Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 29 de agosto de 2019

O último neno que fala galego en Portocubelo



Excelente curta realizada pola Asociación Cultural Canle, de Lira (Carnota). Por seguir centrando xeográficamente este audiovisual, comentar que Portocubelo é un lugar da parroquia de Lira que conta actualmente cuns 60 veciños.
Seguramente dos evento que organiza esta asociación o Festórreo é o de maior repercusión. Xa levan algúns anos tirando del. Non ten data fixa. Tanto se celbra no mes de xullo como no de agosto. Nesta edición do 2019 apostaron por rirse un pouco da marca FEST e promoveron o Cabaseira FEST.
Para pasalo ben e non deixar de reflexionar elaboraron esta marabillosa curta, na que se denuncia precisamente a exclusión do galego ás capas máis novas da sociedade. Outra vez volvermos a ver o baleiro dese presunto programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, (SXPL)  o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
Ata o de agora fixeron moito máis os da Asociación Cultural a Canle que a SXPL. Basta ver o vídeo e comparar coa trangallada desta Xunta empeñada nun proceder mafioso de desprestixio da lingua. (Que pareza que foi un accidente).

Valentín García, aprendiz de Judas

por Joaquim Uveiro, en Galiza Livre:



O atual secretario xeral de Política Lingüística responde a esse perfil tam habitual na pinheirista cultura autonómica do cuco fala-barato. Esse ser sem talento que vai ocupando quotas de importância na estrutura de poder autonómico desde o oportunismo e o amiguismo. O sipaio que usurpa a representaçom da identidade resistente e a folcloriza para justificar a colonizaçom em troca dum posto no organigrama de dominaçom. A sua trajetória paradigmática oferece-nos umha maior comprensom do modelo cultural neocolonial em que se alicerça o Regime do 78 no nosso país.

sábado, 24 de agosto de 2019

Que pasa nas aulas de galego



As aulas de galego vistas por un profesor de clases particulares. O profe non é outro que o youtubeiro Aquel-e.

luns, 19 de agosto de 2019

A substitución lingüística



Olaxonmario explica neste youtubeiro vídeo un dos conceptos fundamentais da sociolingüística: a substitución. E faino coma sempre, con alegría e desenfado, a pesar do tema que trata.

sábado, 10 de agosto de 2019

Muxía ESP-ENG

Cartel informativo do concello de Muxía no centro da vila sobre o horario de autobuses. Ten dúas columnas, cada unha na súa lingua. Unha en español, outra en inglés.
O galego non existe para os responsables municipais.
Para que a estragada sexa prácticamente total, a cidade da Coruña perdeu o seu A neste cartel.

xoves, 8 de agosto de 2019

No congreso en Suíza...



Vídeo do mes de agosto da campaña "Na universidade... onde queiras, pero coa lingua" da ANL da Universidade de Vigo

mércores, 7 de agosto de 2019

Café con xeo

por Inma López Silva en La Voz de Galicia:


A próxima vez pido café con gotas. A fin de contas, de tanto pretender manter intacta a conciencia lingüística usando Twitter para o autobombo tralo Telón de Grelos unha xa aprendeu a escribir en bilingüe: «Novela en nada: escritora feliz»; «Casa en Madrid para prestarme?». O certo é que podería saír beneficiada co café con gotas en bilingüe, aínda que unha é responsábel e non bebe alcohol se está traballando, nin cambia de lingua nos bares de Pontevedra.

martes, 6 de agosto de 2019

Odio el gallego

por Robert Neal Baxter en Terra e Tempo:

Hai cousa dun mes fun facer os exames de español para estranxeir@s, obrigatorios para quen queira solicitar a nacionalidade española. Durante a pausa, aproveitei para falar un pouco con algunhas das outras persoas inscritas e fiquei francamente abraiado coa actitude dunha delas, que xa levaba varios anos asentada en Lugo.

mércores, 24 de xullo de 2019

Daniel García Ramos, a forza da palabra




Documental de Galeguizar Galicia sobre a figura do que foi maxistrado do TSXG, Daniel García Ramos (1933-998) home comprometido coa normalización nun campo aínda hoxe prácticamente ermo, o da xustiza.

xoves, 18 de xullo de 2019

Sociolingüística hospitalaria, un novo campo de pesquisa para a lingua galega

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:

O ser humano, desde que hai 140.000 anos comezou a desenvolver a linguaxe articulada, leva opinando sobre temáticas lingüísticas en situacións e en auditorios moito diferentes. Posibelmente, unha das primeiras reflexións que fixo o obrigase a reparar en que algunhas comunidades humanas xeograficamente próximas empregaban un linguaxar non exactamente coincidente co propio, o que, nalgúns casos mesmo implicaría que a intercomprensión nin sempre se caracterizase por se facer efectiva. É tamén probábel que, co andar do tempo, a figura dunha persoa que puidese servir como intérprete se fixese imprescindíbel en determinados casos, de forma que, talvez, o primeiro oficio de verdadeiras dimensións sociais e comerciais que existiu, en vez dos dous tan reiteramente citados e coñecidos, fose o de tradutor ou tradutora. Naqueles tempos tan lonxincuos, o ser humano quizais tamén puido cavilar en que había linguas que as empregaban as clases dominantes para exerceren o poder e que existían outras, contrastivamente, que eran as utilizadas por persoas que vivían na escravatura ou que pertencían ás camadas sociais más desfavorecidas. En fin… Estas son suposicións que facemos, apelando á comprensión do público lector, non verificábeis cientificamente, mais si, a noso ver, cando menos suxestivas.

mércores, 17 de xullo de 2019

Os secretos matemáticos do triángulo de Pascal


Velaquí o famoso vídeo de TEDed sobre o triángulo de Pascal con subtítulos en galego.
A cousa empezou nos XXI Encontros para a normalización lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Alí Xusto Rodríguez explicou como funcionaba o proxecto de tradución de vídeos TED.
O proceso de aprendizaxe de uso da plataforma de tradución é simple. Basta con seguir os pasos indicados nesta serie de vídeos.
A ventaxa principal deste tipo de traballo, penso eu, é a simplicidade de todo o proceso. O peor é que para que se publique unha tradución é que hai que agardar a que outro tradutor, nun principio máis experto, che revise o traballo e non sempre vai haber alguén do outro lado da arañeira de internet mirando a ver o que fas. Cumpriría ter un grupo de traballo organizado para sacar adiante tanto as traducións feitas e sen publicar, como as que vaian chegando.
Unha dificultade engadida, segundo me pareceu ver, é que na primeira tradución gozas dunha serie de ventaxas que xa non se dan nas seguintes (agás que soltes a xarda). Ademais de facer a tradución, hai que colocar cada secuencia dentro dun intervalo de tempo. A primeira vez podes usar a temporalización doutro idioma. Non poder seguir facéndoo nas seguintes é unha carga de traballo engadida, e non pequena.
Con todo, no momento da publiación desta entrada, xa hai unhas 300 traducións ao galego.

venres, 12 de xullo de 2019

Llenguaferits



"Llenguaferits" é un documental que aborda moitos aspectos da situación da lingua catalá. Foi emitido no programa 30 minuts da TV3 o pasado 30/06/19. Polo tanto é un documental cortiño, pero veredes que moi aproveitable.
Pola contra, nós, desde aquel "Linguas cruzadas" (2007) non volvimos ver nada semellante na TVG.
Recollo de seguido a presentación que se fixo do documental na TV3:

Segundo os lingüistas, nove de cada dez linguas no mundo están ameazadas e poden desaparecer durante este século. O proceso pode ter moitas causas, pero a orixe é sempre o mesmo: unha xeración de falantes decide non transmitila aos seus fillos. A sentenza de morte, neste momento, xa está asinada.

Está o catalán en perigo de chegar a este estadio? A cuestión non ten unha resposta unánime por parte dos filólogos, pero no que coinciden é na aparición de algúns síntomas preocupantes.

Os comenzos da fase terminal xa se está vivindo nos extremos do dominio lingüístico: en gran parte de Cataluña Norte e ao sur do País Valenciano. Só en cen anos desapareceu o catalán de cidades e vilas cidades que antes eran monolingües nesta lingua.

Nas rexións catalás, con todo, manteñense as cifras globais do catalán: pouco máis dun terzo da poboación a emprega habitualmente e case todo o mundo o entende. Ademais, os pais seguen transmitíndoo aos seus fillos e hai recén chegados que o aprenden.

Pero hai indicadores que apuntan no sentido contrario. O primeiro: aínda que a escola protexe a lingua a través da inmersión, o catalán é residual no ocio dos nenos e adolescentes. Isto vese nos patios das escolas, onde a alternancia lingüística é continua, pero tamén na transformación do mundo audiovisual. Os máis novos deixaron de consumir os medios tradicionais e os contidos que buscan na web están feitos principalmente en castelán e inglés. A segunda: os falantes de catalán renuncian á súa lingua en calquera situación de conflito e moitas veces cando se relacionan cos inmigrantes. E isto ocorre nun territorio que recibiu case dous millóns de persoas na última década. Por último, o continuo litixio e bloqueo en España e a subestimación do Estado francés dificultan que se poida garantir a supervivencia do catalán. Conflitos que teñen o maior expoñente no mundo da xustiza.

En "Llenguaferits" recompilamos as visións de filólogos como Maria Carme Junyent, Pau Vidal, Francesc Xavier Vila ou Neus Nogué; E preguntamos cal é a súa relación coa lingua a Albert Sánchez Piñol e Víctor Amela, ou músicos como Lildami e David Carabén, así como Pol Gisé e Juliana Canet e activistas como Àlex Hinojo. E sobre todo oiremos os falantes. Algúns son recén chegados que decidiron aprender a lingua e outros son o último eslabón, os últimos falantes en áreas onde se eliminou calquera rastro de catalán.

xoves, 11 de xullo de 2019

Enreguéifate 2019



Na canle de Enreguéifate xa podemos ver os participantes desta edición 2019. Este proxecto é unha iniciativa dos concellos de Santiago, Ames e Teo. No certame hai dúas categorías, unha xeral e outra para centros escolares.

luns, 1 de xullo de 2019

Ricardo Carvalho Calero: Conferencia sobre Otero Pedrayo



A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) subiu á arañeira esta conferencia sobre Ramón Otero Pedrayo impartida polo vindeiro homenaxeado no Día das Letras, o profesor Carvalho Calero. Foi durante as I Xornadas da Didáctica da Lingua e da Literatura celebradas os días 16. 17 e 18 de febreiro do 1989.

O portugués naceu por xeración espontánea?

por Mª Pilar García Negro, en La Voz de Galicia:


En visita institucional á Galiza, o presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, afirma que galego e portugués non son a mesma lingua, ben que entre elas hai proximidade, maior da que hai entre o portugués e o castellano. Resulta lamentábel -dígoo así, ás claras, sen ceder á pretensa ambigüidade caracterolóxica galega- que un alto representante cultural de Portugal se manifeste deste xeito ignorante. O portugués, señor Faro, naceu do galego, que se expandiu de norte a sul (como o castellano, como o catalán), nun tempo en que a fronteira Galiza-Portugal simplemente non existía: nobres con patrimonio común aquén e alén do Minho, alianzas estratéxicas entre a aristocracia de ambos lugares, trobadores dun e doutro lado coa mesma lingua e os mesmos códigos literarios... O portugués é o galego do Sul, cunha diferenza fundamental provocada pola separación política: tal e como afirmaban os nosos clásicos, o portugués non é máis que o galego moderno e oficial, quer dicer, o que tivo a oportunidade de se desenvolver como tal, con todas as institucións do poder político, do Estado, detrás, en canto o galego orixinal ficou oprimido, reprimido, comprimido e deprimido (e asegúrolle que non é un xogo inútil de palabras coa mesma raíz).

domingo, 30 de xuño de 2019

Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0". Edición 2019



‘A medición da liña costeira’, foi o traballo presentado pola alumna de 3º da ESO do IES As Bizocas ( O Grove) María Sanmartín Cabanas, e ‘Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría’, é unha peza de Francisco Estévez e Paula Mourille, estudantes de 4º da ESO no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. Estes foron os audiovisuais premiados o pasado xoves 20/06/19 na 8ª edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola CNL da Facultade de Matemáticas da USC.




Na categoría de mellor valoración dos usuarios da arañeira o vídeo premiado foi‘Chiquicuriosidades’, realizado por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento ( Pontevedra.)





Ademais dos premios cos que estaba dotado este concurso, o alumnado galardoado recibiu como agasallo o libro Mate-Glifos, do que xa falamos noutra ocasión.
Parabéns a todos os premiados, e tamén a todos os participantes. Seica así, aos pouquiños, Explícoche Matemáticas 2.0 xa leva xuntado un par de centos de vídeos relatando diversos aspectos das matemáticas.

Un último comentario do que teño que deixar constancia. No que fora un rechío estridente, o secretario xeral de política lingüística participara na pasada entrega de premios. Desta vez non se soubo nada del. Parece que con aquela intervención xa lle chegou. Demasiada dose de matemáticas en galego para quen ten como función principal prohibir as matemáticas en galego.

martes, 25 de xuño de 2019

O forno da fala

O forno da fala é o blogue que crearon no IES Francisco Daviña Rey ( Monforte de Lemos) dentro do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolvido polo ILG en colaboración co Centro de Linguística da Universidade do Porto. Este programa é un dos que forman ese totum revolutum que é o plan Proxecta.
 O alumnado recolleu ao longo do curso o léxico relacionado co pan, xunto a refráns, cantigas e diversas cuestións etnográficas arredor desta temática.
Como cada un tira polo seu, recollo un dos traballos dese blogue relacionado coas medidas.





domingo, 23 de xuño de 2019

Antón Fraguas no Xavedes!


Guapísimo (na miña terra dirían ghopísimo) documental sobre Antonio Fraguas. Unha nova achega arredor do Días das Letras deste ano. Vén asinado polo ENDL do IES Lestonnac (Ferrol)

sábado, 22 de xuño de 2019

O Morrazo da Xunta



Velaquí o vídeo institucional de autobombo da Xunta a raíz da apertura da Autovía do Morrazo. Un grupo de presuntos usuarios da autovía comentan as súas bondades. Todas as declaracións fanse en español. Un novo chanzo na invitación á desgaleguización social.
Non acho mellor exemplo da política lingüística da Xunta que este vídeo. É un exemplo perfecto. A portada, en galego, para poñer unha cortina deformante da verdade. O contido en español, para lanzar, outra vez máis, a mensaxe de que a Xunta en realidade está empeñada nunha política lingüicida.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística calará unha vez máis e deste xeito xustificará este novo ataque institucional á lingua galega. Temos aos inimigos do galego gobernando as institucións das que depende a nosa lingua. Estamos aviados.
Por todo iso, pido que lle pegues un dislike 👎 a este vídeo.