por Marilar Aleixandre no dixital O Salto:
O solo galego é demasiado acedo para preservar fósiles: ósos e cunchas desfanse. Porén, diríase que o proxecto dalgúns é que a l
O solo galego é demasiado acedo para preservar fósiles: ósos e cunchas desfanse. Porén, diríase que o proxecto dalgúns é que a l
A máis lamentable das interpretacións dos resultados da enquisa de coñecemento e uso do galego do IGE (2023) foi a do Secretario Xeral da Lingua que os atribuíu á incorporación ao censo durante os últimos cinco anos de 115.000 persoas procedentes do exterior, o que para el explicaría o incremento da cifra de castelanfalantes. Afirmación que os datos non corroboran xa que con referencia a consultas anteriores descende o número de galegofalantes, tanto a nivel absoluto como en porcentaxes relativas. Como erra o secretario cando no Parlamento dubida que só 7% dos nenos falen galego "xa que a pregunta non a contestaron os menores", cando o IGE emprega a mesma metodoloxía das súas consultas anteriores e nos datos por tramos de idade a baixada máis acusada é a da franxa da idade escolar. Perda de máis da metade dos escolares galegofalantes nos últimos quince anos á que non pode ser allea o modelo de educación lingüística utilizado nas aulas, tanto no referido a adquisición de competencia oral e escrita nas linguas como nas actitudes sobre o seu emprego. Secasí, esta utilización da emigración para tratar de ocultar o fracaso do Decreto 79/2010 amosa descoñecemento do que sucede nas aulas e nos patios das escolas galegas onde os mestres sabemos que tras o período de incorporación, regulado dende o 3º ciclo de Primaria coa exención de galego durante dous cursos, a maior parte do alumnado emigrante convértese despois en neofalante, con niveis de competencia e prexuízos semellantes aos do resto do alumnado. Como coñecemos que algúns destes escolares falan e escriben en galego mesmo con maior competencia que o seu grupo de referencia. Un resultado que adoita estar vinculado tanto coa utilización dun enfoque comunicativo na aprendizaxe do galego como coa participación en programas do centro, como o de bibliotecas escolares, orientados ao fomento do uso do galego e á superación de prexuízos, esas lentes que deforman a percepción da utilidade do galego e o seu status académico e social.
Con fachenda, a patadas e pola porta de atrás, así quere o Goberno de Alfonso Rueda expulsar a lingua galega do ámbito público. A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta da Galiza coñécese como lei de acompañamento dos orzamentos -porque "acompaña" as contas da Xunta- e tamén como lei da porta de atrás xa que, a pesar de ter nacido para mudar automaticamente cuestións relacionadas cos ingresos e gastos, pode mudar as contas públicas mais tamén leis que non teñen a ver cos orzamentos mediante un procedemento de tramitación acelerada e sen debate parlamentario. É así como o Executivo de Alfonso Rueda pretende mudar agora a normativa de tal forma que implicará maior desprestixio para o galego e afondará na expulsión da lingua galega da Administración pública. Esta lei de acompañamento inclúe unha epígrafe pola que para contratación temporal de persoal laboral das categorías 2 do grupo 1, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, así como de persoal interino que ocupe con carácter transitorio prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, estarán exentos en 2025 de coñecer a lingua galega de, di a proposta da Xunta, non haber candidatos que o acrediten. E todo isto, tan só uns días despois de coñecérense os peores datos da historia en uso e coñecemento do galego.
Comeza esta semana coa expectativa do que vai dar a convocatoria da Xunta aos grupos parlamentarios para esta quinta, 24-O, dirixida, seica, a acadar un pacto polo galego. A convocatoria di realizarse sen límites nin apriorismos. Isto é, dende logo, necesario, mais con isto non abonda. Porque só poderá haber unha contorna axeitada para o diálogo se a Xunta recoñece que ha modificar substancialmente a política lingüística desenvolvida dende a chegada de Núñez Feijóo á Xunta en abril de 2009. Modificación substancial que require de varias accións políticas susceptíbeis de negociación coa oposición (hexemonizada dende as últimas eleccións nacionais galegas, convén non esquecelo, polo BNG) e cos axentes sociais. Mais que, por riba de todo, esixe unha ampla remuda do marco xurídico canto ao ensino. Non só garantindo o ensino das matemáticas, física e química e o mínimo de 50% do uso da nosa lingua fixado no Decreto de 2008, senón introducindo eficazmente o galego como lingua das escolas infantís, nomeadamente nos ámbitos urbanos que o Instituto Galego de Estatística identifica na súa macroenquisa de 2023 como máis desgaleguizados.De se cumprir esta condición debería existir capacidade en todos os interlocutores para o diálogo e a pescuda de acordos no ben dos intereses xerais do país. Mais, de non existir esta vontade no PPdeG, BNG e PSdeG non poderán desenvolver un diálogo sobre alicerces tan febles e haberían de proporlle á cidadanía, logo dunha ampla consulta cos axentes da sociedade civil, un plan alternativo que fose tamén susceptíbel de ser trasladado aos gobernos locais dos concellos e deputacións galegas e ao ámbito dos usos sociais da lingua.
Velaí a responsabilidade histórica do PPdeG e, nomeadamente, daqueles dos seus sectores que din estar a prol do coñecemento e uso do galego. Porque, nunha conxuntura na que medra substancialmente a conciencia cidadá do risco de perda da lingua os populares poden ficar inequivocamente identificados como parte substancial e xénese do problema. Neste senso, ninguén pode afirmar que a emerxencia lingüística actual veña xerada só pola lexislación do ensino, mais tampouco pode negar que o Decreto de plurilingüismo de 2010 foi e segue a ser axente substancial do proceso de desgaleguización das novas xeracións ao longo destes anos.
De existir bases para o diálogo cumpriría ampliar a negociación a outros eixos fundamentais para artellar políticas transversais eficaces para frear ou, polo menos, facer minguar a intensidade do proceso que estamos a vivir. Neste senso, cumpriría, entre outras accións i) redeseñar a función da CRTVG na elaboración e difusión de contidos infantís e xuvenís, na promoción e difusión da xeración musical e cultural en galego e na apertura do espazo comunicacional galego á lusofonía, ii) reformar a nosa lexislación de consumo para garantir a efectividade do dereito de todas as persoas consumidoras a que empresas e profesionais se comuniquen con elas, a pedimento, en galego, na liña da lexislación catalá e da proposta de iniciativa lexislativa popular de 2014 da Mesa para a Normalización Lingüística, iii) promover canda os Parlamentos autonómicos e axentes sociais e políticos dos outros países e territorios con lingua propia do Estado a reforma da lei orgánica do Poder Xudicial para garantirmos o dereito para usarmos do galego na administración de xustiza, o que require garantir o coñecemento xeral e amplo do galego por todos os operadores e empregados públicos da mesma e iv) adoptar o recente informe do Consello de Europa sobre o uso da lingua galega no ámbito de Galicia para identificar problemas e obxectivos, como vén de afirmar o sociolingüista, profesor da USC e directivo da RAG Henrique Monteagudo.
Trátase, xa que logo, de pormos o galego no centro da axenda política e social.
Cando o Partido Popular tivo coñecemento dos datos do IGE sobre uso e coñecemento do galego fixo dúas cousas: a primeira –cónstame– congratularse coa confirmación da tendencia lingüisticamente españolizadora. E a segunda, adiar deliberadamente o coñecemento público deses datos co fin de gañar tempo para articular unha estratexia que intentase suavizar as evidentes responsabilidades propias, dispersándoas e colectivizándoas a través dun "pacto polo lingua" entre as forzas políticas.O PP é consciente da existencia dun sector significativo da sociedade galega cun evidente sentimento de apego á Galiza e á súa lingua, sexa ou non galego falante. Cumpría por tanto construír un discurso "galeguista" especificamente dirixido a este segmento social para o seducir e, ao tempo, repartir culpas sobre a responsabilidade do desastre. E chamar ao consenso, mais dun xeito ben pintoresco. Porque quen pretende pactar fará o posíbel para xerar as condicións de diálogo e acordo. E o que fixeron foi, seguindo a orde de maior a menor responsabilidade, o seguinte:
Alfonso Rueda anuncia que vai convocar as forzas políticas, mais establece a "liña vermella" no que el denomina "imposición monolingüística". Santo rostro ten este señor. Porque, tal e como puidemos comprobar nun vídeo electoral de campaña (por iso o poño aquí de manifesto, porque foi un vídeo público) hai máis galego na atmosfera de Marte que na súa casa, sexa por liña familiar ascendente ou descendente, ou de afinidade matrimonial. Tanto ten. Curiosa ecuación: se falasen en galego sería imposición monolingüe; se o monolongüismo é español é un acto de pura liberdade. Hipócrita.
O conselleiro de cultura, máis bucólico, comeza autodefiníndose como "galeguista" e "neno do rural", e propón "un gran pacto pola lingua que nos encamiñe a restablecer o consenso político" para –agárrate Manuel– "liberarnos de imposicións, apropiacións patrióticas ou discursos identitarios". A ver, conselleiro. É de primeiro curso de pactos: se foses honesto, habería primeiro unha autocrítica polo resultado da acción gobernamental. E despois, estendes a man con educación e tacto. E sobre o da imposición, só lembrarei que a única lingua "imposta" (e non só historicamente) e ligada ao verbo "deber" (de coñecemento) é o español; o galego, de momento, é só un dereito.
E logo está ese estómago agradecido que interpreta o papel de secretario xeral de política lingüística, que afirma –manda truco!– que con estes datos "o galego vive o seu mellor momento" e que "o sistema educativo está a facer o seu papel". Aí si. Totalmente de acordo. Executa o papel previsto polo PP de exterminio do galego na infancia e na mocidade. Por certo, téñolle escoitado discursos xenófobos a xente da dereita e ultradereita, facendo responsábeis a inmigrantes da perda de postos de traballo ou da inseguranza na rúa. O que nunca escoitara é que se as crianzas non saben galego é tamén por culpa deles.
PS: Non é pacto o que queren. É pantomima.
Tristes e furiosas. Así ficamos tras coñecer os datos do uso do noso idioma. Nosoutras, as profes de lingua, volvemos preguntarnos que máis podemos facer ou por que cargamos soas co peso da responsabilidade de procurar transmitirlles a lingua e o amor por ela, mentres vemos que o galego descende veloz a montaña que tentamos ascender. Haberá quen diga que cando nunha comarca coma a de Vigo, tan poboada, comprobamos que a rapazada non dá pronunciado o -n velar e non consegue construír unha frase enteira para preguntar unha dúbida, as que estamos equivocadas somos nós que lles impoñemos que falen galego. Que se non saben o que é aturuxo, lareira ou bandullo, as que estamos erradas somos nós que lles poñemos lecturas difíciles.
Dous recentes estudos informan do que xa sabemos: o galego decrece. Pero, máis alá do debate necesario, máis alá da responsabilidade do PP e máis alá tamén dos datos cuantitativos, hai que lembrar que as causas deste declive son máis fondas. O galego perde usuarios, porque antes foi desprovisto do seu uso legal. Unha longa historia sabida por moitos, aínda que non por todos. E hoxe segue a decrecer pola súa case total ausencia dos medios de comunicación e o seu minguado papel no ensino.
por Fina Casalderrey en El Progreso:
Ninguén en Galicia —nin en ningures— tivo oportunidade de escoller onde nacer: na aldea ou na cidade, en casa humilde ou en rica mansión, nun ambiente de miseria académica ou de fartura intelectual, onde se falaba galego dende o berce ou onde se ignoraba ou mesmo rexeitaba... Nacemos onde a nosa nai nos trouxo ao mundo e, ás veces, tampouco ela puido escoller. Non debemos tomar coma un mérito persoal o feito de que na nosa casa se fale galego de toda a vida; en todo caso, fomos afortunados por recibir ese herdo de maneira natural, sen esforzo extra pola nosa banda.
por Inma López Silva en La Voz de Galicia:
Cando hai 25 anos nos licenciamos en Filoloxía Galega, non pensabamos ser expertas nunha lingua morta. Daquela, Fraga falaba do bilingüismo harmónico para xustificar a súa despreocupación polo galego, unha pequena barbaridade que xa se desarmaba nos nosos flamantes apuntamentos. Daquela criamos que a destrución da lingua podía reverterse gañando a batalla do prestixio, e tiñamos as ferramentas: as oficinas de dinamización lingüística, unha lei de normalización, unha televisión pública e un sector cultural que cría que a nosa razón de ser como pobo radicaba na lingua galega. Pero só dúas décadas despois os datos apuntan que, nunha xeración, o galego desaparecerá.
Resulta imposible escapar da necesidade de falar da lingua e das súas (escasas) falantes.
Digo arrebolar, arrebolar unha manchea de dicionarios ao decreto de trilingüismo de 2010, esa galdrumada, até esmagalo, até soterralo no mar ou no máis fondo dun pozo peago. Digo orbitais, enerxía, bosóns, osíxeno, números cuánticos, xeometría, insolúbel; palabras prohibidas, pois ese malfadado ukase prohibe ensinar física, química, matemáticas e tecnoloxía en galego, volvendo a tempos anteriores á morte do ditador.
por María López Sández en La Voz de Galicia:
Cando, no ano 1973, o profesor Xesús Alonso Montero publicou o seu Informe Dramático sobre a Lingua Galega, foron moitas as voces que responderon a aquel agoiro. Temíase que actuase de profecía autocumprida, desincentivando a conservación e a transmisión da lingua, e que acelerase o seu esmorecemento e precipitare a súa morte. Obviamente, tamén tiña o potencial de activar o efecto alarma, facendo conscientes a todos os que aman o idioma do reto ao que nos enfrontamos e mobilizando a loita pola preservación do noso ben colectivo máis importante. Este segundo efecto é o que teñen que provocar os datos sobre a evolución do uso do galego nos últimos anos.
O sábado 12 de outubro, neste mesmo xornal, publicou vostede "O galego: un tesouro de todos e todas", un artigo que eu, docente de lingua galega con moitos cursos ao lombo, lin con interese, pois agardaba coñecer se anunciaba algún cambio de estratexia dos nosos representantes públicos para evitaren a desfeita que padece o noso idioma, confirmada polas estatísticas do IGE e corroborada cada día nas aulas.
Digámolo en castelán para coincidir coa maioría estatística de falantes galegos recentemente acadada. Derrubar o pórtico da Gloria sería un delito que non tería perdón posible polos séculos dos séculos. Habería responsables por acción, por omisión e imprevisión, por conivencia ou por falta de reacción, pero os principais responsables a lembrar serían sempre os que gobernan. A historia é así de específica diante de asuntos tan transcendentes na diacronía dos pobos, tan históricos. Aos responsables de derrubar o Pórtico sería difícil lembralos por algo máis ca ese gran desastre histórico. No presente da lingua, urxe cambiar o famoso decreto que afastou, minguou e vetou o galego nas aulas. Afastouno ao pólo a competir espido con outras linguas; reduciu o seu uso escolar e vetouno —prohibiuno— en materias chave. Hai moito escrito, estatísticas a moreas, sabemos que non é a escola a única garantía de aprendizaxe e uso do galego, pero non nos despistemos e que non nos confundan: é a porta de entrada garantida. É a garantía primeira de aprendizaxe e uso. Precisamente iso é o que demostra este triste caso do noso galego e mais do noso castelán emprestado (estatística e historicamente falando): a forza determinante da escola na deriva do seu uso potencial e efectivo. Pasará aos libros de lingua e despois aos de historia a inédita rapidez —a aceleración temporal— da perda de falantes do galego. Explicarase por que e tamén por quen aconteceu.
por Xosé Mexuto en Mundiario:
O galego perde falantes, nomeadamente nas xeracións novas, e xa non é a lingua maioritaria do país. Era visto. O fenómeno é complexo e ten varias focaxes posíbeis. Mais unha evidente ten a ver co balance dos 15 anos de goberno ininterrompidos da dereita á fronte da Xunta. 15 anos dan para moito. Hai poucos gobernos na Europa occidental que resistan 15 anos, así que é obvio que algunha responsabilidade na materia lle compete a ese goberno de tan longa traxectoria.
Onte coñecemos o resultado das enquisas elaboradas polo Instituto Galego de Estatística sobre o uso e coñecemento do galego. Son moitas as interpretacións que imos ler e escoitar nos vindeiros días, pero gustaríame que haxa unha idea que prevaleza por riba de todas elas: a lingua é o maior tesouro de todos os galegos e galegas.
"Todos temos algo de galego dentro", afirmou o secretario xeral de Política Lingüística na presentación dunha nova campaña, desas que tanto e tan positivo impacto e resultados teñen provocado nos últimos quince anos no uso do noso idioma multiplicando os seus falantes. Mais fóra de brincadeiras, a afirmación dá que pensar. Porque non sabes se se trata –iso de que temos algo de galego dentro– dun problema que cómpre extirpar, para que definitivamente eliminemos calquera resto de distinción nacional, ou ben, da constatación de que –como se dun "alien" se tratar– galegas e galegos posuímos unha pequena criatura rebuldeira dentro de nós, con vida propia, que está aí, queirámolo ou non, patexando, sen máis.