego (por unanimidade, hai que subliñalo) elaboraron e aprobaron informes nos que sinalaban a mesma conclusión: nas etapas máis temperás da escolarización é onde menos presenza ten a nosa lingua. Contribúese así á castelanización dos falantes de galego e a que os nenos que chegan tendo como idioma inicial o castelán vexan o idioma de Galiza como algo foráneo e alleo. Seguro que moitas das persoas que ledes estas liñas podedes contar historias de nenas e nenos das cidades, ou mesmo dalgunhas vilas, que ao veren alguén falar a nosa lingua exclaman: "¡Mira, mamá, un gallego!" Estranxeiros na propia patria, como na denuncia rosaliana.
Co decretazo contra o galego, a situación empeora cualitativa e cuantitativamente, non só polas regresivas medidas que estipula (contra todo criterio pedagóxico ou construtivo), senón tamén pola negativa mensaxe gobernamental de que o idioma de Galiza non ten futuro.
Ante isto, cómpre que as nais e os pais ergan a súa voz na defensa de que os seus fillos e as súas fillas poidan ter unha educación en galego. Por iso, non podo deixar de aproveitar este espazo para difundir unha proposta de texto elaborado por Queremos Galego, que se pode descargar desde o web desta plataforma cidadá. Esta campaña ten importantes dificultades de intendencia debido ao momento do curso no que estamos e ás carencias humanas e económicas de Queremos Galego, polo que é básico que nos impliquemos a nivel individual na súa divulgación. Xa que estas agresións colocan a nosa lingua nunha posición moi delicada de cara ao futuro, temos que estar á altura do momento en que nos encontramos.
Velaquí o formulario, dirixido ao conselleiro de Educación:

Comunícolle a miña solicitude para que se me comuniquen as medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.
A escola segue a ser unha institución fortemente castelanizante e a experiencia indica que, sen unha atención específica, os nenos falantes de galego perden o seu idioma, mesturándoo caoticamente nun xeito de castrapo que afecta gravemente á fixación da lingua. O resultado é que a nena ou o neno infravalora o seu idioma e acaba por abandonalo.
 Pola súa banda, todos os estudos oficiais demostran que os nenos que entran na escola falando castelán non conseguen as competencias comunicativas en galego, pois a lingua propia continúa a estar desfavorecida a nivel social. Se xa antes existía este problema, co decreto 79/2010, esta situación agrávase, pois non se ofrecen as garantías para unha docencia mínima na lingua propia da nosa sociedade.
 A Lei de normalización lingüística, que desenvolve o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, sinala que o galego é tamén lingua oficial do ensino en todos os tramos educativos (art. 12) e que as autoridades arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego (art. 13). Ademais, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado en 2001 e que forma parte do noso ordenamento xurídico constitucional, sinala no seu artigo 8 que os poderes públicos deben promover un modelo educativo con garantías para a lingua propia. Así mesmo, aínda que o decreto 79/2010 vulnera o dereito a unha formación escolar en galego, conculcando así dereitos lingüísticos individuais e colectivos, sinala no seu artigo 5 que se "procurará" que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento das dúas linguas oficiais, mais sen determinar como.
 Por todo isto, SOLICITO:
 1. Que se me informe por escrito das medidas pedagóxicas que se van adoptar para que a miña filla / o meu fillo aprenda en galego, reforzando e afianzando o noso idioma propio.
2. Que se me garanta o dereito a dispor dun ensino en galego na etapa educación infantil, de acordo coa art. .8.1.a.i da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e co disposto no art. 13.1 da Lei de normalización lingüística.
3. Que se me informe das medidas concretas de atendemento individualizado que a miña filla / o meu fillo vai recibir en lingua galega, de acordo co que o artigo 5.3 do decreto 79/2010 estipula.
 Non reclamo estas medidas exclusivamente en beneficio da miña filla / do meu fillo. Teño en consideración que a lingua galega é patrimonio de todas e todos e, por tanto, tamén dos seus compañeiros e do profesorado. O esforzo especial que se faga desde a escola en favor da nosa lingua propia perseguirá un beneficio colectivo e non individual.

O auto-odio


Hai quen nega que o auto-odio sexa un sentimento profundamente enraizado na sociedade galega, mesmo hai quen nega a súa existencia. Pero basta con botar unha ollada ao noso arredor para comprobarmos que a realidade, desafortunadamente, é moi outra, e así como un cacereño típico está moi orgulloso de selo, o galego estándar avergónzase da súa condición porque lle aprenderon a ser así.
Este feito, o do auto-odio, é probablemente o obstáculo máis grande que temos que salvar para non seguir retrocedendo no ámbito da normalización lingüística. Quen con máis lucidez explica este fenómeno é Francisco Rodríguez mentras que  Valentina Formoso é a autora que nos indica o camiño polo que debe discorrer o discurso público, o do imaxinario colectivo para inverter a situación e comenzar a avanzar, por fin, nos chanzos da normalización e deixar de escorregar polo discurso do auto-odio.
Eu, como non teño formación en sociolingüística tampouco podo elaborar tratados sobre o auto-odio só podo contar o que vexo. Isto aconteceume o sábado pasado.
Joaquín é un home bo de natural, mais é un desgraciado. Basta con botarlle unha ollada para identificalo. Viste con roupa vella e sucia porque é o borrachiño oficial do barrio. Na entrada da panadería métese cun neno:
- Dasme un caramelo?.... Así, bonito, moitas gracias, bonitos… Mmmmmm está moi rico –dixo comendo a gominola.
Xa dentro do establecemento:
- Que vai ser Joaquín?
- Mira, dame un deses.
- O que?, un molete?
- Si, si.
- E como o queres, con pirucho ou sen pirucho? A ver, dime Joaquín.
- E canto custa?
- Un euro.
- E se é con pirucho?
- Tamén un euro. Valen o mesmo.
- Entón dame o pirucho e véndelle o molete a outro!
Todos rimos. O panadeiro dalle unha barriña pequena: “regálocha”, e Joaquín marcha agradecido cun soriso baixo o bigote, gardando o pan no peto da chaqueta.
O panadeiro fala con outra cliente:
- Este hace así simpre, no tiene mal. Ya ves, tiene mucha retranca…. Es muy gallego.
Por fin tócame a min o turno.
-E que vai ser, o de sempre? –pregúntame o panadeiro.
- Non, hoxe quero un molete…
Pénsoo un pouco e continúo:
- Pero que sexa con pirucho.

Sumemos en galego


Aquí estaba eu, xunto con outros 249, participarando no encontro organizado pola CIG-Ensino e Queremos Galego, no marco do Museo do Pobo Galego, en Compostela, en defensa “de podermos continuar a impartir as aulas de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química en galego e para amosar o rexeitamento a este decreto que procura erradicar o galego como lingua de comunicación científica”.
No acto interviñeron ademais representantes da AS-PG, de AGAPEMA (Asociación galega de profesores e profesoras de matemáticas), APETEGA (Asociación de profesores e profesoras de tecnoloxía de Galiza) e ENCIGA (Asociación profesores e profesoras de ciencias de Galiza)
Entre os asistentes estaban Xosé Manuel Penas Patiño e Pepa Baamonde, estes dous últimos expedentados no curso 1980-81 por dar as súas aulas en galego. Lembremos que non foron os únicos, como por exemplo Alfonso Castro, o mestre do Foxo.
Tras das intervencións abríuse unha quenda de intervencións e adoptáronse unha serie de actuacións a levar a cabo durante o videiro curso porque, segundo subliñou Louzao, “xa que non podemos ficar impasíbeis perante o lingüicidio do que nos é propio, reafirmando a firme vontade de ensinar en galego como compromiso e lealdade co idioma. Coa unión e a firmeza de todos nós, faremos posíbel que o noso labor normalizador continúe”.
Acordo
O profesorado de matemáticas, física e química e tecnoloxía:
Reafimámonos na nosa vontade de continuarmos a dar aulas en galego
Manifestamos a idoneidade do emprego do galego para a aprendizaxe das ciencias
Entendemos que é absolutamente necesario continuar a impartir as nosas aulas en galego para que a nosa lingua non retroceda na súa presenza nos centros e como medida normalizadora para ampliar o seu uso
Non estableceremos libros de texto en español polo noso desacordo co Decreto 79 e para non contribuír ao malgasto previsto pola Consellaría botando ao lixo os libros aínda vixentes
Non fixaremos os libros até setembro, pois até setembro non haberá Proxecto lingüístico de centro, documento que é o que ten que recoller que materias se impartirán en galego
Faremos explícito centro a centro o apoio ao profesorado que siga impartindo as súas aulas en galego
Promoveremos unha Semana da ciencia galega e un día da ciencia galega

Abertos ao galego

A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer hoxe o que considera un dos seus “proxectos estrela” para os próximos anos: o certificado Abertos ao Galego, que a maior asociación cultural de Galiza concederá a empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego. Segundo o presidente da Mesa, Carlos Callón, con esta iniciativa preténdese crear unha “rede de dinamización do uso do noso idioma no ámbito socioeconómico, que sirva de apoio e de referencia social”.
O proxecto lánzase hoxe conformado por 62 empresas.
O certificado Abertos ao Galego nace con catro graos diferentes: “O NIVEL UN é para quen está a dar os primeiros pasos; o NIVEL DOUS para quen xa utiliza o galego cara ao exterior; o NIVEL TRES para quen tamén o usa internamente (nóminas, contabilidade etc), e o NIVEL CATRO para aquelas entidades que ademais participan de forma especial en dinamizar o uso da lingua (p. ex., solicitando a información e a documentación en galego a provedores e administracións.)”
Carlos Callón recorda que, segundo os diferentes estudos de mercado elaborados en Galiza tendo en conta a variábel lingua, a inmensa maioría da sociedade ve con bos ollos o uso do noso idioma no ámbito comercial e empresarial e, ademais, “hai un segmento social que desexa optar por un consumo responsábel que teña presente o apoio a aqueles proxectos nos que se respecten os nosos dereitos lingüísticos”.
Xa que a administración non o fai,...

Os poderes galegos, garantes do coñecemento da nosa lingua

Terei que poñer este artigo porque é veciño meu.
por Jesús Palmou, es-conselleiro,  no Xornal de Galicia:
Días pasados o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitaba a Real Academia Galega da Lingua. A xulgar polas informacións de prensa, non se tratou dunha simple visita protocolaria tras a toma de posesión do seu novo presidente Xosé Luís Méndez Ferrín. Pola contra, Alberto Núñez Feijóo, propiciou a firma dun convenio, entre ámbalas dúas institucións, polo que a Xunta de Galicia asume o custe dunha, xa inaprazable, reparación do edificio que acolle a institución e o importante patrimonio cultural da que é depositaria.
Con ser fundamental este convenio, coido que para os que concibimos a nosa lingua como vehículo de expresión, máis tamén como fundamental elemento de identificación e definición da nosa cultura e da nosa personalidade como pobo, esta visita ten aínda un sentido máis profundo.
Agradecía Núñez Feijóo, no transcurso do acto, o traballo que a Real Academia fixo, está a facer e deberá seguir facendo no patrocinio, protección e promoción da cultura e da lingua galega, o que supón o recoñecemento expreso do máximo representante do poder galego, de que a nosa lingua propia está precisada de patrocinio, protección e promoción.
Non é para menos. É certo que dende a entrada en vigor do noso Estatuto de Autonomía, fai xa case trinta anos, e a pesares da aprobación e aplicación da Lei de Normalización Lingüística do ano 1983, e máis recentemente o Plan de Normalización, o uso do galego non deixou de retroceder con respecto a outra lingua oficial, o castelán, de xeito que de non se inverter a tendencia, a nosa lingua, á volta dunhas décadas, deixará de ser ese fundamental elemento de identidade e de expresión viva, para se converter nunha lingua morta.
Ninguén dubida que a Real Academia Galega ten que facer un especial esforzo para que esto non aconteza, e que a fundamental responsabilidade do vigor, da vitalidade e actualidade da nosa fala, témola todos os galegos e galegas que amamos a nosa terra e a nosa cultura. Como dicía Manuel María “Galicia somos nós, /a terra e máis a fala / se buscas a Galicia, / en ti tes que atopala”.
Pero Galicia ten hoxe, afortunadamente, institucións de autogoberno emanadas do pobo galego e recollidas no Estatuto de Autonomía, institucións que teñen o deber inalienable, porque así llo impón a nosa norma básica, de garantir o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, dispoñendo o necesario para o seu coñecemento.
A día de hoxe, resulta evidente o fracaso dos poderes públicos galegos no cumprimento da súa obriga na promoción do uso da nosa lingua, e por o tanto, a necesidade de, sen imposicións, impulsar o seu coñecemento, como base fundamental para a eficacia das políticas de normalización do seu uso en todos os ámbitos.
Cónstame que o presidente Feijóo, máximo representante do poder galego, é consciente de elo, de aí a transcendencia do seu xesto e das súas verbas na Real Academia Galega.