Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 11 de xullo de 2011

A nossa língua é mundial

por Manuel Miragaia Doldán no Galicia Hoxe:


Estes dias esta-se a celebrar na cidade de Santiago de Compostela o festival “A nossa língua é mundial”, organizado pela “Associaçom Galega da Língua” (AGAL), comemorando o 30º aniversário desta. Um conjunto de atos variados e de muito interesse, como lançamentos de livros, mesas redondas, projeções e concertos, houvo ao longo da semana. Hoje sábado organizou-se lá um jantar lusófono, composto com pratos representativos de vários países de expressão galego-portuguesa. Além disso, atividades para as crianças e espectáculo de dança e música brasileiras.
A AGAL, nascida o 9 de Junho de 1981, já leva três décadas de trabalho intenso para dignificar e desenvolver a variante galega e para reintegrá-la na língua comum galego-portuguesa, falada e escrita fora da Península também no gigantesco Brasil, em cinco estados africanos, no Timor Leste e em territórios da Índia e da China. Uma verdadeira língua con carácter internacional e mundial. A quinta do mundo pelo número de falantes.
Fruto de trinta anos do labor imprescindível do reintegracionismo organizado surgirom “O Portal Galego da Língua”, centos de livros, palestras e atos diversos, que ajudarom a que o reintegracionismo siga avançando, e não só entre os filólogos. A acertada política de abertura da actual directiva de AGAL fai que também se estenda cada vez mais aos seitores sociais galegos mais cultos e concienciados com os problemas da língua. Em 1981 principiava a súa vida, hoje já há máis entidades que a acompanham no achegamento à cultura e aos povos da Lusofonia, como a “Academia Galega da Língua Portuguesa”, o “Instituto Cultural Brasil-Galiza”, a “Asociação de Amizade Galiza-Portugal”, a “Fundaçom Meendinho” e numerosos centros sociais e culturais situados nas cidades e vilas galegas.
A nossa língua, que agromou entre a Ponta de Estaca de Bares e o rio Douro, à vez na Galiza lucense e na bracarense, dilatou-se posteriormente com as suas variantes por outros continentes. Os mais salientáveis intelectuais galegos, a partir do Resurgimento apalparon a proximidade linguística com Portugal e, por tanto, com as suas antigas colónias. Grandes vultos, como Murguia, Branhas, Curros, Pondal, Vilar Ponte, Viqueira, Castelao, Guerra da Cal e Carvalho Calero, manifestarom de maneira clara esta realidade comum.
Em tempos de retrocesso geral do Galego a proposta oficial pelo isolacionismo linguístico não constitue umha saída viável. Ao contrário, diminue o prestígio social da nossa língua, dificulta a sua conservação e o seu desenvolvimento, marginaliçando-a e reduzindo-a no contexto estatal e no nacional a uma condição minoritária. O reintegracionismo fica no presente como a única alternativa possível e otimista para os seus falantes.
A língua galego-portuguesa, além de para andarmos por casa, permite a comunicação com mais de 270 millões de pessoas de diferentes nações. É mais internacional que a maioria das existentes na Europa. Seria insensato pois que aquí, na Galiza, na sua pátria primigénia, a deixásemos morrer, quando é tão rica, serve para qualquer uso e nos abre ao mundo.

En galego desde Alemaña

Despois de levar só catro meses estudando galego, así fala Rosmarie Fuchs, estudante de tradución en Leipzig. Porén haiche moita xentiña por Galicia adiante que despois de toda unha vida aínda presume da súa iñorancia, e sobre todo, da súa zunia, orgullosos de non falaren nunca en galego.



Outro vídeo moi semellante é o protagonizado por Katja. (tamén en eufalo.tv)

domingo, 10 de xullo de 2011

A apocalipse da lingua

por Xavier Gómez Guinovart en Terra e Tempo:

Talvez fose unha casualidade do destino que, o mesmo día no que se anunciaba o peche deGalicia Hoxe por falta de axudas institucionais, se publicase en La Voz de Galicia unha entrevista na que o actual secretario xeral de Política Lingüística expresaba con convencemento que o galego "está nunha situación boa" e que quen diga que o galego é unha lingua en retroceso está a utilizar un "discurso apocalíptico". Esta coincidencia mediática non pasaría de ser un sarcasmo casual e de mal gusto, se non fose porque a entrevista foi publicada precisamente nun xornal propiedade dun grupo empresarial que recibe un trato preferente (máis de 285.000 euros nos últimos catro meses) nas xenerosas contratacións sen concurso outorgadas a dedo pola Xunta de Galicia. 

É ben sabido nos estudos de sociolingüística que a presenza dunha lingua nos medios de comunicación constitúe un factor clave na normalización lingüística dun idioma, un indicador da súa vitalidade lingüística. Nos dous anos da política lingüística do Goberno de Feixóo, a falta de apoio institucional aos medios en galego auspiciou o peche de Vieiros, o xornal dixital máis importante na nosa lingua, despois de 15 anos de andaina na rede; tamén desapareceu pola mesma razón o semanal histórico A Nosa Terra en papel, con máis dun século de historia; e finalmente tamén tivo que pechar polo mesmo motivo o último xornal de venda nos quioscos, Galicia Hoxe. Porén, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, aprobada unanimemente no seu momento por todos os partidos políticos parlamentarios e aínda vixente, nos artigos 18 e 19 do seu título IV estabelece taxativamente que "o galego será a lingua usual nas emisoras de radio e televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos á xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma" e que "o goberno galego prestará apoio económico e material ós medios de comunicación non incluídos no artigo anterior que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo". Obviamente, o goberno actual da Xunta, e nomeadamente os responsábeis da súa política lingüística, fan desta lei un pandeiro, sendo contraria á súa ideoloxía e aos seus obxectivos.

E non será por falta de cartos. Mentres a Xunta de Feixóo recorta as subvencións para o galego (para os medios en galego, para as traducións en galego, para o promoción da lingua galega nas escolas, para as industrias culturais...), ao mesmo tempo, por exemplo, dilapida catro millóns de euros na cobertura da visita do Papa a Galicia e 468.000 euros en dous anos para retransmitir a misa dominical pola televisión pública. Cuestión de fe, supoño. Amén.

Debemos concluír, logo, que a eliminación das subvencións institucionais aos medios xornalísticos en galego, ás traducións en galego e aos proxectos de fomento da lingua galega nos centros escolares non ten unha motivación económica, senón ideolóxica. Os seus obxectivos lingüicidas encádranse nunha acción de goberno perfectamente deseñada e dirixida á devastación da lingua propia, nun perverso plan de enxeñaría lingüística social que ten como fitos a supresión do exame obrigatorio en galego nas oposicións á función pública, a cancelación das galescolas e o funesto decreto sobre o uso das linguas na ensino, por culpa do cal o 90% dos nenos nas cidades son escolarizados en español, menos dun 25% das aulas son impartidas en galego, desaparece o galego da educación infantil, e se estabelece a prohibición de impartir en galego as materias de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química. 

Minorizar o galego, afastalo da tecnoloxía, facelo innecesario, illalo nun recuncho de usos rituais e culturetas separado da sociedade, alimentar o autoodio, afondar na ruptura da súa trasmisión lingüística interxeracional, evitar a súa internacionalización: velaí a verdadeira política lingüística do PP que fai do esencialismo español imperialista, lingüicida e católico o seu estandarte. Polo ben deste país e da súa cultura, e mais polo ben da Humanidade e a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística, debemos evitar que o logren. Cando unha lingua morre, morre unha identidade colectiva, morre unha cultura, morre unha visión única do mundo. Un pobo que renuncia á súa lingua perde a súa dignidade. De acordo, non é a apocalipse... pero a algúns dóenos.

Códice Calixtino: oh!!

por Francisco Rodríguez en Terra e Tempo:

A existencia do Códice Calixtino, como todo o patrimonio histórico-cultural, material ou inmaterial, de Galiza, foi descoñecido, ignorado ou menosprezado pola inmensa maioría dos galegos e galegas. Así adoita pasar en toda colonia que o é sen recoñecelo. O seu recente e estrafalario roubo veu impactar mediaticamente na sociedade galega, como unha sorpresa de pasmo e admiración, á vista de que voces autorizadas e oficiais subliñaron, compunxidas, a importancia desta xoia da literatura medieval en lingua latina e do seu exemplar máis antigo depositado no Arquivo da Catedral de Santiago. Certamente contén prodixiosa información histórica, relixiosa, musical, poética, artística, social e mesmo económica sobre o século XII na Galiza e na Europa.

Bebamos na súa fonte. Tiremos do libro información. Por exemplo, Viseu, Lamego, Coimbra, Lugo, Ourense, Iria, Tui, Mondoñedo, Braga, Guimarâes, Coruña e Compostela son consideradas todas elas cidades galegas. En contraste, cando enumera outras de distintos puntos da Península que non son a Galiza histórica, denomínaas españolas. Alguén murmurará: que disparate! Para o autor ou autores do texto, seguramente da Galia, os galegos acomódanse máis perfectamente ao seu pobo galo, que os demais pobos da Península, aos que considera de atrasados costumes. Outro rosmará: que barbaridade! Atribúense ao Papa Calixto II palabras que sitúan a Galiza no mesmo campo e categoría semántica que Franza, Alemaña, Italia, Hungría ou Dacia (Romenia). Un terceiro explotará: que esaxeración!!! Afonso VII é denominado emperador de España e de Galiza. Digo eu que ben o sabería o Papa Calixto, irmán e curmán, respectivamente, dos condes Raimundo e Henrique, gobernadores consortes da Galiza histórica, por seren xenros de Afonso VI. Raimundo e Urraca eran o pai e a nai do futuro emperador, nado en Caldas de Reis, coroado por vez primeira na catedral de Santiago. Nin disparates, nin barbaridades, nin esaxeracións. Simplemente, consideracións e observacións conforme á realidade daquel tempo e o noso papel, non precisamente marxinal. En fin, para o Códice Calixtino Galiza é sempre a nación, a terra, o pobo, entre outras moitas e moitos europeos que tamén se nomean. Curiosidade: a sidra era entón a nosa bebida nacional por excelencia...
Felizmente, malia espolios sen miramentos, a Basílica Compostelá posuía até agora o máis antigo e valioso manuscrito desta composición do século XII. Era un dos Códices máis preciosos de toda Europa. A maior proba de desprezo real por esta xoia é a ignorancia sobre o seu contido, a desconsideración oficial polo que di. Esta ignorancia e descoñecemento, que nos consume, é a que alimentan precisamente os que nos abafan continuamente con cantos sobre a nosa españolidade. Así sempre desaparece a nosa historia, o noso papel na Península e no mundo, malia a contundencia das probas. A nosa condición de galegos e galegas nunca acada categoría política de seu nen relevancia como colectividade ou pobo. A información do Códice Calixtino é xustamente a que se agocha no sistema educativo, nos medios de comunicación. É a que se censura para construír unha conciencia social manipulada e servil. Por que Galiza non figura na historia medieval oficial e escolar coa relevancia e o papel que o Calixtino revela? Por que tanta censura e desprezo destinados a eliminarnos como pobo, nación ou terra con historia e tradición relevantes?

O espectáculo mediático prefire centrarse no caso como o dun outro roubo dunha xoia cultural de grande, incalculábel, valor monetario. Intentan centrar a atención social na investigación policial, learnos nun suspense con morbo paifoco e estrambótico. Postos a ser estrafalarios, adianto a miña sospeita de que o Códice aterrará misteriosamente no Vaticano. O furto podería ser obra do Espírito Santo inspirado polos ciumes de Roma por Compostela posuír un exemplar de maior valor. Non é broma, trátase de obra atribuída a un Papa e pode ser que, polos corredores vaticanos, aínda resoe a competencia, de todo tipo, que representaba Santiago en tempos remotos. El será tamén que repararían na incautación perante o hipotético, pero real, perigo de que, inspirándose no Códice, o pobo galego pretenda asumir identidade, carácter e vontade? Esta hipótese goréntame máis. Como lles dixen, o roubo material engádese ao perpetrado, desde hai séculos, sobre a historia que contén. Quen a furtou? Con expresión inmaterial, pero de base material agresiva, digamos que a españolidade, á que serven e adulan moitos galegos e galegas renegados, que van de cultos. Fagamos que o impacto informativo redunde no esforzo colectivo por recuperar con incidencia e forza social a historia que nos negan. Galiza necesítao. 

Unha mentira destapa a outra

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) en colaboración coa Consellería de Educación o día 5 deste mes de xullo divulgan unha mentira cando explica que se vai reunir co comité de expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias co obxectivo exclusivo de avaliar a política lingüística do  trienio 2006-2009. A insistencia das notas enviadas desde os organismos oficiais é abrumadora. Na información emitida pola Xunta aparece repetido catro veces, unha delas destacada nos subtítulos, que o que se vai tratar nesa reunión é a avalaición da aplicación da CELRM no trienio 2006-2009 e por se isto non fora suficiente engádense dúas declaracións do Conselleiro Jesús Vázquez que en aproximadamente medio minuto volve a repetir outras dúas veces que na reunión co CELRM se faría un seguimento da política lingüística do anterior goberno da Xunta. A noticia é reproducida nos medios tal e como foi emitida desde as institucións. Así o Xornal titula 'A Xunta terá que defender a política lingüística do bipartito ante Europa'.
Se non fose porque os expertos tamén se entrevistaron con diversos defensores da lingua que representaban a colectivos tales como Queremos Galego, A Mesa, a CGENDL, PROLINGUA,... a cousa quedaría aquí pois a mentira argallada polo goberno xa fora espallada polos medios.
Ao día seguinte desde a Xunta  volven a emitir unha nota na que corrixen por completo o día anterior. Xa non se trata de avaliar a política lingüística do bipartito, agora o que se procura é xustificar a funesta política lingüística do goberno Feijoo. As xustificacións sons penosas e causarían vergonza allea se os autores das mesmas non merecesen outra cousa que todo o noso desprezo. Comentan que 'explicaron que o Goberno galego segue implicado na protección e na normalización do uso da lingua nos ámbitos da administración e da xustiza' con accións tales como a aplicación do programa Minerva Nox exclusivamente en castelán, as ameazas da derrogación da Lei de Normalización Lingüística ou o envío de cartas aos concellos indicando 
En segundo lugar minten cando afirman que  'función pública a Xunta mantén a obrigatoriedade de acreditar o coñecemento do galego' pois a primeira medida tomada por este goberno foi eliminar precisamente este requisito reformando a lei de acceso á función pública.
Comentando que no ensino obrigatorio 'garántese a adquisición dunha competencia en igualdade nos dous idiomas oficiais de Galicia' e pretenden esquivar a exhaustiva crítica feita polo informe da CGENDL; vergoñento. 
Lendo con algo de vagar a segunda nota da Consellería que se comenta aquí temos a mostra máis clara da forma de mentir que ten o goberno que sufrimos. De seguir polo camiño das mentiras, a onde chegaremos?

sábado, 9 de xullo de 2011

O códice que?

por Xosé Manuel Pereiro nun magnífico artigo que publicou no Faro de Vigo:

Nin o columnista máis despiadado e correúdo se resistiría a entrar no tema do roubo (ben, foi furto, que máis ten) do Liber Sancti Iacobi, o chamado Códice Calixtino polo costume medieval de atribuírllo a unha personalidade, antecedente da actual de encargarlle un prólogo. Así que eu tampouco me resisto, pero non para sumarme ao coro xeneralizado de lamentos. Non, non é que me alegre, por suposto, pero a) non sei de que nos estrañamos, b) non roubaron un libro, roubaron un obxecto orixinal, pero o libro queda, e –sobre todo– c) parece un pouco hipócrita lamentar o que Ramón Villares chama atinadamente "a partida de bautismo de Galicia como nación cultural en Europa", cando boa parte dos lamentantes se aplican a eliminar ou a ningunear, por pasiva ou por moi activa, os outros elementos que nos identifican como pobo.
O de que non sei por que nos estrañamos vai porque, igual que o libro patrocinado polo papa Calixto II, hai unha chea de tesouros máis ou menos a disposición de quen os queira, por falta de medios e por sobra de desidia. Aínda que a vida, e sobre todo o cine, nos ten demostrado que meténdolle ganas case sempre se pode roubar calquera cousa, o certo é que a inmensa maioría das subtraccións de obxectos artísticos fanse cando as medidas de seguridade son ben máis reducidas para o que gardan. E a Igrexa Católica, depositaria dunha chea de tesouros que son patrimonio de toda a sociedade, ten unha longa experiencia de fracasos á hora de gardalos, desde a venda feita por algúns párrocos, ata os espolios ao que son sometidas moitas igrexas desprotexidas. E outra igual de longa de pedir a colaboración da sociedade, pero non de corresponder a esa axuda. Parece lóxico que o Códice Calixtino estea onde estaba, e non alleado na Biblioteca Nacional de Madrid (onde tamén roubaron cousas hai ben pouco), pero sempre que teña unhas medidas de seguridade determinadas por expertos.
E roubáronnos un obxecto e non un libro porque, afortunadamente, como descubriu Gutenberg tres séculos despois e relatou maxistralmente Borges oito séculos máis tarde, un libro pódese facer eterno e repetir ata o infinito. Nese sentido, pódese reprobar que non esixiran máis por conservalo a todos os responsables da nosa cultura desde que teñen responsabilidades políticas, incluído ao actual, pero a este haille que agradecer o feito de que se teña traducido ao noso idioma de hoxe, e difundido. Ese é o seu maior –e polo que se ve, o único– seguro. O Códice Calixtino desapareceu, pero non o seu contido, que é o auténtico tesouro, sen desprezar ao outro. É máis, a ver se co rebumbio da perda do obxecto se difunde o seu valor sociocultural: a descrición da Compostela que estaba a nacer, o camiño transeuropeo que chegaba a ela e o feito de que no século XII xa había galegos (e navarros, e vascos, e casteláns, e leoneses), pero nin traza deses españois que segundo a historia que nos ensinaron, e agora parece que volve, parece que existían desde que a Adán e a Eva se lles acabou o aluguer do Paraíso. É dicir, a ver se se aproveita o ruído mediático do roubo para explicar por que temos que lamentar a súa perda, porque tal e como reaccionan algúns, parece que é unha mágoa que non estivera asegurado para cobrar o seguro e dedicar os cartos a algo útil, como carreteras. Que non teña que queimarse a Capela Real da catedral de Santiago para que teñamos que saber que os que están alí sepultados eran reis de Galicia.
E iso nos leva a c). Moito lamento por algo que –confiemos– se pode recuperar, cando hai moitos patrimonios en perigo, sobre todo polo propio desprezo de quen os tiña que gardar. Empezando polo idioma. 

Un blogue de compromiso co galego

Vivir o galego, vivir en galego é un blogue creado por Filipe Díez  que nos ofrece a posibilidade de asinar un compromiso pola lingua en 10 puntos. Segundo o seu creador preténdese visibilizar a existencia dun grupo que se compromete coa lingua o suficientemente importante que 'queremos ter voz pública, no ámbito da comunicación pero tamén no da economía, o comercio, a publicidade... E estamos dispostos a tomar unha actitude individual e colectiva para conseguilo.'
Na ligazón pódese consultar o blogue, mais vou destacar un dos puntos que, aínda que redactado en negativo, ben podería ser unha do o que Descartes chamaba regras para dirección do espíritu.
Non consumir medios de comunicación que teñen unha liña editorial agresiva cara ao galego.

Cultura galega en castelán

por Cris Moss, no Xornal:
A promoción da cultura non sempre é fundamental para os políticos, pero nestes tempos tras as eleccións os novos concelleiros intentan dar pulo aos artistas galegos para ocuparse de temas felices antes de comezar cos recortes. É o caso do edil de Cultura en Santiago, Ángel Currás, que hai uns días inaugurou unha exposición.
O popular achegouse á sala de exposicións Zona C, anexa ao convento de San Domingos de Bonaval e creada polo anterior goberno local de Compostela como espazo para amosar o traballo dos creadores novos e modernos da comunidade, para inaugurar unha mostra do artista galego Iván Prieto.
En contra da lóxica que imporía o galego como lingua oficial nun acto cultural en Santiago para dar a coñecer a un creador da terra, Currás presentou a exposición en castelán, o que molestou a algúns representantes da oposición. Será que o PP de Gerardo Conde Roa non está convencido do potencial da cultura en galego?

venres, 8 de xullo de 2011

Escolma de informacións sobre as reunións cos expertos do CERLM

Jesús Vázquez, conselleiro de educación, Anxo Lorenzo, secretario xeral de política lingüística, Valentina Formoso, cooridnadora da CGENDL, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, Manuel González González como representante da RAG, Luís Villares, xuiz, Mariló Canedo, presidenta de Nova Escola Galega, Rafael Adán da Asociación Xarmenta do Bierzo,  Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas, Enrique Costas, de PROLINGUA, a profesora da USC Alba Nogueira e a escritora e sindicalista da CIG-ensino Marta Dacosta. Todos eles entrevistáronse co Comité de Expertos do Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ben, os dous primeiros non aparecen na foto cos demais; algo farían.
Vai unha escolma de informacións sobre o asunto:
O Goberno galego reunirase co Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, na SXPL o 05/07/2011
Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo explicaranlle ó Comité de de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais a situación do galego, no Galicia Hoxe o 05/07/2011
Unha delegación da Mesa e Queremos Galego entrevistarase mañá en Madrid co Comité de Expertos que avalía a Carta Europea da Lingua, pola Mesa o 05/07/2011
A Xunta de Galicia cumpre a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, a SXPL o 06/07/2011
A Xunta di cumprir a Carta Europea das Linguas per non di como, no Xornal o 07/07/2011Queremos 
Achegas sobre a situación do galego no ámbito educativo, informe da CEGENDL do 06/07/2011
O Consello de Europa, as mentiras da Xunta e os nosos dereitos, no blogue de Carlos Callón o 06/07/2011
Política Lingüística cos deberes por facer, n´A Nosa Terra o 07/07/2011
A Xunta terá que defender a política lingüísitca do bipartito frente a Europa, no Xornal o 07/07/2011
Queremos Galego denuncia que o goberno de Feijóo pretende desmantelar a oficialidade da nosa lingua, en Avantar, xornal dixital da CIG.
Nota de prensa da CGENDL sobre o informe presentado á CERLM, o 07/07/2011
Expertos europeos comproban "a deriva" do galego co PP na Xunta, no Xornal o 07/07/2011
Dous anos de grave retroceso dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, documento base presentado por PROLINGUA ante a CELRM
Cúmprese en Galiza a Carta Europea das Linguas?, no blogue de Carlos Callón o 07/07/2011
Asociacións galegas denuncian "pasos atrás gravísimos" no cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais, no Galicia Hoxe o 07/07/2011
P.S.: 
Basaguren: "Hai máis paz lingüística no País Vasco que en Galicia", entrevista a un dos compoñentes do Comité de Expertos do CELRM no Xornal o 10/07/2011

xoves, 7 de xullo de 2011

Entre sociópatas desnortados (o caso de Galicia Hoxe)

por Miguel Anxo Fernán Vello, desde o seu Caderno Aberto, sección que mantiña no Galicia Hoxe:


Remataba eu o que acabaría sendo o meu derradeiro artigo en Galicia Hoxe (o artigo número 2.081 dun Caderno Aberto agora xa pechado) dando conta de que o espírito etnocida imposto sobre nós renovaba todos os días, por activa ou por pasiva, o “meu (noso) parte de desaparición”. E esas palabras, ao meu ver, plenamente vixentes e oportunas ecoaron en min ao día seguinte cando tiven noticia directa —golpe xeado de machada— da desaparición de Galicia Hoxe, “único diario en galego”. Vaia aquí, en primeiro lugar, a miña solidariedade e todo o meu afecto persoal cara aos xornalistas, homes e mulleres, que conformaban unha equipa de gran nivel profesional, humano e xornalístico, e vaia tamén nestas liñas o meu agradecemento a Caetano Díaz e a Xosé Manuel Rey Nóvoa, que me permitiron levar a cabo en Galicia Hoxe unha importante experiencia profesional como articulista (exactamente dende o 13 de xuño de 2003 até hoxe), fundamental para min na miña formación como xornalista de opinión e no meu ánimo literario en xeral. Sempre lles estarei agradecido.
Galicia Hoxe foi ao mesmo tempo, para min, un soño e unha realidade, e esa realidade, fermosa no seu deseño formal e recoñecíbel tamén na calidade da súa Redacción, acabou sendo borrada do mapa, que ninguén se engane, tanto pola acción de costas viradas da inmensa maioría dos lectores galeguistas e nacionalistas como polo odio etnocida contra a lingua galega presente no Goberno da Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo. Só unha caste de activa frialdade política e de activo antihumanismo propio de sociópatas explica o asasinato “a sangue frío” (así mesmo falou Caetano Díaz) dun xornal diario, único en galego, que constituía, en tanto medio de comunicación —róubolle agora as palabras, resituándoas, á Real Academia Galega—, o máis importante “elemento basilar no uso público dunha lingua”, porque “a historia da normalización do galego a través dos xornais ofrécenos unha cartografía na que nos situar no mundo” e porque os medios de comunicación son un “baremo decisivo para medir o estado xeral dunha sociedade, do seu apagamento ou da saída á luz”.
Eu non quero, amigas e amigos, deixarme levar por ese tipo de pesimismo que mira aos pés, porque prefiro mirar aos ollos (Chesterton), mais o certo é que coa desaparición de Galicia Hoxe a sociedade galega experimenta un “apagamento” (velaí tamén os casos de Vieiros, A Peneira e A Nosa Terra, entre outros); un apagamento que, aos poucos, cega todo camiño para un tipo de optimismo (outravolta Chesterton) que trate de “estrañarse do mal”. Porque no caso de Galicia Hoxe —2.943 números editados e máis de 130.000 páxinas escritas todas elas en galego— o mal non está só representado pola brigada de demolición feijooniana (a alma cívica e política de Galicia nunca llo perdoará) senón tamén polo desleixo, a neglixencia e o desinterese da maioría do nacionalismo cultural e político galego, fragmentado, enfrascado, desnortado, atomizado, sectarizado. Talvez sexa este, se non o corriximos, o noso máis triste fado.

Informe da CGENDL sobre a situación do galego no ensino

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística presentoulle ao comité de expertos da CELRM (Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias) un informe no que denuncia a situación da lingua no ensino sobre todo a raiz da aprobación do funesto decreto 79/2010, chamado de plurilingüismo, e que en realidade é de redución efectiva do uso da lingua galega. Outros aspectos que se critican desde a CGENDL é a aniquilación das liñas de galego, das Galescolas, as facilidades para obter exencións de galego na escola e na selectividade, a falta de apoio á edición en galego coa inmedita consecuencia da desaparición de múltiples recursos educativos na nosa lingua, a eliminación da obrigatoriedade do coñecemento do galego para o ingreso ao funcionariado, a redución -exclusión en ocasións- do uso do galego como lingua da administración, a eliminación do galego nas novas tecnoloxías, o uso do plan Abalar para facer aínda máis abafante a presencia do castelán fonte de recursos educativos, a retirada dos portais da Xunta de materiais educativos en galego, recortes orzamentarios para os equipos de normalización, en defitinitva, procurouse 'a eliminación de calquera iniciativa de "discriminación positiva" para o 
galego' para o que se parte do 'imcumprimento dos compromisos unánimes do Parlamento Galego  recollidos no Plan Xeral da Lingua Galega de 2004 e adóptanse medidas como permitir que os pais e nais decidan a lingua ou asegurar que o  galego nunca supere o castelán na carga lectiva, 
feito que redunda na discriminación histórica que sufriu o galego no ensino'.
Por se o queredes ler enteiro, déixovolo por aquí, paga a pena.
CGENDL_CELRM Achegas sobre a situación do galego no ámbito educativo_6_xullo_2011

mércores, 6 de xullo de 2011

A Estrada digital

Curioso cartel que podemos ver estes días polas rúas d´A Estrada e impropio dun concello con iniciativas que demostran respecto pola lingua como os premios San Matiño á normalización ou o García Barros de literatura.

150 anos de normalización lingüística

por Ermitas Valencia Romar, en Terra e Tempo:

O pasado sábado conmemorouse na Coruña o 150 aniversario dos primeiros Xogos Florais. O 2 de xullo de 1861, o máis lúcido do pobo da Coruña reuníase no Teatro Rosalía de Castro (en aqueles anos Teatro Principal), para procurar resucitar a nosa literatura, o orgullo pola nosa lingua e sobre todo, para afirmar que Galiza é unha nación, como xa defendían.

Un acontecemento que foi moito máis alá do seu carácter literario, xa que quixo espertar o sentimento galego, promover o ideario nacionalista e, nun terceiro lugar, a caridade.

Seguindo a filosofía dos Xogos Florais de 1859 en Barcelona, pensaron que chegara a hora de dar a coñecer, a través dun medio semellante, o feito de termos unha literatura propia, reflexo dunha realidade que aspiraba a afirmar a nosa identidade como nación.

E os primeiros Xogos Florais foron posíbeis grazas ás ideas avanzadas de José Pascual López Cortón, un adiñeirado indiano, que fixera fortuna en Porto Rico "amante de las letras y de los adelantos de su patria, Galicia", como el mesmo se describía, e que foi o mecenas do evento que xa daquela levaban tempo organizando os irmáns Antonio e Francisco María de la Iglesia. López Cortón co seu apoio posibilitou non só a realización dos Xogos, senón tamén a edición de todos os traballos premiados, entre os que se atopaban Francisco Añón (único traballo premiado en galego) ou Benito Vicetto. Engadiríanlle ademais por petición do mecenas o que eles chamaron "Mosaico de nuestros vates gallegos contemporáneos" nos que se recolleu a obra de Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Pastor Díaz, Pondal, Marcial Valladares, .... , que se daría en chamar  "Album de la Caridad". Este nome fai referencia á amizade que Cortón tiña con Juana de Vega, polo que os beneficios da venda do Álbum serían para o Asilo da Coruña.

A súa volta a Galiza, López Cortón casa con Julia Viqueira Flores-Calderón, que estaba emparetada con un dos constitucionalistas que se sublevaran con Torrijos. Tiveron un fillo, Xosé, e duas fillas Luisa, que sería nai de Xoán Vicente Viqueira, e Carme, que casaría con Manuel Bartolomé Cossío, un dos fundadores da "Institución Libre de Enseñanza".

A López Cortón tamén lle debemos a existencia da Quinta de San Victorio ou como é coñecida aínda popularmente Casa Cortón en Vixoi, no Concello de Bergondo. Este antigo pazo que Cortón rehabilita tería unha longa historia unida ao mundo progresista e liberal da segunda parte do século XIX e principios do XX. Nel meditou  Emilio Castelar as súas ideas para o prólogo de Follas Novas,  e pasaban o verán Cossío, Giner de los Ríos ou Alberto Jiménez Frau, director da "Residencia de Estudiantes", ademais de ser a residencia principal de Xoan Vicente Viqueira.

O "Mosaico", do que foi responsábel Antonio de la Iglesia, secretario do Consistorio dos Xogos e verdadeiro promotor dos mesmos, é unha desordenada antoloxía, a primeira en publicarse da poesía galega que se escribe a partir do movemento restaurador iniciado no século XIX. A intención de Antonio de la Iglesia ao promover a celebración dos Xogos era impulsar a lingua galega, aínda que el mesmo recoñece non estar en condicións de impor o galego como única lingua para os traballos presentados.

Os Xogos Florais tardarían aínda 30 anos en ter o galego como lingua exclusiva (Xogos Florais de Tui de 1891). A aquela altura, a inmensa maioría dos galegos e das galegas que podían ter interese pola letras consideraban a literatura en español como a súa literatura propia. Sacando a entusiasta minoría de intelectuais que viñan loitando romanticamente pola normalización da literatura galega, existía unha masa de opinión ilustrada que tería oposto unha resistencia invencíbel a calquera acontecemento literario que supuxese a exclusión da lingua castelá. O propio Cortón só escribía en castelán e  Antonio de la Iglesia redactou en castelán  a memoria dos Xogos, afirmando en aquel momento que, "a sociedade galega non estaba mentalizada para recibir como cousa normal a oratoria académica en galego".

Así, o posibilista Antonio de la Iglesia determinou o bilingüismo do "Álbum de la Caridad", no que introduciu un cento de obras poéticas en galego que non poderían reunirse e lerse en conxunto noutras circunstancias.

O "Mosaico" recolle 97 obras en galego ao que temos que engadir o accesit que conseguiría Añón. Os traballos en prosa premiados están todos en castelán.

A resposta dos concursantes ao reto das "Bases do certame" demostra a pouca sintonía que existía entre os organizadores e os concursantes. As bases só esixían como única lingua a galega para as composicións poéticas que desenvolveran o tema "A Galicia". Para os outros premios, podíase usar indistintamente o galego ou o castelán. Todos os premiados foron obras en castelán excepto para a que era condición o uso do galego e que gañaría Francisco Añón.

O interese por que o Álbum incluíse toda a obra en galego posíbel, levounos a engadir traballos cando xa estaba avanzada a impresión, e deste xeito tamén, compensar o grande número de traballos presentados en lingua española.

Penso que non debemos deixar pasar a oportunidade de conmemorar 150 anos de traballos pola normalización da nosa lingua, xa que, só mirando con perspectiva o pasado e coñecendo a nosa historia, poderemos avanzar nun futuro que Galiza merece.

Faltos de empatía lingüística

por Alba López Sánchez, no dixital Galicia Hoxe:

A última nova do peche do único diario en galego amosa a triste realidade: a preparación premeditada do cadaleito da nosa lingua e cultura. Non podo negar que houbo bágoas escorregándome polas fazulas, caladiñas, caendo ao ver coma permitimos una persecución cultural executada dende as alturas de quen non pode ver máis que o seu embigo e agochada baixo números que xustifican agora calquera acto humano. Números somos e coma números finaremos, rematará sendo o refrán, senón tempo ao tempo…
Hoxe estou certa de que é a sociedade galega a culpábel da sentencia de morte mais a sociedade global ten tamén a súa parte e nela destaca o estado español.
Benquerid@s amig@s, non vos pido que cheguedes a comprender a frustración que sinto cando non atopo con quen falar esta fala melosiña; sei que é moi difícil, mais o que si vos pido é un intre para mergullarnos nun exercicio de empatía. Procurade por un segundiño poñervos no lugar dun falante dunha lingua minoritaria no seu territorio, quen gustaría de educar aos fillos na lingua na que sinte ou na que fala automaticamente ao espertar ás mañás, ou simplemente desexaría poder ler o xornal no mesmo idioma co que conversa coa libreira. E non pode. Somos bilingües si, mais queremos ter a oportunidade de escoller e a maioría está a esmagar ao pequecho, que coma case nin se lle ve, pois písaselle sen querer.
Non se trata de que a nosa cultura teña que converterse nunha cultura subvencionada, mais ás minorías, ao igual que ás especies en extinción hai que coidalas. Ou non coidamos ao lince ibérico da súa extinción? Pois iso, que aos galego-falantes ante a agresividade da administración coa súa política en contra de todo o que cheire a galego converterannos pronto nunha reserva se vós -- nalgúns casos plurilingües, mais pode que non en moitos coa vosa lingua coma idioma minoritario-- non nos axudades nesta terrible situación e na escuridade que nos agarda; estou certa de tedes parte desa chave que pode facer que a nosa historia lingüística non morra agora.
Co voso respecto, apoio e agarimo á nosa lingua e por engadido a nós e á nosa cultura poderemos xuntos desprestixiar a quen nos quere vender a idea de que no meu país politizase o idioma, mentindo ao dicir que intenta impoñerse ao castelán. Poderemos frear a manipulación de quen pretende xerar un conflito entre nós aludindo a que a presenza e avance de falantes doutros idiomas do estado español poñen en perigo ao castelán e por engadido á “unidade nacional”
Así que “meus”, dende a emigración “voluntaria” na que me atopo, sinto que coa escusa de solucións a unha crise económica estamos permitindo que se xenere unha crise cultural e humana sen precedentes. E as minorías entorpecen xa que son máis difíciles de controlar e de manipular; e as súas voces, a pesar de berrar, máis difíciles de escoitar. Ante a obvia pregunta de porqué nós, o pobo galego o permite, só a socioloxía o pode saber e eu non son físico (di o dito...) A nosa historia está marcada por un auto-odio incomprensíbel, séculos de desprestixio e sobre todo de emigración, ao igual que lle aconteceu ao pobo irlandés no XIX e a case práctica desaparición do gaélico; e porque a nosa fala sobreviviu no exilio moitos anos. A historia dun pobo determina o xeito no que afrontar un conflito e por desgraza a nosa fainos máis caladiños que outros pobos con idiomas tamén en dificultades.
Por todo isto, rógovos que asumades a nosa indignación e preocupación ante esta persecución cultural programada que estamos a sufrir, como a vosa tamén, porque senón, chegará un día no que tanto dará irse de viños polo Orzán que por Lavapiés en Madrid, ou o mesmo será bañarse na praia de Ortigueira que na praia da Concha en Donosti. Tod@s teremos a mesma cultura e idioma (pode que o inglés) e o galego estudarase coma agora se estuda ol latín. Espero morrer antes que ver iso. Agardemos que non. Toca madeira!
Polo dereito a vivir en galego.
Saúdos a apertas dende Weimar (Alemaña). 

martes, 5 de xullo de 2011

Ramón Lorenzo: 'A batalla do galego gáñase no ensino'

Ramón Lorenzo, filólogo, investigador da USC, académico da RAG é entrevistado por Xosé González Martínez ao pé do Castelo de Soutomaior para a canle de televisión de Galeguizar Galicia pouco despois de que Lorenzo recibira o premio Trasalba deste ano. Na entrevista trátase sobre a situación actual da lingua galega e o seu futuro.

“Daquelas que cantan as Pombas i as Frores...”

por Iria Salvande Lorenzo, en Terra e Tempo:

A sociedade Galega actual non pode nin debe seguir ocultando conscientemente o papel da muller na nosa cultura; ou é que as galegas non teñen méritos e calidade suficientes para poder estar na RAG? Tendo en conta que neste momento de 30 membros, só 4 son mulleres, sorprende e resulta rechamante a case nula presenza do xénero feminino.  O que subxace baixo todo isto é que por moito que falemos de igualdade, de listas paritarias ou cremalleira, o certo, o realmente certo, e por tanto dramático, é que ese discurso non está interiorizado, senón que é un brinde o sol. Un anuncio cara a galería. A nosa sociedade non pode nin debe permitirse o luxo de que  unha boa parte da nosa literatura non este presente nin representada  nas institucións.

Fagámonos unha pregunta. Sería posible a existencia dun organismo coma a Real Academia Galega onde non estivesen presentes os nosos autores ou se estivesen estarían tan infimamente representados coma o son na actualidade as nosas escritoras? Non estaremos a asistir, de maneira velada,  ao debate de que a literatura escrita por mulleres carece da calidade suficiente? Estaría presente Rosalía cunha cadeira nesta RAG?. 

Nestes últimos tempos estamos a vivir, iso si, sen a grande atención  mediatica, un retroceso maior no que se refire os dereitos das mulleres. Desta maneira non podemos deixar de lembrar a nova lei de Familia aprobada recentemente no Hórreo. Unha lei lesiva e que ataca fundamentalmente os dereitos das mulleres. Así asistimos con perplexidade a esta volta ao modelo de familia tradicional, así non seu titulo xa a maneira de declaración de intencións falase da lei de Familia, non da lei das familias, porque non esquezamos que para o goberno do Partido Popular só existe un modelo, a familia católica, apostólica e románica.

De maneira que vemos como non hai moito tempo nunha comunidade Autónoma gobernada polo PP, negóuselle o dereito a unha muller a acceder a unha inseminación artificial por carecer de parella masculina. Ese é o modelo e ese é o camiño polo  este partido quere que transite a muller.

Hoxe máis que nunca venme a cabeza aquela vella, e non deostada, reivindicación do momento Feminista: "Sexualidade non é maternidade. Parir non é o destino da muller". 

Galiza e o Panteón

por Ana Pontón, n´A Nosa Terra:


Os símbolos son importantes para calquera pobo. Moito máis para aqueles negados e sen institucións soberanas que actúen de marco referencial e protector da identidade colectiva, como é o caso galego. Hai quen intenta destruílos e debilitalos baixo argumento de seren creacións humanas, forzadas por conceptos políticos. Mais son postulados que caen polo seu propio peso, xa que estas son condicións inherentes á nosa propia natureza. Non hai símbolo de ningún Estado ou nación que non teña tras de si esa condición de ser un feito social.
Galiza conta cunha Lei de Símbolos que recoñeceu himno, bandeira e escudo. Porén, hai outros símbolos que non teñen recoñecemento legal, mais si social, formando parte do noso imaxinario colectivo. O máis relevante, o Panteón de Galegos Ilustres. Un espazo que desde o ano 2010, após unha insólita e inexplicábel sentenza xudicial, é titularidade da Igrexa Católica.
Desde entón, o nacionalismo promoveu diversos actos e actividades a favor de restituír a súa titularidade pública e preservar o seu carácter laico e civil. A última, o 29 de xuño no parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei que basicamente, reclamaba a implicación da Xunta de Galiza neste obxectivo e a declaración como “símbolo nacional” e “Panteón histórico”.
Porén, PP e PSOE rexeitaron apoiar esta iniciativa, nunha mostra da escasa vontade por restituír a nosa dignidade, expresiva da consideración subordinada que teñen do noso país. Escapan do debate, porque non consideran relevante devolver a titularidade deste espazo ao pobo galego. Demostran desinterese mais tamén subordinación ao poder eclesiástico. Os poderes públicos –nomeadamente a Xunta– teñen instrumentos do punto de vista legal e político que poderían usar, mais semellan cómodos na actual situación do panteón. Seguramente, pola incomodade que lle xeran figuras tan senlleiras como Rosalía e Castelao, que lles lembran que Galiza existe como pobo e que ten dereito a súa liberdade.