Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 27 de setembro de 2019

O fracaso educativo no país das marabillas

Co comenzo do curso os afiliados á CIG-Ensino recibimos un exemplar do Xornal do Ensino no que tiven a alegría de colaborar con este artigo:


Os máis altos representantes políticos da cultura acoden a presentar o libro Guía dos elementos químicos. Historia, propiedades e aplicacións . Queren visibilizar que foron eles os que tomaron a decisión de apoiar súa edición. Esta é a ilusión. Distribúense os exemplares polos centros de ensino? Non. Seguen estando na súa maior parte almacenados no Centro Ramón Piñeiro. En todo caso o libro non se pode usar na escola; a propia consellería que o edita xa se encargou de prohibilo polo feito, precisamente, de estar redactado en galego. Velaquí a realidade.
O método consiste en crear a ilusión de que a Xunta cumpre cos mínimos na normalización lingüística cando a verdade (oculta) é precisamente a contraria. Deste tipo de políticas hai exemplos a moreas. Mellor dito, toda a política lingüística está sustentada neste proceder.
Con todo, esa obra de química foi o único das materias prohibidas en galego que se permitiu publicar baixo a éxira do funesto decreto 79/2010.
Volvamos a vista atrás para ver todo o que levamos perdido. No ano do decreto un grupo de traballo de profesores de matemáticas ofreceulle gratis á Consellería de Educación un material didáctico para a ESO e que se aloxaría nun portal do Ministerio de Educación. Os profesores  non recibiron ningunha gratificación económica, nin premios, nin recoñecemento algún. A resposta da Consellería consistiu en presionar ao Ministerio para que non o publicase. O problema era que o material estaba en galego.  O resultado foi que, durante algún tempo as únicas unidades didácticas de matemáticas na nosa lingua había que descargalas dunha web dependente do goberno de Madrid que se pechou cando M.  Rajoy alcanzou a presidencia do estado. Agora esas unidades proscritas teñen que aloxarse nun portal privado.
Un ano antes, 2009, todos os estudantes levaban nas súas mochilas un libro da materia de Física e Química, outro de Matemáticas e un máis de Tecnoloxía. Todos eles en galego. Todos pagados pola Xunta. Feijóo determinou tirar con estes centos de miles de libros ao lixo. Obrigóuselle á sociedade galega, no peor momento da crise, a comprar outros tantos libros en castelán. Varios millóns de euros de gasto para a exclusión do galego. E así cada ano, até hoxe. Todo este malgasto, todo este esforzo para que unha xeración enteira vise drasticamente reducido, en moitos casos eliminado, o seu contacto co galego. O obxectivo final é a ignorancia da lingua de noso e a perda da identidade. Estamos vivindo o maior fracaso social e educativo de toda a historia do goberno da Xunta.

Van xa 5 anos nos que este goberno vén declarando novembro como "mes da ciencia en galego nas bibliotecas escolares". Escollamos ao chou unha das actividades que se programan, a das mochilas viaxeiras. Consideremos, por exemplo, nunha das mochilas de matemáticas de ensino secundario. Alí temos 31 títulos. 28 deles son de libros en castelán. Non fixemos trampa, este é o panorama xeral. Aínda máis, dos tres títulos en galego, dous hai moito que están descatalogados. Do terceiro, aínda que o autor foi un matemático inglés, podemos sustentar que non é de matemáticas. Así e todo,  o seu título é significativamente explicativo. Trátase de Alicia no país das marabillas.

martes, 24 de setembro de 2019

Divulgación científica (en galego!) no ensino secundario



Durante o 4 e 5 de abril pasados celebráronse os XXI Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura. O tópico tratado nesta ocasión foi "Divulgación científica: cal é o peso (atómico) do galego?
Achego nesta entrada o vídeo da mesa de experiencias sobre algo que non sei se existe, a divulgación científica no ensino secundario (en galego) e que moderei (?) eu. Alí puidemos escoitar as intervencións de Xosé Manuel Fernández Castro (IES Maruxa Mallo de Ordes) que presentou a proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega, Camilo Ojea (CPI Mosteiro Meis)que  nos falou do Proxecto Ríos e do Fitofaladoiro e o archicoñecido Xacobo de Toro (IES Urbano Lugrís de Malpica) quen trouxo o seu XeoClip.

Notas ao vivo: Morte das linguas (69)

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Sermos Galiza:

Segundo a Unesco cada dúas semanas desaparece unha lingua no mundo. E, das aproximadamente 7.000 linguas vivas no planeta, unhas 2.500 están a día de hoxe en perigo de extinción. A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, diante do lingüicidio en marcha, di que implementar unha boa política lingüística pode reforzar as comunidades de falantes, revitalizando as súas linguas maternas e transmitíndoas ás xeracións futuras. E a Unesco creou o Programa de Linguas en Perigo xustamente para apoiar a comunidades e gobernos facilitándolles ferramentas e servizos necesarios para reanimar os espazos lingüísticos, que son parte fundamental da cultura dos pobos e da cultura universal.

domingo, 22 de setembro de 2019

O Premio Arquímedes rexeita o galego

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:


O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades convoca cada ano o Premio Arquímides, ideado para fomentar entre os universitarios, alumnos de grao ou de master, a investigación científica. Vai pola XVIII edición. Son en total 25 premios con dotación económica, e 4 estadías en centros de investigación. O primeiro premio (premio especial) está dotado con 7.000 euros, hai un segundo premio de 6.000, catro terceiros de 5.000 euros, e varios máis ata un total de 87.000 euros, con cinco distincións tamén para os titores de traballos.

venres, 6 de setembro de 2019

No em canviïs la llengua



Grazas a un chío de Anxos Sobriño tiven coñecemento desta iniciativa de cidadáns que, sendo de orixe estranxeira, piden que non lle cambien a lingua cando falan con eles. A proposta tivo o seu espazo na televisión pública catalana, tal e como podemos comprobar neste vídeo.
No programa fálase de como unha falsa interpretación da "boa educación" levan á cidadanía a invisibilizar a lingua do país. Se o noso interlocutor ten con rasgos foráneos traizoamos a nosa lingua e cambiamos inmediatamente para o castelán. O cambio incluso pode suceder cando falamos con alguén que se expresa nunha variedade dialectal distinta da nosa lingua. Visibilizar estes prexuízos e argallar formas de enfrontalos é o obxectivo final deste programa. Alguén puido oir na TVG algunha reflexión semellante a algunha das que verqueron neste espazo durante os 10 últimos anos? Como a resposta é negativa, debemos preguntarnos ata onde alcanza o nivel de manipulación do imaxinario colectivo galego por parte dos medios de comunicación.
As reflexións debulladas neste espazo son de primeiro curso de sociolingüística. Xa que logo, forman parte dos alicerces para desfacerse dos prexuízos lingüísticos. Se non divulgamos este tipo de saberes estamos abríndolle as cancelas aos comportamentos socialmente tóxicos. Nisto consiste a política lingüística da Xunta, na exclusión dos saberes que nos farían máis libres e que incidirían na diminución das desigualdades.

xoves, 5 de setembro de 2019

Axenda e calendario escolar

Co comenzo do curso cómpre que fagamos procuremos materiais para facilitarmos a súa organización: axendas e calendarios escolares.
De axendas, que eu saiba, pouco hai onde escoller. Só temos a editada por Bahía, Xa puiden comprobar en anos anteriores que falta en moitas librerías polo que, de non ser por unha conciencia militante, obríganche a coller unha en español (a famosa imposición)
Co cese de actividades da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización  dexamos de ter á nosa disposición os calendarios que elaboraban ao comenzo de cada curso. Por fortuna Nova Escola Galega responsabilizouse este ano desa tarefa,ofrecéndonos o seguinte material:

 Ademais ofrécese a descarga de arquivos de Excel co calendario e a temporalización
No lado escuro volvemos a comprobar que á Consellería de Educación, con todo o seu presuposto e toda a súa capacidade, non foi quen de fornecer ao mundo educativo dunha versión propia destes materiais. Este desleixo únicamente beneficia a que o oco se ocupe con materiais en español. Volve a quedar claro que o anunciado Plan de dinamización da lingua galega na mocidade quedou nun foguete mollado. A política lingüística que pon en funcionamento a Xunta, na súa compoñente mediática difúndese como promotora do galego, mais na práctica vemos que pola súa constante inacción só beneficia a imposición do castelán.

(Man)teñamos o plan

por Mercedes Queixas, no Sermos Galiza:

Recentemente o goberno da Xunta de Galiza, a través da SXPL, deu a coñecer ao público un Plan de dinamización da lingua galega 2019-2022, entendemos que lexítimo herdeiro doutro anterior, presentado e difundido nas súas redes co mesmo nome, mais con mudanza na cronoloxía de actuación (2018-2022). Ano arriba, ano abaixo, o caso é ter un plan ou, cando menos, falar del!

luns, 2 de setembro de 2019

A discriminación do galego na cidade



Artai, este rapaciño youtubeiro, relata a presión á que se somete aos galego falantes para que abandonen a súa lingua. Toda unha lección de sociolingüística que compriría que aprendesen os que aplauden o inútil e baleiro Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

xoves, 29 de agosto de 2019

O último neno que fala galego en Portocubelo



Excelente curta realizada pola Asociación Cultural Canle, de Lira (Carnota). Por seguir centrando xeográficamente este audiovisual, comentar que Portocubelo é un lugar da parroquia de Lira que conta actualmente cuns 60 veciños.
Seguramente dos evento que organiza esta asociación o Festórreo é o de maior repercusión. Xa levan algúns anos tirando del. Non ten data fixa. Tanto se celbra no mes de xullo como no de agosto. Nesta edición do 2019 apostaron por rirse un pouco da marca FEST e promoveron o Cabaseira FEST.
Para pasalo ben e non deixar de reflexionar elaboraron esta marabillosa curta, na que se denuncia precisamente a exclusión do galego ás capas máis novas da sociedade. Outra vez volvermos a ver o baleiro dese presunto programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, (SXPL)  o Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.
Ata o de agora fixeron moito máis os da Asociación Cultural a Canle que a SXPL. Basta ver o vídeo e comparar coa trangallada desta Xunta empeñada nun proceder mafioso de desprestixio da lingua. (Que pareza que foi un accidente).

Valentín García, aprendiz de Judas

por Joaquim Uveiro, en Galiza Livre:



O atual secretario xeral de Política Lingüística responde a esse perfil tam habitual na pinheirista cultura autonómica do cuco fala-barato. Esse ser sem talento que vai ocupando quotas de importância na estrutura de poder autonómico desde o oportunismo e o amiguismo. O sipaio que usurpa a representaçom da identidade resistente e a folcloriza para justificar a colonizaçom em troca dum posto no organigrama de dominaçom. A sua trajetória paradigmática oferece-nos umha maior comprensom do modelo cultural neocolonial em que se alicerça o Regime do 78 no nosso país.

sábado, 24 de agosto de 2019

Que pasa nas aulas de galego



As aulas de galego vistas por un profesor de clases particulares. O profe non é outro que o youtubeiro Aquel-e.

luns, 19 de agosto de 2019

A substitución lingüística



Olaxonmario explica neste youtubeiro vídeo un dos conceptos fundamentais da sociolingüística: a substitución. E faino coma sempre, con alegría e desenfado, a pesar do tema que trata.

sábado, 10 de agosto de 2019

Muxía ESP-ENG

Cartel informativo do concello de Muxía no centro da vila sobre o horario de autobuses. Ten dúas columnas, cada unha na súa lingua. Unha en español, outra en inglés.
O galego non existe para os responsables municipais.
Para que a estragada sexa prácticamente total, a cidade da Coruña perdeu o seu A neste cartel.

xoves, 8 de agosto de 2019

No congreso en Suíza...



Vídeo do mes de agosto da campaña "Na universidade... onde queiras, pero coa lingua" da ANL da Universidade de Vigo

mércores, 7 de agosto de 2019

Café con xeo

por Inma López Silva en La Voz de Galicia:


A próxima vez pido café con gotas. A fin de contas, de tanto pretender manter intacta a conciencia lingüística usando Twitter para o autobombo tralo Telón de Grelos unha xa aprendeu a escribir en bilingüe: «Novela en nada: escritora feliz»; «Casa en Madrid para prestarme?». O certo é que podería saír beneficiada co café con gotas en bilingüe, aínda que unha é responsábel e non bebe alcohol se está traballando, nin cambia de lingua nos bares de Pontevedra.

martes, 6 de agosto de 2019

Odio el gallego

por Robert Neal Baxter en Terra e Tempo:

Hai cousa dun mes fun facer os exames de español para estranxeir@s, obrigatorios para quen queira solicitar a nacionalidade española. Durante a pausa, aproveitei para falar un pouco con algunhas das outras persoas inscritas e fiquei francamente abraiado coa actitude dunha delas, que xa levaba varios anos asentada en Lugo.

mércores, 24 de xullo de 2019

Daniel García Ramos, a forza da palabra




Documental de Galeguizar Galicia sobre a figura do que foi maxistrado do TSXG, Daniel García Ramos (1933-998) home comprometido coa normalización nun campo aínda hoxe prácticamente ermo, o da xustiza.

xoves, 18 de xullo de 2019

Sociolingüística hospitalaria, un novo campo de pesquisa para a lingua galega

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:

O ser humano, desde que hai 140.000 anos comezou a desenvolver a linguaxe articulada, leva opinando sobre temáticas lingüísticas en situacións e en auditorios moito diferentes. Posibelmente, unha das primeiras reflexións que fixo o obrigase a reparar en que algunhas comunidades humanas xeograficamente próximas empregaban un linguaxar non exactamente coincidente co propio, o que, nalgúns casos mesmo implicaría que a intercomprensión nin sempre se caracterizase por se facer efectiva. É tamén probábel que, co andar do tempo, a figura dunha persoa que puidese servir como intérprete se fixese imprescindíbel en determinados casos, de forma que, talvez, o primeiro oficio de verdadeiras dimensións sociais e comerciais que existiu, en vez dos dous tan reiteramente citados e coñecidos, fose o de tradutor ou tradutora. Naqueles tempos tan lonxincuos, o ser humano quizais tamén puido cavilar en que había linguas que as empregaban as clases dominantes para exerceren o poder e que existían outras, contrastivamente, que eran as utilizadas por persoas que vivían na escravatura ou que pertencían ás camadas sociais más desfavorecidas. En fin… Estas son suposicións que facemos, apelando á comprensión do público lector, non verificábeis cientificamente, mais si, a noso ver, cando menos suxestivas.

mércores, 17 de xullo de 2019

Os secretos matemáticos do triángulo de Pascal


Velaquí o famoso vídeo de TEDed sobre o triángulo de Pascal con subtítulos en galego.
A cousa empezou nos XXI Encontros para a normalización lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Alí Xusto Rodríguez explicou como funcionaba o proxecto de tradución de vídeos TED.
O proceso de aprendizaxe de uso da plataforma de tradución é simple. Basta con seguir os pasos indicados nesta serie de vídeos.
A ventaxa principal deste tipo de traballo, penso eu, é a simplicidade de todo o proceso. O peor é que para que se publique unha tradución é que hai que agardar a que outro tradutor, nun principio máis experto, che revise o traballo e non sempre vai haber alguén do outro lado da arañeira de internet mirando a ver o que fas. Cumpriría ter un grupo de traballo organizado para sacar adiante tanto as traducións feitas e sen publicar, como as que vaian chegando.
Unha dificultade engadida, segundo me pareceu ver, é que na primeira tradución gozas dunha serie de ventaxas que xa non se dan nas seguintes (agás que soltes a xarda). Ademais de facer a tradución, hai que colocar cada secuencia dentro dun intervalo de tempo. A primeira vez podes usar a temporalización doutro idioma. Non poder seguir facéndoo nas seguintes é unha carga de traballo engadida, e non pequena.
Con todo, no momento da publiación desta entrada, xa hai unhas 300 traducións ao galego.

venres, 12 de xullo de 2019

Llenguaferits



"Llenguaferits" é un documental que aborda moitos aspectos da situación da lingua catalá. Foi emitido no programa 30 minuts da TV3 o pasado 30/06/19. Polo tanto é un documental cortiño, pero veredes que moi aproveitable.
Pola contra, nós, desde aquel "Linguas cruzadas" (2007) non volvimos ver nada semellante na TVG.
Recollo de seguido a presentación que se fixo do documental na TV3:

Segundo os lingüistas, nove de cada dez linguas no mundo están ameazadas e poden desaparecer durante este século. O proceso pode ter moitas causas, pero a orixe é sempre o mesmo: unha xeración de falantes decide non transmitila aos seus fillos. A sentenza de morte, neste momento, xa está asinada.

Está o catalán en perigo de chegar a este estadio? A cuestión non ten unha resposta unánime por parte dos filólogos, pero no que coinciden é na aparición de algúns síntomas preocupantes.

Os comenzos da fase terminal xa se está vivindo nos extremos do dominio lingüístico: en gran parte de Cataluña Norte e ao sur do País Valenciano. Só en cen anos desapareceu o catalán de cidades e vilas cidades que antes eran monolingües nesta lingua.

Nas rexións catalás, con todo, manteñense as cifras globais do catalán: pouco máis dun terzo da poboación a emprega habitualmente e case todo o mundo o entende. Ademais, os pais seguen transmitíndoo aos seus fillos e hai recén chegados que o aprenden.

Pero hai indicadores que apuntan no sentido contrario. O primeiro: aínda que a escola protexe a lingua a través da inmersión, o catalán é residual no ocio dos nenos e adolescentes. Isto vese nos patios das escolas, onde a alternancia lingüística é continua, pero tamén na transformación do mundo audiovisual. Os máis novos deixaron de consumir os medios tradicionais e os contidos que buscan na web están feitos principalmente en castelán e inglés. A segunda: os falantes de catalán renuncian á súa lingua en calquera situación de conflito e moitas veces cando se relacionan cos inmigrantes. E isto ocorre nun territorio que recibiu case dous millóns de persoas na última década. Por último, o continuo litixio e bloqueo en España e a subestimación do Estado francés dificultan que se poida garantir a supervivencia do catalán. Conflitos que teñen o maior expoñente no mundo da xustiza.

En "Llenguaferits" recompilamos as visións de filólogos como Maria Carme Junyent, Pau Vidal, Francesc Xavier Vila ou Neus Nogué; E preguntamos cal é a súa relación coa lingua a Albert Sánchez Piñol e Víctor Amela, ou músicos como Lildami e David Carabén, así como Pol Gisé e Juliana Canet e activistas como Àlex Hinojo. E sobre todo oiremos os falantes. Algúns son recén chegados que decidiron aprender a lingua e outros son o último eslabón, os últimos falantes en áreas onde se eliminou calquera rastro de catalán.