Todas as linguas son un bon termómetro, quer na perspectiva sincrónica quer na diacrónica, para medir o estado de saúde das sociedades para as que os seus respectivos pobos criaron como vehículo de comunicación. Nesa perspectiva diacrónica, a historia do noso idioma reflite tambén a propria historia do país.
Páginas
sábado, 20 de agosto de 2022
A lingua como síntoma
martes, 16 de agosto de 2022
A fronteira do Eo
por Luís Manuel García Mañá en La Región:
Veño de pasar uns días nesoutra fronteira astur-galega, unha fronteira entre Comunidades veciñas. Unha raia que se entende mal, que non se explica a razón pola que foi marcada -onde está- por Javier de Burgos, aló polo ano de 1833, xa que a paisaxe é a mesma, as persoas teñen semellante cultura antropolóxica e a fala non se distingue da doutro lado.
mércores, 3 de agosto de 2022
Máis un mito do español
por Elsa Quinta Alborés, en Nós Diario:
O Día da Patria sempre é un día de reencontros, de conversas e de reflexións. Intercambiaba impresións cun pai sobre o galego na vida das nosas crianzas cando me explicou que a súa ensaiaba a xogar en español baixo o argumento de que “é unha lingua moi potente”.
xoves, 28 de xullo de 2022
Os temazos de verán de Alingua
martes, 26 de xullo de 2022
O galego tamén é para o verán
Por Manuel Bragado no Faro de Vigo:
Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galegoEsta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan «la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados». Texto no que entenden «que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística»; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.
sábado, 23 de xullo de 2022
Aquí medra a lingua: coloquio
O pasado 13/06/2022 o Consello da Cultura Galega organizou unha Xornada co título "Aquí medra a lingua". Houbo un coloquio con integrantes da comunidade educativa dos centros participantes moderado pola xornalista Esther Estévez, e na que participaron:
- Sara Varela, profesora do CRA Nosa Señora do Faro, Ponteceso
- Sonia Lamas, ANPA do CEIP Barouta, Ames
- Belén Escariz, directora do CEIP Quintela, Moaña
- Alejandro Fernández, ex-alumno do CPI Virxe da Saleta, Cea
- Miruca Parga, profesora do IES Perdouro, Burela
- Sofía Rama, profesora do IES Félix Muriel, Rianxo
xoves, 21 de xullo de 2022
Aquí medra a lingua: a normalización nos centros de ensino
- Converterse nun departamento de actividades extraescolares
- Ser un gueto do profesorado de galego
- Crear actividades onde o alumnado é só espectador
- Perder a condición de innovación nos centros
- Frustarnos ante a dificultade de éxito, non traballamos só para o presente, senón tamén a longo prazo
- Unha hora de coordinación semanal
- Incremento consideraba das contías das axudas
- Calendario der axudas por ano natural
- Formación sociolingüística e dinamizadora específicas para as persoas coordinadoras
- Creación dun circuito de relatorios de concienciación lingüística para o alumnado
- Un gran encontro dinamizador de carácter lúdico para o alumnado que forma parte dos Equipos de Normalización
martes, 12 de xullo de 2022
Entrevista con Miguel Rodríguez Carnota
Daniel Seixo entrevista para Nueva Revolución TV a Miguel Rodríguez Carnota, autor do libro Lingua, poder e adolescencia (Xerais 2022) que trata sobre os mecanismos de represión da lingua galega na actualidade entre os adolescentes. Trátase dun estudo cualitativo, fundamentado en entrevistas con mozos que sofriron acoso e discriminación lingüística no ensino secundario nestes últimos anos.
O poder infíltrase en todos os escenarios e todas as capas sociais. Controla e distribúe tempos e espazos. Os pares, os propios compañeiros, tragan o discurso do poder de discriminación das linguas e aplican ese discurso aos seus propios compañeiros forzándoos a que abandonen a lingua galega.
A escola pública e a gaticornia
por Antía Paz, en Luzes:
Se estás a ler isto, significa que xa é o mes de xullo e eu estou a escribir esta mensaxe dende o pasado e para o futuro. Nestes momentos, pasadas as doce da noite do domingo 19 de xuño e rematado o escrutinio das eleccións andaluzas, faltan tan só tres días para que remate o curso escolar.
mércores, 6 de xullo de 2022
Como aniquilar o galego, versión Xunta
Para iso botamos man dun perfil oficial, o do twitter da iniciativa da Xunta para o desenvolvemento de vehículos non tripulados. Aí botamos un chío, en español, claro. Para que non veñan por detrás os do galego a rosmar facemos un fío co chío tamén en galego, pero o galego xa secundario. No twitter só vemos o chío en español, para acceder ao chío en galego hai que acceder a el, e total, xa o tiñamos no chío principal. Primeira victora para a exclusión do galego
✈️ INSCRICIÓNABERTA!! Este venres, 8 de xullo, temos unha cita importante co emprendemento innovador. Celebramos a xornada de presentación da 4ª edición da @bfaero_es
— Civil UAVs Initiative - Xunta de Galicia (@civiluavs) July 4, 2022
📍 Onde: @axenciaGAIN e #online.
📆 08/07 - 10:00h
🔗https://t.co/wG4A80q130@Xunta
En segundo lugar, o chío enlaza co portal das xornadas que anuncia, en español e onde teremos o programa das mesmas, tamén en español. Segunda victoria para a exclusión do galego.
Mais, se temos a ansia de ir ao chío en galego e prememos no enlace sobre as xornadas, volveremos ao portal das xornadas outra vez en español. Terceira victoria para a exclusión do galego, pero non a última.
Se, aínda así, somos teimudos e no portal buscamos a opción de linguas ES/GZ e escollemos galego, poderemos volver ao programa das xornadas outra vez en español.
venres, 1 de xullo de 2022
Feijóo destinou máis de tres millóns da Xunta a fomentar o galego en xornais que non usan esa lingua
por Juan Oliver en Luzes:
Os gobernos de Alberto Núñez Feijóo pagaron desde o ano 2010 máis de tres millóns de euros aos editores de once periódicos que se publican en castelán en Galicia para fomentar o uso do galego. As axudas pretendían lograr que os medios empreguen a lingua oficial da comunidade autónoma «dun modo habitual e progresivo», pero tras doce anos de subvencións, o galego non ten máis que un reflexo testemuñal nos diarios que as recibiron.
martes, 28 de xuño de 2022
Conversa con Xurxo Souto
Xa ten un tempo, mais poderiamos estar conversando con Xurxo Souto todos os días e nunca cansariamos. O colectivo Roxín Roxal tivo a feliz idea de gravar este programa radiofónico no que comprobamos como Xurxo Souto é un animal radio.
mércores, 22 de xuño de 2022
E dalle coa "gheada"
por Suso de Toro en Nós Diario:
Nin son filólogo nin teño titulo de Filoloxia, non teño autoridade nese campo e, dun modo máis xeral, non teño autoridade en cousa ningunha. Son un mero particular, aínda que utente da lingua galega e como é natural teño os meus pareceres, particulares e sen autoridade.
martes, 21 de xuño de 2022
"¡Viva la lengua gallega!"
por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:
Non gosto de repetir temas en artigos consecutivos, mais no de hoxe é inevitábel. O meu inmediato anterior, sobre a jeada ou gheada, provocou unha enxurrada de comentarios, o que me levou a pensar que temos unha alta proporción de eruditos por metro cuadrado que saen á palestra cando se trata algo real. Agradézoos e felicítome por suscitar un debate (ou algo semellante) nun tema, o da lingua, que está semi-durmido ou anestesiado de máis. Ao profesor Henrique Monteagudo faltoulle tempo para replicar, mais non o tivo –non tivo tempo– para declarar autoría e título do artigo que provocaron o seu. Fiel ao seu estilo, omite ambos. Eu si me referirei no que segue ás súas observacións. É realmente rechamante que se cite unha tradición letrada amante do galego (no século XIX) para definir os seus autores como reos de clasismo e de superioridade moral. A erudición despregada é, porén, ben fraca, pois H. Monteagudo debera citar, en primeiro lugar, un adefesio con pretensións que vén sendo a primeira gramática do galego no XIX, a de Mirás, que fai uso sistemático da gheada (gindar, fogete, lanjrán...). Curioso que este autor tan "jeadista" aclare no prólogo da súa pretensa gramática que a escrebeu para aclarar voces galegas que, segundo el, non se entendían, "mientras no llegue un tiempo en que la civilización que allana las mayores dificultades nos haga así como formamos una sola nación, también de un mismo lenguaje". Sen comentarios.
domingo, 19 de xuño de 2022
Pobre español en Galicia
por Inma López Silva en La Voz de Galicia:
Como todo o mundo sabe, as nosas fillas non oen unha palabra de castelán desde que entran na escola ata que, rodeadas de galego por todas partes, chegan á casa. Menos mal que alí, agochadas entre o retrete e o bidé, logramos que o castelán resista, malia a persecución. E a culpa, nisto coma con todo, é de Feijoo, ese galeguista.
venres, 17 de xuño de 2022
500 anos de represión do galego
Comezaron as presentacións do novo libro de Carlos Callón, O libro negro da lingua galega (Xerais 2022). Nesta reportaxe de Nós TV teremos ao propio autor, así como ao editor Fran Alonso e ao actual presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, ofrecendo o seu punto de vista sobre a publicación.
Ademais da anterior reportaxe recollemos algunhas intervencións da súa presentación na libraría Couceiro (Santiago de Compostela) roubadas do Twitter da Mesa:
📽️ [VÍDEO] Presentación do Libro Negro da Lingua Galega de @carloscallon.
— A Mesa Normalización Lingüística (@amesanl) June 16, 2022
Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos.
Mercar libro 👉 https://t.co/lbL8d6UOna https://t.co/pTZzWB7zSy
A gheada, traço fonético
por César Morán en Nós Diario:
O artigo de Pilar García Negro nas páginas de Nós Diario, intitulado "Carta aberta aos 'jeadistas'", parece que estivesse a remover os alicerces da terra. Depois de ler comentários de todo tipo nas redes sociais, aparece no mesmo jornal o artigo de Henrique Monteagudo "A gheada reivindicada", e é bom que se produza um diálogo público que sempre resulta enriquecedor. Das redes sociais melhor escapar, pois é fácil assustar-se ao ver o trato desqualificador, gratuito e inconsequente que vem sendo maioritário, infelizmente. Mas levando como levo algum tempo sem falar publicamente sobre língua, sinto-me impulsado a escrever estas linhas, e tenho que estar substancialmente de acordo com Pilar García Negro, que por um lado segue o discurso de Carvalho Calero e, particularmente, a teoria de José Luis Pensado sobre a origem da "gheada", posteriormente seguida e desenvolvida por outros filólogos. Ainda assim, não entendo por que escreve "jeada" com "j", quando esta letra –indiscutivelmente galega– é a própria para representar, no seu caso, o nosso som fricativo palatal xordo (evoluído do antigo sonoro) em harmonia com o nosso sistema linguístico, com o qual a professora poderia introduzir confusão em leitoras e leitores. Além disso, não tenho tão claro que se deva assessorar @as artistas (músicas, poetas, rapsodas, recitadoras, contadoras de contos...), indicando-lhes se hão de usar a "gheada" ou não a usar, pois de algum modo tais artistas reproduzem a realidade contextual em que estamos, e a "norma" é cousa de linguistas.
xoves, 16 de xuño de 2022
A gheada reivindicada
por Henrique Monteagudo en Nós Diario:
A gheada é un trazo característico das falas populares da meirande parte do dominio galego. Tradicionalmente excluída da fala culta, está sendo revalorizada por falantes, cantantes e artistas orais como un risco dotado de autenticidade, de expresividade e dunha certa connotación subversiva contra un estándar oral que se percibe como artificial, irto e distante. Esta revalorización suscita a repulsa dun sector de lingüistas. Por que? O que se adoita argumentar é que a gheada é o produto da interferencia do castelán no galego, e, por tanto, debe ser depurada. O fundamento deste razoamento é falso ou, como mínimo, discutible. A hipótese da orixe castelanista da gheada apóiase en esteos fraquísimos. A vella e intensa discusión científica sobre este asunto pode darse practicamente por pechada a favor da hipótese alternativa, que postula unha orixe autóctona. Non pretendo, por imposible, ventilar este debate nun artigo de prensa. Quero subliñar que a estigmatización da gheada vén de moi atrás, ten unha inequívoca motivación social e unha función discriminatoria. Entre moitas outras, poden citarse descualificacións coma a de Cuveiro Piñol (El habla gallega, 1876), que a rexeita como un vulgarismo que "sólo acontece entre individuos de la ínfima escala, como por ejemplo pescadores, verduleras, palanquines, etc.". O escritor Marcial Valladares aseguraba que "las geadas son un defecto de la gente idiota" (Diccionario gallego-castellano, 1884), que só se podería desculpar "en boca de gente zafia" (Elementos de gramática gallega, 1892).
mércores, 15 de xuño de 2022
Aquí medra a lingua. Documental completo e Xornada
Versión íntegra do documental 'Aquí medra a lingua', que retrata a situación do galego nos centros de ensino de Galicia e as iniciativas e estratexias para a súa dinamización. Dirixido por Cristina de la Torre e producido polo Consello da Cultura Galega.
Unha nova peza de calidade e ben construída para avanzar na normalización no ensino.
Para completar temos tamén a gravación da Xornada do pasado 13/01/2022 na que se presentou este material.
martes, 14 de xuño de 2022
Carta aberta aos "jeadistas"
por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:
Como ven, escrebo directamente co "j" ("jeada"), para mellor caracterizar o que convencionalmente se grafa como "gheada". As gramáticas tradicionais definíana, xunto co chamado seseo, como dialectalismos proprios dunha ampla zona da Galiza. Non hai tal, realmente. O chamado seseo non é máis que a continuidade da pronuncia histórica (mantida en Portugal, como é ben sabido), por moito que se impuxese na fala o ceceo substituto. A jeada, en troca, é pegada directa do dominio do español, previo paso pola "gueada", á vista da inexistencia no galego do fonema do español. A represión exercida sobre o galego, todo el, virou en reprensión (violenta ou hilarante –outra forma represiva–) do español mal falado: "ánguel", "Virguen", "Gosé"... e tantos máis (na obra de temática galega de Dª Emilia Pardo Bazán poden atopar exemplos a esgalla). Tal reprensión provocou a hipercorrección: "jotas" á española igualmente á esgalla: "jato", "jallejo" e un longo etcétera. Popular? Se ecuacionamos este adxectivo a masivo no galego espontáneo de moitas partes do país, si. Se o consideramos como creación endóxena do povo galego, en absoluto. É, como dixemos, a marca flagrante do dominio do español, vehiculizada a través da deformación do galego. Quen fala espontaneamente con jeada, o mesmo vai dicer "jato" ou "jaliña" que "jueves" ou "juevos". Quer dicer, ese chamado galego popular é unha fala corrompida pola contaminación da lingua oficial do Estado. E isto non é un xuízo moral, por Deus!!: é simplesmente a descrición do que hai e pode ser rectificado, en ben da posesión dun idioma xenuíno, ou sexa, dun galego limpo de adherencias espurias, dun galego retornado a si mesmo.










