Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 23 de febreiro de 2024

Un pelouro que roda

 

Unha nova edición do Día de Rosalía e tamén un novo vídeo especialmente realizado para esta xornada polo Concello da Estrada. 

Onte, no Teatro Principal da Estrada celebrouse un encontro con escolares do concello no que houbo un recitado de poesías e no que finalmente se presentou este vídeo na honra de Rosalía, protagonizado polo grupo musical A banda da Loba. Este é dos poucos actos dos que un pode sentirse orgulloso de pertencer a este concello.


Español, para que?


 por Lois Agrelo, en Nós Diario:

Estou completamente de acordo co presidente Rueda, en Galicia ten que existir un bilingüismo, e ate un trilingüismo, harmónico entre as tres linguas verdadeiramente útiles nos tempos que corren: o inglés, o chinés e o galego.

 

xoves, 22 de febreiro de 2024

Ciencia en galego no Día da Lingua Materna

 

Este vídeo de Diego Luís Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro (Silleda) foi o gañador do concurso Petiscos de ciencia convocado pola USC no que premian vídeos de ciencia en galego. Unha feliz coincidencia quixo que se o acto de entrega de premios fose precisamente no Día da Lingua Materna, tamén o día en que o PP veta o uso do galego no Senado. Non debe ser unha coincidencia pois tamén é o PP o que prohíbe o uso da lingua galega nas clases de ciencias, de aí que aínda sexa máis pertinente e necesaria a existencia deste concurso.
O segundo premio foi para Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín. Velaquí o tedes:

mércores, 21 de febreiro de 2024

Acordo pola lingua


 por M. Bragado en Nós Diario:

Abondaron apenas dous minutos do debate da CRTVG para que Rueda premese na campaña a tecla antipánico e recuperase o discurso ultra da "imposición del gallego" de hai quince anos. Amosou que calquera referencia ao galego ou nova proposta para o seu uso lle parece excesiva ou perigosa. Sentiuse atacado por Besteiro cando convidou aos conservadores a utilizar o galego nas cámaras das Cortes.

 

luns, 29 de xaneiro de 2024

Máis mentiras sobre o galego

 


Elsa Quinta Alborés en Nós Diario:

Hai uns días nun Colexio de Procuradores nunha conversa informal estaban a criticar un xuíz por emitir sentenzas en galego. A uns procuradores déuselles por asegurar que o maxistrado percibía un incentivo económico por emitir resolucións na nosa lingua, como se non tivésemos problemas máis importantes na Administración de Xustiza, v. g. a falta de recursos humanos nos Xulgados que provoca a lentitude nos procedementos. Que conste que hai procuradoras, excelentes profesionais, que realizan o seu traballo en galego.

 

martes, 9 de xaneiro de 2024

Chamada ás formiguiñas




 por Carlos Callón en El Correo Gallego:

Acabamos de pasar unha nova volta ao sol. Após o inverno, tornará a primavera; máis unha para o galego, a pesar dos responsos e vergoñas. Pouco antes de se abriren as flores temos na axenda unhas eleccións autonómicas. Nas nosas mans está que sexan o exordio dun tempo novo.

 

sábado, 6 de xaneiro de 2024

Catorce anos e un día

 

Outro ano máis é noite de Reis e sento diante do ordenador para escribir esta entrada de aniversario. Van alá catorce. 

A intensidade do blogue segue reducíndose. Neste último ano subín menos de 100 entradas a este blogue. Nunca o número fora tan reducido. Xa explicara hai un ano que a principal razón deste descenso é debido a unha maior dedicación ao outro blogue que manteño, Retallos de matemáticas, así como ao portal web do mesmo nome no que vou recollendo todo tipo de recursos de matemáticas en galego (xa sabedes, esa materia, xunto con outras, que a Xunta prohíbe impartir en galego na súa cruzada contra a nosa lingua). A pesar de todo, e a pesar de que o mundo blogueiro non está de moda, as visitas mantivéronse pois están nunha cifra próxima ás 100.000 no pasado 2023.

Eu só lle pido aos Reis unha cousa: unha nova política lingüística, unha radicalmente distinta e que teña como obxectivo a plena normalización do galego. É posible.

sábado, 23 de decembro de 2023

O valor das palabras. LGx15 2023


Paco Veiga, mestre, pedagogo e profesor de Lingua no IES de Melide é o primeiro protagonista da serie deste ano de LGx15 da CTNL

A intervención realiza un pequeno percorrido por conceptos (“palabras”) que axudan a debuxar a situación lingüística actual, desde a perspectiva de que, se non reflexionamos colectivamente sobre o que está sucedendo –sen pre-xuízos– dificilmente poderemos mirar cara ao futuro.

domingo, 17 de decembro de 2023

A Xunta patrocina a exclusión do galego nos novos proxectos audiovisuais


Neste anuncio da SXPL dáselle publicidade ao Conecta LAB da Asociación audiovisual CREA pois ten patrocinio da Xunta e da Deputación de Pontevedra. Alí infórmasenos de que

Os seis proxectos que participarán na nova entrega do laboratorio de CREA serán elixidos entre as máis de 200 propostas recibidas, das que un 40% están asinadas por mulleres e un 30% son en lingua galega.

 Isto é, dos participantes, un 30% están en galego. Dos 6 proxectos escollidos non se di nada, quizais ningún sexa en galego. Esta é a promoción que fai a SXPL da lingua galega. Non, non me estou equivocando de organismo, a nova aparece no portal da SXPL que presuntamente debería dedicarse a iso da normalización. O que vemos é que se dedica á destrución da presenza da lingua por todas partes. Pero isto non é todo, aínda hai máis.

Se un quer informarse máis, no propio portal do Conecta LAB, verá que lle aparecerá unha páxina na que o galego está excluído. En segundo lugar, nas bases do proxecto vemos que nestes proxectos audiovisuais o da lingua é o que menos importa pois que o proxecto se desenvolva en galego, non conta para nada. Velaquí o único punto onde aparece algo que teña que ver co asunto, puntuarase con 25 puntos (de 100) a relación do proxecto con Galicia e coa lingua galega. Hai que ser un idiota ou un radical anti-galego para non ver a trampa e o desprezo á nosa lingua en toda esta farramallada. Normalización? u-la?

sábado, 25 de novembro de 2023

Glotofaxia


 por Marta Dacosta en Nós Diario:

O PP xa nos ten afeitas a declarar unha cousa e facer outra, moi especialmente no ámbito da lingua. É o que fixo nestes 40 anos de Lei de Normalización Lingüística.

 

sábado, 21 de outubro de 2023

Ximnasio dos verbos

O Ximnasio dos verbos é unha aplicación para que adestrar o presente con alternancia vocálica e os verbos irregulares en galego. 
Ademais de descargalo no móbil pode consultarse neste portal
Souben da aplicación por unha mensaxe do Centro de Estudos Galegos de Heilderberg






venres, 6 de outubro de 2023

Impresentábel

 


por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

Cen anos despois de que Eduardo Pondal –a requerimento do músico Pascual Veiga– escrebese a letra para un Himno galego (1890), o investigador Manuel Ferreiro estaba en condicións de estabelecer o texto verdadeiro, submetido, a través dos anos, a varias deturpacións. Quen traballamos desde hai décadas coa literatura de Rosalía de Castro e doutros clásicos sabemos ben o labor continuo de corrección que cómpre realizar neles para restaurarmos o sentido orixinal do escrito polos nosos antepasados. “Corrección” non significa refacción, xustamente o contrario: significa devolución ao texto da súa literalidade; recuperación, pois, da vontade autorial e do sentido que ela imprimiu ao seu poema ou á súa prosa. Pondal non escapa a esta necesidade de restauración e, no poema a que nos referimos, ela, a restauración, tórnase máis necesaria aínda por se tratar da letra do Himno nacional galego.

 

xoves, 5 de outubro de 2023

Coidado cos búmerangs

 por Carlos Callón en La Voz de Galicia:

A primeira vez que se falou en galego nun parlamento foi no ano 1188, nas Cortes reunidas en León polo monarca galego Afonso VIII, que a Unesco considera «o berce do parlamentarismo europeo». Non precisaron de intérpretes, pois os romances que alí se usaron eran moi próximos e, ademais, aínda nin se sementara o desprezo contra o idioma de Galiza que tería tan tristes ecos. Sería impensábel que cando o rei se dirixiu en galego aos diferentes estamentos alguén saíse da asemblea coa boca escumando, como vimos hai nadiña en Madrid.

 

mércores, 4 de outubro de 2023

Máis que palabras


 por María Reimóndez en Nós Diario:

Nos máis de vinte e cinco anos que levo traballando como intérprete, nunca deixa de sorprenderme o desprezo que pode amosarse polo noso traballo. Os últimos días, ao fío do acto de xustiza que constitúe "permitir" o uso de todas as linguas oficiais no Parlamento, superouse o nivel.

 

Modo galego, actívao!


 por Manuel Bragado en Nós Diario:

O sociolingüista Fernando Ramallo no seu clarificador e moi didáctico libro recente, Que pasa co galego? 32 preguntas sobre a situación da lingua (Xerais 2023), considera que o actual proceso de substitución lingüística ten como principal efecto a ruptura da cadea de transmisión familiar, o que vai reducindo tanto o número de novos monolingües como o uso do galego entre a rapazada, trazos singulares do actual estado da lingua.

 

Consequências não intencionais da oficialição do galego fora da Galiza

 


por Miguel Anxo Bastos en Nós Diario:

Na semana passada foram tomadas duas medidas políticas em relação à oficialização da língua galega. A primeira, a sua aceitação no Congresso, não pode ser avaliada negativamente, pelo menos a partir de postulados autonomistas ou de nacionalistas não soberanistas, já que o galego é finalmente reconhecido pelas instituições representativas como mais uma língua espanhola, a par das outras línguas oficiais do Estado.

 

martes, 3 de outubro de 2023

Que pasa co galego en Vigo?


por Manuel Bragado no Faro de Vigo: 

Das sete cidades galegas, Vigo é onde menos galego se fala: apenas o 15,4 % da poboación viguesa afirma ser usuaria prioritaria do galego (o 49,3 % en Galicia), segundo datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística de 2018, recollidos por Fernando Ramallo, catedrático de Lingüística da Universidade de Vigo no seu libro recente (recomendabilísimo e referencial), Que pasa co galego. 32 preguntas sobre a situación social da lingua (Xerais 2023). Porcentaxe da cidade olívica que hai dez anos era do 24,7 %, o que para o sociolingüista vigués constitúe «un exemplo paradigmático de castelanización» e supón unha «evolución demoledora que de continuar coas condicións que favoreceron esta castelanización recente, o uso do galego será case residual nas xeracións seguintes».

 

domingo, 1 de outubro de 2023

A lingua é o patrón


 por Vicent Partal en Nós Diario:

"Normalízase nesta Cámara o que xa é normal para millóns de cidadáns". Cando o outro día soaron no parlamento de Madrid, no Congreso dos Deputados, estas palabras en lingua galega, María, rompeu un tabú que non viña da transición senón de séculos atrás. Nunca nun parlamento español, desde as Cortes de Cádiz, se escoitara falar unha lingua distinta do castelán. E deuse, por tanto, un paso moi importante, como se viu deseguido pola reacción dos fascistas e a dereita en xeral. A min gústame moito, porque me parece moi comprensíbel, explicalo e razoalo como o fai o sociólogo Benjamin Akzin, cando di que o nacionalismo, e neste punto e neste debate todos son nacionalistas, ao final, só é "o organizador do patrón de semellanza-diferencia coa veciñanza".

 

¿Que te dé qué? ¿Un 'bico'? ¿Qué es un 'bico'?

 


por María Obelleiro en Nós Diario:

Por fin levantaron o veto ao galego, ao catalán e ao euskera no Congreso. Sen tempo non era. Tiveron que pasar 46 anos desde a constitución das Cortes. Anos de anomalía, de desprezos e humillacións a deputados e deputadas nacionalistas ás que expulsaron ou retiraron a palabra na tribuna por falar no seu idioma, proscrito no Congreso.

 

A oficialidade do galego na Cámara Baixa estatal representa un avance significativo para a nosa lingua. Tras máis dunha década de retrocesos, o idioma por fin conquista un novo espazo, o que pode abrir portas para a súa normalización en ámbitos en que, infelizmente, non está presente, nin sequera, en pé de igualdade co español. Porén, como puideches comprobar, Vicent, o PP presidido por aquel que a prensa progresista española cualificaba de "moderado" deu as costas á súa propia lingua e, máis unha vez, en lugar de pórse do lado do pobo, deuse a man con Vox.

 

Estamos ante un PP, o de Feixoo, ultraespañolista, que compite cos de Abascal por ver quen é máis español de todos, aínda que iso supoña aldraxar a pedra angular da identidade galega. Mais non só as deputadas e deputados galegos son uns vendidos, o propio presidente da Xunta da Galiza demostra ser un renegado ao incumprir de maneira manifesta e reiterada o seu deber estatutario de protexer e prestixiar a lingua propia da Galiza. Nas dúas últimas semanas, Vicent, ao contrario do que fixeron os seus homólogos catalán e vasco, Rueda pronunciouse publicamente contra o levantamento do veto ao galego no Congreso.

 

Neste contexto, medio cento de persoas de diferentes ámbitos (da cultura, do sindicalismo, da xudicatura, da academia, do xornalismo, do deporte, da artesanía...) asinamos o manifesto "Queremos galego tamén no Congreso" no que facemos un chamado ás deputadas e deputados para que empreguen o galego nas súas intervencións e no que mostramos a nosa desconformidade coa posición do PP.

 

Preguntarédesvos que ten a ver isto co título que encabeza o artigo. Ten relación. Escribín en varias ocasións nesta mesma sección sobre as cifras que evidencian a situación calamitosa que sofre a nosa lingua, mais nunca o fixen desde o punto de vista cualitativo. Calquera das galegas e galegos que lean isto saberán ben a que me refiro, pois hai nenas e nenos nados na Galiza que non entenden o idioma propio. Nenas e nenos que non saben que é un carballo. Nenas e nenos que non saben que é un bico.

 

Non é esaxeración ningunha. Infelizmente, é a realidade que se vive, sobre todo, nas cidades, e tamén nas vilas. O habitual ao manter unha conversa con crianzas españolfalantes (a inmensa maioría) é que che pregunten "como", para que lles repitas, porque non entenden ou porque lles custa interiorizar unha palabra nunha lingua que para elas é estranxeira. Así de triste. Contábame a miña irmá pequena, mestra de Educación Infantil, que nun dos colexios en que deu aulas un neno chegou á casa dicíndolles aos pais que "la profe Olalla habla extranjero". E como esta anécdota tan representativa do contexto sociolingüístico na Galiza, centos.

 

En Euskal Herria e nos Países Cataláns o debate está na inmersión nos centros de ensino, mais non só nas aulas, senón tamén nos recreos e nas actividades extraescolares. Na Galiza, o que hai é un decreto do "plurilingüismo", aprobado polo primeiro Goberno de Feixoo en 2010, previa campaña furibunda do PP –incluída unha manifestación contraria ao galego, ateigada de bandeiras españolas e convocada por unha asociación ultra, á que acudiu o actual presidente da Xunta–, coa axuda de medios de comunicación que non se cortaron en difundir falsidades. Este decreto reduciu a xa cativa presenza do galego no ensino, prohibíndoo mesmo en materias como Matemáticas, Física ou Química. Hoxe sufrimos as consecuencias.