Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de xullo de 2010

Da patria e da bandeira

por X. A. Pérez Lema, avogado, no Xornal de Galicia:
O patriotismo non había ser cousa de modas. O patriotismo agroma natural nas colectividades que sinten partillar un proxecto de futuro. O que non prexudica sermos universalistas e solidarios. Pensar globalmente. Sermos cosmopolitas (nada a ver co cosmopailanismo que algún profesan). O patriotismo é complementario do europeísmo e compatíbel totalmente con partillar historia, futuro, obxectivos e afectos co resto dos pobos e nacións do Estado español. Vivirmos a patria é o noso xeito de actuar localmente, como seres humanos universais.

Somos un país moi autorestrinxido na expresión dos nosos sentimentos nacionais. Son, sen dúbida, longas eras de autonegación e desprezo polo propio. Mais agora somos un país moderno, europeo, cun alto grao de incorporación ao ensino, cun proceso de urbanización moi consolidado. Non hai, xa, desculpas. O normal é que expresemos a nosa galeguidade, se é que estamos satisfeitos dela ou sentimos orgullo de pertencermos a este país.
E, nos países máis desenvolvidos da Europa e do mundo, as primeiras expresións da nacionalidade son a bandeira e o himno nacional. Nos USA o uso da bandeira nacional é continuo (e tamén na California e en Texas o uso de cadansúa propia), o mesmo ca en Francia. En Múnic ves bandeiras da Bavaria en todas as súas rúas céntricas. E en Edinburgh ou St. Andrews a bandeira escocesa é omnipresente.
A nosa bandeira é coñecida e non xera resentimento ningún. E, porén, usase pouco. Restrínxese ao mundo político, cultural e sindical do nacionalismo, ao seu frío uso institucional e ao seu uso máis cívico nalgunhas bisbarras do Norte (a branca e azul é moito máis normal a pé de rúa en Ferrolterra ou Ortegal ca no resto do País). De quén ou qué nos agochamos? De qué temos medo?
Velaí que iniciativas coma a de Santiago Domínguez, vice-alcalde de Vigo, ao lle distribuir aos cidadáns e entidades cívicas 5.000 bandeiras na cidade máis poboada da nosa Galicia no Día da Patria, sexan dignas a se ter en conta polo resto dos alcaldes e alcaldesas. Os nosos paseos, peiraos, os mastros nos terreos onde se asentan as vivendas unifamiliares… son todos espazos aptos para exteriorizar o noso orgullo e a nosa galeguidade amosando a nosa bandeira.
E, coa azul e branca na casa, no escritorio ou cara ao fútbol, seremos iguais ou mellores persoas, iguais ou mellores profesionais, iguais ou mellores homes e mulleres fillos do noso tempo e cidadáns do mundo.
Probábelmente mellores. Porque só coñecendo e valorando o que é de noso somos –seremos– quen de lle achegar ao mundo, á ciencia, técnica e cultura universal un contributo digno, unha achega verdadeiramente cualitativa.

Lingua e Estatuto no Día de Galicia

por Lucía L. Bayo, xornalista, no Xornal de Galicia:
O Día de Galicia estivo marcado polas manifestacións a prol da reforma do Estatuto galego que ateigaron as rúas de Santiago. Miles de manifestantes encheron a Praza da Quintana arredor do BNG para reclamar “máis autogoberno” e a reivindicación de que Galicia sexa recoñecida como “unha nación”. As críticas á política lingüística de Núñez Feijóo tamén centrou a xornada. Así, ‘Pachi’ Vázquez asegurou que “ninguén pode dicir que é galego ou galeguista cando pisa a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa identidade”.
Dentro dos actos do día, destacou a ofrenda do Rei Juan Carlos ao Apóstolo, que virou este ano arredor de dúas grandes cuestións: a crise e o entendemento entre os pobos de España. E tamén a entrega das Medallas de Galicia ao Cabildo da Catedral e Víctor Vázquez Portomeñe.
Este Día de Galicia de 2010 pasará á historia como o día no que se evidenciu –se cabe, aínda máis– a necesidade de que as forzas políticas cheguen ao consenso sobre temas tan fundamentais como a lingua e o Estatuto.

Rosalía e Castelao, a ritmo de Gaynor

Varios medios informaron de que antes da chegada do presidente da Xunta ao Panteón de Galegos Ilustres, no acto de ofrenda do PPdeG na tumba de Rosalía, soaba o tema 'I love you baby' de Gloria Gaynor desde a megafonía instalada para o acto polos responsables da organización do acto.
Comentanto este suceso temos este artigo de Noela Rey Méndez, no Xornal de Galicia:
Ai se levantaran a cabeza! Menudo espectáculo montou o PPdeG no Panteón de Galegos Ilustres. I love you baby, de Gloria Gaynor incluído. Claro, porque todo o mundo sabe que Rosalía e Castelao eran grandes seguidores da Motown... Vaia, a cousa podería ter sido mesmo peor. A saber: imaxinan que lles dá polo Libre quiero ser de Raffaella Carrá? Ou o Ni tú ni nadie de Alaska, o Waka Waka de Shakira ou a Bomba de King África. A min, ocorreríaseme contestarlle co Escándalo de Raphael. Aínda que o que de verdade dá é Pena, penita, pena.

Igrexa galega versus igrexa catalana

A Xunta de Galicia concedeulle as medallas de ouro a Portomeñe e ao Cabido da Catedral de Santiago. A primeira medalla é autoconcedida, é para o ex-conselleiro Portomeñe como xestor do Xacobeo. A segunda é para a Igrexa, en concreto para os que xestionan a Catedral. Vou mostrar que son dúas medallas inmercidas por atentaren as dúas contra o noso maior ben colectivo, o idioma galego, pois nin o Xacobeo nin o Cabido catedralicio o respetan mínimamente.

O 27 de abril deste mesmo ano, hai tres meses, o secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo, reuníase con monseñor Julián Barrio. A nota que sobre a reunión sacou a propia Secretaría Xeral dicía no titular:

Monseñor Xulián Barrio recibiu hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, quen lle trasladou a importancia de impulsar o uso desta lingua nas iniciativas relixiosas deste Ano Santo

Entrando no contido da nota podíamos ler que Anxo Lorenzo comunicara que "ademais de favorecer que os fieis galegofalantes se sintan aínda máis acollidos no templo do Apóstolo, a presenza do galego nas celebracións relixiosas do arcebispado son un xeito de compartir cos peregrinos de fóra de Galicia unha das maiores riquezas da comunidade, a lingua galega"
Eu non podo facer outra cousa que preguntarme sobre as razóns da reunión ou sobre os resultados da mesma. Cando se trata de facer carteis informativos, o Xacobeo 2010, empresa pública sustentada pola Xunta, e o Cabildo da Catedral, elaboran un única e exclusivamente en castelán, tal e como denunciou onte a Mesa e tal e como podedes comprobar na foto que saquei hoxe na entrada da Porta Santa da Catedral de Santiago e que peguei aquí. Con carteis como este non parece que os fieis galegofalantes se sintan máis acollidos, e de seguro que os peregrinos de fóra  pasarán por Galicia sen enterarse de que aquí falamos, escribimos e facemos carteis en galego.
Por comparar. O Papa Bieito 16 vai consagrar a Sagrada Familia o vindeiro 7 de novembro. A igrexa catalana presentou esta semana os carteis para anunciar o acto, o lema é "Amb el Papa a la Sagrada Família". Nótase que en Cataluña Anxo Lorenzo non é o que leva a política lingüística.

domingo, 25 de xullo de 2010

O galego é un obstáculo para o sentido práctico

por Iria Taibo, en Terra e Tempo:
A diario vemos como se pon de manifesto por parte dos sectores máis anti-galego a falta de coherencia na relación entre as linguas e o sentido práctico
A Mesa tivo que ir esta semana a unha notaría para formalizar uns trámites. A cuestión implicaba un documento que tiña que emitir o propio notario. As persoas da Mesa que están a encargarse dese asunto acudiron á notaría na que habitualmente esta entidade fai ese tipo de trámites. Entre outros motivos, porque nunca houbo problema nese establecemento para facer a documentación en galego. Termos que facer esta afirmación iso xa é triste, claro. Mais neste país hai quen pode recibir todos os servizos na súa lingua e quen non.
Mais neste caso, a anécdota vai máis aló. Ante a posibilidade de que a documentación teña que chegar nalgún momento a Madrid (non existe certeza de que isto vaia ter que ser así, e de ser, pasaría máis de dous anos), o persoal da notaría dá por feito que o documento se fará en castelán. É dicir, ante a mínima aproximación da posibilidade de que o documento saia de Galiza, suxírese que evitemos problemas e pasemos a usar o castelán, a lingua que todo o universo comprende e que resolve as incógnitas da humanidade. O sentido práctico non é unha das virtudes do galegofalante militante, polo que se ve. Falo de persoas empeñadas en usar unha lingua inútil, desexosas de aproveitar calquera ocasión para facer uso dunha lingua destinada a desaparecer, molestando a todo traballador cheo de boas intencións e sentido común. Son ganas de querer pagar por un lado o documento en galego e polo outro a súa tradución ao galego, para que? Realmente son ganas de complicarse a vida e complicárllela aos demais.
Ante a insistencia, o empregado, supoño que vendo atacada a súa tentativa de colaboración desinteresada (penso que tentaba aforrar á Mesa o gasto de traducir para castelán o documento, no caso de que for preciso), ponse á defensiva e mesmo hai unha pequena tentación de adiar a entrega do texto no caso de que realmente A Mesa estea segura de vez de que o quere en galego.
Finalmente, podemos quedar tranquilos, o asunto resolveuse. Non sen antes incluír nunha escena unha dose de tensión, outra de dúbida, outra de renuncia. Está claro que, de renunciarmos á nosa lingua, a escena sería ben diferente, un trámite habitual.

As linguas no Senado
Noutro alarde de sentido práctico, o Partido Popular e UPN votaron en contra da presenza no Senado de galego, catalán e vasco. A senadora popular Rosa Vindel fala do obstáculo comunicativo que implica o uso de varios idiomas no Senado nos seguintes termos, que non traduzo para respectar a súa liberdade lingüística: "No sé si a partir de ahora nos llamarán la cámara subtitulada, o la versión cañí del Parlamento Europeo, pero esta es una Cámara en la que todos nos entendemos en el mismo idioma y la opinión pública no sale de su asombro, de su perplejidad y de su indignación". A señora Vindel tamén considera un agravio comparativo que só se utilicen os "pinganillos" no Senado, mentres que os ministros e o Presidente do Goberno non terán que pasar por esa "humillación".
É pouco útil, pois, termos tantas linguas. É humillante que un senador poida elixir, entre as linguas oficiais, a que utiliza na Cámara Baixa. É humillante para os sensíbeis ouvidos de algúns senadores, que non queren obstáculos para o exercicio do seu labor parlamentar tan excesivos como un auricular.
É dicir, a liberdade de algúns senadores vale máis que a de outros, segundo esta tese. Igual que a liberdade das persoas que escollen que os seus documentos estean redixidos en galego, unha vez máis só por molestar.
Alúdese tamén na crítica da dereita ao argumento económico, pois a incorporación de intérpretes representará un importante gasto. A cuestión é que en Galiza estamos aínda tentando reaccionar ante o escándalo de que a Xunta vaia gastar un millón de euros nunha campaña publicitaria sobre o decreto do galego no ensino (cinco millóns se falamos do que leva gastado o goberno de Feixóo en total en contra do galego).
En todos estes argumentos está de fondo a dubidosa relación entre as linguas e o sentido práctico. Por unha banda, o símbolo da Torre de Babel percíbese socialmente como positivo, pois representa a diversidade lingüística e cultural, mais hai quen pretende convertelo xusto no contrario: as linguas son utilizadas e non serven para entenderse, senón para crear desunión e para crear complicacións innecesarias.
Entender unha lingua só como un instrumento práctico é un insulto á intelixencia, sobre todo de quen escoita o argumento, pois quen o esgrime non entendería que fagamos do inglés ou do chinés a única lingua oficial universal, por comodidade. Entón será que as linguas non son só iso, instrumentos comunicativos que nos simplifican a vida. Será que tamén teñen connotacións e significados culturais, que nos identifican e cohesionan como pobo.

Espírito rosaliano: capacidade e fermosura de Galiza

Outra vez aparece por aquí a homenaxe da AELG a Rosalía de Castro, desta vez é Francisco Rodríguez quen fai de cronista do acto,  en Terra e Tempo:
Tivemos esa sensación tan necesaria de autoestima e de recoñecemento do moito valor cultural e artístico que temos, da nosa capacidade creativa

A Lucía Carreira, tan eficaz
A Pilar García Negro, tan oportuna
Caía un orballo impenitente ao saírmos de Bonaval. Bulimos cara a estación dos camiños de ferro, após participarmos no acto reivindicativo do 15 de xullo, convocado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, de volta para casa. Ao baixarmos as escaleiras desde o Hórreo, escoitei un xubiloso e orixinal canto de gozo triunfal, mesturado con sonoras palabras de xúbilo. Era a voz de Francisco García, o noso compañeiro, alcalde de Allariz, en compaña doutros amigos ourensáns. Expresaba o entusiasmo e a emoción que, de forma peculiar cada un, sentimos no transcurso dos actos, e de forma senlleira na eclosión final, de tanta fermosura. Era a pegada que deixaron en nós. Viñamos de mamar vida, alegría e confianza, algo de valor por si mesmo, non sometido nin condicionado pola maior ou menor transcendencia mediática do evento, como se encargou de me indicar o bo alaricán. Tivemos esa sensación tan necesaria de autoestima e de recoñecemento do moito valor cultural e artístico que temos, da nosa capacidade creativa.
Non vou subliñar o valor superior, a vixencia actual, da obra de Rosalía de Castro. Comprobamos a forza de atracción da súa clareza e misterio a través do recitado, por escritores e escritoras galegas, dalgúns dos seus poemas nas distintas prazas públicas que percorremos -Toral, Universidade, Cervantes- , tamén en Bonaval. Porén, voume referir a quen, sustentándose na obra rosaliana nesta ocasión, ofreceu proba da súa arte: Uxía Senlle, Guadi Galego, Ugia Pedreira, Sonia Lebedynski e Xabier Díaz...Que capacidade, que potencialidade, que voces, que mestría, pero que falta de espallamento social e de adecuado recoñecemento públicos!!! Il non sería bo que falásedes máis entre vós? Non cómpre, de forma urxente, neste campo, un asociacionismo reivindicativo, para facer valer o resultado dos vosos esforzos, que tanto necesitamos?
O Coro da Asociación Cultural Solfa, de Santiago, mostrou o poder da organización popular ao servizo da nosa lingua e da nosa tradición musical. Xusto o que non se adoita facer nos coros, normalmente pasto do mimetismo e da españolización. Vimos como o conxunto coral era dirixido por unha moza duns vinte anos -camiseta branca, calzóns negros, esquinada margarida nos seus cabelos mouros. Cando virou para corresponder os aplausos dos asistentes, após escoitarmos Campanas de Bastabales, comprobamos que era a sorprendente soprano que, había menos dunha hora, con indumentaria máis solemne, tiña cantado de marabilla o Pietat Signore de Stradella na Praza da Universidade, acompañada da pianista Paula Gago. O seu nome artístico, ben evocador: Esperanza Mara. Xustamente o elo entre o popular e o culto, o símbolo dunha poderosa fusión creativa, como no caso de Rosalía. Que tesouro! Canto sacrificio, desde a base, sen alentar nen protexer debidamente !!
Resulta milagrosa a canteira musical galega, tan ao pairo. A mesma que se manifestou, con tanta dignidade, pericia técnica e criterio propio, na Banda da Escola de Música de Rianxo. Escoitando a súa versión do Ángelus de Massenet, ficamos enlevados coa sensación de felicidade, redimidos polo sensorialismo máis emotivo e vital. Comprendemos que sabio foi quen en 1891 decidiu que os restos de Rosalía fosen recibidos en Bonaval con esta peza sinfónica. Vigorosa, fresca, directa e incitadora foi a versión do Himno Galego con que nos agasallou tamén esta Banda de Rianxo. Imposíbel non acompañala coas nosas voces tan enérxicas que - malpocados!!!- nalgúns de nós pretendían mesmo acadar a categoría das dun tenor. A ocasión non era para menos. Tiñamos que intentar pornos á altura do que escoitabamos.
O nacionalismo galego faría ben en, dentro das súas forzas, pero en todos os ámbitos e sen complexos, reforzar a súa defensa desta canteira musical, popular e galega. A indiferenza e menosprezo practicadas normalmente pola autoridade dominante e hexemónica non poden seguir contaminando a nosa actitude de facto, como tampouco inxectando no pobo galego desprezo por el mesmo. Nun país normal, a explosión de arte e de comunidade de sentimentos no recoñecemento do noso esforzo colectivo que vivimos en Bonaval, lembrando a Rosalía e esixindo a apertura do Panteón de Galegos Ilustres, merecerían a retransmisión, nun horario de máxima audiencia, pola Radio e pola Televisión públicas, e un impacto nas privadas e nos xornais que non tivo. Saben mellor do que nós canta importancia teñen os símbolos para un país. Para eles Galiza non debe ser máis que unha provincia de España, para o que hai que inocularlle unha burda deformación do seu espírito e do seu carácter que pasa pola adoración paifoca de todo o foráneo e polo desprezo e a ignorancia sobre o que é noso.
En Bonaval, o día 15 de xullo, o espírito rosaliano de dignidade e de capacidade, de fermosura e felicidade para Galiza, reanimounos a través da súa manifestación viva actual: o esforzo de moitos sectores populares, contra vento e marea, tamén no campo artístico, por seguirmos existindo. De non terdes estado presentes, prégovos que procuredes unha gravación na rede. Paga a pena. Permítaseme, para rematar, expresar os meus parabéns e agradecementos a todos os grupos de gaiteiros e cantareiras - Pandeireiteiras de Bouba- que nos acompañaron, coa súa música e a súa voz, desde Adina a Bonaval, eles e elas tamén espírito rosaliano vivo.

Homenaxe a Rosalía en Bonaval from Fundación Bautista Álvarez on Vimeo.

sábado, 24 de xullo de 2010

Gloria en inglés

O post anterior fíxome lembrar unha foto que teño da sinalización que había na estada  do Pórtico da Gloria que acaban de ser retirados hai uns días.
A foto saqueina eu, polo tanto é moi mala, no entanto non está aquí pola súa calidade, senón pola curiosa tradución presente neste cartel.
En castellano, non vos hai problema, está claro que estamos no Pórtico de la Gloria.
En galego, neste caso, menos mal, a cousa vai tirando, trátase do Pórtico da Gloria.
E en inglés? pois curiosamente, en inglés, o Pórtico noméase en castelán, Pórtico de la Gloria. A mensaxe está clara, o galego non é un idioma que serva para o importante, pode estar ben para uso doméstico nalgunha reserva,  pero para dar a coñecer un dos nosos maiores ben culturais como é o Pórtico da Gloria, podemos darlle unha patada ao noso maior tesouro colectivo, o galego. Desta vez da man da Fundación Pedro Barrié de la Maza.

O galego non existe na Catedral

Ano Xacobeo 2010, milleiros de visitantes na Catedral de Santiago. Os turistas que a visitan, igual que os turistas que visitan Galicia, pasarán por aquí sen saber que temos unha lingua de noso. 
Para denunciar este despropósito hoxe A Mesa pola Normalización mudou simbólicamente algún dos sinais turísticos da Catedral, incluída a cartelaría exterior, financiada pola Xunta, que se instalou nos accesos con motivo do Ano Santo Xacobeo.
No comunicado de prensa da Mesa destácase que:

o exemplar elaborado pola Mesa tiña os textos en tres linguas (galego, castelán e inglés), mentres que os paineis orixinais só contan con versión en castelán. Ademais, o cartaz elaborado pola Mesa respecta a toponimia oficial, algo que non acontece nos actuais. “Só lles faltaba pór Plaza del Taller en troca de Praza do Obradoiro”, ironizou o presidente da Mesa, que lamentou que “nesta sinalización paga co diñeiro de todas e todos aparezan de forma deturpada os nomes do resto das rúas e prazas de Compostela”.
O presidente da Mesa, que estivo no acto xunto co vicepresidente, Fran Rei, e a secretaria xeral da entidade, Iria Taibo, criticou con dureza “a galegofobia irracional da actual Xunta”. “Nós non estamos a defender co acto de hoxe que toda a sinalización turística estea en exclusiva en galego. Nós o que dicimos é que o galego suma, que é un valor a maiores e un tesouro para compartirmos. O que non fai ningún sentido é que a Xunta elabore ou financie sinalizacións turísticas que están exclusivamente en castelán. Repárese: a rotulación que nós hoxe colocamos de forma simbólica está en galego, castelán e inglés; a da Xunta, exclusivamente en español”. Callón subliñou ademais que esta exclusión do galego se produce “nun espazo público e referencial tan importante para Galiza como é a catedral de Santiago, un dos nosos principais emblemas históricos e culturais”.


A Xunta podía aproveitar, por exemplo, o aniversario da morte de Rosalía de Castro, tal e como fixeron no acto dos días pasados os escritores galegos da AELG, facendo roteiros polas diversas casas nas que viviu a escritora en Santiago, ofrecendo excursións á casa-museo de Rosalía, editando a obra de Rosalía en diversos idiomas, facendo congresos... Mais aquí non hai nada diso.
Hai algúns meses fun a Amsterdam. Alí venden como un dos grandes atractivos da cidade a obra de Anne Frank, as colas para visitar a súa casa son enormes, tanto que eu non puiden entrar e tiven que conformarme co seguinte vídeo. Igualiño que aquí, vamos.

A Mesa fai un recurso recurso solicitando a suspensión do decreto

 A Mesa pola Normalización pide no seu recurso ao TSXG que suspenda a aplicación do decreto chamado de plurilingüismo.
A Mesa fundamenta a súa solicitude en informes elaborados polas tres universidades galegas
As universidades da Coruña, Vigo e Santiago advirten de que a aplicación do decretazo suporía “un dano irreparábel ou de moi difícil reparación” para o alumnado
A Mesa pídelle a Feijóo “menos declaracións cínicas de galeguismo e máis demostracións de apoio á lingua e á cultura do país”
A Mesa pola Normalización Lingüística explicou hoxe cales son os pasos xudiciais que está a adoptar para “parar o decretazo contra o galego”. A entidade presentou esta semana un escrito perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) no cal solicita de forma cautelar “a suspensión da vixencia deste decreto ou, subsidiariamente, a dos artigos que limitan a presenza do galego en educación infantil e que prohiben a docencia neste idioma dalgunhas materias”. A asociación en defensa da lingua galega pide así que se adopten medidas urxentes antes de que o Tribunal dite sentenza, a cal podería demorar arredor de dous anos.

Menos vieiros para a lingua galega

Pasmadiño e triste quedei.
Quedámonos sen chuza! nin Vieiros.
Do primeiro non vou comentar nada, eu son un inútil disto do uso das TIC, e a cousa quedábame fóra do meu mundo. Do segundo: aquí á dereita deste blogue, en lugar principal, están as ligazóns aos medios galegos (medios en galego, aclaro para os despistados),  hoxe cando como todos os días abro a páxina de Vieiros, leo: Até sempre. Non si por que, pero algo xa ventaba eu, nas últimas semanas Vieiros decaera moito, renovábase menos, era menos dinámico. Pregúntome que pasaría se os cartos que se desvían co pretexto da promoción do galego para medios que o insulta a diario, fosen parar aos medios que realmente están comprometidos coa normalización da nosa lingua. Pecharía entón Vieiros? Pregúntome que pasaría se no canto de promocionar castelos no ar como o novo concurso-plaxio que inventou a Radio Galega, vas sacar nota, continuara coa fórmula do a polo ghit que demostrou ter bo funcionamento durante anos. Será que á Radio Galega lle interesa agora moito máis a nosa música?
Con estes dous peches os vieiros do galego serán mañán menos que os que había onte, e onte as cousas non estaban para botar moitos foguetes.  Está claro que non vivimos nun país normal e que como norma xeral os medios carecen de independencia, creatividade, e moito menos, esplendor.
Deixo aquí, por último, as ligazóns ás últimas editoriais de Vieiros.
Hoxe, 24 de xullo de 2010 e véspera do Día Nacional, Vieiros pecha logo de 15 anos de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñaramos.

Hai un público, reducido, que apoia as bandas en galego

Entrevista a Galegoz, en De Luns a Venres:

Denís Mutante, unha das voces da banda, fálanos, gardando distancias, da música do conxunto, con alto compoñente político, letras incendiarias e un estilo propio. A banda estradense actúa por primeira vez en Compostela nun día especial, o 24 e xuño, no marco do Festigal.
Pregunta: Inauguraron un estilo propio, en que consiste o 'Aranhoto Style'?
Resposta: O 'Aranhoto' é un estilo moi particular porque mestura moitas cousas, basicamente electrónica cunha mestura de funky, soul, hip-hop, incluso, un pouco de todo. Como todos os músicos teñen formacións diferentes e tocaron moitos estilos, puxemos ese nome porque a verdade é que non nos parecemos moito a nada.
P: Cando definen a súa música como 'marxista-electricista', a que os referides?
R: Iso vai un pouco polas letras. Galegoz é unha banda que ten un compoñente moi político e social pero sempre dende o punto de vista do humor e do lúdico. Define, até certo punto, a nosa filosofía. Falamos de moitas cousas pero sempre dende un punto de vista divertido e persoal.
P: Podería dicirse que hai compromiso coa terra por parte de Galegoz?
R: Non sei se diría tanto. Hai unha crítica ás cousas que pasan. O primeiro de Galegoz é que é unha banda para divertirse. Falamos de cousas serias e das cousas que pasan, sobre todo no último disco, que coincidiu non momento moi... importante, que foi este último cambio de goberno. Neste si se pode ver a voz máis crítica. Mais o primeiro sempre é a diversión e despois, evidentemente, estamos no mundo e aféctanos todo o que pasa no país.
P: O feito de cantares en galego, supúxovos algún atranco na vosa traxectoria?
R: Si e non. Obviamente, a música en galego tes que buscala, como usuario. Un adolescente que escoita a radio ou busca especificamente música en galego ou senón non lle vai chegar, xa que o que soa son outras cousas. Por outra parte, o galego axúdanos no sentido en que hai un público, reducido, pero que apoia moito e que si que valora que as bandas traballen en galego.
P: Cales son as orixes do nome da banda, Galegoz?
R: É un xogo de palabras. Por un lado foi un pequeno guiño ao grupo 'Gorillaz' que tamén era un grupo virtual cando comezamos no 2006. Hai que aclarar que Galegoz comezou coma un proxecto pequeno e coma un grupo virtual, o noso obxectivo era sacar un disco, colgalo e que se oíra. Por outra parte, significa galego en euskera; por suposto, de forma sonora parecíanos bonito e divertido
P:
É a primeira vez que actúan no Festigal? Como ven a actuación?
R: Si é o primeiro ano que estamos no Festigal. Fainos moita ilusión esta cita; primeiro por actuar en Compostela xa que a metade dos integrantes do grupo viven ou vivimos nalgún momento alí e tamén porque é un día moi bonito, o 24, un día de festa e porque é un festival moi importante que sempre ten moita xente. A verdade é que estamos moi ilusionados coa actuación
P: Podería definirme a súa música en poucas palabras?
R: Non sabería dicirche... Electrónica para...a festa

As matemáticas amigas

Non é un artigo de lingua e normalización, pero por unha vez que sae na prensa algo de matemáticas, non me resisto a poñelo.
por Olga Vergara Marcos en Galicia Hoxe:

Nos anos que levo como docente, observo que as matemáticas seguen a ser inimigas de moitos alumnos. Canto máis avanza o nivel de dificultade das mesmas, maior é o nivel de desgana e desmotivación cara a elas.
É mester espertar nos nenos o gusto polas matemáticas dende idades temperás. Para isto, teñen que ser ensinadas dende unha perspectiva lúdica, funcional, manipulativa e activa. As matemáticas son unha área fundamental xa que, debido ao seu carácter instrumental, son a base para a adquisición doutras moitas aprendizaxes. Así mesmo, son de grande aplicación no noso día a día, e a súa comprensión axúdanos a resolver múltiples problemas reais que se presentan na nosa vida cotiá.
O que provoca un rexeitamento cara a esta área, en moita ocasións, é a forma de ensinalas. Na Educación Primaria o neno non ten desenvolta a súa capacidade de abstracción e, polo tanto, cústalle moito comprender determinados conceptos sen operar directamente con obxectos. A xeometría, por exemplo, non pode ser ensinada a través de fotos ou de exercicios do libro de texto. Os alumnos constrúen a maioría dos conceptos espaciais (distancia, direccionalidade, ángulo, paralelismo, perpendicularidade...) a partir dos propios desprazamentos e coa axuda de materiais manipulables.
É fundamental que á hora de ensinar matemáticas teñamos en conta o nivel de coñecementos previos dos nenos, para que estes poidan relacionar as novas aprendizaxes coas súas propias experiencias. É dicir, debemos ensinar a través da aprendizaxe significativa, tal e como a denominou Ausubel. Os alumnos, tendo en conta a teoría construtivista, teñen que participar activamente na construción das súas propias aprendizaxes.
O ensinar as matemáticas só a través do libro de texto e de exercicios aburridos, lévanos a unha actitude negativa dos discentes. Ensinanza e xogo non teñen que estar rifados, xa que é posible que os alumnos aprendan mentres se divirten. As actividades lúdicas, sobre todo en Primaria, son esenciais para conseguir motivar o alumnado. Tamén resulta moi útil traballar esta área dende a investigación, a observación e a experimentación. Lanzamentos de hipóteses, busca de información, traballos en grupo, asembleas ou debates sobre determinados problemas son bos alidados para adquirir coñecementos matemáticos. Os nenos para poder ter unha visión positiva desta área, teñen que ver a súa funcionalidade, a súa aplicación, e o beneficio do seu uso e manexo.
Hoxe en día, as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) ofrécennos un grande abano de posibilidades, en soporte multimedia e a través da rede, para traballar esta ou calquera outra área. A posiblidade de que o alumno participe activamente na súa aprendizaxe e interactúe mentres aprende, garante maiores posibilidades de éxito. As TIC son un recurso visual moi atractivo e adáptanse perfectamente a todos os ritmos de aprendizaxe. Hai infinidade de páxinas que permiten a descarga gratuíta de material para mestres e alumnos. A pizarra dixital tamén nos permite buscar información ao momento, visionar películas, escoitar música e realizar milleiros de actividades interactivas, dinámicas e entretidas.
Para aprender conceptos matemáticos é tamén esencial que os nenos teñan unha axeitada comprensión lectora. De pouco serve que os alumnos saiban os pasos para resolver un problema se non saben entender o que se lles pide. Os contos, ademais de axudarnos a perfeccionar a comprensión de diferentes textos, son un excelente recurso para ensinar e aprender matemáticas. Provocan unha alta motivación nos alumnos, xeran unha actitude positiva e axudan a comprender conceptos abstractos. Eliminan o carácter frío da área en canto a relacionan coa educación en valores, e establecen interrelacións entre o factor cognitivo e o emocional. Estes dous últimos factores teñen que ir xuntos para garantir o desenvolvmento integral do alumnado.
Por útlimo, como un dos atributos dos nenos nesta idade é o pensamento máxico, debemos aproveitarnos de recursos como a papiroflexia, os enigmas, as adiviñanzas, os trabalinguas, os xogos de maxia, os trucos matemáticos ou as ilusións ópticas. Se traballamos nesta liña, sen dúbida conseguiremos que os alumnos vexan as matemáticas como unha área atractiva e chea de posibilidades.

O presidente da Xunta tropeza coa Real Academia Galega

 Editorial do Xornal de Galicia:
Finalmente, a Real Academia Galega (RAG) interpuxo un recurso contencioso administrativo contra o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, que se une aos xa presentados polos sindicatos educativos e A Mesa pola Normalización Lingüística.
Trátase da culminación dun proceso iniciado a finais de xuño, cando o plenario da institución decidiu, co apoio de todos os seus membros, estudar as posibles vías para recorrer a nova norma que regula o uso das linguas oficiais no sistema educativo galego. O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou durante esta semana que a institución tomaría “unha decisión” en función do informe dos asesores xurídicos da Academia sobre a norma. Ferrín xa sinalou, cando se deu a coñecer o ditame do Consello Consultivo sobre o decreto do plurilingüismo, a súa petición a Feijóo de retirar a proposta lingüística no ensino ante o clamor social e pola soidade total do Goberno en materia lingüística.
O propio informe da RAG sobre as bases do decreto cualificaba a norma de “inaceptable” e de “inconsistente legalmente”, ademais de reclamar á Xunta que rectificara a súa postura e apostase polo “consenso”. Segundo a institución centenaria, o decreto implica “un retroceso no proceso de normalización da lingua galega que infrinxe a lexislación vixente e a xurisprudencia emitida polos altos tribunais”, ademais de lembrar que o Tribunal Constitucional “nega inequivocamente que os pais teñan dereito a elixir a lingua de ensino”.
Desde o pasado 20 de marzo que o presidente Feijóo anunciara a aprobación do decreto do plurilingüismo non son máis que paus os que lle están a caer á norma. Así, xa son cinco as entidades que levaron a norma ante a Xustiza: a Mesa pola Normalización Lingüística, a plataforma Queremos Galego, CIG-Ensino, UGT e agora a Real Academia Galega. Tamén Galicia Bilingüe presentou recurso contra a norma, aínda que por razóns ben diferentes ás anteriores.
O decreto confirma a redución do galego no ensino, a consulta aos pais en Infantil, a prohibición de dar algunhas áreas en galego ou a posibilidade de que o alumno responda ao profesor nunha lingua diferente á da materia. Estes motivos levan a que expertos xurídicos aseguren que existen bases para que os tribunais declaren ilegal o decreto do plurilingüismo. Unha delas é que racha co principio de progresividade que establece a Lei de Normalización Lingüística e tamén incumpre o principio de igualdade das linguas.
O Goberno de Feijóo, co seu decreto do plurilingüismo, abriu unha fenda importante en Galicia co idioma, que se viu reflectida nas rúas –xa houbo seis grandes manifestacións–, ademais dos problemas xerados no ensino. Por iso resulta lamentable que os ditames de institucións autorizadas como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras organizacións non foran tidos en conta e o enfrontamento chegara aos tribunais.
Á espera dos ditames da Xustiza, o decreto supón un retroceso legal na normalización da lingua, pois é a primeira vez na historia da democracia en Galicia que se elabora unha norma que desprotexe o galego.

Que pasará se a RAG perde o decreto?

A Mesa, Queremos Galego, CIG-Ensino, FETE-UGT, a RAG e posiblemente ENCIGA sexan os seis organismos que presenten un recurso contra o decreto de plurilingüismo. A nova de hoxe é que o fixo a RAG, e Xosé Luis Barreiro reflexiona, como sempre, con moito fundamento, sobre o tema. Eu non o vou volver a poñer aquí por unha razón de peso. Os artigos de Barreiro son excelentes e dá gusto lelos aínda que un non estea algunhas veces de acordo con todo o que di. Barreiro ten os pés na terra, acórdase de quen é, e por esta razón fala moitas veces das súas orixes en Forcarei. Barreiro ten ademais unha formación que hoxe non se estila, e por esta razón escolle en moitas ocasións esas frases en latín para nos explicar os avatares da política, e ese latín soa máis moderno que os anglicismos que usan outros. Barreiro é unha voz necesaria e lúcida, e sempre foi un defensor da nosa lingua. Porén hai unha cousa que non entendo e que tampouco lle podo perdoar a Barreiro, que escriba en español, por iso non vou poñer aquí o seu artigo.
Segundo o que comenta Xosé Luís Barreiro o fundamental non é que a RAG gañe ou perda o recurso ao decreto, a loita fundamental contra o mesmo é política. A RAG continuará sendo o que é independentemente do resultado do recurso, no entanto a RAG é agora máis nosa, é máis merecente do noso respecto e recoñecemento. Eu tamén conclúo que se o recurso vai adiante os máximos responsables do decreto deben demitir, isto é Anxo Lorenzo, Jesús Vázquez e Feijóo.

Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo

O Xornal de Galicia informa sobre a presentación dun novo libro da editorial Laiovento titulado Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo que terá lugar dentro das actividades do Festigal:
Esta obra convértese nunha análise concienciuda dende o punto de vista legal sobre a norma lingüística aprobada polo Executivo de Núñez Feijóo. Maxistrados, avogados e profesores universitarios especializados en diversos campos reflexionan sobre o decreto e poñen de manifesto as “aberracións” e “falacias” legais do citado documento.
“Para a elaboración deste estudo compuxemos un equipo multidisciplinar dende os diversos puntos de vista legal: a avogacía, a xudicatura e a universidade. Non é unha obra só academicista. Por iso houbo un equipo que abranguía todas as ópticas”, sinala o maxistrado Luís Villares, coordinador da obra. Este xuíz da Fonsagrada encabezou un grupo de expertos no que se atopan os profesores de Dereito administrativo Alba Nogueira e Carlos Amoedo, os avogados Xosé Manuel Fernández, Héctor López, Blanca Roura e Xesús Costa e a xuíza Dalila Dopazo. “Todos nós buscamos achegar ao debate social reflexións científicas dende o punto de vista xurídico”, sinala Villares.
Os estudos destes expertos chegaron a unha serie de conclusións sobre as deficiencias legais que se poden atopar no documento. “En liñas xerais, a norma está viciada de ilegalidades dende a visión xurídica e atópanse falacias legais. É unha norma que non debería ter máis percorrido”, sinala o coordinador da obra. Entre eses aspectos máis cuestionables, destaca en primeiro lugar a confrontación do decreto coa Constitución. “No decreto hai erros conceptuais sobre os principios de igualdade e de liberdade. Confunde a liberdade como medio e a liberdade como fin. No aspecto da igualdade, a Xunta defende a equiparación do 50% entre galego e castelán como unha conquista de igualdade, pero omite o punto de partida das linguas”, sinala Luís Villares.
Outro aspecto que se cuestiona no estudo é que o decreto vulnera a Carta de linguas rexionais ou minoritarias na programación do sistema educativo, tratado internacional incompatible co decreto.
Un terceiro punto deficitario da norma é, segundo o estudo, que vai contra a progresividade recollida na normalización lingüística, xa que é un retroceso na protección da fala propia. Un cuarto elemento destacado no estudo é a prohibición de dar unha serie de materias en galego. “Esa é outra aberración legal no punto da normalización lingüística”, sinala Villares. Con estas conclusións, a obra presenta unha radiografía legal “preocupante” do decreto do plurilingüismo.

A RAG tamén presenta un recurso contra o decreto


Xa o comentáramos en varias ocasións, a RAG recorre perante o TSXG o chamado decreto de plurilingüismo.A Academia sinala que a decisión foille trasladada ao xefe do Executivo "por motivos de transparencia e lealdade institucional". Ademais, segundo o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, a RAG comunicoulle a súa decisión á Xunta "para ver se quería retirar o decreto". Para máis información podemos ler o artigo de Galicia Hoxe.
Lembremos que non é o primeiro recurso que se presenta contra o decreto 79/2010, xa o fixeron a Mesa, CIG-Ensino e FETE-UGT.

venres, 23 de xullo de 2010

Recursos contra o decreto

Vanesa Oliveira asina un artigo no Galicia Hoxe nos mesmos termos que un post que teño máis abaixo con data do pasado día 20.
A Real Academia Galega (RAG) aínda non recibiu o aval dos seus avogados para presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo. Así o confirmou onte a este xornal o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, que é consciente de que o traballo do seu equipo xurídico é a contrarreloxo xa que só faltan catro días -remata o 25 aínda que por ser festivo se traslada ao luns- para que conclúa o prazo para interpor esta impugnación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
"Cando o decidamos, faremos unha comparecencia pública", asegura Méndez Ferrín, segundo o cal, a RAG non convocará ningún pleno xa que a comisión executiva foi facultada polos académicos para decidir se levar adiante "ou non"-remarca o presidente da institución- un recurso sobre o decreto.
Con todo, a Academia é case a única que aínda non presentou este recurso. Xa o fixeron, días despois de que a Xunta aprobase o decreto, a Mesa pola Normalización (e a Plataforma Queremos Galego), a CIG-Ensino mais FETE-UXT. Pero ademais, están a ultimar as xestións administrativas necesarias para presentar o recurso outras asociacións como Enciga (Asociación de Profesores de Ciencias de Galicia) que agrupa 800 mestres do país. O presidente deste colectivo, Paulino Estévez, pediu onte un poder notarial que faculte a un procurador que interpoña esta impugnación ante o TSXG.
"Non hai que esquecer que o primeiro libro de texto que se editou en galego foi o de Matemáticas. Non estamos de acordo con que agora che obriguen a dar esta materia en castelán despois de tantos anos impartíndoa en galego", argumenta Estévez.
Presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo ante o TSXG é o primeiro paso. Unha vez admitido, o tribunal reclama o texto da demanda. Nesta segunda fase -a da elaboración do argumentario xurídico- atópanse sindicatos como a Federación de Traballadores do Ensino de Galiza. Segundo explica o secretario xeral da FETE-UXT, Marcelino Brea, o seu equipo xurídico fará pivotar a súa demanda para reclamar a ilegalidade da norma aprobada pola Xunta sobre a "opinión vinculante dos pais en Educación Infantil e o uso indiscriminado do idioma por parte dos alumnos". Trátase de dúas das dezaoito emendas que este sindicato lle enviou á Consellería de Educación logo de coñecer as bases do decreto que entrará en vigor este curso académico. "A participación dos pais e nais no proxecto lingüístico non pode restrinxirse a unha simple pregunta que será ademais vinculante. Esta participación ten que ir na liña de respostas a cuestionarios sociolingüísticos que non poden ser vinculantes", apuntaban daquela. E outra das emendas destacaba o absurdo dos "horarios e a utilización das linguas" nas aulas. "O profesorado sabe como se deben utilizar as linguas nas distintas materias", reclamaban entón.
"O que vén demostrar isto é que malia que quixeron restrinxir o decreto a un ámbito sectorial, o problema trascende o ámbito do ensino. Os prexuízos de cada galego coa lingua non están superados", subliña Marcelino Brea.
Pola súa parte, a Mesa pola Normalización foi tamén unha das primeiras organizacións en presentar o recurso contra o decreto días despois de que a Xunta o aprobase. Segundo explica o presidente da Mesa, Carlos Callón, nos vindeiros días farán públicos os informes xurídicos cos que fundamentan a súa demanda. Aínda que non quixo adiantar polo miúdo as bases do seu argumentario, Callón destaca que contan co apoio das tres universidades galegas que "critican con contundencia o decreto".
Tamén a CIG-Ensino está a elaborar a argumentación da súa demanda. Ao ver do seu secretario nacional, Anxo Louzao, o fundamental é que "estamos ante un decreto que vulnera preceptos legais como o Estatuto, a Constitución ou a Lei de Normalización Lingüística. Está claro que con esta norma, os nenos en Educación Infantil van formarse sen ter contacto co noso idioma. Ademais, o decreto é impracticable se queremos aplicar a Lei de Normalización xa que o suposto equilibrio entre galego e castelán non supón avances na normalización da lingua propia", apunta e reclama a "potestade do alumnado para que poida escoller a súa lingua de comunicación" nas aulas.
Anxo Louzao: "Esta é a última carta que xogamos"
Ao ver de Louzao, "o percorrido do decreto vai ser mínimo" ante o nivel de contestación social que está a ter. "É un texto que nace morto e o que hai que facer é volvelo ineficaz, para conseguir que non se cumpra. Só falta que o profesorado máis comprometido coa lingua deixe de dar as súas clases en galego", afirma.
O secretario nacional da CIG-Ensino é consciente de que este procedemento "vai para longo". "Neste sentido" -engade- "a Administración fai un abuso de poder porque xoga coa vantaxe do tempo. Botándolle pola mínima, non teremos resposta do TSXG até dentro de dous ou tres anos". Louzao recoñece que esta "é a última carta que xogamos" sobre o decreto e agarda que haxa "mudanzas políticas" que invaliden os efectos desta polémica norma.

 Bases para declarar ilegal a norma
Existen bases para que os tribunais de xustiza declaren ilegal o decreto do plurilingüismo. Así o cren xuíces como Luís Villares que mañá presentará no Festigal ás 22:00 horas, o libro que coordina Estudos xurídicos sobre o Decreto do plurilingüismo (Laiovento) e no que participan a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, o catedrático de Escola Universitaria de Dereito Administrativo da UDC, Carlos Amoedo ou a maxistrada Dalila Dopazo.
Xa nun encontro celebrado este ano no Consello da Cultura, Luis Villares apuntaba algunhas das bases que quebranta a norma. Unha delas é "o principio de progresividade" que establece a Lei de Normalización Lingüística (LNL), segundo a cal, os nenos teñen dereito a recibir a primeira ensinanza na súa lingua materna e as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino.
Outra base para recorrer o decreto é que incumpre o principio de igualdade das linguas ("a igualdade como medio, que é a que recoñece o decreto ao establecer o 50%-50% non supón igualdade en absoluta", remarcaba Luis Villares). Ao ver do maxistrado, a norma tampouco cumpre co principio o da "discriminación positiva" derivado da LNL, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias mais o Plan de normalización lingüística.

Os escritores galegos traballamos en territorio inimigo

Francisco Castro, gañador dos premios Blanco Amor e García Barros, está a presentar o seu novo libro "O segredo de Marco Polo", por iso fanlle unha entrevista en Galicia Hoxe. Deixo aquí un anaco, o que ten relación directa co lingua na nosa sociedade, para ampliar a inormación, premer na ligazón ou ir ao seu magnífico blogue.
Como está a afectarlles ós escritores o ambiente xerado na cultura tras o cambio de Goberno, o tema do galego...
Os escritores galegos sempre soubemos que traballamos en territorio inimigo, goberne quen goberne. Xa o sabía Rosalía de Castro, e segue a ser así. É certo que hai situacións políticas máis favorables que outras. E neste momento, socialmente hai unha percepción de conflito, creada por Galicia Bilingüe e os que a apoiaron, ós que a Historia porá no seu sitio. Isto aféctanos no ambiente colectivo pero non na creación. O que me amola é que os galegos ignoren a gran calidade da nosa literatura -e eu non son un exemplo de literatura de gran calidade-. Que non presuman de literatura como o fan dos viños ou das nosas costas. Porque é que temos un problema sen solucionar desde o século XVI, que é que non damos entendido que o galego é a nosa lingua, como o castelán é a lingua dos casteláns ou o francés a dos franceses. E iso ós escritores créanos problemas. Aínda hai quen nos pregunta por que escribimos en galego...

A forza dunha nación

por Craig Patterson, en Galicia Hoxe:
O outro día tocoume asistir á cerimonia de graduación na Universidade de Cardiff. Vestín de toga como me correspondía e entrei en fila na sala cerimonial cos demais profesores. Ao redor de min estaban sentados os licenciados que viñeran recoller a súa licenciatura e a pórlle fin ritualmente aos seus anos de estudos, ademais dos seus fachendosos pais. Mentres esperaba a que o reitor da universidade comezase a cerimonia, reparei nunha frase sobranceada no texto do programa de man. Estaba escrita en galés: nerth gwlad ei gwybodaeth. A forza dunha nación reside no seu ensino.
Despois foron desfilando os licenciados. Moitos deles viñeran de fóra de Gales para estudar as súas especialidades na capital galesa. Outros moitos levan apelidos e trazas inequivocamente galesas. Tanto entre uns coma entre os outros, haberá os que quedarán no país e os que marcharán cara ao mundo. Fagan o que fagan, serán anuncios de carne e óso do mellor que pode xerar este país e ofrecerlle ao planeta como o seu mellor recurso humano: a mocidade formada na universalidade da universidade. Mentres chegaba ao remate a ceremonia, cavilaba eu no devalar histórico da identidade galesa e mais na súa relación co ensino. Coa consolidación da colonización de Gales no século XIII pola mafia medieval inglés-normanda, o único camiño que lles quedaba aberto aos galeses cara ao poder era o do estudo. No XVI comezou a súa presenza no Jesus College de Oxford, o que asemade lles facía gañar influencia na corte dos Tudor en Londres. Na época moderna, as asociacións galesas de obreiros e mineiros, e as cotas que pagaban dos seus precarios soldos, permitiu a creación de escolas, sociedades, bolsas e bibliotecas. Si, as bibliotecas déronlles poder. Dos vales, das aldeas e das vilas puideron acceder á universidade galesa nas principais cidades, e despois xogar o seu papel na vida das Illas Británicas, e no mundo.
A cerimonia foi completamente bilingüe, variando harmoniosamente entre galés e inglés. Si, harmoniosamente. Con todo, e sen dúbida, o signo diferenciador de todo, o son que convertía nun conxuro aquel remate ritual dos estudos de tantos mozos, eran as palabras galesas que nos lembraban a todos que aquí reina outra identidade, que aquí reina outra tradición.

Alma galega

Hai pouco que me deixaron unha mensaxe neste blogue criticando que eu facía certas presuncións nun post sobre un programa da TVG polo feito de que o seu nome sería Tantarantán e dalgunha maneira xustificábanse as bondades do programa nun artigo que o condutor do programa,  Xosé Manuel Piñeiro escribira no xornal La Región no que explicaba que o nome tan curioso coincidía co dun tema de Xil Ríos.  Que Piñeiro defenda a nosa lingua ninguén o pode dubidar, que desapareceu da grella da galega tampouco ten dúbida, a miña suposición é que o primeiro feito é causa do segundo. Tamén é certo que eu non vin aínda ese programa, mais tamén é certo que se a miña hipótese é verdadeira Piñeiro non estaría tampouco en condicións de criticar o programa. Xa vou tendo ganas de ver o Tantarantán ese, aínda que eu sigo coa impresión de que non vai estar á altura dun presentador como Superpiñeiro.
A crítica á que me estou a referir tiña unha segunda parte. Eu non creo que  coa que si estou de acordo:
O certo é que se existe unha persoa que sempre se caracterizou por unha clara defensa non só da normalización do noso idioma senón da nosa terra en xeral foi o cantautor moañés Xil Ríos que, en sucesivas ocasións e por certas elites, foi relegado a un mero cantante folclórico, faltando así descaradamente á verdade pois quizais sexa un dos máis prolíficos compositores deste país se ao eido popular nos referimos: escomenzou con crítica social parello a Voces Ceibes e vén de sorprendernos cunha nunca vista mestura de sons caribeños e galegos nun máis que agardado "Son da Alma",

Eu non sabía como contestar a estas cuestións ata que vin en  Vieiros unha entrevista a Xil Ríos, que está precisamente de presentación dese novo traballo "Son da alma". Eu son da idea de que temos que reivindicar toda a música galega para construirmos o noso imaxinario colectivo que vai ser o que permita establecer os alicerces dunha verdadira normalización. Un caso moi claro é o de Ana Kiro, as súas cancións representaron durante moito tempo, e durante tempos moi malos, o sentir da alma galega. A música de Ana Kiro foi para moitos galegos o espello no que identificarse como tales. Efectivamente, debemos reivindicar os cantantes galegos (aclaro: os que cantan en galego), debemos reivindicar a Xil Ríos. Para dar un pequeno paso deixo aquí unha parte da entrevista que lle fixeron en Vieiros, e o vídeo de "Son da alma"

E nestes tempos de crise volve asomar esa vea reivindicativa...? Ademais a música é do mellor para espantar a crise, non é?
Home! Se ben por sorte todo cambiou, deixamos atrás unha ditadura e hai presións que desapareceron, a reivindicación non é menos necesaria. E a min aínda me gustaría dicir máis de catro cousas. Estáche falando un paisano que xa tivo que andar a labazadas con armadores, que ergueu a voz cando fixo falta. E cando un se bateu desde novo por uns ideais e puxo esperanzas nunha xente, cústalle ver cousas que están pasando. Non dou creto ao que fan e o que din algúns políticos e moitas veces decepciónante tamén as actitudes dalgúns sindicatos. Envelénome moito cando paro a pensar en cousas destas. Róeme por dentro. E que están pasando cousas... Miro cousas que non creo!
Ao fío diso... poucos músicos hai que poidan dicir que sexan protagonistas do que a sociedade asumiu como 'himno'. Pero alén do Xirarei e temas similares, se cadra os que o gran público coñece... serán algúns dos menos coñecidos aos que Xil Ríos lle garda un cariño especial...?
Claro, ás veces dáche un chisco de tristura que só parezan quedar na memoria pezas como o Xirarei ou Rapaciña bonita, Maruxiña... Son ás que máis doado fican na xente. Pero recoñezo que hai temas da miña época máis 'social' que son os que máis me emocionan. Pezas como 'Nosa Galiza', 'Aos meus amigos', tema que mesmo foi vetado pola TVE, 'Vello compañeiro', 'Mar adiante',
E sempre en galego, malia que por exemplo fixéronlle armar unha versión en castelán do 'Xirarei'. Pedíronlle moitas veces que cantase en castelán?
Pois si, sempre había sobre todo xente de fóra a quen lles gustaban as cancións pero tiña esa teima. Eu tiña que desculparme, porque o certo é que nunca tiven repertorio ningún en castelán. Si é certo que algunha vez saíu algún tema, caras B, en castelán, en realidade non as tiña incluídas no repertorio. En galego era o natural. Recordo por exemplo en Suíza unha xente que se me achegou e me felicitou e pediume que cantase algo en castelán. Foi conmovedor ver como lles gustaba a miña música, pero no tocante á lingua, simplemente non me saía e con moita diplomacia díxenlles que non podía ser. O meu repertorio sempre foi galego.